Ouro en Cobas (Ferrol). Unha pequena ollada

01/08/2000, Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos

​​

A asociación cultural “Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos" constitúese en Ferrol no ano 1991, tendo por fins a investigación, inventariado, divulgación e preservación do patrimonio hostórico-arqueolóxico. Está formada na actualidade por 14 membros.

Dende a máis remota antigüidade, a sona da riqueza metalúrxica do NO hispánico, transcendeu os seus límites espallándose polo vello mundo do Mediterráneo e do Atlántico.

Os antigos navegantes falaban xa das misteriosas illas Casitérides, situándoas nun lugar descoñecido do océano, do que a única  referencia que tiñan, era que se atopaban ó N do Golfo Ártabro, área que comprendía as actuais rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña, onde vivía a tribu celta dos ártabros.
Un dos referentes destas lendas é o xeógrafo  Strabón (s. I), que xa nos fala do comercio establecido polos fenicios dende Gades (actual Cádiz) ata o NO, por rotas secretas, ata tal punto que, cando os romanos tentaron seguir a un destes navíos, o capitán embarrancou a nave para protexe-lo segredo das rotas, sendo logo recompensado polo seu goberno das perdas sufridas. Esforzo inútil, xa que pouco despois foron abertas polo romano Publio Crasso, quen puido comprobar que o territorio era tan rico, que os metais se atopaban a rentes do chan.

Strabón no é o único en destaca-la  riqueza galaica. Outros autores como Plinio o Vello, Silio  Itálico, Iustino e Marcial, entre outros, fan referencia  ó mesmo tema; polo tanto non nos debe estrañar que Roma non escatimara esforzos en apoderarse destes territorios, sendo o emperador Augusto, tralas Guerras Cántabras (19 d.C.) o que pacifica a zona, e Galicia queda aberta ó expolio.

Moitos autores actuais devaluaron as relacións dos autores clásicos sobre as nosas riquezas, considerando que era o producto de moitos anos de traballos, empetando o pouco que podían sustraer da terra, ¡ nin tanto, ni tan pouco !. A metalurxia galega é moi anterior á chegada de Roma. Os contactos das Fisterras atlánticas, o tránsito de xoias e instrumentos por mar nesta zona así o amosan, e o alto grao de especialización dos nosos devanceiros non é menos que para admirarnos da súa técnica cos poucos medios dos que disporían.

O ouro, sería extraído en xacementos primarios (filóns), e xacementos secundarios (praceres).

Coma sempre que falamos dos pobos antigos, pensamos que eran atrasados. O peso da obtención do ouro polos nosos devanceiros recaeu neste 2ª sistema, de feito, Strabón xa menciona como as mulleres galaicas buscaban o ouro no río con peneiras feitas de vimbio; este dato, ó parecer que ratifica este tipo de actuación dos nosos devanceiros, é en realidade un arma de dobre fío; expliquémonos: o ouro extraído dos filóns (primarios), ven contaminado por elementos alleos, precisamente por estar amoreado con outros elementos (estaño principalmente); namentres que o ouro procedente dos praceres dos ríos (secundario), ven libre en grande parte desas impurezas. O estudio de boa parte das xoias castrexas de ouro, con abundante contaminación de estaño, sinálao como procedente de filóns primarios.

Estes xacementos semellan ser explotados exclusivamente polos romanos; un bo exemplo son minas das Médulas do Bierzo, onde a producción de ouro chegaba ás 20.000 libras anuais (o 10% dos ingresos do estado romano). O sistema de traballo neste tipo de explotacións denominado "ruina  montium", consistente en furar unha montaña, desviar o canle dun río, e canalizalo ata os furados de xeito que a forza da auga derrube o monte, e a terra abatida é traballada nos lavadoiros xa especiais para o caso.

Nembargantes este tipo de traballo feito a gran escala por Roma, curiosamente leva os nomes das técnicas en lingua vernácula e non latina, o que nos indica de onde sacaron as ideas os romanos, copiando non só os nomes, senón aplicando á vella, técnica seus inmensos recursos.

Centrándonos no tema que nos ocupa, ¿foron os romanos ou os castrexos os primeiros en traballa-las vetas, na nosa comarca?. A pregunta é difícil de contestar, xa que se ben non existen estudos concretos sobre a minería na antigüidade na provincia da Coruña, e por outra banda é evidente que hai algúns xacementos castrexos como "O Pereiro" en Valdoviño a carón dunhas minas, e mesmo o de "Taraza" en Meirás con minas explotadas neste século dentro do recinto castrexo.

Pero ¿e no caso de Cobas?. Na parroquia de Cobas e limítrofes,  atopámonos con varios extructuras castrexas (Santa Comba, Papoi, Marmancón, Tralocastro....) e dous xacementos romanos  na parroquia de Esmelle, ningún deles asociado directamente coa mina.

Con todo, as referencias escritas a principios deste século dinnos "...o nome desta parroquia provén, indubidablemente  das  grandes escavacións que dende tempo inmemorial existen  no termo...”  e, ó falar do seu abandono, indica "... non sen antes ter atopado nunha galería curiosos obxectos e artefactos empregados  na antigüidade"  (Carre Aldao, Xeografía do reino de Galicia, provincia de A Coruña, 1936), así mesmo o Instituto Xeolóxico e Mineiro Español di, en referencia á mina de Cobas, que según o informe do Irimo de 1934 "...consistía en filóns de cuarzo que deberon ser obxecto de explotación en época romana..."

Plano do proxecto de 1913 de explotación da mina de Cobarradeiras

A mina de Cobas está englobada nunha corrida filoniana de pirita arsenical aurífera, que comezando en Valdoviño,  desprázase uns 60 km, pasando por Monfero, Curtis e Sobrado dos Monxes, e que na zona de Ferrol-Serantes-Cobas, os filóns son de granito gneis de seixo aurífero, unha potencia que chega ata os 4 metros con pirita arsenical, cun contido en ouro de 66 a 106 gr/Tm.

No caso concreto de Cobas, e a principios de século, os traballos deron uns resultados variables entre 2 ata 144 gr/Tm, e entre 1911 e 1915 una compañía francesa aproveitou estes xacementos montando un taller de concentración de mineral elevando a lei a 220 gr/Tm., sendo sempre abandonadas as explotacións pola gran afluencia de auga e barro.
Tesouros como o de "Bedoya" aparecido en Balón (Doniños), e máis pezas logradas polos saqueadores na bisbarra, poden servir como referente do que noutros tempos puido saír dos nosos filóns, (tan enxalzados na antigüidade, que afirmaban que o toxo, ó fundi-las raíces coa terra dáballes cor amarela ás chorimas), e sen embargo abandonados na actualidade pola rendibilidade do ouro alleo.

<< Volver