As aves migratorias, os outros visitantes de Prior

25/03/2015, Xan Rodríguez Silvar

INTRODUCCIÓN

Cada ano as vellas pedras do cabo reciben milleiros de visitantes por terra. En coche, andando ou en bicicleta, as rutas de acceso a esta longa plataforma sobre o mar que é Prior atraen a visitantes, pescadores, deportistas, xentes, en fin, chamadas pola riqueza natural e paisaxística dunha contorna singular.

O Cabo Prior semella un grande dique duns catro quilómetros colocado entre os cabos de Prioriño e A Frouxeira, dividindo augas entre zonas de fondos ricos en algas e pesca.

 

Imaxe nº 1: Costa gallega

 

Abrindo o ángulo de visión, pódese comprobar a aliñación dos cabos de Prior con Ortegal ao Norte e San Adrián coas illas Sisargas ao Sur, de xeito que toda a navegación mariña transcorre paralela a este fronte nordeste-suroeste, alternando os cantís, praias e rías das Rías Altas.

 

A migración: moverse para sobrevivir

Mais non son só naves as que cruzan estes mares. Miles de anos antes que os humanos, peixes, aves e mamíferos mariños desprazábanse en ou sobre as augas oceánicas seguindo rutas de supervivencia na procura de alimento. Algúns desprazamentos eran e son de menor entidade, uns poucos quilómetros abondan para os organismos sedentarios e migradores parciais, pero moitas especies animais efectúan fascinantes viaxes de centenares ou milleiros de quilómetros.

A migración é un fenómeno frecuente na vida, pero son as aves e algúns mamíferos mariños os máis coñecidos protagonistas destes ciclos de migración. De antigo se sabe de aves migratorias que aparecían e desaparecían estacionalmente; está hoxe demostrado que moitas especies sucan os ceos dúas veces no ano para aproveitar as mellores condicións climáticas do planeta. Neste artigo comentarase algúns aspectos básicos sobre o movemento das aves, as súas causas e o interese da observación dende a costa; as aves citadas relaciónanse ao final cos seus nomes galego, castelán e científico.

O feito de que a Terra teña inclinado o seu eixo de rotación uns 23 graos de arco produce o fenómeno das estacións. A enerxía solar repártese desigualmente entre os hemisferios dando lugar a unha estación quente, o verán, outra fría, o inverno e dúas intermedias. Así a primavera do Hemisferio Norte coincide co outono do Hemisferio Sur, e o mesmo acontece cos respectivos veráns e invernos. As temperaturas mornas da primavera e verán favorecen a produtividade das augas e as terras, ofrecendo alimento e condicións do mar favorables para a reprodución e supervivencia das proles mentres que o outono, e máis especialmente o inverno, dificultan ou comprometen a vida.

Certo que hai especialistas adaptados á vida nas altas latitudes do Ártico ao Norte e Antártico ao Sur, pero moitas especies de aves e mamíferos mariños fan desprazamentos á busca de mellores condicións ambientais.

No caso das aves, hai en esencia dous momentos de desprazamento migratorio no ano. Dende o punto de vista do Hemisferio Norte, a migración invernal está protagonizada por especies que reproducíndose no verán Ártico e centroeuropeo buscan aires e augas máis temperadas do Sur de Europa e África para pasar o inverno.

Outras especies como a andoriña, o cuco ou a cegoña branca son exemplos de migración estival, pois tras aproveitar o alimento do outono e verán africano, buscan na primavera europea acubillo para a crianza.

 

O estudio da migración

A migración das aves é un fenómeno rechamante para os humanos que sempre intentaron atopar explicacións para as periódicas aparicións e desaparicións dalgunhas especies. Son coñecidas as propostas de Aristóteles sobre a posible hibernación das andoriñas ou a transmutación do estival rabirrubio en paporroibo en inverno, ideas aceptadas durante séculos.

