Cobas. Apuntes sobre arquitectura tradicional

26/04/2006, Rosa Méndez Fonte

​​

Unha das máis salientabeis riquezas que posúe a parroquia de Cobas é o conxunto de arquitecturas tradicionais espalladas polo seu territorio. Unhas arquitecturas que poden ser divididas en dous grupos básicos. Primeiramente, estarían aquelas vivendas cuxo nivel de deterioro é a característica predominante, pero que aínda así conservan unha estructura arquitectónica libre de engadidos ou reformas que, dalgún xeito, poidesen agachar as súas características primarias. Estaríamos ante a tipoloxía que se veu denominando “casa coruñesa”, desenvolta a traveso dun volume prismático, con dúas alturas, cuberta a dúas augas e cubrición de tella curva do país. Esta tipoloxía pode posuír, nalgúns casos, unha grande cheminea que reflicte o nivel da importancia económica que, nalgún tempo, acadou a “a casa”.

Este tipo constructivo amósasenos acompañado dunha serie de corpos engadidos -ou sistema aditivo libre- que dista moito de poder ser definido como anarquía constructiva. Pola contra -e tendo presente que a casa galega só acada o seu significado comprendida como un organismo vivo, en presente estado de crecemento-, no caso que nos ocupa estamos ante un corpo central -no senso de marcada centralidade no eido funcional- sobre do que xiran unha serie de engadidos, construídos en función das diversas necesidades que lles foron xurdindo ó longo do tempo ós seus habitantes. E istó é precisamente o determinante que fai da casa da zona unha construcción cambiante, en canto ás diversas diferencias que se dan nos seus volumes engadidos.

Así pois, é case unha redundancia afirmar que estamos ante unhas construccións nas que a función prevalece sobre a forma; do mesmo modo que as similitudes que podemos achar nesta última, e que perfilan esta tipoloxía, estarán fortemente relacionadas coa climatoloxía e as condicións xeográficas.

En canto ós engadidos máis comúns, caben destacar os fornos -que son traducidos ó exterior con forma de pequenos corpos, de forma cáseque absidial- e os alpendres. Igualmente, pode engadirse un pequeno muro que, ás veces, pecha a fronte da vivenda, para dar lugar a un pequeno corral.

Covas - Vivenda derruída

De modo exento ó edificio principal, os hórreos son cáseque unha constante. Non adoitan presentar grandes variacións entre eles; amosando corpos rectangulares, de altura variábel e un peche levado a cabo por medio de pequenos listóns de madeira, pintados en diversas cores.    Os basamentos -que na meirande parte dos casos posúen tornarratos realizados con toscas pranchas de lousa- adoitan estar construidos en cachotería que, nun importante número, foi revestida con argamasa ou cemento, para finalmente ser caleada. Xunto cos hórreos, hai tamén que facer mención ós pozos, entre os que merecen especial atención aqueles pechados na súa totalidade e cunha pequena portiña de madeira á fronte. Tanto os abertos como os pechados foron, mairoritariamente, construídos en cachotería.

Un segundo grupo de casas tradicionais sería aquel no que se realizou algún tipo de restauración, ou rehabilitación no seu corpo principal. A pesares de que, inicialmente, estas intervencións puidesen supoñer unha maior conservación, o certo é que -nun importante número de casos- o deterioro foi verdadeiramente importante, por ter desaparecido -ou verse desfigurados- elementos cruciais neste tipo de edificacións.

Estaríamos, pois, ante un panorama ben complicado: en xeral, as construccións abandoadas durante anos amosan un perfil de autenticidade moi superior a aquelas nas que se inverviu nas últimas décadas.

Covas - Vivenda recuperada

Para tentar levar algunha luz a todo isto, primeiramente habería que prestar atención á historia dos principais materiais usados nestas construccións. Orixinariamente, estes limitabanse a pedra, madeira e tella curva do país; o cristal para pechar os ocos apareceu moito máis tardiamente.

Na actualidade, moitas destas vivendas amosan outros tipos de materiais, como o fibrocemento -para a cubrición-, os bloques de formigón, ou o aluminio para peche de ocos. Uns materiais que, desvirtúan fortemente a súa imaxe exterior; alomenos en relación con eses valores tradicionais e históricos que abren camiño ó actual valor estético. Pero sobre isto hai que facer algunha puntualización, sobre todo tendo en conta a presencia dunha normativa especialmente restrictiva en canto a materiais e modificacións estructurais na que se ven chamando vivenda tradicional galega; normativa relacionada con ese novo-vello concepto de “feísmo”, ó que, persoalmente, lle confiro un dubidoso acerto.

Cando se está a falar de feísmo no medio rural estase incidindo, fundamentalmente, nas sustitucións de materiais tradicionais (que, por certo, hai décadas que deixaron de selo) por outros, máis actuais. Pero isto ten, en principio, un punto de partida moi problemático, sobre todo se nos situamos no medio rural. Os habitantes do campo, antes e agora, veñen utilizando os mesmos parámetros constructivos, baseados especialmente na lei do espacio útil, os materiais simples e o baixo custe. Por poñer un exemplo, cando un campesiño constrúe una nova palleira, ou un alpendre adicado ó tractor -porque o carro é xa minoritario- faino dun xeito tradicional: tres muros e unha cuberta, para dar lugar a un oco útil. Así pois, non hai moitas variacións na configuración arquitectónica. En canto á sustitución de materiais, esta ven definida polo baixo precio e o sinxelo mantemento; prevalecendo o valor de uso por enriba do estético que, fundamentalmente, provén das áreas urbanas.

