Ver aves en cabo Prior

20/05/2016, Xan Rodríguez Silvar

INTRODUCIÓN

Cando falamos dun lugar, planeamos unha viaxe ou nos contan doutras terras, a pregunta que soemos facer é, que se pode ver aí? Quizá nos chamen os monumentos, a gastronomía, as paisaxes, as xentes, facer surf, o comercio ou as festas da zona; hai razóns que atraen á maioría da xente, outras son valoradas por menos persoas, mais os expertos en turismo buscan unha oferta de atractivos locais que cubran a maior parte do ano posible e un amplo abano de intereses persoais dos visitantes. A proposta destas páxinas é observar aves nunha das costas máis singulares de Galicia.

Pero este artigo non vai pensado unicamente en clave turística, que tamén. Os principais destinatarios son os veciños e visitantes do territorio ao que me vou referir ao falar de Cabo Prior ou, abreviadamente, Prior. Tomando unha licenza máis descritiva que administrativa, considerarase o propio Cabo Prior e ao territorio, de lindes imaxinarias, que dende el se divisa. Inclúese neste ámbito terras das parroquias do concello de Ferrol de Covas, Marmancón, Esmelle e San Xurxo da Mariña, segundo dous criterios: a proximidade ao Cabo Prior e a presenza de aves. Deixarase fóra o val de Doniños e a súa interesante lagoa, quizá para outra ocasión.

 

 

Imaxe 1. Situación do Cabo Prior

 

 

Unha última razón é a de animar ao coñecemento das aves pola xente nova. En tempos non tan distantes, a rapazada podía moverse con certa liberdade no medio rural e tiña un contacto habitual coas aves. Certo é que a curiosidade levaba actividades, como a recolleita de ovos ou uso de escopetas de aire comprimido, pero moitas vocacións naturalistas e conservacionistas naceron así: era máis doado facerse cunha carabina que cuns binoculares.

Na redacción procurouse empregar os mínimos termos técnicos, co desexo de introducir ao lector dun xeito sinxelo á observación das aves. Iso levou a unha presentación de trazo groso que as persoas máis expertas saberán desculpar. As mencións a termos científicos e ás especies fanse co seu nome galego e científico ao final do artigo, para poder consultalas nos recursos gratuítos que se suxiren.

Advertir, por último, que se comentarán de aves doadas de ver, sen ánimo de incluílas todas, o que excede o obxecto do artigo. Tamén se mencionan especies menos patentes pero relevantes pola dependencia de hábitats da zona.

 

 

¿POR QUE ANIMAR A VER AVES?

Moitas razóns diferentes exporían os millóns de persoas que no mundo practican a observación de aves ou “birdwatching” en inglés (de aí o termo anglosaxón, “Birders”, que algúns trasladan ao galego coloquial como “paxareiros”, para referirse a quen observa aves como afección, non profesionalmente.

Hai unha vasta gama de intereses entre quen goza dende casa dos movementos das aves que acoden aos seus comedeiros, conseguindo momentos de contemplación sen desprazarse, ata quen fai custosas viaxes de milleiros de quilómetros para sumar novas especies á súa lista persoal, as veces con riscos para a súa seguridade. En todo caso a experiencia de observar aves é difícil de comunicar: a mestura de curiosidade e pracer estético enriquece calquera paseo, sexa nunha urbe ou nun escenario natural coma o que nos ocupa.

A Ornitoloxía é a parte da ciencia que se ocupa das aves, e ornitólogos os científicos que o fan. Porén hai moitas persoas con grandes coñecementos sobre este atractivo grupo animal sen estudos especializados en bioloxía. Cómpre subliñar ademais a aportación impagable á ciencia de millóns de observadores, colaborando con asociacións, redes sociais ou programas de recompilación de datos por Internet. Moito do que se sabe sobre as aves basease nas achegas de observacións desinteresadas, por parte de millóns de ornitólogos afeccionados.

Mais o elemento común entre tanta variedade de enfoques está, de seguro, no pracer que aporta o grupo animal máis seguido, admirado e, todo hai que dicilo, en xeral máis doado de observar. Nada ten que ver a facilidade de ver as aves máis comúns coas dificultades de, por exemplo, os mamíferos silvestres, agás dos invasores porcos bravos e algún ousado raposo visitador de contedores de lixo.

