Patria do vento Tourón (os males de amor da serea Margarida)

08/04/2017, Henrique Dacosta López

1

 

Covas, parroquia de San Martiño, ano do Señor de mil novecentos e trece. Un máis e a guerra do catorce apáñao por sorpresa a aquel grupo de anglo-franceses, cuxa mina de ouro de Covarradeiras andaba a explotar. Gobernaba naquela altura as Españas o partido conservador de don Eduardo Dato, sendo monarca un Borbón, décimo terceiro, como ordinal, dos Afonsos. Zoupaba costumeiro un sempiterno vento tourón. Non obstante, a lanterna do faro na punta do promontorio mantíñase impávida e fachendosa. De que outro modo había de ser se non! Ritmo desacompasado, fragmentos afrautados coándose para dentro do habitáculo da lámpada por unha raigaña do vidro un chisco quebrado, en ladaíña confusa a brincar coa percusión do bombo das ondas ao pé da torre (media hora e estaría acesa), sorte de sinfonía, vibrátiles gorxas ao sabor da nordesía, da salsa que penetra as cavidades que se internan para as profundas, como nos tubos do órgano dunha catedral, facendo o baleiro e impelindo o ar con forza cara ao exterior en musical solfexo. Furnas labradas por unha natureza caprichosa cal arterias que se ramifican por intersticios descoñecidos do subsolo, sístole e diástole, natura e contranatura, cova, cavorco, e pozo artificial e intromisor, aquel que disque xa o romano dera en escavar en tempos ben recuados, e cuxos dereitos de explotación comprara agora, había tan só dous anos, o enxeñeiro francés, Vizconde de Barou. MiNES DE CUiVRE DU FERRol, Société Anonyme, au capital de 3.000.000 de francs. Paris, 10, rue Rochambeau, IXª.

Un berro seco na galería dereita do Picheiro; a do medio e a da esquerda alleas a el, e todas tres a converxer para unha principal pola que o mineral é retirado e amontoado. (Que despois veñen as vagonetas a se ocuparen do seu traslado. Por uns carrís saen en dirección á Fábrica. E os muíños a agardaren por elas para triturar o mineral, e seguidamente lavalo no lavadoiro co fin de separar as piritas e descubrir as auríferas.) Non obstante, a realidade agora é a dun pescozo degolado. Un borboriño de sangue quente derramándose na caverna do ouro. Xosé louzao Sánchez, mineiro, xace morto e desangrado na escuridade do túnel. Non grita máis. Non espernexa. Acabóuselle toda a ansia. Plans de futuro. Aforros. Margarida. Alí repousa inerte, pasadas as nove da noite, rematada a xornada. Horas xa de máis, de cansazo. Horas de se deitaren os traballadores en cadanseu barracón, en cadanseu camastro, en se preocuparen só por si. Horas para ninguén levar conta. Horas para o asasino se safar de xeito ben doado. Horas. Horas. Horas. Tan só. iso.

 

«DEGOLADO UN TRABALLADOR NA MiNA DE OURO DE COVAS

Xosé Louzao Sánchez, mineiro natural da localidade luguesa de Ribas do Sil, foi achado morto onte venres, ás sete da mañá, nunha das galerías do bolsón Marieta. A entrada dos operarios á mina a primeira hora propiciou que fose descuberto o corpo degolado do citado traballador. As pesquisas realizadas até o momento están sendo infrutuosas, se ben o segredo do sumario impide que pouco se poida saber ao respecto. No entanto, son diversas as hipóteses lanzadas con relación ao estraño crime. Fálase da posibilidade dun axuste de contas, aínda que tamén de desavinzas entre o colectivo dos traballadores do lugar e o dos foráneos, así como da subtracción de determinadas cantidades de ouro, se ben quizá, a máis plausíbel de todas, apunte ás fatais consecuencias derivadas de tentar coaccionar os folguistas, que hai tan só unha semana remataron unha folga de quince días e que xa ameazan con outra de novo caso de non ser atendidas as demandas do colectivo. Recordemos que as causas da mobilización foron a alta sinistralidade na explotación, con tres mortos contabilizados en menos dun ano, así como as duras condicións de traballo en xeral, con dez horas diarias de xornada laboral, xunto cos baixos salarios percibidos polos traballadores. Alén diso, a pertenza de Xosé Louzao Sánchez ao comité de empresa veñen a reforzar as sospeitas sobre a posibilidade de que o asasinato se puidese tratar dun escarmento.

