Os muiños e o pan

12/04/2008, Xabier Monteiro Graña

No noso empeño en deixar recollida por escrito a tradición neste eido da etnografía como é a cultura material, tratamos o tema dos muíños e da elaboración do pan. Presentamos a construción de dous muíños, iguais no seu funcionamento pero tamén diferentes pola súa ubicación e o aproveitamento do caudal. Un de construción tradicional en pedra, de val en gran pendente e corrente rápida e outro de madeira, en val moito máis chan e corrente mansa. Son os muíños do Valán en Valón e o de Marmadeiro, en Covas.

 

 

Partes do muiño

MUlÑO DO VALÁN – VALÓN – PORTO DO RÍO

O muíño está hoxe cuberto de vexetación, quedan as paredes e falta todo o aparello motriz. Conserva unha das pedras de moer. O río do Valán, que alimenta o muíño, nace nos mananciais dos prados do Porto do Río e Lavandeira (nesta zona antigamente houbo dous lavadoiros). Baixa polos prados, entre unha frondosa vexetación autóctona de ribeira: salgueiros, ameneiros, castiñeiros, carballos, etc. ata a súa desembocadura no mar, no lugar da Cabana. Augas abaixo atópase a fonte do Valán que verte a auga a dito río, e moi preto está o muíño.

 

O Muíño é de boas proporcións, de planta rectangular de 6,70 x 4 m. e 3 m. de altura, feito en cachotería de pedra (granito), coa cuberta a unha soa auga de tella do país. Ten gravadas cruces en ambalas dúas xambas da porta. Na xamba da dereita ten unha marca de canteiro. No lintel aparece gravada a data de construción moi borrosa, que parece poñer 1854 pero non é seguro. No interior á dereita da entrada, ten unha fermosa lareira de 1,30 m. de ancho con cheminea e un pousadoiro para gardar a comida e de seguido, atópase no chan unha das pedras de moer (pe do muiño) de granito de 74 cm de diámetro e 32 cm de groso. Na parede da cara leste ten unha estreita ventá. No exterior pegado o muro, está o cubo de boa fabricación en pedra de cantería de 1,60x1,10 m. A canle que lévalle a auga é tamén de pedra de boa feitura.

 

As cruces gravadas na entrada da porta son simbólicas, teñen unha función aprotopaica de protección, protexen a xente e o pan dos demos, bruxas e malos espíritos. Sabemos que no ano 1890 xa existía. O muíño deixou de funcionar o remate da guerra civil polos anos 40 (1940).

 

No interior é de tipoloxía común dos muíños de auga galegos, dunha soa moa. Estaba formado por un conxunto de pezas que o facían funcionar, estas son: a moega (de madeira e forma trapezoidal) suxeita polos paus da moega e a trabe. A caneta (ou cousela), espita (ou espicela), o tarabelo, a moa (tapa ou capa-pedra de moer que xira), o durminte (pé do muíño-pedra fixa), a segorella e veo (ferro que suxeita a moa para que xire), árbore e vara (eixo do muíño), rodicio (roda que a corrente da auga fai xirar), aguillón, rella, mesa, pau do aliviadoiro e aliviadoiro (pezas que soben e baixan o eixo do muíño). Polo exterior, onde entra o auga, dispón de canle, cubo, canela, e pechadoiro, todo en pedra de granito. O rodicio era de madeira de carballo. (*Datos tomados in situ e da tradición oral familiar en 1973)

 
Maqueta do muió do Valán
Maqueta do muió do Valán

 

Funcionamento.

O gran bótase na moega e sae pola cousela, que o verte no ollo da moa. A moega ten un movemento vibratorio producido por un pau unido á mesma (o tarabelo) que é movido pola moa ao tocar nela, facendo así saír o gran pola caneta entrando no ollo da moa e ó pasar entre as dúas pedras co xiro é triturado, saíndo por entre elas cara abaixo e sendo recollido no chan ou nunha caixa de madeira que logo vai ó saco. A auga que procede do río circula pola canle ata o cubo e sae pola canela (co pechadoiro aberto) con forza, petando sobre as paletas do rodicio producindo o movimento xiratorio que o eixo (árbore) transmite á moa por medio dunha peza de ferro, a segorella. Para regular a presión de triturado súbese máis ou menos a moa co aliviadoiro (tornillo) que fai panca a través da mesa erguendo así eixo e moa. Para regular a caída do gran contido na moega, manipúlase a caneta coa espita e a corrente de auga regúlase co pechadoiro. (Ver figs. 1 e 2 ).