 

 

Imaxe 2. Observando aves na lagoa da Frouxeira, Valdoviño

 

 

Da crecente importancia do turismo ornitolóxico dan idea as feiras especializadas ou esforzo da axencia autonómica galega, Turgalicia, ao incluír na súa web un apartado para este tema. Aínda que con contidos moi esquemáticos, é unha boa fonte de información que debería completarse progresivamente. O recurso pode atoparse en Turismo ornitolóxico en Galicia, http://goo.gl/lom0Mj.

 

 

PROTECCIÓN AMBIENTAL DA ZONA

A importancia de Prior está recoñecida dentro da Rede Natura 2000 da Unión Europea e outros marcos legais (internacional, español e galego) dada a presenza tanto de hábitats de conservación prioritaria como de especies vexetais e animais protexidas.

Así pertence á Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa Ártabra da Rede Natura 2000 que vai dende Prioriño a Ortegal. Tamén está amparada a costa e parte das augas mariñas de Prior pola Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA) Ferrolterra-Valdoviño, pola súa importancia para aves terrestres e mariñas.

Non lonxe, uns 17 km, está a Zona Húmida (RAMSAR) Lagoa e areal de Valdoviño. O convenio asinado en 1977 na cidade india de Ramsar protexe aos humidais de importancia internacional como o da lagoa da Frouxeira e arredores mais, como no caso de Doniños, déixase fóra da área elixida.

 

 

O NECESARIO PARA VER AVES

A atención é a primeira ferramenta, e quizá a única indispensable, para a observación de aves, unha actividade que pode facerse a simple vista e oído.

 

 

Imaxe 3. Observadores de aves en Ortigueira

Imaxe4. Zonas protexidas na contorna de Prior

 

 

A segunda axuda é algunha Guía de Campo onde consultar as aves avistadas. A terceira recomendación é a introdución dalgunha persoa coñecedora ou a participación en obradoiros e cursiños dalgunha entidade, como a Sociedade Galega de Historia Natural, que conta cunha delegación en Ferrol.

O paso seguinte sería contar cuns binoculares de entre 7 e 10 aumentos, o que se indica como 7x, 10x, etc. Isto é que mirando ao través duns 10x veriamos a aves como si estiveramos dez veces máis próximos, e sen molestar!

Para a observación de aves a longa distancia, como pode ser o caso dunha lagoa ou a costa, axuda moito un telescopio cun bo trípode. Os telescopios soen ofrecer entre 20 a 60 aumentos.

As ópticas poden supoñer un custo de entre unhas decenas a algún millar de euros para os binoculares, e máis para un bo telescopio. Pero, como queda dito, cómpre comezar con pouco e avanzar segundo o noso interese e posibilidades, coma en todas as actividades: non soe iniciarse ao ciclismo coa bicicleta máis cara do mercado!

Unha alternativa razoablemente económica —e complementaria— ao telescopio é o uso de cámaras dixitais compactas de tipo “bridge”. Son lixeiras, avultan pouco e ofrecen moita aproximación, hai modelos dotados con lentes que permiten tomar fotos como si estiveramos moito máis próximos á ave. Pode axudar moito unha imaxe para capturar unha observación breve, ben sexa para ver no momento, de volta en casa ou para amosar a persoas expertas.

 

 

 

Imaxe 5, 6 e 7. Guías de aves, libreta de campo, prismáticos, telescopio e cámara

 

 

 

Guías dixitais gratuítas

A Sociedad Española de Ornitología (SEO) pon ao dispor do público unha excelente guía de consulta gratuíta en rede e, o máis interesante, cunhas boas versións para teléfonos e tabletas, o que facilita consultala no campo. Esta guía preséntase ademais nas catro linguas oficiais de España e inglés, polo que se pode ler e consultar os nomes galegos. Ten ilustracións, fotos, vídeos e cantos das especies máis comúns na Península Ibérica.

