As fotos de Serafín

12/07/2019, Paulino Gasalla

No ano 1999 a miña muller e eu adquirimos en Loderiro, no lugar de O Barreiro, a casa do vello Pemento, pai de Mercedes, a muller do fotógrafo e veciño de Esmelle Serafín Lorenzo, para todos os que o coñecimos e tratamos, “Cazolitos”.

O que vou contar aquí, e só polo miudo, non é a vida de Serafín, senón o feito de como foron atopadas as fotos e o porqué do seu estado. Pero para entender isto tal vez teña que ilustralo cunha pequena anécdota que tiven con Serafín en 1992.

Dirixíame no meu coche cara a Ferrol subindo a costa do Peirón en Esmelle, e á altura da fonte atopeime con Serafín, que totalmente encorvado tamén subía con evidente esforzo, enfundado no seu sempiterno impermeable azul e agarrado aos seus dous bastóns (que por certo atopei na casa e aínda conservo). Parei o coche e pregunteille a donde ía, díxome que ía para Ferrol, que si podíao levar, e inviteino a subir.

 

 

 

Foto 1. Casa do vello Pemento

Foto 2. Serafín e a súa dona Mercedes

Foto 3.O bastón de Serafín

Foto 4. Apilamentos no alpendre do lixo atopado

 

 

 

Durante os dez minutos que puido durar a viaxe mantivemos unha conversa que máis ou menos puido transcorrer así:

—Serafín: Ghracias Paulino, non sabes como cho aghradezo, este reuma non me deixa vivir e ata Ferrol teño unha tirada.

—Paulino: Bueno Oh! non te preocupes, para iso estamos os veciños. Pero non vas no coche de liña?

—Serafín: Non, mellor a pé, o coche é caro.

—Paulino: E que contas?, pasaches a noite en Esmelle?

—Serafín: Si, que teño que poñer en marcha un neghocio que teño aí pendente.

—Paulino: E de que se trata?

—Serafín: Ben, isto é ainda un secreto, pero estou intentando montar un coche que teño na casa, bueno son dous, pero con eles penso facer un para ir as carreiras.

—Paulino: Pero na casa onde? Nunca che vin aí ninghún coche.

—Serafín: Na tuxeira, pero non os ves porque os teño desmontados.

 

 

 

Foto 5. Dentro do circulo una das caixas con carretes atopada na cocina

Foto 6. Cámara e obxectivos usados por Serafín

 

 

 

A conversa seguiu ata que se apeou en Canido. Quedeime pensativo, xa que nunca vira alí ningún coche, e díxenme: cousas de Cazolitos!

Pero anos despois, ao comprarlle a casa ao seu fillo, entendín aquela conversa. No alpendre atopábanse os dous coches que Serafín dixérame sete anos antes, eran un Seat 133 e un Seat 127, totalmente despezados, só faltaban as carrocerías e os chasis, todo iso revolto entre grandes cheas de todo tipo de trastos vellos, para Serafín pequenos “tesouros”, que recollía por onde pasaba e que lle chamaban a atención, denotando o que podería ser unha síndrome de Dióxenes.

Nese alpendre e colgados dun gancho no alto da parede había máis de 400 carretes de fotos, todos velados, blanqueados e cheos de lixo, totalmente inservibles. Pero por sorte dentro da casa e repartidas por todas partes, atopamos varias caixas redondas de aluminio con carretes, en total ao redor de 50, aínda enrollados e envoltos en papel de cera, dos cales algúns víanse moi deteriorados.

Tamén atopamos unha das súas cámaras de fotografar, unha Brownin Kodak de 1929, estaba fóra no medio dunhas silvas. Nun pequeno taller de carpintería que había na bodega, atopamos no fondo dun caixón do banco de carpinteiro, dous obxectivos de cámara plegable ou de caixa de madeira: un Rectilique extra rapide Demaria Freres de 1900 e un EKC Kodak de 1910.

Descuberto isto, tanto a miña muller coma min, non o dubidamos, e pasámosllos á Asociación de Veciños de Esmelle, que decidiu revelalos. E sorpresa! Apareceu parte da nosa historia, pero non só de Esmelle, senón tamén a de Covas, Marmancón, San Xurxo, Mandiá, O Val, Ferrol, etc. Os coches de liña, os labores agrícolas, os soldados, os oficios, os actos sociais tales como vodas, comuñóns, bautizos, festas, romarías…, e un sinfín de persoas e momentos puntuais do pasado, que contan a nosa vida e a dos nosos devanceiros. Non quero comentar máis a importancia, calidade e o valor desas fotos, xa o fixeron Germán Castro, Fermín Goiriz e outros.

No entanto vexamos algunhas. O recuperado é excepcional, pero a miña muller e eu preguntámonos moitas veces, que fotos terían eses centos de carretes velados que colgaban no alpendre?

Igual hai unha resposta de porqué están velados. Fai tan só uns días, unha veciña recordoume unha anécdota que, sendo pequena, lle ocorreu a ela e ao seu pai con Serafín.

Un día estaban cortando herba en O Soido, levaban con eles un burro que tiñan que entregar ao día seguinte xa que o venderan. Pasou ao pouco tempo Serafín que levaba a cámara, polo que decidiron facerse unha foto en compañía do burro para lembralo. Así que lle pediron que lles fixese a foto, unha vez feita díxolles que nuns días levaríalla a casa.

Como non a daba traído, un día que o viron preguntáronlle pola foto, e a resposta foi sorprendente: resulta que o día que lles fixo a foto a eles, pola noite viu un obxecto volante non identificado e que o fotografou, e que xa non atopou nunca máis o carrete, polo que chegara á conclusión que llo roubaran os extraterrestres.

Así que podemos concluír que os carretes do alpendre puidéronos velar eses extraterrestres Quen sabe?

Pero anécdotas e bromas aparte, á vista do atopado podemos intuír o que habería nese celuloide e a súa importancia. É unha mágoa a súa perda.

 

Foto 7. Bus

Foto 8. Outro dos coches de liña de Ramón e Suarez cun grupo de leiteiras

Foto 9. Procesións de San Pedro de Marmancón

Foto 10. Procesións de San Xoan de Esmelle

Foto 11. Soldados no Campamento de Santa Comba

Foto 12. Soldados no Polvorín de Mougá

Foto 13. Traballos agrícolas

Foto 14. Orquestra en risco (con moito valor para subir aí)

Foto 15. Igrexa de Covas en construcción

 

 

 

 

Paulino Gasalla

 

 

 

<< Volver