Observando a Lúa

20/05/2016, Paulino Gasalla

Desde a antigüidade, a Lúa é o obxecto celeste que máis asombrou á humanidade, ao ser o máis próximo a nós e tamén o máis facilmente observable. A Lúa mereceu a atención de estudiosos e de xente corrente, sorprendida pola súa luminosidade e pola súa case constante presenza durante a noite.

Catro son os sistemas que temos na nosa condición de afeccionados, para poder observar a Lúa: a primeira ollada, con prismáticos, cun pequeno telescopio e mediante cámaras fotográficas.

Observada a primeira ollada, a Lúa mostra unhas zonas máis escuras, os mares, que ocupan unha parte importante de todo o hemisferio. Obviamente, durante o mes é posible observar as distintas fases lunares. Parece pouco, pero as variacións de aspecto son permanentes. Non é o mesmo a Lúa ao orto ou ao ocaso, ou en cuarto crecente ou minguante, ou en lúa chea, ou nas proximidades da lúa nova; xa que neste momento é cando podemos gozar da chamada luz cincenta, é un fenómeno que ocorre nos primeiros días logo da lúa nova, cando apenas un anaco é visible ao comezo da noite cara ao poñente, ou pouco antes do amencer cara ao leste. Con todo, podemos percibir que se completa o resto do disco debilmente iluminado. Este efecto, é o resultado de que, desde a Lúa, a Terra esta en fase chea, iluminando así o resto do disco lunar. A súa simple observación permitiranos gozar dun espectáculo en estado natural.

 

 

Imaxe 1. Lúa en cuarto crecente

 

 

Cuns prismáticos xa se poden ver moitos detalles. Así veremos os mares con contornos nítidos, e os cráteres con mostras de relevo, así como chegar a trazar un mapa do hemisferio visible.

Cun bo telescopio de afeccionado pódese estudar a morfoloxía lunar en todos os seus aspectos: chairas, montañas e, sobre todo, cráteres. Estes últimos quedan perfectamente recortados no centro do ocular do telescopio. Veremos cráteres dentro de cráteres, as súas sombras, brillos e reflexos, cadeas montañosas, vales, etc., cun mapa da Lúa pódense identificar moitísimos destes accidentes con gran detalle.

Tanto con prismáticos como con telescopio, convén observar os detalles cando se atopan próximos á fronteira entre a zona iluminada e escura, é dicir en cuarto crecente ou en cuarto minguante. Nestas condicións, os raios solares inciden sobre o chan lunar cun ángulo oblicuo, e os accidentes destacan co máximo relevo. Úsense prismáticos ou telescopio, convén asegurarse de que a óptica está sostida con firmeza, porque os telescopios que bailan e treman non mostran os detalles con claridade.

A observación da Lúa coas nosas propias fotos, requirirá ante todo un amplo coñecemento da técnica da fotografía, xa que a obtención de fotos de corpos celestes ten unha gran dificultade. Pero se conseguimos a foto, poderemos ver os cráteres e as súas sombras con gran nitidez, e permitirannos gozar dese espectáculo sempre que queiramos. Ademais obtivémolo co noso propio esforzo.

A foto mostra a Lúa en cuarto crecente, imaxe obtida cun teléfono móbil situado directamente sobre o obxectivo do telescopio Meade de 400 m/m da SGHN, o día 11 de febreiro de 2011, desde a aula de Reciclaterra en Mougá.

Temos a sorte de vivir nunha zona privilexiada para a observación astronómica, todo o que rodea a cabo Prioiro. Con horizontes fantásticos ao norte e ao oeste, o do mar. A simple observación permitiranos apreciar a beleza do ceo nocturno, pero nunha noite de Lúa Chea, co ceo despexado, poderemos sentir algo novo, a sensación que produce a estraña luz da Lúa.

Lembro de pequeno, no ano 1955 ou 1956, en pleno mes de novembro, decidiuse en casa a última hora, que ao día seguinte tiñamos que ir a Ferrol a vender folla de millo (que se usaba antigamente para facer colchóns), polo que en plena noite, e baixo a luz dunha fermosa Lúa Chea recolleuse a folla, e aínda que era moi pequeno, chamoume a atención, que a planta do millo non era amarela, era gris, como todo ao seu arredor. Lendo hai pouco un artigo sobre a luz da Lúa, descubrín que en moitos lugares usábanse as noites de Lúa Chea para recoller as colleitas de outono.

A luz da Lúa rouba a cor daquilo que ilumina. Tomemos varios obxectos de diferentes cores máis ou menos intensos. Coa luz da Lúa chea adquiren un brillo luminoso e mesmo proxectan sombra, pero as cores non se ven, foron substituídos por deferentes matices de gris. É como ver o mundo a través dunha televisión en branco e negro.

Outra sensación que podemos sentir coa luz da Lúa desde esta zona rural con pouca contaminación lumínica, é que se miramos a paisaxe gris durante o tempo suficiente, este vólvese azul. É o efecto chamado "desprazamento azul" ou "desprazamento Purkinje" (en honra do científico do século XIX Johanes Purkinje que foi o primeiro en describilo). A medida que os ollos logran a máxima adaptación á escuridade, aparece o azul.

Se abrimos un libro coa intención de ler á luz da Lúa, a primeira ollada, as páxinas parecen o suficientemente iluminadas e pareceranos que imos poder ler sen dificultade. Pero cando tratamos de ver as palabras, non podemos facelo. Máis aínda, se fixamos a vista nunha palabra esta desvanecerase. A luz da Lúa non só fai que a nosa visión sexa borrosa senón que ademais produce unha pequena mancha cega. Mais como en todo o humano, hai excepcións. Algunhas persoas poden ler á luz da Lúa, outras non teñen problemas para ver os pétalos vermellos dunha rosa iluminada pola Lúa. Estas persoas son moi afortunadas, teñen moi boa vista, teñen “visión de Lúa”.

Nunha atracción mutua, viaxando polo espazo como compañeiros inseparables, a Lúa acompáñanos e acompañaranos, e por suposto seguiranos asombrando.

 

Paulino Gasalla

<< Volver