A formación sedimentaria e o bosque fósil de Ponzos

12/06/2010, Pablo Ramil-Rego, Luis Gómez-Orellana, Ernestina Badal, Yolanda Carrión Marco

​​

As fortes mareas vivas acontecidas durante o mes de agosto de 2009, deixaron ao descuberto un extenso conxunto de troncos de grandes dimensións, dispostos sobre un sedimento turboso cuxa parte visible ocupa unha ampla extensión da praia de Ponzos. A formación atoparíase disposta habitualmente baixo o actual nivel do mar e enterrada pola area que conforma hoxe en día o areal de Ponzos.

Durante o tempo que permaneceu ao descuberto a formación sedimentaria realizouse unha campaña de prospección sobre esta, na cal se procedeu a estudar, documentar e recuperar material para a súa posterior análise. Estes traballos leváronse a cabo tanto sobre os madeiros, coma sobre o propio sedimento. No transcurso das tarefas, procedeuse a documentar mediante fotografías e medicións a maior cantidade posible de restos leñosos, á vez que se recuperaron oito mostras destes para ser posteriormente analizados no laboratorio. No que respecta ao sedimento, realizáronse dúas sondaxes, nas que se recuperaron senllas testemuñas dun metro e tres metros de potencia respectivamente. As columnas extraéronse empregando unha sonda mecánica de percusión Eijelkamp. Atotalidade das mostras obtidas consérvanse para a súa análise no Laboratorio de Botánica & Bioxeografía (GI-1934-IBADER) no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

 

 

Imaxe 1: Detalle dun dos troncos dispostos sobre o nivel de turba e identificado como salgueiro (Salix sp.)

 

 

A formación sedimentaría estaría composta polo tanto por un importante conxunto de troncos de grande tamaño que dispoñen sobre unha capa de turba de dous metros de profundidade e baixo a cal se sitúa un nivel de arxilas de ao menos cincuenta centímetros de espesor. As madeiras localizadas sobre a superficie, aparecen á súa vez incluídas na parte superior da turba. O estudio dos restos leñosos recuperados, efectuado pola Dra. Ernestina Badal (Universidad de Valencia) e a Dra. Yolanda Carrión (CSIC, Valencia), permitiu identificar un total de nove restos como Salgueiro (Salix sp.) e un máis como Quercus-caducifolio (grupo no cal se inclúen o carballo, o cerquiño e a carba). Apartir deste último tronco, no laboratorio de datación isotópica da Universidade de Groningen (Netherlands), obtiveron unha data carbono catorce (14 C), que calibrada, sitúa a idade do tronco entre 4.941 e 5.036. AC.

As análises polínicas preliminares, mostran cara á base do nivel de turba a presenza dunha paisaxe dominada por bosques. Ademais, ao longo do sedimento obsérvase a presenza continua de especies características de humidais de auga doce. Estes datos, xuntamente co estudio do sedimento recuperado, indican que o mesmo a formo nun ambiente dominado pola presenza en superficie de auga doce.

 

 

Imaxe 2: Fotografías de microscopio óptico de diferentes cortes do tronco identificado como carballo / cerquiño / Carba (Quercus caducifolio)

 

 

Polo tanto, os datos obtidos permiten interpretar o depósito como un amplo humidal de auga doce e continental, que se desenvolvería na área ocupada actualmente pola praia de Ponzos, con anterioridade ao actual interglaciar (Holoceno: 0 - 10.000 BP), nun momento no que o nivel do mar se atoparía máis baixo que na actualidade e polo tanto a liña de costa se localizaría a varios quilómetros de distancia.

A abundancia e tamaño dos troncos, indicarían que en relación con este humidal se desenvolverían os exemplares de salgueiro que foron recuperados sobre o sedimento e incluídos na súa parte superior. A potencia da turba recuperada baixo os restos leñosos indicaría, nun principio, que o humidal se desenvolveu durante varios miles de anos, aínda que a falta dunha datación sobre o propio sedimento, así como de análises polínicas máis detalladas, impiden situar exactamente o inicio da formación do ecosistema húmido. Non obstante, a data obtida e a configuración e espesor da formación sedimentaria permitirían aventurar o inicio da formación deste humidal nun momento anterior aos 15.000 anos de antigüidade.

Os cambios climáticos que orixinan o inicio do actual interglaciar, inclúen un aumento do nivel do mar que se produciría de forma paulatina dende hai 10.000 anos. Este ascenso do nivel mariño, representaría a invasión polo mar de amplas superficies achanzadas situadas actualmente baixo o nivel do mar e sobre as que se situarían extensos humidais continentais como o de Ponzos. A deposición de potentes capas de area e a permanencia baixo o nivel mariño, permitiu a conservación dos restos vexetais ata a actualidade.

 

 

 

Imagenes relacionadas

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos. Recogida de muestras - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos (I) - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos (II) - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos (III) (Marzo 2016) - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos (IV). Año 2020 - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos y Doniños (V). Años 2021, 2022 - Galería fotográfica (sociedadecolumba.com)

VIDEO Restos de un bosque fósil en la playa de Ponzos

 

Artículos relacionados

Cambio ambiental del Holoceno en la costa atlántica del noroeste de Iberia como se infiere de la secuencia de humedales de Ponzos (BOREAS - onlinelibrary.wiley.com) - (I)

Reflexiones prehistóricas sobre la arena de Ponzos

 

 

<< Volver