Ás voltas co topónimo Cobas vs. Covas

01/04/2002, Henrique Dacosta López

Permítasenos aseverar de modo categórico, e desde un primeiro momento, que a forma lexítima para o noso topónimo non é outra máis que a de Covas. Razóns etimolóxicas, e non outras, nos asisten. Pois é precisamente na etimoloxía que se basea o sistema ortográfico do noso idioma. Pero non só para o galego, senón para calquera das outras linguas neolatinas, isto é, aquelas que naceron da ruína ou transformación do latín en formas distintas (aínda que fillas desta) que se estenden por Europa adiante e, tamén, pola denominada Nova Romanía polos lingüistas, ou sexa, as áreas dos restantes continentes que foron colonizadas por potencias europeas, e que ata alí levaron os seus idiomas. (Pénsese quer no Brasil quer no Congo quer no Vietnam, por pór algúns exemplos.)

Ocórrensenos outros topónimos semellantes de alteracións gráficas de bes por uves ou de uves por bes -posto que caso illado non somos, só un máis de tantos dentro das múltiples que os nomes dos nosos lugares sufriron-, tal como *Riva(s), *Rive(i)ra, *Rive(i)ro -Os tres coa mesma raíz, do latín RIPA, con idéntico significado de "ribeira"; e RIPARIA, forma vulgar da anterior-; *Balón, *Balongo, *Balcoba, *Balonga, *Baliño, *Balboa, *Balouta -os sete coa mesma raíz VALLE "val"- ; *Balado, Balo -procedentes de VALLATU e VALLU "valo, cerca"-; Labandeira -do latín medieval LAVANDARIA "lavandeira", e á súa vez do latín clásico LAVARE "lavar"-; *Bao -do latín VADU "vao: sitio pouco profundo dun río por onde se pode pasar a pe"-; *B(e)rea -do latín VEREDA "rota da posta"-; e *Cobelo, *Cobas -os catro coa mesma raíz: do latín clásico CAVUS "vacío", que pasou o latín dialectal COVA "oca", adxectivo feminino de COVUS-.

Vallan ata aquí, pois, as razóns etimolóxicas do topónimo en estudio. Mais ¿onde están os porqués para estas mudanzas gráficas se daren así o nome da nosa parroquia correr coa forma que non lle corresponde en xustiza? Poderiamos apuntar unha larga explicación filolóxica a este respecto. Pero non sendo este nin lugar nin momento, trataremos de referilo do xeito máis breve e claro que poidamos. Valerémonos para isto da inestimábel axuda do profesor e estudioso sobre este tema, Abelardo Moralejo Lasso, voz máis autorizada na materia que a nosa.

 
As voltas co topónimo  Cobas vs Covas
As voltas co topónimo Cobas vs Covas

As confusións entre ambas as grafías xa veñen de vello. O propio latín, dende o período clásico e, como cabe esperar, nas épocas posteriores e máis próximas por tanto á ruína e ao nacemento da lingua vulgar (enténdase á orixe do francés, do catalán, do italiano, do romanés, do galego-portugués...), viña pronunciando o grafema uve como labiodental, ou sexa, como fai o actual francés, o italiano ou o portugués padrón. Trouxo consigo isto que tivese que haber unha reacomodación na pronuncia do be, de al que se relaxase e pasase a ser tamén fricativa. Deste xeito, non era difícil ver en inscricións, por exemplo, *bovis por vobis, *serbus por servus, *vene por bene, etc.

No castelán e no galego modernos (non así no portugués padrón, que acabamos de citar) non existen distincións de pronuncias entre bes e uves. Ambos os grafemas teñen unha pronuncia máis forte ou bilabial oclusiva en principio de palabra ou frase ou detrás de nasal (m ou n), e outra máis relaxada ou fricativa (non oclusiva) dentro de palabra ou de frase e non precedida de nasal. Pero esta diferencia de pronuncia, estes pequenos matices, non son percibidos conscientemente polo falante (en castelán ou en galego); en consecuencia, que non ten nin valor funcional nin de significado que hoxe escribamos as palabras con unha ou outra letra. Ou sexa, que se quixermos suprimir unha das dúas dentro do alfabeto nada acontecería. Ora ben, as razóns etimolóxicas, a tradición escrita, son as que fan a norma e, por tanto, as que fixan a ortografía das linguas.

Mais se por un lado é lícito que fagamos alusión aos erros en que o propio latín incorría no seu momento, por outro lado tampouco debemos de esquecer que pode haber tamén outras razóns con respecto ás alteracións toponímicas de Galicia. Así, non temos que pasar por alto o feito histórico de que o idioma natural do noso país acabase por ser adulterado e interferido por outro idioma alleo que veu distorsionar de maneira incisiva o noso status monolingüístico. Levemente, xa no século XIII, Fernando III "O Santo" fai empregar o castelán en escritos que tiñan orixe ou destino a Corte. Pero será máis tarde, a partir de 1480, cando se elabore a lei dada polos procuradores de Toledo para que se fixe como lingua chanceleresca, prohibíndose deste xeito que calquera documentación administrativa que se emita nos territorios do reino sexa escrita en forma distinta que non fose a castelá. Alén disto, igualmente existía a obriga do sometemento a unhas probas de coñecemento desta lingua aos membros da administración pública galega.

