A lúa cincenta

12/06/2010, Paulino Gasalla

Os pasados 16 e 17 de outubro, dadas as condicións meteorolóxicas e a limpeza do ceo, tivemos a sorte de ver pouco antes do amencer, o fenómeno coñecido como lúa cincenta.

Consiste en que poucos días antes ou logo da fase de lúa nova, a parte da Lúa non iluminada polo Sol non está totalmente escura, senón que aparece cunha cor gris cinza, de aí o nome de Lúa Cincenta ou Lúa Cinérea.

 

Foto 1. A lúa cincenta o 17 de outbro de 2009 dende a Bailadora

 

Isto é debido a que a luz solar é dobremente reflectida, o sol ilumina á Terra, que vista dende a Lúa atópase en fase de terra chea, e esta luz ilumina as rexións lunares ás que non chega a luz solar, xa que a Lúa nova corresponde terra chea; por iso, cando a fase lunar é nova, a Terra envía moita luz reflectida á Lúa (entre 50 e 80 veces superior á que recibimos da lúa chea) e que de novo regresa ao noso planeta en forma de luz cincenta. A maior intensidade tense na fase menguante, cando a Lúa aparece antes do amencer e a súa parte escura devolve a luz reflectida polos continentes de Europa, Asia e África. Con todo, ao comezar a crecer a Lúa, a luz do Sol reflíctese nos océanos da Terra polo que a luz cincenta é menos intensa.

É un fenómeno que chamou a atención dende a antigüidade. Ata principios do século XV críase que se trataba dunha luminosidade propia da Lúa, de luz procedente de Venus ou da luz solar que ao ser tan forte conseguía atravesar a propia Lúa, coma se tratásese dunha pantalla traslúcida.

O primeiro en interpretar a orixe da luz cincenta foi Nicolás de Cusa e, pouco despois, en 1506, o gran Leonardo dá Vinci na súa obra Codex Leicester, explica nunha páxina titulada “Acerca da Lúa: ningún corpo sólido é máis livián que o aire”, xa que cría que a Lúa tiña atmosfera e mares e, porque estaba cuberta por auga, podía reflectir ben a luz. De forma inversa, os océanos terrestres reflectían a luz solar e iluminaban a Lúa.

Como curiosidade histórica é interesante o feito de que debido á variación da intensidade da luz cincenta os antigos astrónomos deduciron a existencia dun continente na zona na que séculos despois se descubriría Australia.

Poderemos gozar da súa contemplación antes ou logo de calquera lúa nova, tan só fai falta mirar para o céo, ya que temos a sorte de vivir nun lugar privilexiado, con un solpor excepcional, e a primeira ollada ou cuns prismáticos, poderemos gozar dun fermoso espectáculo. Só fáltanos recordar que se o facemos antes da lúa nova ocorrerá ao amencer e se é cando a lúa empeza a crecer será á tardiña.

<< Volver