Don Fernando, un mestre

01/04/2002, Juan C. López Hermida

Calquera que se acerque a coñecela figura de don Fernando, non poderá deixar de sentir admiración. Como pequena homenaxe á súa persoa escribo este artigo nun intento de destacar a súa firme traxectoria como deportista, adestrador, articulista e mestre.

Don Fernando​

Fernando Fariña Barros, que así se chamaba o mestre que todos nós coñecemos como don Fernando, naceu en Vigo en xaneiro do ano 1905 e estudiou no colexio dos Hermanos Maristas da mesma cidade, onde comezou a da-los primeiros pasos do que posteriormente sería unha brillante carreira futbolística. Os dez anos xoga no equipo infantil do Real Vigo Sporting, e ós doce, ó trasladarse coa súa familia a Pontevedra, xogará Co Helénico Deportivo ata os dezaseis. En 1921 pasa a formar parte do primeiro plantel do Eiriña e, ese mesmo ano, quedará campión da serie B galega, por diante do Rácing de Ferrol.

Alternou o fútbol cos seus estudios de maxisterio, que rematou en 1925 en La Normal de Pontevedra. Nese mesmo ano, e coincidindo coa implantación do fútbol profesional en España, ficha polo Deportivo da Coruña, do que foi capitán, sendo ademais un dos primeiros xogadores en acadar unha ficha profesional con este equipo (500 pesetas do ano 1925). Como indicativo da súa calidade como xogador, baste comentar que foi seleccionado para o encontro entre Italia-España (Xixón, ano 1928), e que formou parte de tódalas seleccións galegas do seu tempo. En relación coa súa carreira futbolística, numerosas citas periodísticas o describen coma un deportista dunha grande nobreza, entrega e xenerosidade, virtudes que quedaron demostradas en moitos terreos de xogo.

Era inconfundible a figura de Fernando Fariña no campo, recoñecible sempre pola boina que lucía en tódolos partidos. Así o debuxou Castelao nos seus anos de xogador do Eiriña de Pontevedra, e así explica o propio xogador nunha entrevista os motivos de dita indumentaria.

    - Dígame algo sobre su famosa boina -pregunta un xornalista ó xogador-
    - La boina la motivó el que siempre fui hombre de poco pelo. Comencé a usarla desde mis comienzos de futbolista en Pontevedra, después me habitué de tal forma que era algo que no podía faltar en mi atuendo. La compraba la más chica que hubiera y momentos antes de salir al campo la mojaba para encasquetarla bien y una vez seca ya podía golpear el balón en cualquier forma que no caía. Parecía que la llevaba cosida.

Noutro artigo de 28 de agosto de 1978 podemos ler "(...) La boina de Fariña se hizo prontamente popular. La llevaba encasquetada y tirante y nadie recuerda que, mientras fue jugador, se des prendiera de ella jamás (...)" e, facendo referencia ó "uniforme único" adoptado polo exército durante o Goberno de Primo de Rivera, do que era caracteristica a boina "caqui" outro xornalista escribía que "O uniforme único fíxose para que Fariña puidera andar sempre de boina"

Fernando Fariña deixa a súa carreira como futbolista profesional no ano 1934, sendo agasallado cun partido homenaxe entre o Athlétic de Bilbao e o Deportivo. Neste mesmo ano casa e cambia os campos de xogo polas aulas. A súa primeira experiencia como mestre foi en Porto do Son onde, ademais, desempeñou o cargo de alcalde durante dous anos (1936-1938). Del gárdase neste concello un excelente recordo, onde, a título póstumo, lle foi dedicada unha rúa que leva o seu nome.

A parte de ser un extraordinario futbolista, Fernando Fariña foi un espléndido adestrador, defendeu sempre o fútbol base e nunca como negocio, manifestado en moitas ocasións nas súas entrevistas "(...) del futbol nada quiero, excepto ver el fruto del trabajo desenvuelto."

Como recoñecemento deportivo, ó longo da súa carreira fíxoselle entrega de diversos premios, entre os que destacan, en 1965, a medalla de ouro ó mérito deportivo e unha placa de prata do Colexio Nacional de Preparadores por ostentar o maior número de temporadas (21 no Arsenal) como adestrador en categoría estatal. No ano 1975 foi galardoado co premio Ferrol Diario na Festa do Deporte Ferrolano.

Na temporada de 1941-1942, despois de 12 anos como mestre en Porto do Son, trasládase a Ferrol para adestrar ó Racing, do que non recibiría, por petición propia e debido á mala economía do club, salario ningún. Nesta temporada o equipo puido acadar a promoción á División de Honra do fútbol español se non fose por perder un polémico partido ante o Atlético de Madrid. Despois desta actividade regresa a Porto do Son para retomar a súa profesión de mestre. No ano 1946 solicitou a excedencia en Maxisterio para facerse cargo do desaparecido Arsenal de Ferrol durante 21 anos, traballo que compaxinaría co de mestre na Escola de Aprendices de Bazán (hoxe Izar Ferrol) e a de articulista en distintos xornais (Ferrol Diario, La Voz de Galicia, Correo Gallego...). Deixa o seu traballo en Bazán, por xubilación, en 1968, e pide o reingreso en maxisterio voltando ás aulas no curso 1969-1970 en Boa (Porto do Son).

Don Fernando chega a Cobas no ano 1970, substituíndo a don Adolfo. Coincidiu a súa chegada co cambio de escola: antes era a coñecida "escola vella" da Pedreira e don Fernando comezou na escola situada na estrada xeral, no actual número 118 (punto quilométrico número 10). Vivía en Ferrol, na rúa María e achegábase a Cobas nos "coches de liña" de Ramón y Suárez. Daquela a escola era de xornada partida e don Fernando quedaba a xantar en casa Pancho.

O labor educativo que desenvolveu entre 1970 e 1974 na escola unitaria nº 1 de Cobas, onde estudiaban nenos dende 1º ata 8º de E.X.B., caracterizouse polo sen cariño, bondade e un carácter innovador, pois tanto lle interesou unha educación académica como humana.

A grandeza de don Fernando como mestre radica non só na súa capacidade didáctica, senón na capacidade que tivo para inculcar novos valores como a tolerancia, a xenerosidade ou a liberdade de expresión nos rapaces que atopou á súa chegada á escola de Cobas. Remata a súa vida docente en 1974 e a escola pasa a denominarse Mixta nº 1 de Cobas, baixo a dirección de Esperanza Pérez Rodríguez, xuntándose nenos e nenas. Empézase a notar un descenso de alumnos/as en Cobas...

<< Volver