Editorial. Revista nº 3

01/04/2002, Sociedade Cultural Columba

Unha vez mais, e por terceira vez, a Sociedade Cultural "Columba" publica a súa revista có propósito de que este novo traballo sexa do agrado de todos aqueles que se acheguen a nós mediante a lectura deste milleiro de palabras escritas con moita ilusión polos seus autores, por que, en definitiva, trátase de ilusión tamén todo o traballo que estamos a facer nesta Sociedade. Ás veces os obxectivos non se cumpren nos prazos previstos, como é a restauración da ermida de Santa Comba, pero a paciencia parece que deu os seus froitos e no próximo ano 2002 esperamos que a Deputación Provincial da Coruña, poña á disposición do Concello de Ferrol encargado da xestión da restauración, o presuposto aprobado no seu día para acometela.

Moitos de vós fostes testemuña da cata arqueolóxica que se comezou na illa de Santa Comba fai tan só uns meses. Na mesma sé se confirmou o que moitos de nós esperabamos: a existencia de ocupación humana nesta zona dende hai como mínimo vinte séculos.

Como ben di o noso Concelleiro de Cultura, a curiosidade e a ilusión feita case certeza fixeron que un grupo de xente se interesase pola nosa historia, a nosa memoria secular Ese grupo de xente sodes todos vos, todos aqueles que como socios ou colaboradores nos nosos traballos, fixestes e facedes posible que as nosas ilusións se convertan en realidade.

E xa para finalizar, queremos facer de novo referencia á mensaxe do Concelleiro de Cultura Bonifacio Borreiros, a eterna pregunta "de onde vimos, a onde vamos". O pasado está escrito e só nos queda saber interpretalo e aprender del o que nos queira contar, pero... ¿qué quere o pobo de Cobas para Cobas?, ¿onde quere ir? A sociedade Cultural "Columba" segue a crer que é preciso conserva-lo pasado para construílo futuro. Segue a crer en Cobas e nas súas xentes.

<< Volver