 

Versión en rede

http://goo.gl/tiyl2M

 

Versións para teléfonos Android e iOS

https://goo.gl/ZEr5fX

https://goo.gl/K6dmtI

 

Guías dixitais de pago

Para uso máis avanzado hai unha versión da prestixiosa guía de Collins, pero en versión inglesa Collins Bird Guide – The Ultimate Field Guide for Britain & Europe https://goo.gl/FBZY1M

 

Guías en papel

As guías de papel pesan máis, pero nunca quedan sen batería! Por iso tanto para o campo como para a consulta na casa é recomendable dispor dalgunha. En Galicia contamos coa Guía das aves de Galicia de Baía Edicións. Ten a virtude de contar con moita información referida ao país, da que soen carecer as guías traducidas, polo que resulta de moita axuda. Acompañase ademais dun pequeno CD que ofrece contidos adicionais, como cantos de aves.

Entre as guías de aves traducidas ao castelán prevalecen as da editorial Omega, e destaca a última edición de Svenson e outros. Lamentablemente as versións traducidas son moito máis custosas que as orixinais, polo que moitos ornitólogos que saiban inglés prefiren adquirir estas.

 

 

CANTOS DE AVES

A tecnoloxía empeza a ofrecer posibilidades sempre desexadas, como o recoñecemento de cantos de aves no campo dentro dun teléfono ou tableta. Hai varias aplicacións gratuítas para aprender a recoñecer cantos de aves, como a guía da SEO xa mencionada, e neste caso xa non de balde, hai unha aplicación que ofrece xunto cunha colección básica de cantos a posibilidade de recoñecemento de gravacións feitas no campo polo observador co seu propio teléfono, si ben está aínda necesitada de perfeccionarse e condicionada pola calidade da gravación.

iOS https://goo.gl/tN2L43

O Laboratorio de Ornitoloxía de Cornell ofrece unha excelente ferramenta gratuíta para identificar cantos gravados co móbil, BirdNet, dispoñible en Android e iOS.

En todo caso sempre é recomendable escoitar a opinión de expertos ou comparar nos recursos da Biblioteca da Natureza da SGHN-Ferrol antes de decidir calquera adquisición.

 

 

ONDE VER AVES

A contorna de Prior caracterizase por unha interesante xeografía, marcada por unha rectilínea serra litoral de granitoides, duns 20 km de lonxitude e altitudes inferiores a 300 m, entre o Cabo Prioriño polo Sur e Punta Frouxeira ao Norte.

Esa formación separa os xistos da Ría de Ferrol coa estreita banda deles que forma rasas litorais en San Xurxo e entre os lugares de Covas de Aldea e Prior. Este último da nome ao cabo, asentado noutra cadea granítica formada por varios montes de perfil suave, avanzando no mar case 5 km coma un dique xigantesco.

Este relevo con alternancia de vales e montes marca a paisaxe cun carácter entre agreste e plácido, ofrecendo fermosas vistas tanto dende as alturas aos vales como ao contrario.

Dende o punto de vista da avifauna este relevo tamén ten a súa influencia, por facilitar a mestura de especies propias da montaña e de zonas baixas. A todas elas xúntanse as aves mariñas, outras aves vencelladas á costa e as propias de humidais, presentes nas terras máis baixas e nalgunha pequena lagoa como O Xuncal de San Xurxo da Mariña.

 

 

Imaxe 8. Mapa xeolóxico

 

 

As zonas máis características de Prior dende o punto da avifauna son:

A ribeira

A liña de costa é unha das zonas máis interesantes para observar aves. Ás praias arriban nutrientes traídos polo mar, coma peixes e algas, que aportan alimento ás areas, un substrato pobre e inestable, permitindo a presencia de pequenos organismos dos que se alimentan tanto aves especialistas, coma as limícolas, e oportunistas como os corvos. É por iso que se debe procurar non abusar da “limpeza” de praias, especialmente con medios mecánicos, pois se elimina alimento ademais de compactar ás areas.

A costa de Prior alterna acantilados e praias. Hai acantilados de baixa altitude e outros con caídas de decenas de metros; os acantilados soen coincidir cos granitos, mentres que as praias principais aséntanse sobre xistos. Hai unha gran variedade de praias; algúns son areais pequenos, mais catro delas superan os 2 km (de norte a sur, Ponzos, Santa Comba, San Xurxo-Esmelle e Doniños). Tamén existen pequenas praias de coídos, onde pedras redondeadas pola erosión predominan sobre a area sendo a de Penarroiba unha das máis fermosas desta clase .