Hai que ter presente que non ten moitas décadas o notábel cambio que se produciu, fundamentalmente, na sociedade urbana en relación con estas arquitecturas; un cambio provinte de ser entendidas como modelo da arquitectura tradicional galega e no que o valor de escaseza ocupa hoxe un importante lugar. Mais isto non correu parello coa consideración que un bo número dos seus usuarios continúan a ter das mesmas. Uns posicionamentos que nos levan directamente a un enfrontamento de mentalidades que, como xa adiantaba, proveñen na súa meirande parte da man dos materiais, más que dun cambio nas estructuras. O habitante do mundo rural, como veu facendo durante séculos, amplía a súa vivenda con alpendres e novos corpos, pecha o seu terreo con muros e constrúe novos espacios segundo lle ten dictado a necesidade. Igualmente, as cubertas seguen desenvolvéndose con semellantes tipoloxías. Pero aparece o ladrillo, os bloques, o fibrocemento (usualmente coñecido como “uralita”), o aluminio; materiais que permiten un menor esforzo e un abaratamento de inversión. ¿É de xustiza unha normativa que obriga ó campesiño a utilizar materiais concretos, en principio, de maior custe?

Moitos destes aspectos teñen que ser valorados á hora de pronunciarnos sobre dos cambios producidos na imaxe exterior, e interior, destas construccións. A tradicional imaxe estética -percibida fundamentalmente por aqueles cuxas vivencias apenas teñen relación co mundo rural- variou de modo proporcional á aparición destes novos materiais, cuxa utilización reduciu o esforzo adicado ó mantemento. Por outra banda, moitos dos habitantes destas vivendas amósanse satisfeitos do resultado último; entendido como a evidencia do seu progreso no ámbito do confort e a calidade de vida.

Non é sinxelo, chegados a este punto, dar solucións. Afirmar que a vivenda tradicional galega, entendida dende unha óptica global, é un patrimonio pertencente ó conxunto da sociedade é algo innegábel. Pero tamén o é o feito de que, primeiramente, ten que ser considerada patrimonio de aqueles que a habitan e, ó cabo, a dotan de significados e valores en permanente estado de cambio. Aínda que ¿non será que o que un sector social está pedindo é que non varíe a imaxe exterior destas construccións? Entraría dentro do absurdo que alguén avogase -dende unha concepción básicamente etnológica- por manter as seculares solucións interiores; defendendo a lareira como único foco de calor en periodo invernal, a non presencia de servicios sanitarios, o pozo artesán como único medio de consecución da auga, a desaparición do tendido telefónico, ou o lavado a man das prendas nun lavadeiro cercano. 

Ó meu xuizo, esforzarnos por acadar un camiño intermedio pode ser a solución menos mala. Un intermedio no que ambos grupos se beneficien por igual da presencia e significados de caracter identitario transmitidos por estas construccións. Xa que non é sinxelo asumir que isto pase, necesariamente, por esixir ó campesiño que conserve a súa vivenda dun modo estéticamente correcto para ós demais.

Covas - Vivenda restaurada

Chegado o momento de buscar esa solución intermedia que beneficie a ámbolosdous grupos, primeiramente é preciso incidir no cambio de mentalidade que ten que producirse no campesiño, en relación coa súa vivenda; no senso de chegar a entendela como un obxecto de carácter patrimonial, fortemente valorado pola sociedade á que pertence. Neste proceso de cambio, igualmente, ten que estar presente todo o conxunto da sociedade -se é que realmente o demanda-, significándose dun modo directo na conservación deste patrimonio, coa fin de que esta non resulte gravosa tan só a quen o ostenta -e con toda lexitimidade- como un ben de uso propio. E este camiño nos leva a que, desde a Administración, deberían xestionarse unha serie de axudas económicas -de pronta resolución- encamiñadas á conservar estas arquitecturas do modo en que a sociedade, no seu conxunto, o determine. E só nesta liña poderán esixirse pautas constructivas e materiais determinados. É evidente que se

a sociedade non participa dun modo directo neste proceso conservador non haberá nada que lexitime as súas demandas; cando a pretensión destas está moi perto da obriga ós habitantes do medio rural a convertirse en conservadores altruístas duns museos vivos, cuxa única finalidade é a de alimentar o sentimento purista (relacionado co ego patrimonial) daqueles urbanícolas que deixan no rural o seu tempo de vagar.

E todo isto sen perder de vista que se non se artellan unhas medidas claras e de forte comprensión social, con verdadera finalidad conservadora, esta “casa galega”, cada vez máis escasa, continuará inmersa no proceso de deterioro e incluso de desaparición.

A modo de apunte último, entre os habitantes no rural, hai que mater á marxe o grupo de veciños que teñen neste a segunda residencia, ou que o seu medio de traballo nada ten que ver coas tarefas agrícolas. Neste caso, o nivel esixíbel de conservación por parte do conxunto da sociedade pode, e debe, ser moito maior.

 

<< Voltar