Dedúcese disto, por tanto, que grande parte deste colectivo deixase de ser galego ou, non sendo así, alomenos desgaleguizado á forza. Consecuentemente, a ignorancia polo idioma de Galicia levou consigo canta deturpación poidamos imaxinar; e as graves alteracións que sofre quer a nosa onomástica quer a toponimia no momento actual é lóxico que comecen a surdir a partir deste instante. Como curiosidade podemos citar a dificultade con que se atopaban moitos galegos á hora de ler (ou entender) os documentos que lles dirixían descritos en español, como por exemplo acontece cun parecer enviado a Carlos I en 1532 sobre <<la falta de seguridad en los testimonios de hidalguía, porque los documentos vienen escritos en castellano y esta lengua se conoce con dificultad>>.

Citemos, á parte, que os capitáns xenerais de Galicia son maiormente foráneos, especialmente a partir do século XVIII; que durante os séculos XVI-XVII só un 2% dos maxistrados son galegos; que moitos mosteiros e congregacións relixiosas son colocados baixo dependencia de centros casteláns (San Benito de Valladolid, no caso dos benedictinos, ou a Congregación de Castilla no caso dos Cistercienses); que dos bispos que entre 1500 e 1830 ocupan as Sés galegas, só quince son galegos, e o resto, ata un total de cento cincuenta e dous, son foráneos; etc.

 
As voltas co topónimo  Cobas vs Covas
As voltas co topónimo Cobas vs Covas

En definitiva, que toda esta confusión de grafías son consecuencia dos feitos que vimos de relatar. Ora ben, os mesmos nomes de lugar de que nos valiamos nun principio para exemplificar como erróneos na súa escrita, e que serviron de apoio para o noso estudio concreto de *Cobas vs. Covas, teñen aparecido indistintamente grafados dun ou doutro xeito, isto é, quer con be quer con uve, o que denota a perda total da noción da orixe etimolóxica do vocábulo.

A este respecto non temos máis que botar unha ollada a outro Covas, referente á praia do mesmo nome do concello de Viveiro; de Cova da Serpe, da serra do interior de Galicia, limítrofe entre as provincias de Lugo e A Coruña; Covas, no concello de Quiroga; Areacova, en Cangas; Fontecova e Fonticova, en Arzúa, Boiro, Santiago ou Somozas; etc., sempre escritos coa forma etimolóxica e ortográfica correcta. Cousa que poderiamos facer igualmente extensiva aos restantes topónimos aos que aludiramos con anterioridade e que ilustraron o noso comentario.

Pero permítasenos facer un pequeno inciso aludindo ao caso concreto de *Riveira e Ribeira, pois se cadra podemos argüír unha razón máis estricta que explique a incorrección da escrita con uve. No Diccionario de la Lengua española da R.A.E. distínguese entre ribera «margen y orilla del mar o río» e rivera «arroyo, regato», con probábel influencia do RIVUS latino (con ese mesmo segundo significado, e aínda tratándose da mesma palabra).

Queremos ir xa concluíndo o noso artigo, mais non sen antes facer referencia a un último aspecto, aínda que de maneira breve sexa. Sabido pois que o significado do noso topónimo (Covas) ten a ver co adxectivo oca, perforada, e que logo se estendeu a través do latín vulgar co sentido de buraco ou furado, nun primeiro instante e sen botar man das fontes históricas inclinariámonos a pensar, se cadra, que o nome do lugar puidese facer referencia ás fumas mariñas que o mar foi formando durante centos de anos ao longo das ribeiras acantiladas da parroquia; cousa esta que sen dúbida si está relacionado co topónimo menor A Cova, referente a unha pequena enseada ou rada acantilada, esburacada, entre outros axentes, pola acción erosiva do mar, e que achamos no cabo Prioiro. Pero parece ser que esta mesma razón non nos asiste para o caso do nome que lle segue ao patronímico San Martiño. Covas faría alusión ás escavacións auríferas que xa os romanos explotaran no seu momento nun monte do lugar de Covarradeiras -máis unha vez por tanto o capricho do topónimo, a presencia incesante que nos ratifica sobre o que estamos a falar-. Os xacementos achados en San Martiño de Covas relaciónanse cun vasto arco, falla de grande lonxitude, que os xeólogos coñecen co nome de "Aliñamento Covas-Corcoesto-Santa Comba-Noia". É esta unha zona de cizalla, ou o que é o mesmo, un Conxunto de pequenas fracturas que se agrupan formando unha banda. Aquí, ao pé da praia de Ponzos, explotaron os romanos superficialmente un paquete de catro filóns de cuarzo, con arsenopirita, pirita, calcopirita e ouro. Pero, desde aquela, aínda deberon de esperar ata os inicios do século XX para seren de novo explotados, por vía subterránea polos franceses, no período que vai entre 1912 e 1914, mostra do cal temos hoxe a boca da mina. En resumo, pois, o topónimo Covas, así en plural, e segundo todos os indicios, parécenos confirmar se tratar dos buratos superficiais practicados xa polos romanos na procura do prezado metal.

Poderiamos rematar finalmente dicindo que non só as fontes filolóxicas son as únicas que nos poden ir abrindo camiño no campo da investigación toponímica. Velaquí mesmo a proba veraz. Así pois, vemos como as fontes históricas, xunto coas arqueolóxicas e as xeomorfolóxicas quixeron vir na nosa axuda. A rama ou disciplina filolóxica da toponimia, asentada sobre unha serie de principios, hipotéticos de máis por veces, oxalá puidese botar man con maior frecuencia doutras disciplinas que a viñesen valer. Lástima que isto aconteza bastante máis poucas das que en verdade se desexarían.

 
As voltas co topónimo  Cobas vs Covas
As voltas co topónimo Cobas vs Covas

 

 

Henrique Dacosta López

<< Volver