1911. Novas daquel banquete

08/02/2004, Nicolás Fraga-Agras / Dolores González López / Aquilino González

​​

Un non sempre está contento co seu traballo, e o realizado coa foto aparecida na anterior revista desta Sociedade non cumpriu as expectativas do autor, quen proseguiu na pescuda de máis datos sobre aqueles vellos comensais presentes no banquete aquel ano de 1911.

Calquera pensaría que desta antiga foto pouca máis tinta podería correr e, ben certo é que os autores deste artigo deixárona quedar esquecida durante algúns meses presa do desánimo e a falta de información, ata que un bó día xurdiu a resposta das mans de Isidoro Valerio, quen tivo a amabilidade de enviar un correo á redacción de “Columba” onde advertía dun erro na identificación do seu parente D. Angel García Valerio e, para confirmalo, mostrou unha foto de época que conserva a súa familia (imaxe 4). A raíz deste feito, as cousas tomaban outro rumbo e cumpría retomar a investigación.

Lembren que a foto está tomada en Cobas o 23 de outubro do ano 1911 polo fotógrafo Sr. Rey Castro e o motivo da mesma foi un banquete ó que asistiron unha boa representación dos homes das parroquias de Cobas e Marmancón.

E velaquí os resultados desta nova investigación onde poderedes comprobar que a nova identificación de D. Angel García Valerio, modifica a identificación de outras tres persoas.

Desta foto diríase, dunha simple ollada, que é coma as que atopamos nos anticuarios ou esquecidas nun recuncho do faiado das nosas casas, pero o certo é que algúns de nós queremos ver nela un anaco de historia.

Temos ante nós unha pequena mostra de cómo era a vida dos nosos bisavós, de cómo gracias ó seu esforzo hoxe gozamos de moitas comodidades.

O motivo que xuntou a todas estas persoas foi o momento histórico para a parroquia no que se conseguiu a mellora das comunicacións con Ferrol coa construcción da nova estrada.

Unha anécdota dos esforzos realizados foi o traslado do “gran seixo” que se trouxo de Cardido para a curva de Soagraña, como nos contou Carmucha de Jerónimo.

Sen dúbida, os homes retratados xogaron, como moitos outros o longo do tempo, un grande papel na vida social e política da parroquia na súa época.

Esta foto mostra pois ,un anaco da sociedade e da vida en Cobas a finais do século XIX e principios do XX e parece xusto rematar o presente artigo facendo unha pequena memoria daqueles homes dos que estamos a falar. Máis que de homes falaremos de familias ou dunha grande familia, xa que en Cobas, como noutros lugares, os veciños estaban xeralmente vencellados en maior ou menor grado.

Para que vostedes se fagan unha pequena idea de quen e porqué aparece no retrato, saiban que as familias representadas son, en certo modo, aquelas que xa de vello ostentaban certo poder na parroquia. Estas antigas familias son as "Serantes", "Saavedra", "Alvariño", "Grandal".

Na foto podemos recoñecer ós irmáns D. Benjamín, D. Benito e D. Ricardo Alvariño Saavedra (este último torreiro no Faro) procedentes da casa de Alvariño situada no Prioiro. Estes son sobriños de D. José Saavedra Grandal, labrador e veciño de Soagraña que ó mesmo tempo era o sogro de D. Ricardo e D. Benjamín.

Recoñecemos tamén na foto a D. José Cid Saavedra oriúndo da “Boucella” na parroquia de San Pedro de Marmancón, quen ademais de exerce-lo cargo de alcalde e concelleiro en Serantes, adicábase a redactar escrituras e facer peritaxes e parece ser que tamén foi nalgún tempo o apoderado da Casa de Valerio. Don José era primo carnal por parte de nai dos irmáns Alvariño e por parte de pai do Xuíz D. Agapito Lorenzo Cid, nativo tamén do lugar da Boucella.

Don Jerónimo Santiago (ferreiro de profesión), natural de San Xoán de Esmelle e  veciño de Cobas do lugar da Aldea, era consogro do xa mencionado D. José Cid.

Don Ramón Díaz Leal, máis coñecido como “Ramón de Vitorio”, veciño da Pedreira, foi un home moi vinculado, como moitos dos que aparecen na fotografía, coas iniciativas de carácter cultural na parroquia; así, aparece como fundador ou presidente dalgunha das sociedades culturais da súa época e foi, por este motivo, o encargado do funcionamento do salón de baile coñecido como "Salón de Primo".