Non se poden esquecer os illotes repartidos pola costa, moitos deles acubillan avifauna. Os máis importantes son Os Cabalos ao NE do cabo, con colonias de Gaivota patiamarela e Corvo mariño cristado, e as Illas Gabeiras fronte aos Montes de Sanxurxo, habitadas polas mesmas especies e unha interesante colonia de Paíño pequeno.

Na area dalgunha das praias aniña a píllara das dunas, pese a presión dos humanos e as súas mascotas.

 

Dunas, dunas grises e campos costeiros

Formacións frecuentemente inmediatas ás praias, porén teñen características que convén comentar. As dunas da zona foron moi explotadas para a construción, tendo desaparecido a maioría das dunas móbiles de Ponzos e Esmelle, tamén parte das de Santa Comba e San Xurxo. As dunas grises son areas inmediatas ás praias cubertas por vexetación delicada, moi sensible ás pisadas e acollen unha flora e fauna especializada de moito interese. Os campos costeiros medran sobre areas máis apartadas do mar —hai depósitos de area a bastante distancia da costa, formados noutras épocas xeolóxicas— ou substratos máis firmes, presentan tamén unha biodiversidade especializada en soportar condicións ambientais duras pola proximidade do mar.

 

 

Imaxe 9. Ovos de Píllara das dunas nunha praia de Prior e polo nado en 2015, marcado con anelas

Imaxe 10. Duna gris en Marmadeiro sobre a praia de Sta.Comba

 

 

 

En Prior hai excelentes exemplos deles. Ao Norte están os campos de Marmadeiro inmediatos á praia de Santa Comba e en Ponzos os restos dunares. Ao Sur do cabo están o Campo das Cabazas, os campos e dunas de Esmelle-San Xurxo e os extensos Montes de San Xurxo.

Destas formacións dependen moitas especies, dende a comentada píllara das dunas; tamén é zona de cría do pernileiro ou alcaraván e da laverca, nomeada pola Sociedade Galega de Ornitoloxía “Ave do Ano 2016” en Galicia polos problemas que está a pasar, en boa medida pola destrución de hábitats á que se suma na contorna de Prior a presión das mascotas sen control. Outras alfaias deste hábitat son o picanzo vermello e o pedreiro cincento.

 

Os campos de cultivo

Os cultivos son fonte de alimento para moitas aves, tanto as granívoras como as omnívoras que poden tamén aproveitar a fauna das terras. Por desgracia os cambios sociais que levaron ao abandono dos cultivos tradicionais —especialmente os de grao como trigo e centeno— semella ter influído na caída das poboacións de bastantes especies. A plantación de eucaliptos en terras de labranza supuxo unha razón importante de perda de biodiversidade en toda a banda atlántica e cantábrica galega.

 

 

Imaxe 11. Campos de trigo en Ponzos

Imaxe 12. Muro de pedra seca, un bo refuxio para a fauna

 

 

Ademais débese contabilizar a negativa influencia da concentración parcelaria nas parroquias de Covas, Esmelle e Marmancón pois, ademais de demorarse unhas tres décadas, freou a pouca actividade agropecuaria e supuxo a destrución de vías e muros tradicionais, substituídos por máis de 110 km de pistas, alterando en moitos casos as drenaxes e provocando importantes problemas de erosión. Porén, o remate da concentración parece alentar crecentes iniciativas de explotación agropecuaria e de aire libre, que poden favorecer a recuperación de especies de aves.

Unha especie aparentemente prexudicada é o gorrión ou pardal, declarada “Ave do Ano” en España en 2016, polo seu declive, quizá debido ao uso de pesticidas e diminución de gran. Na zona mantense con poboacións máis reducidas.

 

Muros, sebes e matogueiras

A separación de fincas fíxose tradicionalmente con muros de pedra seca, sebes de distinto porte, dende o alto loureiro romano a tamargueiras peladas polo vento mariño. Tamén abundaban matogueiras de toxo e xestas, usados nos procesos de nitrificación das terras xunto co esterco das vacas.