A consternación entre o colectivo de compañeiros do asasinado é patente, polo que foi declarado este sábado día de loito oficial, de modo que a actividade laboral estará interrompida durante toda a xornada de hoxe, ao tempo que exhibirán panos negros en sinal de dó

 

Sentiu mágoa ao ler a noticia, seguida por unha comechón que o intranquilizou, e impediu que puidese seguir coa lectura do xornal con normalidade. Calquera tentativa de continuar, de avanzar páxinas, fíxoselle inútil, abandonando o empeño e dándose a aqueloutro pensamento. Non o entendía. Xa levantaran o cadáver. Xa el mesmo, en calidade de médico forense, lle diagnosticara a morte tan logo o recoñecera. Xa estaba no depósito municipal. Xa se enviara telegrama para terras de Ribas do Sil. Mais familia non tiña. ou, polo menos, iso parecía. Disque un irmán en Cuba. os pais, defuntos. outra familia? Nin se sabía. Polo que o caso é que, entrementres o corpo non fose reclamado, nin sepultura se lle podía dar. ou, no seu defecto, agardar ao que o señor xuíz ditaminase.

Pobre rapaz, pensou D. Brais para si. o médico ollou máis unha vez para a ilustración, un tosco debuxo a plumilla, que completaba a noticia d’O Correo Galego. Un home agarrando por detrás o desafortunado Xosé. Xosé louzao Sánchez. Que para o que lle serviran, máis lle valera nin ter apelidos Nin quen o reclamase! Que frío e que só estaría destas horas naquel depósito de cadáveres! o home que lle pon unha fouciña de arredor do pescozo. A traizón. Na semipenumbra do interior dunha mina. Mal alumada por unha luz de carburo pendurada dunha viga de madeira. Eis a estampa que completa a noticia. A comechón. A pena. A soidade. o desvalemento. Tiña que facer algo. Por el. Estaba claro. El sería o seu valedor. Pero, que facer? Como facer? Por onde dar comezo?

Polo lado que correspondía á investigación sobre o asasinato, á busca do culpábel, era claro que tan só a policía tiña potestade. Mais o corpo... El tínaa aínda sobre el. Como médico que fora chamado para o seu levantamento poida que lle coubese a última palabra. E o cadáver nin sequera fora reclamado. Talvez nin o fose nunca. E se se aproveitase desta circunstancia? Aquilo non semellaba invulgar. Desde logo. intranquilizábao o proído, pero ben sabía que era síntoma de que podía haber gato encerrado. Porque igual que a outros coas mudanzas de tempo lles dá por vellas lesións óseas ou por dores articulatorias de distinta índole, a el a comechón víñalle sempre por vía de corazonada, como o indicio de algo estraño, dalgunha razón oculta que se lle fixese imprescindíbel desvendar. E abofé que o faría, e é que como testalán nacera e como testalán tamén habería de morrer, ou non se habería de chamar el Brais Couce Abeledo, da casa dos de Martís, do Carabuchal de San Mateo.

