Gavillas e bandoleiros en Ferrol e comarca (I)

15/04/2011, Manuela Santalla

Hoxe en día o cine e a televisión, nos transmiten unha visión romántica do bandoleirismo, na que os bandidos como un Robin Hood, son os protectores dos infelices cos que reparte o botín do roubado ós ricos. A realidade foi moi diferente, xa que o bandoleirismo na Galicia rural é un mal endémico dunha sociedade pobre, na que o bandido rouba para subsistir. Nada ten que ver có bandoleiro romántico andaluz, “El Tempranillo”, que tiña o seu campamento permanente de bandoleiros e bandoleiras, nos montes de Serra Morena.

 

No pasado, bandidos, bandoleiros e gavillas, ocuparon un lugar preferente na literatura do século XIX galego con Valle-Inclán e Pardo Bazán e no século XX con estudios mais rigurosos de carácter histórico, económico, sociolóxico etc. Temática esta, que non podemos desligar do seu contexto histórico, a primeira metade do século XIX, na que acontece a gradual configuración liberal da sociedade española e galega, fronte o Antigo Réxime.

 

Viaxeiros como Borrow, dedicado a vender biblias durante a I Guerra Carlista (1834-1840), e moi atento a canto sucedía nos territorios polos que viaxaban, dinos que os camiños galegos estaban infestados de ladróns e carlistas que cometen todo xénero de atrocidades. Así non será casualidade que estes “bandidos” se lles coñeza tamén con o nome de “gavillas”. Segundo un diccionario militar da época, gavilla, “es un nombre despreciativo que en el principio de una guerra civil o nacional se suele dar a las primeras bandas o facciones”. No diccionario de María Moliner, gavilla é unha cuadrilla de xente desprezable e con estas connotacións negativas figura no noso idioma.

 

No actual concello de Ferrol –integrado polas antigas parroquias do concello de Serantes-, Narón, Neda e a extensa comarca de Ortegal de García Rodríguez; foron famosos bandoleiros, os irmáns Novas (Manuel e Gonzalo), os irmáns Balseiro (Manuel Balseiro), alias o Cazurro, Luís Gómez, alias Bentoselle, Vicente Laxe, etc., que actuaban polas terras da comarca de Ferrol, Ortegal e Viveiro. Bandoleiros e gavillas que tiñan unhas caractrerístas “delictivas” rurais. En cambio, nestes anos na vila ferrolá e pobos da súa ría, destacara a gavilla do Sopiñas, un tipo de bandoleirismo de características urbanas, e único na España da época, e do que falaremos neste artigo e na súa segunda parte.

 

Agavilla das Somozas ou de Ortigueira, coñecida por os dous nomes, tiña atemorizada a zona de As Somozas, Ortigueira e Viveiro. As súas actividades se inician no ano de 1818. Neste artigo só destacaremos a levadas a cabo ata 1829, en que morren algún dos bandidos citados. Esta gavilla, composta por mais de 60 bandoleiros, e de destacar os fortes lazos familiares que a cohesionan, como os irmáns Balseiro (Luís, Juan e Manuel), alias Cazurro; os irmáns Laxe (Antonio, Juan e Vicente), os Pedre (Bernabé, Lorenzo e Luís), alias Os Lobos; etc., seguindo as ordenes do capitán da gavilla, Manuel Novas, nacido cara o ano 1800, caracterizado pola súa gran crueldade nos roubos cometidos e os diversos asasinatos. Bandoleiros de Ortigueira-As Somozas, que estaban axudados por un gran número de mulleres que facían labores imprescindibles de informadoras e colaboras nesta labor delictiva.

 

As penas capitais que nestes anos de 1800 a 1850 se aplicaban ós prisioneiros, se executaban de tres formas: por forca (para a maior parte do pobo), por garrote para os nobres e por fusilamento para os militares. A pena de forca (suprimida en 1832), sempre tiña que ser pública có fin de ser exemplar para os veciños, amosando a eficacia da xustiza. Era obrigatorio a lectura publica polas rúas da cidade da sentencia, para que os que non poidan ou non queiran asistir a execución, teñan noticia da causa. A pena de morte se aplica en Ferrol ó estar os bandidos prisioneiros na cárcere da vila, que era mais segura que a existente na vila de Ortigueira e Viveiro.

 

A pena de azotes, se executaba colocando ó reo nun burro e paseándoo polas rúas publicas de Esteiro e A Magdalena, dándolle en cada esquina unha tanda de azoutes, ata completar o número fixado na setencia, un número fixo, 200. Para elo, o reo levaba a espalda descuberta e o oficial daba os golpes cun instrumento de coiro. Era un tipo de pena moi aplicado en Castela e e pouco utilizada en Galicia.