Todas estas formacións atraen a moitas aves ao lles dar acubillo para aniñar, refuxiarse dos meteoros e, ademais, ofrecer fontes de alimento. O xa mencionado abandono da labranza trouxo tamén a falla de mantenza de estruturas tan caracterizadoras da paisaxe. A construción de vías e edificacións eliminou moitas delas; certo tamén que substituíndo en moitos casos por outros muros máis consolidados —en xeral menos favorables a ser habitados pola fauna por ter menos furados— e especies vexetais de sebes ornamentais.

 

 

 

Imaxe 13. O abandono agrario favorece a expansión do carrizo

 

 

 

Os humidais

Son terreos onde a auga acumula temporal ou permanentemente, soen estar cubertos de plantas adaptadas á humidade do solo.

En Prior hai pequenos e interesantes lugares así. O maior é o Carregal de San Xurxo, unha pequena lagoa case cuberta de carrizos de unhas 9 hectáreas cunha breve lámina de auga, case cuberta polas canas tras o abandono do manexo humano.

De menor extensión, e resultantes do abandono do manexo tradicional das terras, hai hoxe tres pequenos humidais na praia de Ponzos, en Marmadeiro (Praia de Sta. Comba) e As Cabazas, ás beiras do Rego de Soagraña. Tamén a desembocadura do río de Anido ou de Esmelle está acompañada de vexetación palustre propia dos humidais.

Son estas zonas de cría potencial dun paxariño, a escribenta das canaveiras, que conta cun plan de protección autonómico que pode beneficiar a outras especies afíns.

 

Os ríos e bosques de galería

Son formacións de ameneiros, salgueiros e algún freixo que medran nas beiras dos regatos. Nas últimas décadas teñen proliferado pola falta de manexo, debido ao abandono agrario, como se pode apreciar nos vales de San Pedro de Marmancón e de Esmelle, boa mostra deste proceso. Estas árbores, de boa porte, entre prados e algún cultivo, son bo refuxio para bastantes especies de aves. Como todo o arborado, estas son boas zonas para ver ás aves rapaces do bosque, o azor e o gabián. Entre os paxaros hai especies moi vencelladas aos cursos de auga coma as lavandeiras amarelas.

 

 

 

Imaxe 14. Novo bosque de galería no inicio do Rego de Soagraña

 

 

 

Os piñeirais

Ata a década dos 70 do século XX o piñeiro marítimo era o arborado cultivado que dominaba os montes, sendo residuais os caducifolios, esquilmados pola densidade de poboación e, dende o XVIII, pola industria naval.

Iniciouse entón unha vaga implacable de lumes forestais, ata reducir os piñeirais a pés testemuñais, ante o avance do eucalipto. Dada a pobreza de fauna baixo estas longas e espidas árbores, a biodiversidade caeu, especialmente entre as aves que se alimentan de insectos das codias e tocos de árbores vellas.

Un caso a parte son os piñeirais de piñeiro insigne, tamén chamado de repoboación, pois foi a especie usada en montes en man común, coma o das Cabazas (Covas) e San Xurxo. Hoxe constitúen as maiores masas de piñeirais da contorna, importantes por acubillar a aves que neles se agachan e alimentan, como os petos verdeal e real, doado de ver o primeiro por desprazarse entre campos e árbores, e característico redobre do segundo para capturar vermes no toco dos piñeiros. Son tamén os piñeirais un hábitat apreciado polos mouchos e as rulas.

 

 

 

Imaxe 15. Aspecto do piñeiral de Ragón en 1976

 

 

 

Os eucaliptais

Queda dito que os cultivos —que non bosques— de eucaliptos non favorecen ás poboacións de aves. Algunhas os usan como única alternativa para asentar os seus niños, coma certas rapaces, o miñato (buxato na nosa zona) e o falcón pequeno.

 

As arbores caducifolias

Carballos, castiñeiros ou grandes froiteiras coma as cerdeiras, son agora rarezas en Prior. O uso dos primeiros para a construción naval do s. XVII, o ataque das pragas do castiñeiros por fungos e a falla de replantación das numerosas cerdeiras de Esmelle, fan que as aves que gustan destes ecosistemas ergueitos non teñan moito onde escoller. Afortunadamente nas últimas dúas décadas houbo pequenas plantacións por particulares e iniciativas coma o Bosque de Pepa en Esmelle, onde se repoboou pola asociación de veciños unha boa superficie con centos de caducifolias das especies autóctonas máis representativas. Os furados das árbores son estimados por rapaces nocturnas como a avelaiona e a curuxa.