A brutalidade. A contundencia. A eficacia. A causa que impulsara o asasino a cometer o crime, o salvaxe e ignominioso crime. o móbil precisaba dun fortísimo fundamento, coxitou case en voz alta, coma se buscase a maneira de convencerse de que tiña a obriga moral de se debruzar sobre el, sobre os seus porqués. E isto, sen dúbida, fascinábao. Empurrábao desmedidamente sobre aquilo, sobre o incógnito daquela morte. Non obstante, e a pesar da xurisdición que coidaba puidese ter aínda sobre o cadáver, facíase patente que el, Xosé louzao Sánchez, agora un corpo inerte, xa nada podía contar. Morto estaba, e con el ficara todo o segredo. Que ao mellor nin sequera tería tido tempo a ter visto o asasino, coitado, logo do acto aleivoso e polas costas, pois difícil cousa sería que puidese ter reparado nel ao se lle botar encima. ou, polo contrario, acaso non tería existido a maior das confianzas entre ambos, de modo que se mostrase completamente desprevido ante a presenza daquel que o habería de matar? Que demo pintaban alí os dous daquelas horas? Citáranse talvez? ou fora todo casual? Unha tras doutra, como faba na ola, ían e viñan as interrogacións, inquietas, bulindo como a comechón que non lle daba acougo, sen achar acomodo, non sendo que se implicase na investigación como, de seguro, había de ser en breve.

Foi ao curral. Entrou na corte. Sacou para fóra a besta e aparellouna. Ao pouco, partía xa camiño de Ferrol. Todo o traxecto deu para remoer sobre o mesmo asunto, aínda que sen conseguir tirar nada en limpo. E unha e outra vez, sobre todas, a mesma voz que ía e viña de encontro a el, teimuda. Que lle falaba de soidade, de familia non coñecida. inerte e só no depósito de cadáveres. Ninguén que o velase. De antemán, certamente, un caso irresoluto. E dáballe na alma que así había de ser, e é que da súa soidade, desa circunstancia, non albergaba dúbida de que alguén se aproveitara. Era como unha illa no medio da nada. Pero, perdese coidado, a partir de agora el faríase cargo, converteríase no seu máis firme valedor, na persoa en revelar o que de partida se antollaba sen solución aparente. Era o seu deber moral, polo que, a todo custo, tentaría desentrañar o crime.

Tan logo ergueu a saba reparou no que non dera reparado con anterioridade. Dos ollos abertos manaba unha inmensa serenidade. Azuis como o cristal do mar sobre un fondo de areas brancas en día de dura nordesía. os cabelos encaracolados, coma se flotasen. Nadaba. De certo que si. ollaban para el. Estívoo observándoo horas e horas, velándoo, acompañándoo, tentando encontrar calquera indicio que lle falase sobre a súa morte. A boca, por uns instantes, pareceulle coma se lle fixese un xesto de gratitude, un leve sorriso que aprobase a súa preocupación sobre el, el que era un ninguén, un ninguén de ningures. Pero pouco era o que el podía coñecer a D. Brais. Porque dicir D. Brais ou Deus na parroquia viña a ser todo a mesma cousa. Velaba polos corpos, polas saúdes, mais non só físicas, senón por veces até económicas. Cantas almofadas terían recibido o seu cariño! Pois non só nin cobraba aos que, ben sabía, eran lares máis humildes, senón que mesmo os asistía caladamente co seu peculio. louvado sexa este San Francisco dos nosos tempos! Ben pouca xustiza sería dubidar que calquera necesitado, e en estando da súa man, puidese prescindir do seu auxilio.

Unha vez máis quixo comprobar que o cadáver facía o aceno sorridente. Non podía ser. Estaría louco acaso? De socato, observou algo alaranxado na comisura dos labios. Aproximouse. Fantasiaba realmente, tivo para si, porque ao instante non foi capaz de ver nada. Pero estaba certo de que o vira, poría a man no lume. Pousou ambas as mans sobre o seu rostro e, cos dedos, tentou abrirlle a boca, ríxida de cadáver. Tivo que puxar con forza para os lados até conseguilo non sen certa dificultade. Xa non lle cabía dúbida. Na lingua, varias auréolas alaranxadas ocupaban o dorso, salferindo as papilas. Porfiara os sete porfiares, e agora, por fin, si tiña algo entre mans. A súa particular demanda daba inicio deste xeito. E con absoluta certeza que era súa.

 

 

 

2

 

Vento da Ventureira,

fornada chea,

fornada baleira.

