Pena da Vella (A Cova - Coto dos Mouros)

08/02/2004, Xabier Monteiro Graña

​​

Situada na parroquia de Covas no inicio da baixada que conduce o caladoiro do Porto da Cova, na ladeira SO do cabo Prior; é unha pedra en estado natural que vista de fronte semella un gran dolmen, formado por tres grandes rochas, unha en posición horizontal que descansa noutras dúas deixando unha xanela cara o mar, e vista desde a cara SE puidera semellar algo a silueta dunha vella de perfil, chama a atención polas súas dimensións e forma. Pertence etnograficamente falando o grupo de "pedras figurativas", posúe unha interesante mitoloxía indíxena que a identifica como "pedra cultural." Esta mitoloxía non debe deixarse perder, xa que desde a prehistoria conservou certa singularidade e unha función hoxe descoñecida que é a que fixo que a tradición oral conservara dita mitoloxía. A toponimia do entorno do monte é a que sigue: A Cova, Coto de Monte Pequeno, os Cotos, Coto dos Mouros, Cabo Prior/Prioiro.

Tradición oral recollida dos veciños naturais do lugar:

      a)  "A Pedra da Vella tróuxoa unha vella na cabeza" (Covas 1987).
      b)  "Unha Vella trouxo unha pedra na cabeza e as outras dúas baixo os brazos" (Covas 1987).
 

Hai outras penas figurativas nas parroquias lindantes con carácter semellante, como son: a Pena do Mouro no Pieiro de Doniños, a Cova da Moura (que é un penedo) en Campaiñas (Valón), a Pena da Silla (Silla da Moura?) e Pena da Moura en Brión. A Pena Morcegueira en Meirás "é o dedo da Virxe María a que a sostén e pódese ver o burato que deixa o dedo da Virxe, o día que retire o dedo ou caia o penedo, será o fin do mundo". (HN, A. Pena). A Pena Molexa no Val, é unha pena encabalgada, ten un encanto, gardaba (no interior) tres mulas de ouro, que se poden desencantar co libro de S. Cibrán, "A fixo unha vella co dedo meniño" "O día de san Xoán sae a galiña cos pitos" (HN , A. Pena).

Para outros lugares tanto de Galicia como do resto da península se recolle na tradición oral o seguinte:

"As penedas baixounas unha muller na cabeza, mentres nos brazos levaba unha roca na que ia fiando.” (lugar a Casa da Vella, Toiriz, Pontevedra).

"Unha moura nova e fermosa subiu na cabeza a pedra grande que sirve de cuberta a este importante dolmen."

"o trouxo unha moura na cabeza e que rachou cando o deixou caer sen amparalo porque levaba o neno no colo." ( Un penedo en Sobradelo, Limia Ourense).

"Unha muller vella e fea que chegou a Galicia en tempos dos mouros, gran encantadora que perseguía a todo ser vivinte, quen, despois de cavar unha tumba pechouse dentro cun pastor." (Lenda de Orcavella. Costa da Morte Fisterra.)

"Cando un buzo foi abaixo, ó pozo, a enganchar a grade, seique apareceu unha vella fiando sentada na grade de ouro, e cando ían enganchar, que lle dixo: -Se lle cortaras as mans á muller.., e que desapareceu o encanto outra vez". (San Xoán da Cova, Val do Ulla).

"Outros din que no fondo do pozo de San Xoán da Cova aparece unha vella con cabelos de ouro, peiteándose cun peite do mesmo metal. O día de San Xoán ó amencer vese bailar o Sol." ( San Xoán da Cova , Val do Ulla -Reimóndez Portela ).

"La construcción se debe a una mujer mítica que llevaba las piedras en la cabeza sin dejar por ello de hilar con una rueca y un huso". (Asturias, concello de Pola de Allande no dolmen de Llastra da Filadora)

"Las piedras fueron llevadas por Mairi sobre su cabeza mientras traía sus manos ocupadas en hilar." (País Vasco, dolmen de Mendive (Gaxtenia)).-Mairi xenio colosal que transportaba enormes penedos do monte Arradoy para a construcción de dolmens, castelos, etc.