 

 

 

Imaxe 16. Carballo dominando unha finca de maceiras en Lodeiro, Esmelle

 

 

 

As edificacións

As vivendas, alpendres, bodegas, igrexas, etc. e a súa contorna son os preferidos por bastantes aves para aniñar. Nos muros da miña casa teñen criado ata tres especies de ferreiriños simultaneamente, todo unha urbanización! Sabido é a preferencia das curuxas polas igrexas, onde aproveitaban a luz das lámpadas de aceite para mellor coller ratiños, e a fachenda dos carrizos por facer niños entre os apeiros dun alpendre. Moi doado de observar son paporroibo o merlo, nos últimos anos, quizá polo cambio do clima, outros tordos son habituais, como o común e o charlo.

Frecuentan a proximidade das casas as branquinegras pegas; de haber arborado é tamén común outro córvido, o a pega marza ou gaio, quizá a ave de máis fermosa plumaxe de Galicia.

Cando as casas tiñan gando eran máis frecuentes as andoriñas, aínda nos visitan hoxe en menor número. De haber comedeiros e bebedeiros para aves o número de especies observables doadamente aumenta, facéndolle gañar atractivo á horta ou xardín.

 

 

Imaxe 17. As vivendas, alpendres, bodegas, igrexas, etc. e a súa contorna son os preferidos por bastantes aves para aniñar

 

 

 

CANDO VER AVES

A resposta é doada: todo o ano. Cada época do ano ten os seus alicerces, pois pola situación xeográfica de Prior hai unha mudanza continua de especies; para explicalo dun xeito sinxelo pódense distinguir tres grupos de aves segundo como se desprazan do seu lugar de nacemento:

Aves sedentarias. As “da casa”, vale dicir que aniñan na zona e non marchan ou fan pequenos desprazamentos de decenas ou algún cento de quilómetros.

Aves migradoras invernantes. Crían en latitudes máis altas do Hemisferio Norte, cando o frío fai imposible manterse aló veñen aquí, para aproveitar o no noso morno inverno. Hai aves da ribeira coma os pilros, outras prefiren dunas e campos, como a píldora dourada e os mazaricos, ou paxariños coma escribenta das neves.

Aves migradoras estivais. Estas chegan en primavera procedentes do Hemisferio Sur, onde aproveitaron a comida durante o noso inverno. Aniñan entre nós para voar ao Sur ao fin do noso verán. Exemplos son a rula, o falcón pequeno, o cuco, o pedreiro cincento ou o picanzo vermello.

Aves de paso. Aquelas viaxeiras que pasan polas augas mariñas de Prior ou se pousan nas terras, camiño doutras latitudes. Neste grupo están moitas aves mariñas, coma o mascato.

Aves accidentais. Neste grupo están individuos de especies de terras apartadas, especialmente Norte América (na chamada Rexión Paleártica), arribadas a Prior ao seren arrastradas por temporais. Entre elas hai dende grandes gaivotas a pequenas limícolas.

Con todo, hai grupos de aves sedentarias doutras terras que nos visitan no inverno. Non é raro ver en inverno como chegan dende o mar grupos de paxariños, coma os pimpíns, unha das especies sedentarias que recibe continxentes do Norte.

Tendo en conta estes factores pódense facer suxestións sobre observación de aves acaídas para cada estación do ano. Algunhas indicacións reparan a cuestións xerais e outras son recomendacións para algunha ave en concreto.

 

Inverno

Sen dúbida é a estación de climatoloxía máis adversa do ano, aínda que nos últimos tempos advírtense alteracións dos patróns familiares para as últimas xeracións, coincidindo coas predicións do panel de expertos sobre Cambio Climático. Pero para os observadores de aves é un momento esperado para ver especies vidas do Norte; entre elas son rechamantes as aves mariñas que costean e as limícolas. Os bandos de gaivotas das praias longas de Prior como Ponzos, Santa Comba e especialmente o abrigoso Esmelle, acollen a grupos de grandes gaivotas principalmente patiamarela, sombría e gaivotón. Nestes bandos non é raro atopar exemplares de especies chegadas tanto do Norte de Europa como mediterráneas.