 

Tomara por fin acomodo aquel día de chuvascos. Ían e viñan a cada pouco. Pasaban e baleiraban. Pasaban e baleiraban. Pasaban e baleiraban. Terencio, mentres tanto, movíase nervioso, co formigo no corpo que nin atacado polos relos. De fóra era fácil velo pasar de xanela a xanela da vivenda do faro. Mais que lle ocorría? A treboada quizá. o motivo, non obstante, pintaba máis serio do que unha simple tormenta.

Aquel ano todo pouco lle viran o pelo ao torreiro. Baixaba só o preciso. Pois podéndoo evitar, mandaba recados polo seu amigo da alma, o Venancio, ao cal lle facía encomendas e canta cousa o librase de se ter que atopar coa xente, salvante os casos de absoluta necesidade en que non lle quedase máis remedio que se ausentar do faro. Volvérase túzaro acaso? Pola aldea non paraba o ruxerruxe, ao que o seu amigo, non obstante, nin parecía prestar demasiada atención. “Disque avellentou tanto que nin o propio Venancio foi capaz de recoñecelo hai pouco”, falara a Xustina do Pedreiro. “Eu sei de boa tinta que anda morriñento desde hai un tempo, por iso véselle tan desmellorado”, dixera Sabela de Xulián. “Non sei que andrómenas de namoro lle entraran, porque parolas tan melosas como aquelas que o Pancho de Avelina seica lle sentiu falando para a Furna dos Cas nunca á maneira tiña ouvido”, apuntara Carme da Mariñeira.

Porén, nada mudara para o sinal da torre. Dúas luces curtas e unha longa, dúas curtas e unha longa, dúas curtas e unha longa… do ocaso ao orto e sen descanso; máis nada, nada que alterase o seu labor lumínico, e cuxa responsabilidade recaía en Terencio de forma ininterrompida; de por parte, labor ben gorentoso para el. o seu maior infortunio: o día en que a vellez o obrigase a ter que abandonar a encomenda de anos, e carecendo de herdeiro para o relevar no cargo, dado que a posibilidade do traspaso a unha persoa allea acabaría por romper toda a harmonía secular que proviña de varias xeracións. Feríao enormemente, e agora con moita máis razón aínda.

E velaquí o estaba, paseando de les a les, cal fera acurralada e impotente para saír do seu encerro. Remoía naquilo todo, doéndose da má fortuna por non ter achado muller que quixese ligar o seu destino ao dun torreiro, dura empresa ben difícil de asumir, xa que presupuña a renuncia a demasiados proxectos; alí, no medio daquela soidade, no medio daquela paraxe inhóspita e pouco saudábel para criar, para dar asento e acobillo a unha familia. Que louca apostaría por ese futuro, pensara mil e unha veces. E, con todo, amaba o seu oficio, máis se cabe que a súa propia vida, amo e vasalo a un tempo dos seus dominios.

A Paulina fora das poucas coas que puidera chegar a conversar, e até cunhas certas doses de confidencia. Todas as demais fuxían de xunto del coma se fose un apestado. o tolo da Ventureira, xulgaba que pensarían acerca da súa persoa. o solitario que fala co vento e as gaivotas. o tarabelo amigo da salsa que todos os días, así chova, neve ou faga sol, acode a darse un baño matutino ao pé do sinal luminoso. Mesmo había quen lle imputase ser o inventor do asubío empregado para poder pescar as barbadas por entre as pedras na baixamar, porque chifro tan floreado como o seu non houbo nin haberá igual en toda a redonda, e en ningún outro lugar do mundo, todo un experto no desenvolvemento de dita arte piscatoria. o que pensaban del, sobradamente o sabía o Terencio. Mais tanto lle tiña. Que o peor de levar era, se acaso, a falta de muller con quen compartir aquela vida. o demais, así orneasen, traíalle sen coidado. Aínda que, no seu foro interno, sempre gardara esperanzas de achar con quen poder namorar.

