Un inimigo do pobo / 3 loairas 3

08/04/2017, Gerardo de Castro

Na obra teatral de Henrik Ibsen Un inimigo do pobo, hai un personaxe chamado Aslaksen, que representa ao pequenoburgués de mente acomodaticia e moral maleable. Aslaksen é o presidente da comunidade de propietarios da vila, e tamén é o impresor (hoxe diriamos "editor") do periódico local A voz do pobo.

Aslaksen idolatra a verba moderación. Úsaa sempre que a ocasión se lle apresenta, ou mesmo cando a ten que encaixar con calzador. A moderación de Aslaksen e doutros personaxes, comezando polo señor alcalde, conduce á ocultación da verdade e á manipulación da xente.

Fronte deles, o Dr. Stockmann, protagonista principal da obra, vaise convertendo en heroe pola súa teimosía na defensa da verdade, en oposición á maior parte da xente da vila, apoiado só —aínda que para el é suficiente— pola súa familia e un amigo.

Pouco antes do final da obra, o Dr. Stockmann e os seus concidadáns vense as caras nunha xuntanza na que se escolle como moderador —como non podería ser doutra maneira— a Aslaksen. Ao decatarse da encerrona, o doutor Stockmann renuncia ao propósito inicial de explicar a verdade que ninguén quere admitir: as augas do balneario, alicerce e sostén da prosperidade económica da vila, están contaminadas e supoñen un grave risco para a saúde dos usuarios.

Daquela, escolle outra vía:

—Xa dixen que do que quero falar é dun grande descubrimiento que teño feito recentemente… o descubrimento de que as fontes da nosa vida moral están envelenadas e de que toda a estrutura da nosa comunidade cívica está fundada sobre os putrefactos cimentos da falsidade.

Durante o seu alegato, o doutor Stockmann utiliza o asunto da contaminación das augas como símbolo ou metáfora da corrupción política e ética da xente da vila. Unha e outra vez teima na mesma idea:

—Estou a descubrir que as raíces da nosa vida moral están completamente apodrecidas, que a base da nosa vida social está corrompida pola mentira.

Stockmann é continuamente interrompido e apupado. El é consciente da súa soidade e da xenreira que causa nos máis, pero diante diso a súa postura é ben clara:

—O inimigo máis perigoso entre nós é a maioría compacta. Si, a maldita maioría compacta liberal… ¡Ese é! ¡Agora xa o saben!

—É a maioría compacta da nosa comunidade a que non me permite actuar libremente e intenta impedir que eu diga a verdade.

Poderiamos pensar que as palabras do Dr. Stockmann, que seguramente representan tamén a postura do autor da obra, están a negar os dereitos democráticos da maioría e propoñen que esta sexa suplantada polo goberno excluínte dos entendidos, dos mellores, que son os menos. Sen embargo, coñecendo a traxectoria humana e política de Ibsen, e mais a tolerancia que destila Stockmann —tolerancia nunca reñida coa firmeza—, o máis axeitado é concluír que a maioría non sempre ten a razón, por dicilo coloquialmente.

Unha das eivas da "maioría" é a súa incapacidade para pensar en por si, dun xeito crítico e autónomo. O doutor Stockmann denuncia a manipulación á que é sometida a xente, e con claridade e contundencia denuncia "a inmensa idiotez das persoas que detentan o poder", a súa "ignorancia completa".

Un dos méritos de Un inimigo do pobo está na súa permanente actualidade, ao mostrarnos políticos expertos en dobres linguaxes e medios de comunicación fabricadores —no canto de "recolledores"— da opinión pública. Estes medios son alleos ao espírito crítico que lles debería ser consubstancial, e favorecen os intereses particulares que, coa inestimable axuda dos políticos, chegan a enmascarar baixo a noción de "ben común". Deste xeito, a obra establece unha conexión, e unha dialéctica, entre o concepto da maioría e unha opinión pública manipulada obscenamente.

Esa opinión pública que ameaza sempre a quen se atreve a contradicila, esa opinión que xulga e que condena, que ataca e degrada, a quen ousa dicir o que a maioría non quere ouvir. Bertrand Rusell, na súa lúcida obra A conquista da felicidade (Espasa-Calpe, 1937, pax. 86), aborda o tema do medo á opinión pública, e conclúe dicindo: "O medo á opinión pública, coma toda outra manifestación de medo, é opresiva e impide todo desenvolvemento. É difícil facer nada de importancia mentres persista este medo..."

Preguntémonos agora quén é hoxe o doutor Stockmann, ese inimigo do pobo disposto a expresar o que pensa; preguntémonos qué lugar é hoxe o equivalente da vila ao pé do balneario; e quén é hoxe Aslaksen e o seu xornal A voz do pobo. Aslaksen vos propón "unha moderación reflexiva ou unha reflexión moderada". Eu, non.

Un inimigo do pobo: calquera semellanza coa realidade…

3 LOAIRAS 3

[loaira: refacho de sol que pasa axiña]

 

1. VERTIXE

Sinto a vertixe do tempo

a vertixe da vida

a da morte

Como noutrora sentín

a vertixe do amor

Rachóns de néboa no camiño solitario…

Árbores que esparexen

a súa melena ao vento

e inclínanse ao teu paso reverenciosas

Quer o corpo ser lixeiro e alancar

De cicatrices e de sombras vai cangado

 

2. O VERÁN DA VIDA

O verán: astro rutilante,

explosión de luz,

tempo estendido para o gozo

alongada praia

ceo limpo, mar acolledor,

noite floral e perfumada

unha éxtase de estrelas

unha música na pel

O verán da vida: inmenso…

Exhalaban as espigas

o seu cántico de vento acalorado

O verán da vida, translúcido,

nidio e fermoso coma un meniño recén nado.

 

3. WESTERN CLEPUSCULAR

Ren

Non agardo ren

Abondo teño agardado

noutros tempos e lugares

noutras vidas que pasei

Ren

Non agardo ren

Cansei de esperar

día tras día

un mes tras doutro

un ano e outro máis

Denantes e despois

esperar, querer, esperar

esperar, sufrir, esperar

Agora, inerte, xa só

un anaco de tempo.

<< Volver