 

Primavera

Temos nesta estación a oportunidade de ver con máis facilidade ás aves que crían aquí, polo seu comportamento de defensa do territorio e emparellamento, con cantos e visibilidade máxima. As plumaxes están renovadas coas cores máis vivas do ano. Nomear as especies máis comúns sobarda os limites deste artigo; en todo caso cómpre recomendar a maior precaución nas actividades de observación para non comprometer o éxito de cría.

 

Verán

Unha época na que o clima facilita as observacións e podemos ver moitas aves, unha vez rematada polo xeral a época de cría.

Por esta razón observaremos moitos exemplares xuvenís mesturados cos seus proxenitores, sendo isto unha fonte de dúbidas de identificación, pois as plumaxes dos novos poden ter aínda trazas da recente cría, e os adultos amosar plumas deterioradas polo desgaste. Non se esqueza que trala cría os adultos comezan a muda ou cambio de plumaxe, na maioría das aves progresiva. En grupos coma as anátidos, chega a impedirlles o voo, entrando no período de mancada, no que precisan de lugares pechados coma o Xuncal de San Xurxo para atopar acubillo dos predadores.

 

Outono

A fin do verano e comezos do outono é unha época intensa para a observación da chegada de aves migradoras vidas do Norte e a partida das que nadas aquí marchan cara ao Sur. A melancolía de fixarse na partidas das últimas andoriñas pode compensarse co mellor momento para observar o paso de aves mariñas dende o cabo.

 

Aínda que para un vindeiro artigo trataranse rutas e lugares recomendables para observar aves, espero ter deixado suficientes pistas xeográficas e temporais para animarse a probar unha actividade gratificante. Bo paxareo!

 

 

GLOSARIO E ESPECIES CITADAS

Ameneiro, Alnus glutinosa

Andoriña, Hirundo rustica. Migradora estival, ven dende África a sacar as súas roladas ao Norte.

Avelaiona, Strix aluco. Doado de escoitar o seu uu-uuu nas noitiñas primaverais.

Azor, Accipiter gentilis. Un gran cazador da espesura.

Caducifolios, árbores de folla caduca coma o Carballo, Quercus robur, o Castiñeiro, Castanea sativa

Cámaras “bridge”. Hai una ampla oferta no mercado destas cámaras dixitais, dotadas dunha lente de focal variable potente. En xeral canto máis aumentos ofrezan, mellor, aínda que convén aclarar que a cifra que indican leva a confusión: 50x ou 60x é o cociente entre a lonxitude focal máis e menos longa (entre teleobxectivo e gran angular máximos) no os aumentos reais. En todo caso debemos mirar que se refiran a aumento óptico e non dixital, que empeora a calidade. A día de hoxe non dan tanta calidade como as réflex, pero para a finalidade de documentación de campo son unha boa opción..

Carrizo, Troglodytes troglodytes, pequena ave insectívora que gusta das casas. Tamén é o nome da cana Phragmites australis, propia dos humidais.

Corvo mariño cristado: Phalacrocorax aristotelis, o único corvo mariño que aniña en Galicia.

Cuco, Cuculus canorus. A que foi una das aves máis indicativas da primavera, co seu “cu-cu”, leva ausente varios anos do litoral de Ferrolterra por causas que se descoñecen.

Curuxa, Tyto alba, fermosa rapaz nocturna que prefire para alimentarse as edificacións como vellas igrexas e casas de pedra.

Escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus subespecie lusitanica.

Escribenta das neves, Plectophenax nivalis. Pese ao nome, gusta de visitar o noso litoral, dende as praias aos montes da Capelada.

Falcón pequeno, Falco subbuteo. Fermoso falcón que aleda os días do estío capturando grandes insectos en voo.

Ferreiriños: Real Parus major, Negro ou Común Periparus.ater, Azul Cyanistes caeruleus e Cristado Lophopanes cristatus e Rabilongo Aegithalos caudatus

Freixo, Fraxinus excelsior

Gabián, Accipiter nissus. De menos porte que o Azor, comparte o gusto pola caza entre árbores.