Coa Paulina, así e todo, si dera en falar, de maneira que aquilo se puidese considerar como cortexo. Non había dúbida de que lle enchía o ollo. Bonita non era, abofé que non, pero a simpática e falangueira non había quen lle puxese tacha. E, iso si, forte coma ela, poucas. Trinta litros de aceite portaba até o faro para o funcionamento da lanterna, e dereitiña como un fuso desde a beiramar dos Crebadoiros con apenas un par de descansos polo camiño para ir ascendendo o seu centenar de metros sobre o nivel do mar. Pernas e brazos de garañón, fóra a alma, con certeza que boa femia para parir fillos. Mellor non podería achar.

En chegar á lanterna, sempre a primeira; en irse, a última. E alí permanecían, falando e amigando até un bon día se decidiren por ir xuntos nun domingo ao local da Bailadora. Ríranse durante todo o camiño de ida, tamén no de volta, e, aínda máis, no tempo todo en que durou a sesión de baile. Nun alarde de optimismo, sopesou axiña que conseguira por fin encher o anaco baleiro que lle restaba, polo que Paulina había de ser a súa esposa. Tiña certeza diso. Proporíallo en breve, na próxima ocasión en que houbese que repostar a lanterna co aceite que traían as porteadoras e que o barco vindo da Coruña transportaba até o areal de Santa Comba, pola parte do Pitillón. Sacaríaa definitivamente daquel tormento, iso era, estaba cheo de vela con aquel mulido e a enormidade do recipiente de latón sobre a cabeza. Era nova e forte, abofé que si, pero isto non había de durar por moito máis tempo. De feito, ningunha das mulleres que facían os portes raramente pasaba dos cincuenta. Ben ao contrario, debían deixalo moito antes, aqueixadas de grandes dores de columna, difíciles de sanar con posterioridade. Por iso, facíase perentorio afastala desa tortura.

Pero tanta felicidade como se prometía… o destino, que velaí o estaba. Nunca soubera o porqué, mais a cota de felicidade fóralle cobrada con creces. Confiada na súa forza, na destreza en sortear cada pedra do camiño, fixera que aquel mesmo día en que había de ser pedida en casamento, perdese pé por primeira vez, coma se a previsión do que estaba por vir lle atropelase incomprensibelmente as pernas até facela cambalear. Así pois, esboroara pola ribeira do Porto; á vez que voaban con ela os trinta litros de aceite do recipiente de latón e caeran sobre o seu corpo, esmagándoa como a un insignificante insecto. Mateime! Únicos vocábulos que pensou entrementres se precipitaba ao baleiro. Despois calaría para sempre. A cara de placidez como nunca, o sorriso conxelado dos beizos que levaba para o seu Terencio, coma se intuíse que algo novo había de suceder aló arriba, e que ficaran no fotograma anterior a que o pé lle fallase no condenado do pedregullo solto.

O vello torreiro ándao a revivir todo nestes instantes, paseando de les a les da vivenda do faro, mastigando outra vez aquela amargura xunto con outra moito máis recente. Dá alancadas de criatura torturada, co corazón esnaquizado, a piques de perder o xuízo. De lado a lado da sala principal, con intermitencias de xanela a xanela visto desde fóra, pasea, pois aseméllase á luz sincronizada da lanterna, en sorte de mímese con esta, como viralusa xirando de arredor da estancia. E é que acaba de descubrir que Margarida, a súa Margarida, anda en amores con outro home; e, malia que as cousas entre eles xa non andaban moi ben desde había un tempo, pois deixáranse de ver, non fora capaz de asimilalo, sobre todo cando alguén que lle ten lei (Venancio por descontado) lle dixo que Margarida anda con outro.

En todo aquel tempo transcorrido sen se veren, sentira coma que envellecera dun xeito repentino. Negábase a saír do faro e só confiaba a Venancio todas as necesidades a que se vise abocado. Cada mes transcorrido desde a partida de Margarida parecíalle que comportaba unha enruga máis para o rostro, coma se un grao máis de mirramento lle trazase a pel, un sinal máis de atrofia das articulacións, todo o cal comezaba a preocuparlle seriamente. Non desexaba que a xente fose testemuña do seu declive, que puxese en cuestión a súa idoneidade para poder seguir exercendo o ancestral labor de custodio do faro. Ben grave cuestión esta. Difícil trago, acaso maior que as contrariedades amorosas polas que tiña pasado.

