"Todo ven polo mar" (Unha brevísima reflexión xurídica sobre o sobordamento)

12/04/2008, José Manuel Carballeira Vázquez

Nos nosos días estamos afeitos a consumir bens ou productos procedentes dos máis diversos lugares do mundo. É unha das consecuencias do fenómeno da globalización. Por exemplo, calquera de nós pode mañá mesmo acudir a un supermercado e mercar Kiwis de Nova Zelanda, bananas de Centro América ou pescada dos fríos mares austrais, traidos deses remotos lugares en avións ou en xigantescos contenedores en cuestión de días ou de horas.


Pero, como saben os nosos maiores (e os que non o somos tanto), non sempre foi así. Sen ir máis lonxe, seguramente algún dos que estean a ler estas liñas probou por primeira vez algún producto exótico -por exemplo, un coco- non por adquirilo nunha tenda senón gracias á acción do mar bravío que baña as nosas costas, transitadas por navíos de máis ou menos porte dende hai xa miles de anos. Dixen ben: miles de anos, dende os tempos dos fenicios, pero con toda certeza xa antes as xentes neolíticas tamén sucaban estas augas coas súas rudimentarias naves, quen sabe se con destino ás Illas Británicas e outras fins do mundo atlánticas.


Así, coñecemos episodios de naufraxios, embarrancamentos ou afundimentos de barcos que deixaron o seu tributo de vidas humanas e que, ás veces, tamén salpicaban as nosas costas con efectos procedentes deses accidentes, arrastrados pola acción combinada das ondas e das mareas. O escritor Manuel Rivas fala de que, aló polos anos 20 do século pasado, na Costa da Morte apareceron uns botes cunha "pintura" branca coa que os veciños de certa aldea de Camariñas pintaron os marcos das súas portas e fiestras... e que atraían sospeitosamente ás moscas nos verán. Esa pintura branca non era senón leite condensado, producto descoñecido na Galicia daqueles anos. Outras veces podían ser tablóns de madeira, ou calquera outra cousa que, sobre todo en épocas de escaseza ou mesmo miseria, axudaba á economía doméstica dos que habitaban na beira do mar. Eran tempos duros, e todo era aproveitable.


Malia todas estas penurias, existía -existe- un código ou lei non escrita que rexía á hora de atribuír ese obxecto chegado do mar a un paisano determinado, atribución que era respectada polos outros veciños sen maior discusión. E a figura que o posibilitaba era o feito de sobardar eses productos polo primeiro que os avistase na beiramar. A esta fermosa institución dedicarei estas modestas liñas desde a unha perspectiva xurídica.


* * *


A Lei 60/1962, de 24 de decembro, co seu Regulamento aprobado por Decreto 984/1967, de 20 de abril, regulan os auxilios, salvamentos, remolques e, o que ven ó caso agora, os achados e extraccións marítimas. Malia estaren en vigor, trátanse de normas estatais de carácter preconstitucional que aínda perviven e son plenamente aplicables para a definición do réxime xurídico dunha interesante figura do noso Dereito consuetudinario sobre a que tratarei de enxergar unha brevísima reflexión xurídica, a suxestión do meu amigo e activo membro da Asociación, Xoan C. López Hermida.



1. CONCEPTO DE SOBARDAMENTO.

Dende o punto de vista puramente gramatical, e sorprendentemente, non aparece sobardar no diccionario da RAG en liña nin na edición impresa. Tampouco aparece no diccionario Xerais nin no de Do Cumio. Non aparece na Enciclopedia Galega Universal nin na Gran Enciclopedia Galega. Polo tanto, a palabra parece non ter carácter normativo (!) na nosa lingua. No único diccionario no que se pode atopar a palabra sobardar é no diccionario en liña Estraviz, http://www.agal-gz.org/estraviz/ (que segue a normativa AGAL), onde aparece con esta acepción:
Sobardar v. tr. (1) Transpor, ultrapassar, superar. (2) Transbordar, saír dos límites de: o leite sobarda o caço.