Gaivota patiamarela: Larus michahellis. A gaivota aniñante máis común en Galicia.

Gaivotas. A Gaivota patiamarela, Larus michahellis cría nos Cabalos e Gabeiras, desprazándose pouco; a sombría, L. fuscus que chega a Prior ven do Norte de Europa ou da veciña colonia das Illas Sisargas. O Gaivotón, L. Marinus é unha das maiores gaivotas que nos visitan en inverno, aínda que cría no Norte e Sur de Galicia en pequeno número.

Gorrión común ou Pardal. Moi abundante en Covas, hoxe segue presente pero con cifras máis reducidas.

Granitoides: Rochas plutónicas que soen formar montes dada a súa morfoloxía e resistencia á erosión.

Hábitats de conservación prioritaria: Territorios con características xeolóxicas e climáticas definidas que a Unión Europea protexe pola súa singularidade.

Lavandeira real, Motacilla cinérea, é sedentaria e aniña e aliméntase preto dos regatos. A L. verdeal, M. Flava, ven do Norte a aniñar e tamén gusta da auga doce.

Laverca, Alauda arvensis. Co seu insistente canto en primavera para marcar o territorio orixinou ditos “falas máis cunha laverca!”.

Loureiro romano, Prunus laurocerasus. Excelente para dividir fincas e protexer do vento grazas ás súas grandes follas perennes

Mascato, Morus bassana. Fermosa ave mariña duns 2 m de envergadura.

Mazaricos. En Prior é doado atopar en pequeñas calas ao Mazarico chiador, Numenius phaeopus e ao Mazarico rubio, Limosa lapponica. O Mazarico real, Numenius arquata, soe preferir amplos esteiros.

Merlo, Turdus merula. Moi confiados nos xardíns e hortas.

Miñato (buxato na nosa zona), Buteo buteo. A máis visible das nosas aves rapaces polo hábito de pousarse en postes e voar alto aproveitando as térmicas.

Moucho, Athene noctua. Unha pequena rapaz, do tamaño e cor dunha piña de piñeiro.

Paíño pequeño, Hidrobates pelagicus. Ave mariña oceánica do tamaño dun merlo, toca terra so para aniñar en furnas de terra.

Paporroibo Erithacus rubecula. Ave nacional de Gran Bretaña, desta pequena ave insectívora dicir que é coñecida en Asturias como “cagamangos” da unha idea da súa familiaridade

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. Estival en Prior.

Pega marza ou Gaio, Garrulus glandarius. Ave de arborado, visita os campos e froiteiras para comer polo que pode ser visto

Pegas, Pica pica, un dos corvos comúns máis doados de observar pousada

Pernileiro ou alcaraván, Burhinus oedicnemus

Peto real, Dendrocopus major

Peto verdeal, Picus viridis

Picanzo vermello, Lanius collurio, viaxa dende África para criar en Prior

Píldora dourada, Pluvialis apricaria.

Píllara das dunas Charadrius alexandrinus. Especie moi ameazada pola presión humana sobre as praias durante todo o ano, especialmente por pasear con cans ceibos.

Pilros. Os máis comúns son o Pilro tridáctilo Calidris alba e o P. Común, C. Alpina, que percorren as praias na liña da marea. Pimpín, Fringilla coelebs.

Piñeiro insigne Pinus radiata

Piñeiro marítimo, Pinus pinaster

Rasa: Zona achairada pola acción mariña noutros tempos xeolóxicos

Rula, Streptotelia turtur

Salgueiro. Salix atrocinerea

Tamargueira, Tamarix gallica. Árbore de pequeno porte que soporta ben os ventos salgados do mar.

Tordo común Turdus philomelos, Tordo charlo, Turdus viscivorus. Ata hai uns anos propios de zonas máis altas, xa son moi común nas mariñas.

Toxo, Ulex europaeus. Xesta, Cytisus scoparius. Son dúas leguminosas con porte de matos e como tales capturan o Nitróxeno atmosférico, enriquecendo o solo.

Xistos do Sistema de Ordes, menos resistentes á erosión que os granitos.

 

 

Xan Rodríguez Silvar

Biólogo, Sociedade Galega de Historia Natural

 

 

<< Volver