Margarida abandonárao. De pouco lle valía que todos os días baixase ao pé do cabo, até o cantil da Ventureira por ver de que aparecese xurdindo das augas como fixera aquel primeiro día de ben anos atrás. Aquel en que pousara a súa cola de peixe sobre o rochedo, gabeara con algo de dificultade e desconfianza e dérase seguidamente a un mesado de cabelos ao sol cun pente feito en nácar de caracola. Que lonxe ficaba aquilo! Mais era todo tan vívido, tan nítido porén. El observáraa con reservas, cunha inmensa fascinación, desde a herba rala da ribeira, a medio camiño entre o coído e o alto, sen acreditar no que estaba a ver. A partir daquel día, e á mesma hora, conveu en achegarse sempre deica o mesmo punto. Atarefada no seu labor de penteado, alí a estaba en habendo sol. Até que un día fixo por deixarse ver. E ela, e contrariamente ao que o Terencio xulgara, recibiuno con naturalidade, inxenuo el ao pensar que puidese estar sendo observada durante tan longo tempo sen que se chegase a decatar da súa presenza.

Conversaran a eito a partir dese intre. Ela contoulle que se trataba do derradeiro individuo da súa especie que ficaba con vida, decimada por unha cruenta guerra declarada por causa dunha grave epidemia, e acerca da cal ambos os pobos de sirénidos —nereidas e sereas— se culpaban. Ela, filla única de parella mixta de senllas etnias, vírase incapaz de tomar partido no medio daquela liorta fraticida que xa provocara a morte de seus pais. logo, que facer? Á vista do acontecido, a alternativa antollábase clara. Fuxiría. E así o fixo. Foise o máis lonxe que puido, ben lonxe até dar coa fin do mundo do coído da Ventureira no Prioiro, tan semellante como a que habitaba na súa Fisterra bretoa. E deste xeito, e en mainas conversas, sucedera que fora xurdindo o amor entre eles no medio daquela soidade.

 

 

 

3

 

 

—Ti non estás namorado de min, Terencio. o teu oficio de fareiro, ese é o teu único amor.

—Se xulgas que iso é así, non comprendo como non me abandonaches hai tempo.

—Quizá debera telo feito. o teu egoísmo lévate a pensar que o faro é unha encomenda que che pertence exclusivamente. Coidas que es imprescindíbel e non é así. Sen ti tamén haberá quen guíe a bon porto os barcos. Soamente eu teño a culpa por velar tanto pola túa felicidade. Faláchesme das túas coitas e abofé que te correspondín. E ti, a cambio, que me deches? Desdén. Desdén só. É o único que recibo de ti nos últimos tempos.

—Vaite se non estás conforme, outro non encontrarás que te afague coma min. Eu dei consolo á túa pena, compañía, hospitalidade, amor, e deste xeito mo pagas. Quen máis ca min te podería querer sen seres humana e incapacitada para dar consolo carnal a un home?

Bastara con aquilo. Non podía consentir tamaña impertinencia. Era o momento de pór punto e final a aquela relación e non se veren máis. Polo que, enfastiada, abalou. Abalou, e definitivamente, pero non lonxe de alí. Non. Terencio, ao pouco de se ver neste coidado, sentiuse arrepentido por canto dixera. Debera ter mordido a lingua, pensou para si. Porén, era demasiado tarde para se retractar do dito e conseguir que voltase. o mal estaba feito, e Margarida buscaría a maneira de llo recordar. Falou con Venancio, cazador de lontras e asubiador de barbadas, e pediulle que andase cos ollos ben abertos por ver de conseguir atopala polos cantís ou por calquera dos areais e dicirlle que regresase xunto del, que estaba moi arrepentido. Mais a busca, por máis que porfiou, acabara por resultar infrutuosa.

