Sociedade Cultural Columba. Ferrol, Covas

Cobas 2015

29/07/2002, Celestino Santiago López (Xornalista)

Unha pequena fuga

Urusula H deixou a autovía ó Porto de Caneliñas á altura da Bailadora. Non necesitou comprobar no ordenador do seu coche se esa era a saída correcta. Coñecía ben o camiño aínda que xa había un par de anos que non volvera por COBAS, así con b, como lles gustaba contra da denominación oficial Covas. A ela facíalle gracia esa rebeldía ortográfica, imposible no seu alemán natal catalogado, medido, e controlado desde había séculos. Non virou á dereita para baixar directamente a aldea senón que se dirixiu cara Ferrol e meteuse polo camiño en fronte da Bailadora que vai ata a Torre de Comunicacións, unha vez mais en obras, pois ían substituí-los “vellos” UMTS e instalar os novos dispositivos de Internet Móbil.

Detivo o coche e quedouse mirando como o Cabo Pioiro entraba no Océano. Era o seu ritual. Unha escapada que non contaba nunca a ninguén. Un alto para respirar soa antes de empeza-las análises dos materiais férricos atopados na oitava campaña de escavacións na Illa de Santa Comba. Aínda que as películas de Indiana Jones, a última estreada no 2010 cun velliño pero resultón Harrison Ford, axudaran a incrementa-lo prestixio social dos arqueólogos – o que sempre estaba ben para conseguir patrocinadores- o gran público seguía sen querer crer que poucas aventuras lles sucedían ós profesionais: a Arqueoloxía era profesión sedentaria. Coma sempre seguía sendo cousa de moito ordenador, libros, fichas, moito estar sentado diante dunha mesa,... por eso parar no monte e ve-lo Cabo era como cargarse de enerxía antes de baixar ata sede do C.I.C.A. ( Centro de Interpretación da Costa Ártabra) situada nun vello recinto militar na que pasaría a maior parte do tempo dos próximos catro meses.


O C.IC.A.

O CICA estábase convertendo nun centro de referencia internacional. A súa peculiar estructura combinando as cuestións estrictamente históricas, co estudio e conservación da natureza e, sobre todo, a vocación de mesturar rigor universitario con divulgación popular conectaban ó CICA de Covas coas correntes máis avanzadas da política científica e cultural. Úrsula sabía que antes de poder deixar o seu “BLOCK DIXITAL” enriba da mesa do despacho, o director contaríalle angustiado os últimos enfrontamentos entre o Goberno Autónomo e o Concello, unha mestura de rivalidades políticas e persoais, que se complicaban nos últimos anos coa incorporación da supervisión científica das Universidades.

-“ A esto xa estabamos acostumados, dicía o director, así foi desde antes de facela primeira cata no 2001. ¡ O problema agora é a U.E. e o seu programa de subsidiariedade cultural.....

Úrsula deixaríao falar e falar mentres ía saudando o persoal do CICA, unha estraña fauna de informáticos, arqueólogos, enxeñeiros, monitores, biólogos, submarinistas, albaneis,... Sempre se fixaba nos veteranos, elas e eles, os que chegaran no comezo da escavación, un pouco máis calvos, con máis enrugas. Outro sería a primeira vez que os vía: monitores, bolseiros que estaban facendo a súa tese, rapaces das escolas do concello. Unha agradable sensación de caos, aumentada pola Babel de linguas e acentos que se escoitaban e polas obras. O CICA sempre estaba en obras.


Sempre en obras

Nos próximos días íase inaugura-las novas salas do Museo Arqueolóxico, as que albergarían os fondos procedentes doutras escavacións pois o Cica convertérase nun dos centros de referencia estatais. Todo un orgullo e nova fonte de financiamento pero tamén unha nova chea de problemas. Novo tamén era o pequeno edificio construído na praia do Porto para o material dos arqueólogos submarinos. Úrsula non o coñecía, pero esperaba que agora xa non se queixarían tanto do lonxe que quedaba o centro e do moito que tiñan que cargar.

Volveu pro coche e comezou a ruta para a aldea. Non ía ir directa para Prior. Acababa de decidir que antes deixaría as súas cousas na Casa de ..., unha das primeiras dedicadas ó turismo rural que seguía sendo a súa favorita aínda que non tiña os luxos das que viñeron despois. Tampouco lle gustaba o Hotel que se construíra nas Cabazas, ó lado do centro Multimedia de Representación Virtual. Unha construcción moi criticada polos puristas pois eso de que, por medios dixitais, un pasease polo medio dun castro parecíalles máis de parque de atracción que de proxecto cultural. Claro que ninguén podía negar que o C.M.R.V. xunto coa multipremiada páxina Web foran dous acerto na difusión, prestixio e, porque non dicilo, fonte de financiamento substancial do proxecto.


O “EME.PE.A.”

Xa estaba chegando. Adiantou a un autobús escolar que tiñan pinta de ir facela ruta que saia do CICA ata a Ponzos , ata o Lavadoiro de mineral do século XX, pois desde ben cedo desde o CICA saian as rutas de que percorrían a costa . Toda Santa Comba. A parada obrigada nas Escavación, e chegaba ata o Lavadoiro de Mineral, unha xoia de arqueoloxía industrial establecidas polos franceses había a comezos do século XX; pero polos grandes vultos que levaban, Ursula deuse conta conta que máis ben serían afeccionados ó parapente ou un grupo que se dirixía ó novo albergue xuvenil que aproveita os resto dos cuarteis do Faro, ¡ mais obras!.

Aparcou o coche pero ninguén saíu a recibila. Entrou no CICA e un espeso silencio petoulle na cara. Unha nota autoadhesiva destacaba no monitor da recepción: Ursula estamos na escavación. Alberte di que é definitivo. ATOPAMOS O M.P.A.!!!!!
Ven rápido
.

-  O M.P.A. ¡O Magnum Porto!. ¡Aquí!.

Deixou o coche co portón traseiro aberto e pillou unha das bicicletas que estaban arrimadas ó muro. E correu, e correu coma nunca na súa vida, como din que corren os que persigue o demo, correu para ver na realidade o que sempre soñara. A Troia de Occidente, o Magnum Porto Artabrorum.


Celestino Santiago López (Xornalista)

<< Voltar