Topónimos da beiramar de Covas

04/05/2007, Henrique Dacosta López

TOPÓNIMOS DA BEIRAMAR DE COVAS

No artigo de dous números atrás deixabamos apuntada a idea de poder abordar a toponimia mariña da nosa aldea, motivo este que, aclaramos, precisaría ser tratado en ocasión máis oportuna. Dada a abundancia de talasónimos —termo que empregaremos de agora en diante para nos referir aos topónimos de mar—, resultaba evidente que sería demasiado extenso de contar en “Sobre topónimos de auga e algo máis” que estabamos a estudar nese momento. Logo, ha de ser no noso artigo de hoxe cando nos deteñamos a analizar a devandita toponimia e, aínda que igualmente relativa á auga, desta volta referente á auga do litoral.

A nosa parroquia é obvio que ocupa un importante tramo de costa. Os extensos e indómitos areais de Ponzos ou de Santa Comba ábrense para norte, e os máis pequenos e recollidos do Vilar, do Praisal ou das Penas da Salsa fano para oeste, entrementres, e no medio deles, é o cabo do Prioiro quen o fai. En consecuencia, uns cantos quilómetros de litoral e, en suma, un bon número de talasónimos, como non había de ser menos. Praias, puntas, penas, illas e illotes, ribeiras, insuas, furnas e radas, lugares todos eles á vista; e baixíos, posturas ou marcas, foxos e laxes que ou ben pertencen á orografía submarina, e non se ven, ou ben se trata de coordenadas, referencias que os pescadores toman ou tomaron tradicionalmente para as súas faenas.

Non temos dúbida de que habemos de deixar talasónimos no tinteiro. Non temos dúbida tampouco de que até poida existir algún outro talasónimo, non coñecido por nós, que faga parte do segredo, a marca ou postura particular que alguén teña tomada para a súa pescaría, privilexio, xa que logo, duns poucos. E algúns deles mesmo formarán parte do acervo familiar, pasado en herdo coma se de partillas se tratase, e transmitido de pais a fillos. (A este respecto, de seguro que nos ha de gardar segredos máis que abondos o que xa se deu en chamar polos percebeiros co nome do Xardín Florido, no treito comprendido entre Pantín e Ferrol ou, dito doutro xeito, no coñecido como Costa do Vendaval.)

Mais xa entrando de cheo nos talasónimos concretos da nosa aldea, faise preciso que aclararemos que uns vinte e seis se nos manifestan opacos, e algúns até absolutamente indescifrábeis1. Serían os tales talasónimos opacos, en oposición a aqueloutros manifestamente transparentes, isto é, que teñen significado na lingua común e está recollido o seu significado nos dicionarios, os seguintes2: (O) Batufal, (Os) [Carreiros] Dabla, (O) Coi, (O) Coi [Castelar], (O) Coi [Fendido], Donares, (A) [Entrada da] Longra, (A) Escaboada, (A) Esparradela, (A) Guinchueira, (A) Lopesa, (O) Noco, (A) Parrugueira, (A) Pateira, (A) Peada, (O) Penderadoiro, (O) Pitillón, Ponzos, (O) Praisal, (A) [Punta] Sela, (A) [Punta] Soforno, (A) [Punta] Xarrido, Sartaña, (Os) Sorribos, (O) Treiteadoiro, (A) Ventureira. Con todo, e a custo de barallarmos algunha hipótese certamente errónea, pero que haberemos de arriscar, existen seis acerca dos cales non poderiamos aventurar ningunha teoría sequera. Son estes: (Os) [Carreiros] Dabla, Donares, (A) Escaboada, (A) Lopesa, (O) Noco e Ponzos.

 

1. (O) Batufal:
A raíz deste talasónimo, Bat-, é posíbel que teña que ver co verbo bater (< latín BATTUERE ‘bater’). O sufixo -uf-, podería estar relacionado co mesmo sufixo -ux- e -ex- que podemos observar en verbos como batuxar, cantaruxar, padexar, cacarexar, etc. que comportan o significado (matiz) dun acto repetitivo, durativo, etc. O último dos sufixos, -al, podería ter relación coa idea de lugar onde hai grande concentración de algo, neste caso do que se “batufa” ou “batuxa”, isto é, a auga do mar, talvez a escuma que se forma habitualmente.