As primeiras comprobacións viñeron co inicio a finais do s.xix do anelamento científico de aves con anelas de metal, e nas últimas décadas con grandes anelas e marcas de plástico, doadas de ler con telescopio o que permitiu avanzar as grandes trazas das rutas migratorias. Con todo, estas técnicas requiren un gran esforzo de marcaxe de polos nas colonias de cría e a colaboración de moitas persoas, maioritariamente afeccionadas, para a recolleita de datos por observación e comunicación aos organismos responsables. Na última década está a aportar grandes avances o uso de transmisores de radiofrecuencia ou por satélite; estes últimos están a aportar valiosa información sobre insospeitadas rutas de migración, imposible de acadar por outros medios; a microelectrónica permite lixeiros dispositivos para marcar pequenas aves, mais o custo de uso de satélite restrinxe o seu uso a estudos limitados.

Ademais destes métodos resulta útil a observación directa. Tal é o caso de aves rapaces e aves mariñas, por tender a concentrar o seu paso migratorio en puntos estratéxicos onde os ornitólogos poden rexistrar os seus movementos.

 

Imaxe nº 2: Anelamento. Gaivota patiamarela

Imaxe nº 3: Anelamento

Imaxe nº 4: Anelamento. Gaivota sombría

Imaxe nº 5: Anelas de plástico e de metal

 

É moi coñecido internacionalmente o paso de aves por Tarifa, no Estreito de Xibraltar, onde existen campañas regulares de observación dende hai anos, máis en Galicia temos na Estaca de Bares, considerado o mellor punto de observación de aves mariñas de Europa. A situación xeográfica de Bares, pechando o Golfo de Gascuña, é a zona de paso de centenares de milleiros de aves mariñas na súa viaxe de ida e volta entre o Mar Cantábrico e o Océano Atlántico. Dende os mediados de xullo ata decembro rexístrase importantes fluxos de aves invernantes, con picos moi intensos de miles de individuos de especies coma o Mascato rumbo ao Sur.

 

Imaxe 6: Grupo de mascatos de varias idades pasan por Prior cara ao S despois da cría.

Imaxe 7: Banco de Galicia

 

As aves que cruzan Estaca de Bares para invernada seguen distintos destinos, aínda pouco coñecidos. Hainas que seguen cara ao Sur ata augas africanas ou antárticas, pero outras invernan arredor da Península ibérica, ben en augas galaico-portuguesas ou penetrando no Mediterráneo. Non poucas aproveitan as zonas pouco profundas e ricas en pesca situadas a bastantes millas da costa, como o Banco de Galicia —unha enorme montaña submarina distante a unhas 150 millas de Prior, uns 278 km, de case 10.000 km2 que vai dende 4.000 m a 600 m da superficie— de gran interese para aves e mamíferos mariños peláxicos pola súa produtividade.

Tras eses meses de paso intenso as observacións diminúen, protagonizadas por aves invernantes na zona. xa en xaneiro a viaxe comeza en senso inverso cara ao Norte, si ben dunha forma máis laxa, sen concentracións semellantes as de baixada. Con todo os individuos reprodutores deberán estar nas colonias a comezos da primavera.

 

Imaxe 8: Gráfica do paso estacional do Mascato por Prior

Imaxe 9: Adultos de Mascato regresan ás colonias

 

A Rede de Observación de Aves e Mamíferos Mariños (RAM)

Entre o 29 e o 31 de outubro de 2005 organizáronse en Viveiro o VI Congreso Galego de Ornitoloxía e as V Jornadas Cantábricas de Ornitología; dentro delas reunímonos un pequeno grupo de ornitólogos para ver de organizar un programa de observación de aves e mariñas e cetáceos nunha rede de cabos da Península ibérica, acordando unha metodoloxía común e unha periodicidade mensual. O obxectivo era encetar un traballo sistemático para achegar información sobre a migración de aves e mamíferos mariños nas augas ibéricas, e poñela en común para facilitar estudos sobre este intrigante tema.

Poder dar resposta a preguntas acerca de cando e por onde viaxaban as aves, onde prefiren comer ou refuxiarse, e canto tempo poden tardar nos seus desprazamentos, son case imposibles con observacións illadas e con metodoloxías dispares, e tamén moi difíciles aínda contando cunha rede organizada polas limitacións do método, esencialmente pola dificultade de identificar especies que na maioría dos casos pasan lonxe da costa, pero considerouse que pagaba a pena intentar conseguir unha boa cobertura de observadores e comprobar o resultado. Noutras partes do planeta hai programas similares dende os anos 70, aportando a posibilidade de detectar tendencias e cambios no comportamento migratorio de moitas especies.

