Sociedade Cultural Columba. Ferrol, Covas

A toponimia da nosa parroquia

13/10/2008

A Sociedade Cultural Columba leva dous anos traballando na recollida dos topónimos da nosa parroquia.
Agora o resultado está dispoñible na nosa web para que poidas consultala e dado o interesante e importante que pode ser para a nosa parroquia, pregamos, animedes a calquera persoa que poida axudar a corrixir e completar tódolos nomes da parroquia.

Vos podedes poñer en contacto con nos a través do noso correo electrónico ben chamando o teléfono 669 20 23 96.

Esta actividade está enmarcada dentro dos traballos realizados no termo municipal de Ferrol e nos que colaborou activamente a Sociedade Cultural Columba, dirixidos a conseguir unha normalización xeocartográfica e lingüística da toponímica da nosa parroquia, a través do Convenio de Colaboración que asinaron a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e o Concello de Ferrol.

Este proxecto ten como obxectivo recuperar e conservala microtoponimia da zona rural, e da nosa parroquia en concreto , ameazada hoxe en día pola transformación demográfica.

Este traballo enmarcase dentro do “Proxecto Toponimia de Galicia” impulsado pola Xunta, a través dun convenio de colaboración que asinaron a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e o Concello de Ferrol, e no que Columba traballou para recuperar a toponimia da nosa parroquia.


O Proxecto Toponimia de Galicia nace vinculado á necesidade de conservar e protexer un patrimonio lingüístico e cultural que corre o risco de perderse no esquecemento. É evidente a profunda transformación económica e demográfica que Galicia, nos últimos tempos, vén sufrindo.

A progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais e, xa que logo, unha mutación na relación do home co seu medio natural leva que moitos dos nosos topónimos, entre nomes de entidades de poboación, de explotacións agrícolas e forestais, hidrónimos, odónimos e orotopónimos poidan desaparecer nun tempo curto de tempo.

A enorme riqueza toponímica de Galicia, explicable tanto pola súa particular orografía como pola singularidade da distribución dos asentamentos de poboación que están fortemente vinculados á economía agraria dominante, só teñen vida, no seu gran parte, no fala ou a memoria de persoas de idade, e non é esaxerado dicir que con cada persoa maior que morre ou abandona o campo desaparecen tamén moitos topónimos, moitos deles de alto interese científico e todos dun gran valor como patrimonio cultural de Galicia.

Para darlle forma a este proxecto ideouse un plan de acción para acometer a recollida de toda a toponimia existente no territorio, incluída a microtoponimia. Toda esta información conformará un gran banco de datos toponímico que mediante o súa codificación localizarase sobre ortofoto e se implementará nun Sistema de Información Xeográfica (GIS) para a súa utilización directa en todo tipo de cartografía e nos distintos ámbitos da administración tanto pública como privada.