 

2. (O) Casquizo:
Probabelmente proceda do verbo latino vulgar *QUASSICARE ‘cascar, quebrar, escachar’, de onde sae o substantivo casca, ao que se lle engade o sufixo latino -ICIU específico para designar materia. Esta postura ou marca, situada á entrada da Cova, se cadra estea relacionada coa idea de que houbese en terra moita pedra solta á vista, lugar este sobre o que se tomaría desde o mar a referencia para pescar. É interesante tamén sinalar que en varios dicionarios se recolle o verbo encascar co significado de ‘tinxir as redes de pescar cunha infusión de cortiza de carballo, piñeiro ou salgueiro’, ‘tinxir as velas das embarcacións para que se conserven mellor’, polo cal tampouco desdeñamos totalmente dita hipótese.

 

3. (O) Coi, (O) Coi [Castelar], (O) Coi [Fendido]:
Non albergamos dúbidas con respecto ao primeiro dos elementos, Coi, común a estes tres distintos talasónimos, e a pesar de que non estea recollido nos dicionarios. Si recollen estes, non obstante, a palabra plena coio, cuxa variante, tamén na nosa zona coñecida, sería a de croio, entrementres en zonas do litoral sur de Galiza empregarían a forma con. Coi, por tanto, é forma apocopada ou abreviada de coio. A procedencia desta palabra tanto podería estar no céltico crodio ‘duro’, como no preindoeuropeo *kon, *kun ‘rocha; outeiro”. Debemos sinalar que o topónimo O Coio, coa forma plena, témolo como nome dun monte e pedra xunto ao Río do Faro. Canto ao adxectivo que acompaña ao terceiro destes tres talasónimos, e dado que é transparente, tampouco alberga dúbidas, pois fai referencia ao feito de estar rachado, quebrado ou agretado. Porén, non podemos asegurar o mesmo para Castelar, pois descoñecemos se actuaría como unha sorte de símil coa ‘parte do xugo que no bordo superior sobe un pouco sobre o nivel normal para termar do loro’, palabra esta que pertence ao noso léxico común, ou que teña que ver, polo contrario, cun nome propio, apelido de persoa, nome dun barco, etc.

 

4. (A) [Entrada da] Longra:
O elemento non transparente do talasónimo, Longra, provén sen dúbida do latín LONGA- ‘longo en lonxitude’, facendo referencia á pequena rada do mesmo nome sita ao oeste do faro e que contaría con estas características.

 

5. (A) Esparradela:
O verbo esparrar fai o adxectivo esparrado, que, por súa vez, engade o sufixo diminutivo –ela. O tal adxectivo contén o significado, entre outros, de ‘tendido no chan’. A súa procedencia estaría no substantivo parra (> xermánico ou prelatino *parra ‘cercado’). As palabras (verbos) desta familia léxica como parrar, aparrar, esparrarse, (des)par(ramarse), ou o adxectivo substantivado parrado, expresan un matiz significativo de ‘espraiar, espraiamento ou expansión do sentido de largura ou anchor, mesmo de accidentes xeográficos3, unha vez alcanzaron unha certa altura, co que producen algúns o efecto de quedaren achicados’.

 

6. (A) Guinchueira:
De seguro que a raíz deste talasónimo, Guinch(u)-, ten que estar relacionada coa palabra común do noso léxico, e de orixe descoñecida, guincho ou guicho, que designa ‘algo agudo, puntiagudo e saliente, mesmo un gancho’. A esta raíz engádeselle a raíz –eira, cuxa idea sería a de marcar intensidade ou dar un matiz de aumento ao que di a raíz. Así pois, trataríase dunha pena con forma de gancho.