 

O muíño é de proiedade comunal, de varias familias, (muíño de herdeiros). Dereitos de moenda, a obriga do seu mantenemento e os gastos que teñan lugar para o bo funcionamento, repártense por igual entre todos, como por exemplo o picado da moa cada certo tempo, a reparación da cuberta, etc. Cada familia ten uns días determinados para ir moer, que ademais están distribuidos en varias tandas que se reparten entre elas (1 tanda = 24 horas. 1/2 tanda = 12 h.). O seu uso era alternativo, unhas veces tocaba de día e outras pola noite. No muíño do Valán recórdanse as seguintes familias que teñen a propiedade comunal e o dereito sobre o muíño.

 
Familia de José Velo. 2 tandas (Pereiro de Arriba)
Familia de María Vidal Velo. 1 tanda (Pereiro de Arriba)
Familia de Bernardino López. 1 tanda (Pereiro de Arriba)
Familia de Nicolás López. 1 tanda (Pereiro de Arriba)
Aquilino Díaz. 1 tanda (Valón)
Pedro Gómez. 1 tanda (Valón)
Familia de Ramón Vidal Castelo. 1 tanda (Valón)
Familia de Vicente Vidal Castelo. 1/2 tanda (Valón)
Paulino Díaz. 1/2 tanda (Valón)


 

Recollido da tradición oral

O Muíño.- O tío Nicolás ía ó muíño do Valán que era ao que tiñamos dereito, tíñamos unha tanda (24 horas). Cando nos tocaba o turno había que ir moer e ás veces pola noite; así que él collía o saco de gran na casa e saía para ó muíño. Pasaba alí toda a noite moendo e volvía pola mañá coa fariña. O muíño é comunal de varias familias. Cando eramos rapazas a túa madriña e máis eu iamos moer ao muíño do pai de Pura de Calvo na Cabana, (preto da igrexa de S. Antonio). O muiñeiro poñía a andar o muíño, botaba o gran na moega e a fariña ía caendo por fóra da pedra nunha cubeta de madeira e logo botábase no saco. Despois sacaba a “maíca” unha porción de fariña como pago do servicio. O muiñeiro tíñanos moito aprecio porque coñecía a nosa familia. Estes muíños eran de auga pero outras veces tamén levabamos a fariña a moer aos muíños eléctricos, o de Valón, que estaba o lado da fonte, e ó da Malata. Nunca se pagaba con cartos, sempre coa “maíca”. Os muiñeiros logo vendían a fariña. Ao muíño do Valán só tiñan dereito unhas cantas familias do Pereiro, Valón e San Antonio (da Cabana), que eran ademais as encargadas da súa reparación para telo en bo uso picando a pedra e facendo os arranxos cando era necesario. Aproximadamente polos anos 40 (1940) deixouse de moer na nosa casa. Despois xa se compraba o pan na tenda. (Nicolás Vidal Velo. Familia Graña Vidal. Pereiro de Valón ano de 1930. Recollido en 1973)

 

O FORNO E O PAN EN VALÓN

Recollido da tradición oral

Tiñamos o gran cultivado nas nosas terras. Unha vez por semana, cocíase no forno da casa (Casa de María - Pereiro de Valón). Primeiro levabamos a fariña a moer ó muíño, antigamente tamén se moía a man, nun muíño (de man) que había. O pan que faciamos era de mistura, tiña máis cantidade de maínzo, sempre se misturaba o maínzo con centeo e outras veces con avea ou trigo. Nós o que máis facíamos era de maínzo e centeo, porque era bo e saía moreniño, máis fresquiño e sabía mellor. O pan de trigo só se comía o día do “patrón” (S. Román ). Era como comer un doce e ulía moi ben, encargabase a fóra (da casa) a unha señora que viña por estas datas nun carro de cabalo por Valón e Doniños. Deixabámoslle un saco de trigo e nos traía os bolos feitos; tres ou catro. Para recoñecelos viñan cunha marca distinta para cada casa nun papel pegado. As marcas eran “pé de gato e un furado” para unha casa. Pé de gato e dous furados para outra e así, sucesivamente, etc. Non lle pagabamos con cartos. Ela cobraba a “maíca” en fariña de trigo. Ás veces, cando non se podía levar a fariña a moer comprabamos o pan na tenda; un bolo e unha barra que era de trigo moi branquiño. O bolo tiña un cornecho (boliño) no medio.