Sen embargo, no contexto en que nos atopamos, aventurándonos a propoñer unha acepción do sobardamento, poderíamos dicir que é o feito de afastar ou retirar da liña de preamar uns determinados obxectos ou efectos atopados por un suxeito (é dicir, un achado) depositados pola acción do mar na beira da costa, procedentes dalgún buque que transitara pola mesma e os perdera accidentalmente con ese motivo. A persoa que sobardara estes obxectos dese xeito subtraeríaos da acción das mareas e ó tempo salvagardaríaas da apropiación por parte doutras persoas, adquirindo xa que logo unha expectativa de apropiación dese achado, nos termos que logo veremos.


Deixando para mellor ocasión as seguramente interesantes connotacións antropolóxicas desta figura, sen dúbida importante en tempos de crise e carestía xeneralizada, atreveríame modestamente a aventurar dúas características interesantes da figura dende o punto de vista xurídico:

1ª) O sobardamento sería, na miña opinión, un uso ou costume, e polo tanto gozaría da consideración de fonte do Dereito civil (neste caso, do Dereito civil de Galicia, segundo o artigo 1.1 do Código Civil, e 1 e 2 da Lei 2/2006, de 14 de xuño, do Dereito civil de Galicia).

2ª) O sobardamento sería un costume vixente e polo tanto apto a efectos da adquisición a título de propiedade dos bens ou efectos achados, polo seu carácter de costume notorio, tamén segundo a Lei do Dereito Civil de Galicia.



2. RÉXIME XURÍDICO DO ACHADO.

As normas anteriormente mencionadas falan do réxime xurídico dos achados, do que a acción de sobardar pode constituír o antecedente máis inmediato. Así, os artigos 19 e concordantes da Lei e o regulamento prevén que o que atopase cousas abandonadas na mar ou arroxadas por ela na costa que non sexan producto da mesma deberá poñelas á disposición da autoridade de Mariña no prazo máis breve. A mesma obriga terá o que extraese casualmente cousas afundidas ou o faga inmediatamente despois de tales descuberto.


As cousas atopadas serán entregadas ó seu propietario cando este compareza e acredite o seu dereito de propiedade, previo pago dos gasto e do terzo do valor das cousas atopadas. Se transcorrido o prazo de seis meses non se tivese presentado o propietario e o valor en taxación da cousa non fose superior a 10.000 pesetas (uns 60 euros), entregarase ó que a atopara, previo pago dos gastos. Cando o valor de taxación fose superior a 10.000 pesetas o suxeito que atopara cousa terá dereito a esta suma e ademais a unha terceira parte do exceso que sobre as mesmas se obtivera na poxa. O remanente ingresarase no Tesouro.


Os preceptos destas normas non son aplicables:

1. Ós buques e aeronaves abandonados na mar e os seus cargamentos.

2. Ós efectos arroxados á mar para alixeirar o buque ou aeronave en caso de perigo, cando foran salvados inmediatamente.

3. Ás cousas que, pola súa natureza ou por preceptos legais, estean exceptuadas do libre comercio, as cales se rexerán polas disposicións especiais sobre a materia.


Nos casos previstos nos apartados 1 y 2 aplicarase o disposto en canto a auxilio, salvamento ou remolque, no seu caso, nestas mesmas normas.


Sen prexuízo do disposto anteriormente, o Estado adquirirá a propiedade de calquera buque, aeronave ou obxecto afundido, salvado ou achado cando o seu propietario faga abandono dos seus dereitos ou non os exerza nos prazos seguintes:

a) Buques ou restos de buques afundidos, ó tres anos do afundimento.

b) Nos demais casos, ós seis meses da promulgación dos edictos ós que posteriormente nos referiremos.

c) En canto ás aeronaves e os seus restos, observaranse as normas e prazos sinalados na Lei de 21 de xullo de 1960, relativa á Navegación aérea. Interromperanse estes prazos no momento en que se solicite a extracción e se inicie esta no prazo concedido para a mesma, volvendo a correr novamente se se suspenden os traballos, ou ó finalizar os prazos concedidos pola autoridade competente. A autoridade de Mariña, unha vez adxudicados os efectos, poraos á disposición da Facenda Pública.


3. O EXPEDIENTE DE ACHADO.

A autoridade local de Mariña instruirá para cada caso de achado un expediente que se iniciará a través de parte escrito consignando cantas circunstancias relacionadas co mesmo podan contribuír á mellor instrucción do oportuno expediente, todo dentro das 24 horas do achado, e adoptará as medidas oportunas para o depósito dos efectos atopados, dando conta inmediata á autoridade xurisdiccional correspondente.