 

7. (A) Parrugueira4:
Trátase dun talasónimo pouco claro. Dunha parte, e como apuntamos para A Esparradela (cuxa raíz estaría en última instancia ligada co substantivo parra), unha hipótese sería ligalo co vocábulo parga, de etimoloxía descoñecida, e co significado, á parte doutros, de ‘monte de palla ou trigo disposto de tal forma que o gran fique resgardado da chuvia ou, o que é o mesmo, unha meda’. (Recordemos a este respecto o talasónimo O Medote, metáfora aplicada a unha rocha con similares características canto á forma.)

Outra hipótese distinta sería a de relacionala co vocábulo pargo, ou sexa, ‘relativo a certa especie de peixe’, da que tirariamos unha suposta *Pena Parrugueira.

O sufixo –eira tería a calidade de atribuír intensidade ou aumento á raíz, tal e como vimos no topónimo anterior.

 

8. (A) Pateira:
Achámonos de novo diante dun talasónimo pouco claro. Caso de remitirnos ao vocábulo existente no léxico común ou, recollido nos dicionarios polo menos, comportaría, entre outros, o significado de ‘pedra para tapar o forno’, ‘lugar ou espazo en que se recolle o lume na lareira’, ‘burato onde están as pombas ou os seus niños’, ‘especie de gaiola en que se gardan os capóns durante a ceba’. En certo sentido, a palabra podería vir a significar que o lugar tivese algún xeito de concavidade.

Distintamente, e sabendo que moitos destes talasónimos remiten á idea de pedra ou pena, se ben omitíndoa nalgúns dos casos ([Pena/Pedra] Guinchueira/Parrugueira/Pateira...), tampouco sería moi descabelado poder pensar na hipótese de que fose unha sorte de adxectivo, [Pena] Pateira, que tivese a ver cunha certa abundancia de pateiros ou patexos, isto é, referente a eses ‘cangrexos de corpo chato e patas planas, coas posteriores acabadas en forma de pequenas pas’.

Tanto nun caso como noutro, quérese dicir, para as dúas hipóteses baralladas, pateira e pateiro teñen, así mesmo, unha orixe descoñecida.

 

9. (A) Peada:
Unha posibilidade é que poida proceder da palabra pé (>latín PEDE), á que se lle engadiría o sufixo –ada, referente á marca feita cun instrumento, neste caso o propio pé; quérese dicir, trataríase dunha pegada, o vestixio deixado por un pé.

Cabe recordarmos tamén que do latín PILARE se extrae o nome peares (teñamos en conta o topónimo, por exemplo, Os Peares, na provincia de Ourense), o cal designaría un ‘antigo conxunto de pedras ou piares que, colocados en leitos pouco profundos, servían para vadear ríos’. É vocábulo aínda vivo e recollido nos dicionarios.

 

10. (O) Penderadoiro:
Difícil talasónimo, pero que talvez poidamos remitir ao verbo pender (5. Trataríase dun lugar en que se exerce a acción de pender, colgar ou inclinar por tanto.

Topónimos da Beiramar de Covas - O Penderadoiro

 

11. (O) Pitillón:
A raíz deste talasónimo, Pit-, de certo que ha de ser a mesma que a da voz petón, existente no léxico común e, xa que logo, recollido nos dicionarios, ao igual que presente na nosa toponimia mariña, O Petón, coído ou ribeira próximo da Cova. A palabra petón alude á ‘punta ou extremo dunha pedra, ou ben a unha rocha de cabeza redondeada mergullada no mar’. Procedería do verbo petar (<*PEDITARE

12. (O) Praisal:
É probábel que este talasónimo teña como procedencia a voz latina PARADISU- (paradéisos) que indicaba ‘herdade ou parque fechado’. Seguramente que da idea metafórica das paredes, da sorte de recinto murallado que semella a praia, rodeada por paredes de rocha, sería que procedería o sentido orixinario. O sufixo –al marcaría a idea ou matiz de relación ou pertinencia co *paraíso.