De alí a pouco foi cando comezou a percibir con nitidez os sinais de avellentamento. As preocupacións, pensou. Estábano matando. Tiña saudades da conversa con Margarida, daquelas longas tertulias de inverno, dela esticada na súa bañeira e el tomando asento na butaca inglesa de coiro diante da porta aberta do cuarto de baño. o intercambio de mundos, submarino o dela, terrestre o del, fascinábaos de tal guisa que semellaban dous continentes virxes en que se viñesen encontrar. o abraio logrou perdurar así por ben anos, terra e mar en constante exploración, sendo como son ambas as magnitudes latas, infinitas case. E igual que nun bon día todo dera en comezar, noutro viñera a suceder que o fastío quixera tomar asento. Terencio víase incompleto, necesitado. A muller que tanto buscara, non a tiña consigo. Unha quimera. Unha fantasía que o tivera hipnotizado, ocupado naquela sorte de amor insatisfeito. Estivérase enganando durante ben tempo, pero había algo que a el lle faltaba, e unha serea, de seguro, non llo podía fornecer. Paulina despenáraselle naquel día nefando pola ribeira do Porto e Margarida nunca podería ser a súa substituta.

Sumíase. Tornábase vello a máis velocidade do que sería natural. De aí o da reclusión forzada. Pero Venancio non lle fallaría, faría todo o posíbel por achar o remedio ao que lle estaba acontecendo. Estaba seguro. Fiel como ninguén, el sabía toda a verdade, tan só el. Por ese lado podía perder coidado. El procuraría a Margarida e falaríalle da súa aflición, do arrepentimento que o conturbaba, e pediríalle encarecidamente que regresase para o sanar do seu mal. Porque estaba certo de que, se tal non acontecía en breve, a lanterna do Prioiro ficaría sen recambio en moi pouco tempo.

 

 

 

4

 

 

Encetara o seu labor polos Crebadoiros. Pasara xa polo Pitillón e concluíra na praia da Fonte, ao carón da illa da ermida de Santa Comba. As mareas vivas deses días traballaran arreo. Víanse, como algúns anos por estas datas, as cadernas daquela vella traiñeira que asomaban de debaixo da area, e que figuraban os restos óseos do esqueleto dunha balea. Un par de troncos de teca, un bon garrafón de vidro recuberto de rede, varias boias, unha caixa de madeira con varias latas de petróleo. Todo canto sobordara, aquilo que rescatara para arriba do que era a liña da marea, tiña dono, era seu xa.

Venancio saíra ben cedo da casa, polo que aínda gardaba ánimos abondos para seguir até a praia de Ponzos. o burro Nicolao estaba presto, ao seu carón, para poder ilo recollendo todo á volta. Afastáranse ambos da beiramar, pasaran o campo de Cardido e xa deixaran Sartaña. A largura do areal era espléndida vista desde o alto, a distancia entre os torrellouzos e a salsa facíase enorme, de forma que a Ferruxeda, o outro extremo da praia, daba a sensación de estar máis lonxe que nunca.

A forma súpeta como refolgara o Nicolao fíxoselle inquietante. Abría a máis non dar as ventas e estiraba o pescozo e as orellas de maneira acusada. Xa, ao pouco, puxérase a ornear con violencia. Acto seguido lanzouse a correr pola area, ignorou todos os regachos que pasou e onde podía ter saciado a sede, e parou de repente á altura do lavadoiro da mina. o seu dono aínda demorou un anaco en chegar até el; non estaba Venancio para estes trotes. Nin atención prestou a todo o areal restante polo que foi pasando até chegar xunto ao burro. Sabía que aquel sinal do Nicolao tiña que ser algo importante, nunca fallaba. Mellor que can adestrado e, aínda por riba, nin acharía transporte igual para estes mesteres.