A tales efectos, se o valor do achado, segundo taxación oficial, é inferior ás 10.000 pesetas, publicarase o achado no taboleiro de anuncios, e se fora superior a dita suma publicaranse edictos no Boletín Oficial do Estado, inseríndose tamén nun xornal da provincia, se o Xuíz o considera oportuno pola importancia do expediente.


A autoridade de Mariña solicitará de quen deron o parte cantos datos complementarios estime convenientes para a propia finalidade, e expedirá para a súa entrega ós interesados documento acreditativo do cumprimento daquela obriga e procederá a adoptar as medidas oportunas para o depósito dos efectos achados celando pola perfecta conservación dos mesmos en canto sexa posible, e dando conta inmediata á autoridade xurisdiccional correspondente.


A tramitación do expediente incluiría unha fase de instrucción polo Xuíz instructor, iniciada mediante o parte escrito mencionado, e incluiría a publicación de edictos nos xornais oficiais correspondentes en función do valor do achado, a recepción das declaracións que se consideren oportunas e a práctica de cantas dilixencias se estimen pertinentes para garantir os dereitos do achador e dos propietarios.


Se as cousas achadas puideran sufrir deterioracións graves ou risco de perda, o Xuíz instructor poderá proceder á venda daquelas no xeito que as circunstancias aconsellen, se antes non se tivera presentado persoa que acredite o seu dereito sobre as mesmas para facerse cargo delas.


Transcorrido o prazo de seis meses dende a publicación dos edictos sen comparecer o propietario e o valor do achado non fora superior a 10.000 pesetas, entregarase ó achador, previo pago dos gastos, deixando constancia no expediente do expresado pago, para o cal o Xuíz instructor notificaralle o valor do achado e sinalará o prazo de quince días para o abono dos gastos. No caso de que o achador non aboase os gastos ocasionados ou fixera expresa renuncia das cousas achadas, considerarase que fai abandono dos seus dereitos. O instructor elevará neste caso o expediente á Autoridade xurisdiccional, para que poida acordar que sexan postos á disposición da Delegación de Facenda respectiva. Tamén pode suceder que esta renunciara a facerse cargo deles, polo que o Xuíz proverá en definitiva en canto ó destino dos bens.


Para as valoracións previstas, cando non sexan de notoria apreciación, utilizaranse os coñecementos periciais de funcionarios de calquera dos tres exércitos residentes na localidade, e a falta destes, de Peritos taxadores.


No caso de que o valor do achado excedera de 10.000 pesetas, o Instructor elevará o expediente á Autoridade xurisdiccional, que decidirá a venda en poxa pública dos bens achados, os cales non poderán ser adxudicados en menos de 10.000 pesetas.


Unha vez realizada a venda dos efectos en poxa pública e aprobada pola Autoridade xurisdiccional a súa adxudicación definitiva, o Instructor practicará a liquidación correspondente para dar fin ó expediente, na que se acreditará en primeiro termo o abono dos gastos habidos para, co remanente, proceder ó pago ó achador do valor dos bens, incrementado nunha terceira parta do exceso que se obtivera na poxa, ingresándose o remanente no Tesouro. De todo se deixará constancia nas actuacións.


Se a poxa non dera resultado, a Autoridade xurisdiccional acordará a posta á disposición da Delegación de Facenda.


Cando o achado se realice por unha embarcación ou aeronave, o premio asignado pola Lei repartirase entre os membros da tripulación en proporción ós seus respectivos soldos base, agás que houbera estipulación en sentido contrario entre ela. Nesta caso xa escapamos do límite estricto do sobardamento.


Nesta clase de expedientes poderán interporse os recursos previstos na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento administrativo común, que non terán efecto suspensivo, agás que a execución ou resolución recorrida poida producir prexuízos irreparables, a xuízo da Autoridade que os resolverá.


Para rematar, gustaríame insistir no carácter esencialmente formalista desta pequena incursión por esta fascinante figura. Deixo para os eruditos o verdadeiramente interesante da mesma que, como dixen antes, considero que son as connotacións históricas, sociolóxicas ou antropolóxicas, por non mencionar mesmo as literarias.




José M. Carballeira Vázquez

Licenciado en Dereito.

Funcionario da Admón. do Estado

<< Voltar