 

13. (A) Punta Sela:
O segundo elemento deste talasónimo, Sela, procedería dun latín vulgar *SALELLA. Os topónimos Sa, Sas, Saa, Zas, etc. procederían do xermánico *sala que remite á idea de ‘casa cunha única estancia’, ‘residencia particular de godos libres’6. Existe, aínda, unha segunda palabra xermánica *sala, a cal significa ‘xeración’, pero tamén ‘colleita nova, brote, renovo, abrocho’.

 

14. (A) Punta Soforno:
Non cabe dúbida que o segundo elemento da composición deste talasónimo ten que ver coa palabra latina composta *SUBFORNU, isto é, ‘debaixo do forno’. Non se desdeñaría a posibilidade, se así nolo confirmasen as fontes arqueolóxicas, da existencia (por riba desta punta, claro está) dun forno, se cadra dedicado a actividades relacionadas coa industria baleeira.

 

15. (A) Punta Xarrido7:
A xulgar por topónimos semellantes, Os Sarridos/Zarridos, é probábel que o segundo elemento do noso talasónimo teña idéntica procedencia. Viría do latín vulgar *CIRRITUS (

16. Sartaña:
Parece ser que este talasónimo procedería do latín SARTAGINE8 ‘tixola ou sartaña’, talvez pola fisonomía que o lugar poida suxerir con respecto a este obxecto.

 

17. (O) Treiteadoiro:
Achámonos diante dun talasónimo complexo. É clara a sufixación, -doiro, explicada xa para o caso do Penderadoiro, e presente noutros talasónimos e topónimos da nosa aldea como (O) Cociñadoiro, (O) Crebadoiro e (Os) Crebadoiros, (Os) Paridoiros, e Foutadoiros. A raíz da palabra suxírenos un verbo *treitear (o sufixo –doiro está sempre feito sobre un verbo), coa desinencia –ear, típica dos verbos frecuentativos, durativos. Unha posta ou treito referiríase ao lugar acoutado polos mareantes ou mariñeiros para botar as súas redes. A palabra treito procede do latín TRACTU-, participio do verbo TRAHERE ‘arrastrar’. Podería ser, por tanto, un lugar acoutado para arrastrar o aparello.

 

18. (A) Ventureira:
Procede, sen dúbida, de VULTURARIA, derivado do latín VULTURE ‘voitre’. Literalmente sería, de existir no léxico común, algo así como *voitreira, ‘lugar apto para ou abundante en voitres’.

 

Unha vez feita esta pequena aproximación, e sempre armados da maior das cautelas (pois estamos a xogar con hipóteses, xamais con afirmacións categóricas), será cando pasemos a unha segunda parte no noso breve estudo. Tratarase de acomodar os restantes talasónimos, transparentes9 eles, estabelecendo unha sorte de clasificación por campos semánticos. Velaquí, pois, a nosa clasificación:

1) Zootopónimos (topónimos referentes a animais):
(O) Aguiúncho, (A) Besta, (Os) Cabalos, (As) Cabras, (O) Cabrón, (O) Corveiro10, (A) [Furna dos] Cas, (O) Gaivoteiro, (O) Muñato, (Os) Porcos, (A) [Punta dos] Páxaros, (A) [Pena da] Vaca, (A) Ventureira11, (O) Xurelo.

 

2) Orotopónimos (topónimos referentes á orografía ou relevo):
(Os) Aguillós, (O) Baixío [de Milhomes], (Os) Baixíos [dos Delgados], (A) Boca da Furna, (O) Coi12 [/Castelar/Fendido], (O) Coído, (As) Cornudas, (A) Cova, (O) Eirado, (A) Entrada da Longra13, (A) Furna [de Topete] 14], (A) Furna [de Xan Doce]15], (A) Furna [dos Cas], (A) Guinchueira16, (A) Illa [de Fóra], (A) Illa [de Santa Comba], (A) Laxe da Cova17, (As) Laxes, (O) Medote, (A) Pedra Alta, (A) Pedra Branca, (A) Pena Maior, Pena Roiba, (A) Pena do Inferno, (As) Penas da Salsa, (O) Petón, (A) Pía, (O) Pitillón18, (O) Praisal 19, (A) Punta Branca, (A) Punta da Longra, (A) Punta Sela20, (A) Punta Soforno 21, (A) Punta Xarrido 22, (A) Punta [da Aburrida], (A) Punta dos Foxos, (A) Punta [dos Páxaros], (A) Ribeira [de Evaristo], (O) Seixo, (Os) Sorribos 23.