A Vella

Etnográficamente, na tradición dos pobos indíxenas europeos, existiron no imaxinario popular diversidade de seres mitolóxicos. Na península Ibérica se coñecen un bo número: xanas, xianas, xanias, anjanas, janas, jainas, inxanas, onjanas, martas, juanas, cabelludas, pelosas hechiceras, hilanderas, lavanderas, mouras, moras, princesas, ayalas, atalayas, donas, dueñas, señoritas, madamas, dones d’aigua, dones d’aigo, mozas de agua, damas blancas, gojas, alojas, amilamias, encantaries, encantadas, xacias, lamias, sirenas, mari, etc.

A Vella é un ser mítico sobrenatural, unha muller xigante, e presentase como un "gran espíritu" feminino invisible, que posúe o poder da transformación e do voo. Estes númenes antigos, maniféstanse deixando sempre a súa "pegada", pola cal coñécese a súa existencia.

Poden citarse algunhas das súas características:

    -Ser feminino ligado á natureza, á terra, auga e o aire, de gran tamaño (xigante).

    -Vive baixo terra, principalmente en covas, e nos montes debaixo de medorras, arcas, antas, dolmenes, pedrafitas, etc.

    -E constructora de megalitos, e tan forte, que pode cargar grandes pedras, (varias a vez), e trasladalas cun só dedo.

    -E invisible pero pode volverse visible, andar ou voar.

    -Pode portar o arco iris, (Arco da Vella).

    -Pode transformarse en doncela nova, en diferentes animais ou en pedra.

    -Regula o tempo cíclico e o atmosférico, tronos, raios, choiva, etc.

    -Pasa o tempo con madeixas fiando na roca.

    -Pode proferir ameazas, profetizar desgracias e lanzar maldicións.

E común que os xacementos prehistóricos estean ligados a un mito, lenda ou a unha costume ancestral. O mito da "vella fiadeira que leva as pedras encima sen deixar por eso de fiar" está moi estendido na península, sobre todo no norte e noroeste, en Asturias (injanas), en Cantabria, Pais Vasco (lamias, Mairi), en Aragón e Cataluña. E fora das nosas fronteiras se coñece nos países europeos bañados polo atlántico. Dada a variedade de pobos nos que a tradición se conservou, ten diversos nomes, e os seus atributos mestúranse con outros seres míticos.

Os estudios conducen a dicir que a Vella é unha divinidade precéltica en Bretaña, Irlanda, Escocia, e na cornixa atlántica, A Vella incorporada na tradición céltica é chamada con varios nomes, Cailleach = Vella, a Vella Gris ou Azul, a Gyre Carlín, Annis a negra e a Vella de Beare. Esta "Vella" controla o tempo meteorolóxico, trono, raio, choiva, etc., é a que forma as montañas, e a Señora da Montaña (muller xigante). A Ceridwen británica e a Morrigan teñen tamén algo dos seus atributos. A Morrigan (Gran Reina) que está inspirada na Cailleach que cada véspera de Samhaín únese con Dagda, ela é tan grande que pon un pe a cada lado do río que produce o mexar (parecida a nosa Mexona galega). A Vella relacionase coa estación do final do ano (calendario céltico), que remata o 31 de Outubro, coa estación do frío (inverno), cos mortos (defuntos), coa adiviñación e co contar contos (as vellas son as que transmiten, mitos, lendas, etc. a través da tradición oral). E ademais é unha maga, profética e señora da sabedoría.

A aparaición e habitación da “Vella” nos xacimentos locais máis antigos (prehistóricos), e unha serie de rasgos sobrenaturais, indican que este ser mítico é un dos de máis fonda antigüidade, testemuña dunha época onde o matriarcal era da maior importancia. O mito da Vella é unha herdanza arcaica que foi transmitida ininterrompidamente a través dos séculos.

 

Artigos relacionados:

Os outros Portalén. Trilitos, unha nova expresión do megalistismo?
(Páxinas 9 e 10)

Artigo publicado polo antropólogo Rafael Qiuntía en “SAGA. Revista electrónica de investigación”. Ano 2014
ENTIDADE EDITORA: Sociedade Antroplóxica Galega (SAGA)
http://issuu.com/cadernodecampo/docs/os_outros_portal__n._trilitos_unha_/9?e=4321997/9817233

http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2014/10/21/os-outros-portalen-trilitos-unha-nova-expresion-do-megalistismo/

<< Volver