 

Nesta época as cárceres de Ortigueira e Viveiro, eran insuficientes no número de calabozos, e sobre todo na falta de seguridade para evitar as continuas fugas dos reos, polo que será a cárcere nova de Ferrol (hoxe sede da Fundación Caixa Galicia), onde se trasladen estes fuxitivos capturados polas autoridades. Cunha planta baixa e un piso esta cárcere tiña un patio interior e nel un pozo de auga potable para o seu uso. Edificación segundo a época, robusta, onde os presos estaban separados por sexos e os calabozos segundo a consideración do delito. Así mesmo dende a súa inauguración en 1802 ata 1847, no primeiro andar, o concello celebra as súas sesións. Os costados do edificio, ten garitas construídas de silleria para os centinelas e sobre a porta principal se atopa unha lápida que di: “Praza da Constitución”. (Outros usos deste edificio serían: sede do xulgado de primeira instancia, instituto de enseñanza e goberno militar).

 
Grabado do antiguo edificio da cárcere
Grabado do antiguo edificio da cárcere

As sentencias impostas en novembro de 1826, para os bandidos, Vicente Laxe, Manuel Balseiro e Vicente Rivera, son de pena capital para os dous primeiros e ademais a sentencia ordena, “que se les separe la cabeza del cuerpo y lo mismo se haga con el dedo cuarto del brazo derecho”. Para Vicente Laxe só a pena ordinaria de forca, realizándose na praza de Ferrol uns meses despois en 1827. A sentencia de Cazurro e de Vicente Rivera é confirmada en novembro de 1827, na que se condena a Manuel Balseiro, alías Cazurro, a pena capital en la pena de “muerte de horca que sufra en la villa de Ferrol, para lo cual mandamos se le saque de la cárcel donde se halla montado en bestia de albarda con capuz y puntas blancas, soga de esparto al cuello y voz de pregonero delante que publique sus delitos y en esta forma sea conducido por las calles mas publicas hasta llegar al sito de costumbre donde se halle puesta la Horca de que sea suspendido hasta que pierda su vida natural”. A Vicente Rivera se lle condena a presenciar a execución de Cazurro, e o castigo de 200 azotes e dez anos de presidio en África.

 

O concello de Ferrol para aplicar a sentencia de Cazurro pide a un comerciante da vila, Miguel Rodríguez (íntimo colaborador de Sopiñas), un crédito, para pago do verdugo e cumprir toda a sentencia.

 

A condena contra o Cazurro, se aplica o día señalado, o 14 de novembro de 1827, saíndo da cárcere, a primeira hora da maña, os dous presos, o Cazurro e Rivera. Ambos son conducidos a lomos de dúas bestias de albarda, escoltados polos oficiais públicos que montaban caballería, catro alguacís do xulgado real e ordinario da vila, cada un no seu cabalo e abrindo a comitiva, o que levaba o clarín da vila. Paseados o reos polas rúas mais públicas e a praza Real, a sentencia é lida novamente, nos sitios de costume, chegando o cortexo ó “Campo de la Horca”, no actual Cantón de Molíns, que estaba enfronte da rúa Desengaño (anos despois rúa do Olvido). “Frente a este edificio de Casa Consistorial, los oficiais bajaron de la bestia al desventurado Cazurro y lo condujeron al suplicio donde perdió su vida.” Vicente Rivera despois de presencia a execución, recibe os 200 azoutes e malferido é devolto á cárcere. O Cazurro estivo colgado do patíbulo ata as catro da tarde, no que foi descendido e amortallado cunha túnica de San Francisco. Despois foi enterrado no cemiterio municipal de Ferrol. Os gastos que o concello de Ferrol tivo que pagar por esta setencia, de 2.870 reais de vellón, presentados polo oficial público do Reino de Galicia, Manuel Carrero, e se desglosan nos seguintes capítulos:

 
Por la ejecución en el patíbulo (verdugo)

320

Por los dogales

88

Por la túnica con su capuz de bayeta blanca

84

Por el pañuelo para sofocar al reo

20

Por la soga que llevo al cuello

4

Por el reo que salió a correr las calles

44

Por manuntencion, viajes ida / vuelta
de 8 días ( de Manuel Carrero)

352

Por el ayudante de justicia

88

Por acompañar al reo por las calles

22

Por 10 días de ida / vuelta a Santiago de mi compañero                        

220

Por montar y desmontar el patíbulo,
y el coste de las camas de los soldados

1.628

Total      

2.870

 

O concello de Ferrol manifesta o seu malestar ó ter que afrontar a cuantiosa suma de 3.499 reais de vellón, ó aplicar ademais as sentencias contra Bernardo Lárguea e outros, polo roubo na casa de Juan Freire e na taberna de Narón; as condenas da pena de azotes, imposta a Juan Rodríguez, alias del Campo e Juan Beceiro. (Para ter unha idea destas cifras, o salario dun carpinteiro do arsenal é de 5 reais de vellón ó día).