 

3) Fitotopónimos (topónimos referentes a nomes de plantas, tipos de cultivos, bosques, etc.):
(O) Canizal.

 

4) Etnotopónimos (topónimos referentes a un pobo determinado):
(As) Castellanas.

 

5) Haxiotopónimos (topónimos referentes a santos):
Santa Comba24, (A) [Illa de] Santa Comba.

 

6) Topónimos referentes a construcións, edificacións, vías de comunicación, fundacións:
(A) Carreira Nova/Vella, (Os) Carreiros [Dabla], (O) Paso do Muro, (O) Porto, (O) Porto Vello, (Os) Proxectores25, (O) Río do Faro, (As) Travesas.

 

7) Topónimos referentes á tipoloxía do solo:
(O) Casquizo26, (O) Roibo, (As) Lodadas, (A) Ferruxeda.

8) Topónimos referentes a diversos tipos de industrias e/ou actividades, e/ou lugares aptos para algo, ou abundantes en algo:
(Os) Baleeiros, (O) Cociñadoiro, (As) Hortas27, (As) Percebelleiras, (Os) Paridoiros, (A) Parrugueira28, (O) Treiteadoiro29.

 

9) Topónimos que fan referencia a elementos ancedóticos, episódicos, etc.:
(O) [Baixío de] Milhomes, (Os) [Baixíos dos] Delgados30, (A de31) Baltasar, (As do) Vendaval32, (A da) Vella33, (A) Fragata, (O) [Coi] Castelar34, (A) [Furna de] Topete35, (A) [Furna de] Xan Doce36, (A) [Ribeira de] Evaristo37.

 

10) Topónimos con referencia a elementos abstractos:
(A) Aburrida, (O) Aire.

11) Topónimos que fan referencia a elementos metafóricos, accións que realiza o mar, cualificativos diversos, etc.:
(O) Batufal38, (Os) Batufales, (O) Crebadoiro e (Os) Crebadoiros, (O) Crego, (O) Frade, (O) Fuciño do Pozo, (A) Miniña39, Sartaña, (O) Solleiro40.

 
Topónimos da Beiramar de Covas - Os Batufales

 

 

Para irmos xa concluíndo, e co fin de apuntar unha breve estatística, é útil observar que os orotopónimos ocupan o maior número de voces na listaxe que aquí recollemos. Parece lóxico pensar que o relevo, as formas que adopta o terreo teñan que ser as de maior presenza para designar lugares referentes ao litoral, como así é. As puntas, as enseada ou radas, os entrantes e buratos diversos, etc. que traballa o mar ou están próximos del así nolo veñen a confirmar. Tamén, e aínda que en menor medida sexa, son abundantes os zootopónimos. Lóxico pensar en que hai aves que aniñan ou que acostuman a pousar en penas, ou outros puntos que foron designados deste xeito a través dalgunha metaforización ou símil con algún animal que alguén imaxinou pola súa forma. E por último, e xa para rematar, é curioso observar que o anecdótico —nomes propios de persoa e alcumes son o motivo dalgúns talasónimos— asoma cunha certa frecuencia, tal é o caso de Topete41, por exemplo, popular personaxe do primeiro cuarto do século pasado, que mesmo aquí é motivo para dar nome a unha furna. Recoñezamos, pois, a facilidade e destreza para impor nomes por parte dos nosos predecesores, alén da aguda ollada e capacidade de observación, unha forma máis de comprender que unha lingua non é só e exclusivamente un vehículo para nos comunicar, senón tamén unha forma de saber interpretar o mundo.

