As Corripas

26/04/2006, Mª Carmen Hermida

“Somos nuestra memoria, ese quimérico museo de formas inconstantes, ese montón de espejos rotos”
BORGES


AS CORRIPAS

      Eramos pobres nun tempo que pertencer a maioría, claro está, de pobres non era ningunha deshonra, porque non había alternativa. Y ademais de pobres eramos moitos, trece irmáns, trece bocas que alimentar, vestir pouco e calzar malamente. No obstante non nos decatabámonos da miseria, atarefados como estabamos en traballar arreo pra conseguir o que se di mais ben afanosamente pouco.

      Uns deses traballos consistía en ir dende Cobas ao val de Mandiá a pe, pra cortar varas de salgueiro, alo por decembro, que debía ser o momento axeitado, cando as árbores descansan, a savia está baixa e a vara en forma.

      Eu debía ter nove ou dez anos, e tocábame ir co meu pai por ser o maior dos irmáns, supoño, e cargar cunhas cantas varas, tódalas que podía e voltar pra casa a uns quilómetros que se me facían dobremente longos que a ida, pola carga , o cansazo e un silencio grave, pegañoso que nos envolvía relixiosamente, ata chegar derreado a casa.

      As varas se empregaban en facer corripas novas pra o carro de vacas, porque bois so tiñan os mais pudintes, todo un luxo que xuto coas vacas daban por resultado mellor leite e tenreiros que podían transformar no milagre de cartos contantes e soantes. Non era ese, desafortunadamente, o noso caso e o que me enche de asombro, a día de hoxe, e o tremendo esforzo que supuña percorrer semellante distancia, pra un neno que pouco podía cargar en relación a tamaño sacrificio.

      Todos os que agora se lembran da dureza daqueles tempos marmullan sempre: “asi e todo aquilo que non volva”.

      Non é doado hoxe coñecer si a xente e mais feliz, pero dende logo viven mellor, si por mellor se entende morrer de fartura, de vagancia ou de aburrimento. Ninguén precisa de ninguén pra sobrevivir. Pouco a pouco se vai un afastando dos outros ata ficar sentado fronte a un aparato de TV ollando cousas que nada tellen que ver con un mesmo e rematando por non distinguir o propio do alleo, tomando o real o ilusorio e ao revés, e confundindo a vida coa espera de rematar de vivir, esquecendo que foi do neno que percorría tan longa distancia pra as súas curtas pernas, só por unha ducia de varas ....

      Pera había que facelo e tiña sentido. E ese mesmo sentido tinguía tódalas caras do prisma do vivir ou do malvivir, mirado dende a perspectiva actual, que consiste en ollar o inverno dende a pechada ventá, pra non mollar os pes, nin pasar frío, nin penuria.

      Non sentir nin padecer. Escollemos esquecer quen fomos e dificilmente poderemos ser, esquecendo tanto. Soamente nos queda agardar polo último alento, entre paredes asepticamente brancas, dun lugar descoñecido.

      A miña memoria se rebela e garda no seu peto os ollos verdes do meu pai, o lindeiro de Cardido, a dura viaxe ....

      Agora que me vou achegando a arrepiante barreira dos noventa anos, non me arredo; vótome fora o día do Nadal. Vai frío e arrinco algunha que outra mala herba na horta, pra morrer vivo.

<< Voltar