 

A maior parte das gavillas de características rurais que pululan pola Galicia da época, teñen como víctimas dos seus roubos, o clero (os curas parroquiais) e as casas grandes ou ben, campesiños que tras unas vendas na feira acumulaban algún diñeiro. É un bandoleirismo de subsistencia, como amosa o embargo dos bens do bandoleiro Luís García de Viveiro, no ano de 1829, e consta de: 2 arcas, 1 artesa de madeira, 1 telar, 1 pote, 1 caldeiro de cobre, 2 camas de madeira, 1 taburete de madeira, 1 fouciña, 1 arado, 4 machados e os dereitos dunha terra de labradío de 8 ferrados. É dicir, os roubos realizados non incrementaron a súa facenda. Eran roubos para sobrevivir el e a súa familia, e cando foi fusilado, Luís García, seguía tan pobre como cando iniciou a súa vida de bandoleiro.

 

Co nome de a gavilla de Ferrol, se designan a diversos grupos que aparecen ó longo de 12 anos, 1823-1835, e os que se atribúen casi 90 roubos, cometidos en Ferrol, Serantes (ningún deles en San Martiño de Covas), Mugardos, Cabanas, Fene, Ares, Narón, San Sadurniño, Valdoviño, A Capela e Moeche. Cos anos se chegaron a cuantificar mais de 135 bandidos, o que desbordou o núcleo inicial, controlado segundo as autoridades por Sopiñas, e que levounos a cometer graves erros, iniciándose as denuncias dos seus delitos ante as autoridades. Este personaxe de Sopiñas, quedou na memoria colectiva ferrolá como unha figura de terror, el hombre del saco, no que as nais do século XIX e principios do XX, atemorizaban os seus fillos cando non se portaban ben.

 

O seu nome era Manuel de la Cruz Gónzalez, nado no actual concello de Begonte (Lugo), no ano de 1784. Con 16 anos, en 1800, se traslada a Ferrol e entra a traballar como aprendiz de xastre de Jose Bolle. En 1805 se casa con Ramona Bada e abren unha pequena tenda de comestibles ante a precaria situación económica. Son anos nos que se dedican a recorrer a pe, as feiras da comarca na compra e venda de cousas de pouco valor, que só lles daba para comer unha triste sopa, orixe do alias Sopiñas. Este pequeno comercio foino incrementando ó por maior e o por menor nos seguintes anos, recorrendo xa montado a cabalo, os camiños dos feirantes. Igualmente, cambia o seu domicilio pasando de vivir no barrio de Esteiro a vivir na rúa Real do barrio da Magdalena. No ano de 1818, pose unha importante fortuna que lle permite subministrar vestiario para os buques da armada e algúns reximientos do exército, e dirixir os contratos de arrendo dos servicios da Subdelegación de Rentas de Ferrol e dos concellos de Serantes, Neda e Narón. En 1823 forma unha sociedade cos irmáns Jofre (iniciadores da construcción do teatro que leva o seu nome, Jofre), que se encarga do arbitrio do viño e augardentes, é dicir, dos impostos de Ferrol e doutras vilas da ría. Como tal arrendatario tiña permiso para usar armas e nomeaba os celadores da súa estricta confianza. Ademais era o subministrador de carnes nas vilas da ría ferrolá. Toda esta actividade comercial lle permitían entrar e saír polas portas terrestres da vila (Canido, Porta Nova e Caranza) cando estaban pechadas. Có incremento da súa actividade comercial, o seu patrimonio inmobiliario tamén foi incrementándose, no só en Esteiro e a Magdalena, tamén fora de portas, nas freguesías de Santa María do Vilar, Caranza, San Salvador de Serantes, etc.