 

 

________________________

1 Os talasónimos recollidos, en total, sobrepasan a centena..

2 Destacamos en letra negriña, neste momento, o elemento ou elementos de carácter opaco.

3 O topónimo Parga parece ser que estaría relacionado con esta idea.

4 Na parroquia de Santa Uxía de Mougás, no concello de Oia, encontrámonos co talasónimo A Parrumeira, alusivo a unha pena ou laxe no mar, pegada a terra case.

5 Cf. con (O) Crebadoiro e (Os) Crebadoiros, (O) Cociñadoiro, etc.

6 Poderiamos confrontalo cos vocábulos latinos VILLA, VILLARE, CASALE, PALATIU-, pois todos eles remitirán á idea de habitación, lugar onde se habita, poboación, etc.

7 Na parroquia de San Miguel de Viladesuso, no concello de Oia, existe un talasónimo (O) [Puntal de] Serrido, topónimo igual ao noso, aínda que algo distinto na súa evolución desde o latín vulgar.

8 Na mesma parroquia de San Miguel de Viladesuso, citada na nota anterior, existe o talasónimo (O) [Puntal de] Sartaxes, nome este que se nos antolla procedente deste mesmo étimo, pero con evolución algo distinta.

9 Recordemos a este respecto o que xa tiñamos apuntado nun anterior artigo noso “Unha pequena cata na toponimia de Covas”. Así mesmo, aproveitaremos para engadir nesta clasificación algún outro dos talasónimos acabados de estudar, os non transparentes, se ben con todas as cautelas ao estarmos a falar de solucións hipotéticas canto ao seu significado último.

10 Existen dous Corveiro. Un que é unha punta á esquerda da Cova. Outro que é unha ribeiriña ao pé do Río dos Caínzos.

11 Talasónimo non transparente que incorporamos.

12 Id anterior.

13 Id anterior.

14 Nome propio, episódico talvez.

15 Id anterior.

16 Talasónimo non transparente que incorporamos.

17 Postura ou marca á entrada da Cova.

18 Talasónimo non transparente que incorporamos.

19 Id anterior.

20 Id anterior.

21 Id anterior.

22 Id anterior.

23 Id anterior.

24 Estariámonos referindo aquí á praia.

25 Postura ou marca que toma como referencia os túneles da batería.

26 Talasónimo non transparente que incorporamos. Trátase dunha postura ou marca que se encontra á entrada da Cova.

27 Introducimos aquí este talasónimo, en aparencia relacionado (caso dunha clasificación ao uso) con lugares en que houbese plantas en abundancia, ou que houbese necesidade de nomear un tipo de cultivo, bosque, etc. Tal foi como fixemos no artigo “Unha pequena cata na toponimia de Covas”, en cuxo apartado incluímos (O) Boedo, (O) Codesal, Suafigueira, (As) Cabazas, Avieira, etc. No entanto (As) Hortas, e referido a unhas penas no mar, talvez poida estar en sintonía ou concorrencia metafórica co Xardín Florido xa nomeado, símil estabelecido para se referir á abundancia de percebes deste treito de costa.

28 Talasónimo non transparente que incorporamos.

29 Id anterior.

30 Situados ao norte dos Cabalos, mar adentro.

31 Faise evidente que tanto neste talasónimo así como os dous que lle seguen, (As do) Vendaval e (A da) Vella, están omitindo, seguramente, o nome Penas e Pena respectivamente.

32 Recórdese ao respecto o que dixemos ao principio do artigo sobre Costa do Vendaval.

33 Recórdese ao respecto o que dixemos ao principio do artigo sobre Costa do Vendaval.

34 Susceptíbel de ser proposto neste grupo caso de se referir Castelar a unha persoa, barco, etc.

35 Id anterior.

36 Id anterior.

37 Id anterior.

38 Talasónimo non transparente que incorporamos.

39 Forma vulgarizada, por asimilación, de Meniña.

40 Sitio abrigado no que dá o sol de cheo.

41 (A) [Volta de] Topete achámola na estrada de Doniños que vai de Ferrol para o lugar do Outeiro. Parece ser que recolle o episodio anecdótico de cando a caravana de circo deste empresario sufriu un accidente, envorcando nela.

<< Voltar