Mencionar a D. José Serantes, tamén veciño da Pedreira e pai dos mestres de Cobas Don Emilio e Don Tomás. Don José estivo casado con Dona Francisca García Miño, sobriña do Cura Don Casimiro Miño, ambos naturais de Paderne.

D. José Dopico Otero, fillo dos fundadores da coñecida casa do “Dous de Maio” Antonio Dopico, Carabinero e Zapateiro (natural de Santa María de Verines en Irixoa)  e Manuela Otero Pérez, nativa de Cobas. Don José naceu fronte á chamada “casa central” no Gaspallar. Era comerciante e, xa de moi novo, abriu unha pequena tenda ou tasca na rúa da Iglesia. Co tempo acabaría establecendo o seu negocio no lugar de Soagraña onde tiña o seu domicilio; Finou en Cobas en 1924 a idade de 62 anos.

D. Pastor Malde e Diaz-Saavedra, veciño do lugar de Fontá, era unha persoa moi relacionada co mundo da política e, polo tanto con moitas influencias sociais. Casou no pazo do Monte con Dona Mercedes Moreno e non tiveron  descendentes. Finou no ano 1940,  cando tiña 60 anos.

Na fotografía aparecen tamén outras persoas vencelladas á parroquia xa sea pola súa profesión ou por escollela como lugar de descanso estival. Entre os primeiros se atopa o xa mencionado  D. Casimiro Miño Castelo, cura párroco de Cobas.

D. Eduardo Porto Porto, natural de Muxía e con residencia en Serantes, podería estar relacionado con Cobas na súa calidade de médico pero tamén como veraneante no "Dous de Maio". Antes de establecerse nesta zona, exercera a súa profesión en Jaraicejo na provincia de Cáceres onde, en 1894, naceu un dos seus fillos. É de destacar que Don Eduardo Porto foi o pai de don Alejandro Porto Leis, último alcalde electo democráticamente no concello de Serantes durante a República.

Con respecto ós Señores de Iglesias que menciona o artigo, pensamos que o señor Iglesias ben podería ser  o Deputado Don Manuel Iglesias Ayude, baseándonos no seu cargo político e na presencia no retrato de outros dous deputados, compañeiros seus e os verdadeiramente agasallados no banquete: os señores Don Angel García Valerio e Don Mariano Piñeiro Picallo.



Corrección das identificacións,(en negrita)

Primera fila
1. José Dopico ¿?
2. Benjamín Alvariño
3. José Cid Saavedra
4. Ricardo do Faro (José Mª Alvariño)
5. José Serantes ¿?
6. Descoñecido
7. Descoñecido
8. Descoñecido
9. Descoñecido

Segunda fila
10. Ramón de Vitorio
11. Agapito Lorenzo
12. Mariano Piñeiro
13. Mariano Francisco Canda Castaño
14. Basilisa Marigómez Martín

15. José Saavedra
16. Descoñecido

Terceira fila
17. Jerónimo Santiago
18. Pastor Malde
19. Casimiro Miño Castelo (cura párroco)
20. Ángel García Valerio
21. Eduardo Porto
22. Benito Alvariño
23. Ceferino Canda Marigómez
24. Mª de la Gloria Canda Marigómez
25. Mª de los Angeles Canda Marigómez


 

 

Don Ángel García Valerio. Unha pequena memoria.
Don Ángel García Valerio


Naceu arredor do ano 1850 en Serantellos onde tivo a súa residencia. Foi Avogado e Deputado, cargo que ostentou aproximadamente dende 1907 ata 1917 na Deputación da Coruña polo distrito de Ferrol-Ortigueira. Durante este período ocupou o cargo de Vicepresidente e formou parte da Comisión de Administración. Continuou a súa carreira política como Deputado en Cortes polo distrito de Ferrol dende 1918 ata 1923 e o seu percorrido político foi sempre da man do partido liberal.

No outono de 1908 e ata 1913 ten a titularidade dunha parte do diario “El Correo Gallego” que obtivo de mans de Mariano Abizanda, fillo do fundador.

A súa residencia era o moi coñecido Pazo dos Valerio, en Serantes. É de destacar o vínculo que esta familia mantiña con Cobas dende moi antigo ata ben entrado o século XX. Os Valerio, como administradores dos Andrade tiñan moitas posesións na parroquia, a meirande parte no Prioiro, xa que a principios do século XVIII (alá por 1720), o herdeiro da casa-palacio dos Valerio en Serantellos, Don Agustín, casaría en Cobas con Dona Rosa Freire de Andrade, procedente da casa que hoxe se coñece como a de Alvariño, e que entón pertencía ós Montenegro. No Prioiro aínda se conservan topónimos que fan referencia a esta familia como é o “Cano Valerio” ou o “Monte de Valerio”.  Tamén o curado da parroquia era, noutros tempos, de presentación das familias Valerio e Díaz Blanco alternativamente, o que ven ser outra mostra da súa importancia na mesma.