O programa baséase no voluntariado, implicando a centenares de observadores que se apostan nos cabos cada primeiro sábado de mes —ou o seguinte se hai festivos— para esculcar a franxa costeira de uns corenta cabos de España e Portugal.

Faise a observación no inverno durante tres horas de 9 a 12 horas no Atlántico e Mar de Alborán e media hora antes no Mediterráneo para compensar a saída do sol máis temperá. No verán comézase ás 8 no Atlántico-Alborán, coa mesma diferencia de media hora para as costas mediterráneas.

As observacións deben facerse por un mínimo de dúas persoas durante un mínimo de 1 hora, equipadas con telescopios de 20x —isto é, permiten ver os obxectos coma se estiveran vinte veces máis próximos— e prismáticos de 8 a 10x. Cóntanse todas as aves ou cetáceos que pasan polo campo do telescopio, fixado para abranguer do 30 ao 50% do horizonte, e cos prismáticos procúrase cubrir ata a costa, intentando identificarlas coa maior precisión posible e indicando o seu rumbo de paso.

Rexístranse tamén a altura sobre o mar do observatorio e as condicións ambientais de observación sobre meteoroloxía, estado da mar, visibilidade e respecto ao vento, a súa dirección e forza.

 

Imaxe 10: Anagramas de las entidades integradas en la RAM

Imaxe 11 a 14: Grupo de observadores de Prior. Ás observacións fanse no inverno. Desde o exterior se vai bon tempo. Cando non, acollémonos ás casamatas da batería

 

Os datos recóllense nunha folla de cálculo, remitida aos coordinadores mediterráneo e atlántico para a elaboración dos informes anuais. Estes están ao dispor público, xunto con comentarios elaborados polos equipos de cada cabo, no blogue redavesmarinas.blogspot.com.es.

Dende hai varios anos colabórase tamén coa base de datos europea Trektellen (http://www.trektellen.nl/), posibilitando a súa consulta por ornitólogos de calquera parte do mundo.

 

CABO PRIOR

A observación dende Cabo Prior comeza en 2006 e mantense dende entón por un equipo de participantes bastante estable, pero aberto a quen desexe colaborar ou iniciarse nesta actividade.

A xa comentada situación xeográfica de Prior, sobresaíndo varios quilómetros nunha longa liña de costa, faino un punto interesante para entender o movemento dos vertebrados mariños na zona. Non se observa a diversidade e cantidade de especies da Estaca de Bares, punto de forzado arrimo como queda dito, mais os anos de observación permitiron comprobar dous tipos de paso. Un é distante, protagonizado por aves que seguen unha ruta aparente dende ou cara a Cabo Ortegal, segundo sexa a época, por un corredor de entre 2 millas náuticas e o horizonte.

 

Imaxe 15: Observatorio do faro de Cao Prior

 

O paso próximo o fan aves forzadas por ventos fortes de compoñente Norte ou por costear para alimentarse nos baixos ricos en pesca entre Punta Frouxeira e Prior. Tense observado a formación de balsas de centenares de individuos de mascatos, pardelas e gaivotas dedicados á pesca ou ao descanso en zonas distantes entre 1 a 3 millas náuticas de Prior.

Estes pasos coinciden co corredor de tráfico marítimo polo que pasa todo o tráfico entre Europa e África e o Mediterráneo, co perigo derivado dos accidentes que leva, especialmente o relacionado co petróleo.

A considerable altura dos puntos de observación empregados facilita a visión de conxunto, porén dificulta a identificación das especies de menor tamaño, de cores escuras ou voo rápido e rasante. O emprazamento máis usado é unha antiga casamata das baterías de costa, a uns 87 m de altitude que facilita o abrigo dos observadores da chuvia e os ventos de compoñente Sur. Nos primeiros anos observouse tamén dende o abrigo do faro (92 m) e puntos algo máis baixos, pero moi expostos ás inclemencias do tempo. Sería desexable o acondicionamento dun observatorio a unha altura e situación óptimas nunha futura ordenación das antigas construcións militares da zona.

