Un estimulante coloquio sobre Os desherdados

25/03/2015, Henrique Dacosta López

​​

Os desherdados é o título da nosa segunda novela, logo de Mar para todo o sempre (1992). Foi editada pola editorial embora de Ferrol no ano 2006. Transcorre a súa acción por terras da comarca de Ferrol, Moeche, e aínda polo Barqueiro e Viveiro, de aí que poidamos dicir que se trate dunha narración itinerante. pese a todo, é unha novela que garda unha profunda raigame na terra. Dáse nela un protagonismo compartido, de modo que é posíbel falarmos dunha novela de personaxes, aínda que sobre todos eles é Balbina, sen dúbida, a que máis sobrancea ao longo do relato. Movéndose fundamentalmente dentro do realismo, non podemos deixar de sinalar o feito de que en certa medida se poida aproximar ao realismo máxico. O elemento social, que talvez destaca sobre os demais, vese aderezado doutros elementos como o das crenzas e mitoloxía popular, onde o inexplicábel acha aquí o seu sentido, así como o mundo dos soños, o somnambulismo sobre todo, pois que este cobrará substancial importancia.

Balbina é unha sorte de heroína á forza. Muller de carácter e feita a si mesma, consegue a admiración e recoñecemento de cantos a rodean a por de valentía, entrega e solidariedade para cos demais. Sen mai desde moi pequena, co pai alcoolizado, é capaz de reconducir a vida deste e a súa propia desde idade ben temperá. en terras de Moeche casará cunha persoa do Barqueiro, Ramón, que garda un enigmático pasado. As minas de toelo, da pedra de Moeche onde traballa, esgotaranse no entanto, e o sustento familiar terano ambos que ir procurar noutros pagos. A parroquia de Covas, en terras de Ferrol, haberá de ser a onde se encamiñen. Traballará el na construción dos túneles de defensa das baterías de costa —estamos en 1940—, e ela farao de lavandeira para a tropa e prisioneiros de guerra que, por súa vez, constrúen un acuartelamento algúns quilómetros máis abaixo.

Reencontrarase Balbina aquí coas súas raíces, as cales ignoraba até o daquela. Fora súa mai, Sefa, mai solteira e expulsada da casa en que traballaba desde nena. Xuntárase con Bieito, un estibabor desarraigado do porto de Ferrol, e tomaran o rumbo das canteiras do toelo en Moeche. Mais Balbina garda un segredo do seu pasado, o cal só será desvendado no remate da narración. en Covas, en fin, sucederá a construción militar e toda unha serie de acontecementos de relevancia que teñen como protagonista á Balbina heroína. O mundo do traballo, da contestación social, da dignidade que ela abandeira, así como daquilo que máis a inquieta desde un principio, a chamada das raíces, e que os soños lle revelarán, conforman es ta intrigante novela, pero que o lector só poderá saber ao final ao mesmo tempo que a propia Balbina.

Esta é unha sinopse do relato, en grande medida protagonizado por Balbina, pero tamén por outras xentes imaxinadas de Covas, así como polo seu territorio, o cal cobra igualmente enorme protagonismo. Acerca de Os desherdados falamos o pasado 25 de novembro, ocasión que se nos brindou, logo de ter sido lida a novela polos integrantes do Club de lectura de Adultos do ieS Sofía Casanova de Ferrol. Xa de antemán, debo dicir que foi para min un acto emotivo e tremendamente gratificante poder charlar da miña obra de maneira tan distendida. Os lectores, verdadeiros entregados á causa, fixeron unha análise de novela exhaustivísima, tanto que mesmo me deixaron atónito por tamaño partido como lle foron tirando. A profesora e amiga, Pilar Berrio, actuou de presentadora da actividade, glosando aspectos de carácter biográfico, pero que, para a nosa sorpresa, se estenderon até límites insospeitados cun power point en que con total pormenor fixo unha localización xeográfica da novela, un estudo psicolóxico dos personaxes, así como do estilo e da lingua, explicación do título, temas, estrutura, etc.

[Con este propósito, deixo aquí ligazón: http://lecturasnosofia.blogspot.com.es/2014/11/encontro-con-henrique-dacosto-un.html]

A escrupulosidade posta na interpretación, así como a delicadeza en saber comprender de maneira tan cabal a novela, non deixaron de sorprendernos en todo momento. Tanto é así, que o tempo se nos pasou voando, e ficando encantados por unha resposta tan positiva, como xamais tiveramos até o de agora en ningún outro club de lectura. Mesmo deu para estabelecermos elementos comparativos con outras novelas e novelistas que, dun xeito máis ou menos acertado —que neste campo talvez os críticos e teóricos da literatura terían de ser os que opinasen con maior rigor científico—, fixeron recaer en La colmena, de Camilo José Cela, ao se facer fincapé nun certo aspecto coral que na nosa narración existe. Ou no Memorial do convento, de José Saramago, a respecto do elemento construtivo: na do portugués, o propio convento de Mafra, na nosa, os túneles das baterías de Covas; mais tamén por un certo paralelismo visto entre a Blimunda de Saramago e a nosa Balbina, ambas, protagonistas de cadansúa narración.

E desta guisa foron saíndo toda unha pléiade de aspectos, moitos nos que si tiñamos reparado, e outros nos que nunca nos fixaramos pero achamos criteriosos. personaxes que responden á realidade, mais outros en que se quixeron ver persoas reais sen as seren. A itinerancia do relato e os saltos no tempo, á parte dunha procura a cegas cun final inesperado, tamén quixeron ser resaltados polas lectoras e lectores deste club, e ao cal lles estou tremendamente agradecido, pois fixéronme pasar un serán do máis frutífero, estimulante sen dúbida, e do que puiden tirar inmensísimo proveito.

 

Henrique Dacosta López

<< Volver