 

Os colaboradores de Manuel de la Cruz nas relacións comerciais, son Miguel Rodríguez, asentador de carnes e arbitrios, e dende 1823 depositario do subsidio do comercio de Ferrol. Victorio de la Peña e o seu fillo Luís, propietario de terras, un muíño e unha taberna en Caranza. José Vicente Prieto, dependente no negocio de Miguel Rodríguez e responsable da contabilidade de Cruz. Segundo as noticias da época era tal o poder desta gavilla, que comerciantes, policías, voluntarios realistas, celadores, escríbanos e incluso un xuíz (Manuel Rodríguez Bustamente), colaboran con ela non por medo, senón por interese económico.


O inicio da caída en desgracia de Sopiñas, ten lugar o 2 de xaneiro de 1831, cando aparece no foso do arsenal o cadáver de Manuel Mariño, propietario dunha taberna na rúa da Iglesia. A súa viúva Rosaura Basante, difundiu por toda a vila e comarca que o autor deste asasinato fora Sopiñas, ante a negativa do seu home, de entregarlle o diñeiro roubado dias antes, ó Indiano de Camouco, en Ares. Rosaura igualmente confesaba que o seu home participara en dito roubo, pois era da gavilla do Sopiñas.

 

 

Rosaura Basanta tralo asasinato do seu home acusará a Cruz e cinco dos seus colaboradores de ter un pacto demoníaco, coñecido como a “Compañía del Gangueo”, onde a parte de Cruz, estarían Miguel Rodríguez, Victorio de la Peña, Lázaro Martinez (comerciante de Ferrol) e o propio Manuel Mariño. Segundo Rosaura, este era o libro da compañía “y la sangre de cada individuo que entraba en ella era sacada de sus venas para estampar allí su promesa de ser fiel y guardar secreto en lo que hiciesen, entregando su alma al demonio que era el que les proporcionaba o había de proporcionar el dinero”. No rexistro que 18 meses despois do asasinato de Mariño faise na casa de Cruz, atopase un caderno, que ten 9 follas con signos execrables y de criminoso misterio e 11 follas, con cruces en blanco, co que quedaría establecida a relación desta “compañía del Gangueo”, segundo o sumario. Como o cadáver de Mariño aparece na xurisdicción de mariña, no foso do arsenal, se inicia o sumario baixo o seu comandante e unha comisión militar.

 

Nestes anos de 1830 e 1831, as comarcas de Ferrol, Ortegal e Viveiro, viven un gran número de atracos, cometidos polos bandidos en: Grañas do Sor, Ortigueira, Narahío, Cerdido, Moeche, Mugardos, Narón, Pontedeume. Serán levados a cabo polas gavillas das diferentes localidades, e o capitán xeral de Galicia, un defensor do absolutismo e do carlismo, equipara moitas veces simples actos de bandidaxe con actuacións políticas dos liberais.

 

Cando no ano 1832 foi detido Sopiñas, se lle somete a interrogatorio. O tribunal coñecedor do seu poder económico, procurou por todos os medios relacionar esta fortuna con a súa actividade delictiva e as fontes de financiación ilegais, aínda que sen resultado. Cruz sempre mantivo que a súa fortuna tiña un orixe legal, dende unha “tenda de comestible” de 1805, ata diversificar os seus negocios, como arrendador de augardentes e viños, abastecedor de carnes, abastecedor de vestimenta para o exército e buques de guerra, etc.

 

Os outros imputados e colaboradores de Cruz, como Victorio de la Peña, aprendiz de xastre como Cruz, se lle embargan os seus bens en 1833 e o seu patrimonio inmoble esta valorado en mais de 98.000 reais de vellón. A Juan Nepomuceno Fernández, dependente de Cruz no concello de Neda no arrendamento de viños e augardentes, no ano de 1837 lle embargan os seus bens consistentes en só en 2 casas, e nunha delas vivía el coa súa familia.

 

Cruz e os seus colaboradores son detidos, pasando a prisión no castelo de San Felipe (non na cárcere da xurisdicción ordinaria), durante os dous anos que dura a causa. A comisión militar que xulgou a Sopiñas o condena a pena capital de garrote vil (a levar a cabo en Ferrol, e fixando a súa cabeza na Porta Nova) e a total confiscación dos seus bens. Un meses despois desta sentencia, en xullo de 1834, o novo goberno liberal, ordena a disolución destas comisións militares e a revisión da causa contra Sopiñas, pues para “imponer la pena capital no hay prueba plena y clara que la ley requiere..., y que a su concepto, para purgar los indicios que contra el aparecen, será suficiente la de 8 años de presidio en África”. Condena de reclusión e desterro a Ceuta, que cumplirá Sopiñas, e será anos despois, no 1845, cando volvamos a ter noticias súas.

<< Volver