 

Imaxe 16: Puntos de Observación do Corredor Marítimo Atlántico

 

 

 

AS AVES QUE PASAN

Para un visitante a Cabo Prior, a probabilidade de ver aves mariñas é alta. Moitas son sedentarias como as gaivotas patiamarelas e os corvos mariños cristados, que aniñan no illote grande de Os Cabalos, visible dende os túneles da costa. Tamén soen estar presentes corvos mariños grandes, pousados ou a voar e hai circulación de gaivotas escuras que procedentes do norte de Europa divagan en inverno pola nosa costa.

Entre as aves mariñas invernantes doadas de observar incluso a simple vista pode destacarse as seguintes:

O Mascato é unha ave moi grande, cunha envergadura de case 2 m. Rechamante polo seu tamaño, amosan moita variabilidade na plumaxe, nun mosaico que van mudando durante catro anos, dende o marrón pintado dos individuos do ano aos adultos brancos coa punta das ás negras. O voo é poderoso, planeando a ras das ondas, e a técnica de pesca é espectacular, con picados de ata 40 m coas ás pregadas. En Prior soen pescar ou pousarse a descansar, formando ás veces balsas numerosas. O paso invernal é moi intenso entre outubro e novembro; cara ao Norte comeza xa en xaneiro.

A Palleira grande ten o aspecto dunha robusta gaivota xuvenil, isto é coa plumaxe parda con pintas brancas. Ten boa envergadura, acada 140 cm, o seu corpo robusto con forte pico e, especialmente, os “espellos”, plumas brancas na punta das ás, a fan ben recoñecible a distancia. As palleiras son parasitas doutras aves, ás que atacan para obrigalas a regurxitar o alimento para intentar recollelo en caída. Non dubidan en acosar con insistencia incluso a mascatos e gaivotas, o que da unha idea do seu poderío. Pode verse en paso tanto no outono coma no inverno.

 

Imaxe 17 a 19: Mascato adulto(ezq.). Mascato pescando (drta). Mascato xuvenil (abaixo)

 

Os Pentumeiros son parrulos con querenza polo mar. Pese a criar en bosques boreais e tundra, baixan axiña a invernar á fachada atlántica europea e africana en bandos compactos e ás veces numerosos. Voan a ras de auga co bater potente de ás das anátidas, adoptan características formacións en “V” voando a ras das ondas; con boa luz pode distinguirse os machos máis escuros das femias acastañadas. Paso concentrado nos meses do outono.

As Pardelas son un grupo que conta coas máis oceánicas das aves mariñas, teñen en xeral cores acastañadas e poden observarse bastante ben dende a costa, especialmente a Pardela pequena, con voo rápido e partes inferiores escuras que contrasta coa Pardela cincenta, maior e de voo pausado. Ambas pasan entre fins de agosto a outubro. Algo máis tarde, cara a novembro, o fai a Pardela encapuchada, que as veces ten formado en Prior balsas numerosas.

 

Imaxe 20 a 22: Palleira grande (ezq.). Palleira acosando a un Mascato xove (drta).

Imaxe 23: (Abaixo) Balsa de Pardelas e Gaivotas

Imaxe 24: Palleira pousada entre Pardelas encapuchadas

 

 

Especies citadas

Andoriña, Golondrina común, Hirundo rustica

Cegoña branca, Cigüeña común, Ciconia ciconia

Corvos mariños cristados, Cormorán moñudo, Phalacrocorax aristotelis

Corvos mariños grandes, Cormorán grande, Phalacrocorax carbo

Cuco vulgar, Cuco común, Cuculus canorus

Gaivotas patiamarelas, Gaviota patiamarilla, Larus michaellis

Gaivotas escuras, Gaviota sombría, Larus fuscus

Corvo mariño grande, Cormorán moñudo, Phalacrocorax carbo

Mascato, Alcatraz, Morus bassana

Palleira grande, Págalo grande, Stercorarius skua

Paporroibo, Petirrojo Erithacus rubecula

Pardela balear, Puffinus mauretanicus

Pardela cincenta, Pardela cenicienta, Calonectris diomedea

Pardela encapuchada, Pardela capirotada, Puffinus gravis

Pardela pequena, Pardela pichoneta, Puffinus puffinus

Pentumeiro, Negrón común, Melanitta nigra

Rabirrubio, Colirrojo tizón, Phoenicurus ochruros

 

<< Volver