E, por último, tamén destacar que D. Ángel foi cofrade maior da Ermida de Chamorro, Santuario ó que a familia Valerio está moi vencellada.

Don Angel morreu solteiro no ano 1935  a idade de 85 anos.
 

 

Don Mariano Piñeiro Picallo. Algo da súa vida.
Don Mariano Piñeiro Picallo​


Naceu na Graña entorno ó ano de 1853 . Foi Deputado, empresario e maquinista. Viviu na Graña, onde foi o dono da que hoxe se coñece como "canteira de Piñeiro".  Conta a súa familia que desta canteira foron extraídas as pedras destinadas a construcción dalgún porto inglés.

Posteriormente cambiaría o negocio da canteira polo do Asteleiro. Tamén foi propietario dalgún pesqueiro e de varias lanchas de pasaxe a vapor que cubrían a ruta entre Ferrol e a Coruña.

Don Mariano casou moi novo con Dona Elisa Zulaica Lopategui, filla dun capitán da mariña mercante, con quen tivo sete fillos. Sen dúbida, D. Mariano era unha persoa con moitas iniciativas e tivo unha grande presencia nos campos político, empresarial e social. Os seus pais eran de San Jorge de Codeseda  (na Estrada - Pontevedra). Unha clara mostra da procedencia desta familia vese reflexado no estilo de construcción do hórreo típico de Pontevedra, que aínda hoxe se conserva no que foi o seu domicilio e que na actualidade é propiedade do Concello de Ferrol, utilizado como local da asociación de veciños e centro de saúde da Graña. E chegados aquí, aproveitamos para invitalos a que pasen polo coidado parque da que fora a súa residencia, onde poderán disfrutar dunhas fermosas vistas cara á ría.

Sen embargo, esta familia ben puído ter as súas orixes ou algún tipo de relación anterior pola Graña ou Brión, xa que tanto o apelido Piñeiro como Picallo son moi comúns nesta zona.

Don Mariano exerceu o seu posto de deputado aproximadamente dende 1902 ata 1915, momento no que o seu nome deixa de figurar nas actas da Deputación.

Finou na Graña o 7 de Decembro de 1916 cando tiña 63 anos e ás súas honras asistiu toda a corporación Municipal do Concello de Ferrol e unha Orquestra, ademais de 34 sacerdotes.

Á morte de Don Mariano, o asteleiro pasou as mans do seu fillo, tamén chamado Mariano, quen foi asasinado no propio Asteleiro. O negocio sería adquirido entón pola sociedade de González y Seoane collendo o relevo a compañía lndunor e na actualidade é propiedade de Don Isidoro Silveira.
 

 

A Casa do banquete.

 


No artigo anterior quedaron algunhas dúbidas por aclarar:  ¿onde se celebrou o banquete?  ¿Qué casa era esa e quén era Don Francisco?. Pois ben, a casa foi a que aínda hoxe podemos ver á veira da estrada a uns metros do cruce que vai para as praias de Santa Comba e Ponzos e que algúns recordarán como escola (Imaxe 1). Noutro tempo foi coñecida como a “Casa de Paco”. Despois de moito investigar soubemos que Paco era Don Francisco Canda e non Cavido como aparece no primeiro artigo. Este era fillo de Dona Vicenta Castaño Mechoso propietaria do edificio. Don Francisco era daquela unha persoa integrada na vida social de Cobas como o confirma a súa titularidade como socio de honor nas diferentes sociedades culturais da parroquia. A súa actividade principal parece que foi a de  comerciante, xa que así o declara no censo de Serantes do ano 1910.

Non sabemos como chegou a Cobas Don Francisco, nin tampouco porqué ou cando marchou, o que si é certo é que a casa onde se celebrara tan ilustre banquete vendeuse no ano 1920, data na que perdemos a pista de Don Francisco Canda.

Agradecementos:
Especialmente os descendentes e familiares das persoas reseñadas anteriormente no artigo e tamén a todos aqueles que gracias a súa inestimable colaboración, foron capaces de adicarnos un anaco do seu tempo, sen ó cal non sería posible a elaboración do mesmo.

Nicolás Fraga-Ágras
Dolores González López
Aquilino González

<< Volver