 

Preparación do forno.- Para quentar o forno había que ter moita leña, sobre todo de toxo, que se traía dos nosos montes no carro e deixábase almacenada no alpendre ou no corral onde estaba o forno. Botábase dentro e prendíase o lume deixándoo quencer durante un bo tempo. Cando as pedras do forno se poñían brancas petábase cun pau sobre elas e se botaban chispas era que o forno xa estaba listo para cocer. Logo quitábase toda a cinza co rodo e varríase ben cun ramo de loureiro ou unha vasoira de xestas para que quedara ben limpo. Despois metíase o pan a cocer.

 

A cocedura, preparación da masa.-Amasabamos a fariña coas mans, enriba da artesa con auga e sal. A auga era temperada para amasar mellor. Botábaselle o “fermento” (levadura). Dabámoslle moitas voltas amasando ben e varios golpes contra a mesa. Despois de amasala tapabámosla cun trapo branco e limpo durante media hora ou algo máis para que levedara. A miña nai deixaba un pouco de fermento para cando se cocera a próxima vez. Despois botábase a masa na “bacía” (ou copeta) e dabámoslle varias voltas para facer a forma do bolo. Cando estaban todos os bolos feitos espolvoreabánse por riba con fariña para que non se queimaran, e logo poñíanse na pa que era redonda e íanse metendo no forno. Diexabánse alí sobre un par de horas. Cociamos catro bolos e unha bola que era máis plana. De cando en vez abríase a porta do forno e mirabase para ver como ía a coción. Cando tiña a cor axeitada sacabanse. A bola plana era a primeira que se comía, nós tomabámosla con leite.

 

Os instrumentos do pan e o forno eran: artesa, bacía (copeta), pa, rodo, galleto e vasoira. (Familia Graña Vidal. Pereiro de Valón ano de 1930. Recollido en 1973)

 

Non está de mais engadir que a conservación do noso valioso patrimonio etnográfico por medio da restauración e laboura de todos.

 

Nota: Os muíños de herdeiros seguen sendo de propiedade comunal según a lei actual en vigor. Lei 2/2006 do 14 de xuño, de dereito civil de Galica, capítulo IV.

 

MUÍÑO DE MARMADEIRO - COVAS

Hoxe o muíño está desaparecido. Era de pequenas dimensións, de planta cadrada. Foi feito en madeira e, posiblemente, sobre unha base de cachotería de pedra. A cuberta era de madeira e tella do país. Estaba situado na parte baixa de Marmadeiro. Foi construído por iniciativa de varios veciños do Prioiro, que xuntándose en comunidade decidiron aproveitar o curso do regueiro que baixa polo campeiro de Marmadeiro (Cano de Marmadeiro). Este muíño era algo singular dadas as características hidrográficas do chan onde estaba ubicado, un lugar moi areoso, de escasa pendente e pouco caudal.

 

Unha vez máis o inxenio dos nosos antigos veciños ponse a proba ideando un muíño de canle (muíño de caz) construído á beira do río, e que consiste en fabricar un azud (azud -do árabe: as-sudd = presa, barrera transversal ao curso da auga) para embalsar a auga, aumentando o caudal, a altura de caída e a velocidade e polo tanto a enerxía cinética é dicir a forza coa que empurra a auga. Para o que tamén foi modificada a canle manualmente estreitándose a medida que se acercaba ó muíño.

 

Esta modalidade de muíño foi inventada polos árabes para aproveitar ríos mansos de pouco caudal e escasa velocidade. Queda así constancia da grande intuición e pericia que tiveron os nosos veciños que tamén se poñera repetidamente de manifesto na construción do muíño de vento e noutros inventos e melloras nas artes de pesca.

 

O aparello de funcionamento que se aloxaba no interior era idéntico a todos os do seu tipo (muíño hidráulico), dispoñendo da moega para recoller o gran, as moas para trituralo, o rodicio co seu eixo que proporcionaba o movemento xiratorio, e demais accesorios de servizo para o regulamento.

 

O muíño traballou poucos anos debido ás dificultades que xurdían no seu aproveitamento. En certas épocas do ano a canle e o cubo, enchíanse de area inutilizando o seu funcionamento e obrigando aos usuarios ó esforzo de estar baleirándoo de area repetidas veces. Tamén a chegada dos novos muíños, os “de fogo” e os eléctricos e a mellora do nivel de vida dos novos tempos fixeron que os muíños de auga do concello se abandonasen na súa maioría.

*(Muíño de caz .- caz – do latín calicem. Canle construído para tomar e conducir a auga dun río ata a roda dun muíño.)

 

Tradición oral recollida en Covas

Aproximadamente no ano 1920 un grupo de veciños do Prioiro uníronse para facer o muíño de Marmadeiro. Recordo de neno ver as dúas pedras de moer, a tapa e o pé e ver o cano como se estreitaba; da edificación xa non quedaban nin restos. Algo máis arriba estaba a auga embalsada onde nacía un bo chorro que era a fonte de Marmadeiro. Algo despois o tío Luís fixo o muíño de vento debido a que xa non chegou a tempo de poder participar na construción do muíño de Marmadeiro. ( Celestino López Leal e Benito López Díaz. Ano 2007, veciños do Prioiro)

 

Recórdanse algúns veciños que participaron na construción e que tiñan os dereitos do uso do muíño: Xacundo, Rogelio Ramos, Valexo, Pastor de Avelina, Tembrás e Ramón.

 

O muíño de auga estaba a carón do regueiro en Marmadeiro, era unha caseta pequena de pedras e madeira co tellado de tella do país. A auga estaba represada e saía por un rego que entraba no muíño movendo o rodicio. Cando veu o muíño de fogo de Serantes abandonouse. Era de varios veciños pero o tío Pastor de Avelina era o cabeciña, o que máis dereito tiña. Despois del os que máis (tanda) tiñan eran os de Tembrás. O reparto da moenda era por ”tandas”, con media tanda moías hoxe todo o día ou toda a noite (12 horas). Moíase cada oito ou cada quince días. Cando o muíño ía moi plano ou moi aplastado e non moía ben, había que picar a pedra. Tiñas que pagar a un home (un canteiro) para picalo. Pagábase entre todos os que o usaban, 1 peseta, e saía a 1 real cada un. Cada 15 días máis ou menos había que picar.

 

Cando eu era pequena os do Prioiro tiñan os dereitos. O tío Ramón tiña unha tanda enteira (un día e unha noite, 24 horas), ía moer un día completo e durante toda a noite o muíño viraba e traballaba só, alí pola noite non quedaba ninguén. Si tiñas moito gran que moer porque botaras unha leira grande, pagabas e arrendábanche unha parte que sumada a túa tiñas máis parte, e podías moer máis tanda.

 

Cando tiñamos que moer, collías o saco ó lombo e iamos moer ós muíños de Esmelle onde había varios, ou moías na casa no muíño de man, con ese muíño que ti viches na casa. Despois iamos moer a Serantes cando veu o muíño de fogo. No inverno iamos moer a Esmelle pero en verán iamos moer ás "Aceas" a Narón. O que tiña unha besta levaba unha saca moi grande, e o que non, moía á moa (á man na casa).

 

Botábase o gran para medilo no ferrado, e no couselo para moelo, e pagabas a "maíca" que era unha parte do gran que levabas e que se botaba no ferrado para o muiñeiro. Cando eu me casei o meu home fixera un muíño de man dun bastidor dunha ventana.

 

Cando moiamos á man, o gran íase metendo presiña a presiña polo furado que ten a moa. Metías unha presa e dábaslle voltas coa carabilla. Cando estaba moída volvías meter outra presa. A tapa ten uns rebaixes e por eles ía saíndo a fariña. Despois, cunha vasoira, varrías, e de seguido, peneirabase para logo amasala e facer unha bola de pan. ¡ Que non volvan aquelas cousas!

(Sra Cristrina e varios veciños de Covas)

 

Xabier Monteiro Graña. En Covas – Ferrol , 2007

<< Volver