Era claro. Restos da borda dunha pequena goleta. A parte superior dun mastro. Anacos da popa. Esclarecido, tal era a palabra que dera nome á embarcación e que, sen dúbida, viña de naufragar había pouco. ollou demoradamente á redonda. Non viu sinais de vida por ningures. Ao lonxe, a uns cen metros adentrándose na Ferruxeda, comezou a ver fardos. Caixas e máis caixas de viño depositadas sobre a area, viño do Porto, as cales, de seguro, terían como destino o Reino Unido, mais que alí acabaran o seu periplo, a medio camiño, pensou o Venancio. Malpocada tripulación. Afortunado el, non obstante, pois atopara fértil colleita. E oxalá fosen soamente obxectos, coidou aínda para si, e que os homes tivesen corrido coa sorte de se teren posto a salvo. Que pensándoo polo lado egoísta, tampouco lle agradaría terse que achar con ningún afogado, que ben coñecía todo o problema que lle podería sobrevir, xa que o protocolo a seguir sería o de se facer cargo da custodia do cadáver, co conseguinte contratempo que iso conlevaba. Cruzou os dedos para se dar sorte, e sen se ter nin por moi devoto e de moitas menos rezas, aínda se atreveu a pedirllo a Deus coa boca pequena.

Bateu todo o que restaba de areal e sobordou canta caixa foi encontrando polo camiño. Non estaba seguro de poder cargar sobre o Nicolao tanta cousa como atopara. E este, apercibido de que o regreso había de ser longo e duro de máis, foi entón, en previsión e correndo, a beber ao cano que verte no final da praia desde o monte da lagoa. Mentres tanto, Venancio agardaba comprensivo a que o animal rematase de saciar a sede e comezar o labor de amontoamento do sobordado para logo cargalo nas limpeiras que trouxera preparadas. De súpeto, sentiu voces tras as rochas, voces un tanto fragmentadas polo vento, pois sopraba un algo toleirón. Achegouse, co maior dos coidados, mansiñamente. A cautela levouno a ollar con discreción, coa pretensión de non asustar e, por suposto, de tampouco causar molestias ás persoas que alí houbese.

Margarida! Alí a estaba. Coa cola de peixe enroscada nunha poza de auga, os brazos cruzados por debaixo dos peitos nus, tan brancos como o almafí, e mirando con rostro severo para o home que ao seu carón, sentado sobre unha rocha, falaba con ela. “Non estou seguro de poder facelo”, entendera Venancio que dixera el. Víaselle nervioso, preocupado, tan abrancazado como os mesmísimos almafís da serea. “Non vou ter o valor, tes que comprendelo. É demasiado grave: así, a sangue frío, e sen tan sequera coñecelo”. o vello Venancio, aínda confuso, asistía á escena protexido polo amparo da rocha e unha longa fenda transversal desde onde podía observar sen ser visto como nunha sorte de portelo. “Por esa mesma razón serache moito máis sinxelo. Non o coñeces de nada. Non tes ningún concepto del, nin bon nin mao, así que nada podes sentir. E, lémbrate, quen senón che salvou a vida cando estiveches a punto de afogar”. Faláralle a serea Margarida con contundencia, con dotes de mando. o poder de persuasión antollábase implacábel. Aquel home víase coa vontade anubrada, subxugado, maniatado pola evidencia de quen se sabe á súa mercé. Por iso que estaba claro que, malia as primeiras reticencias, si había de facer o que lle era mandado. Pero a vítima, quen raio era a vítima? De quen se trataba?

Venancio saíu rapidamente de alí tan logo viu que a conversa esmorecía, agarrou ao Nicolao polo adival, fíxolle un sinal de silencio co furabolos sobre os labios e conduciuno con celeridade para detrás dunhas penas de onde non puidesen ser vistos. o home saíu da beira da poza, circunspecto, alleo a todo o material sobordado polo Venancio. Facíase evidente que canto viña de falar con Margarida era moito máis grave e pesaroso que calquera outra cousa no mundo. Pasou de largo pois. Viuno andar toda a Ferruxeda naquela disposición e tomar o camiño que ía en dirección ao lavadoiro do mineral. logo, perdeuno de vista.

 

 

 

5

 

 

As mostras recollidas da lingua do morto comezaban a dar os seus froitos. D. Brais demorara bastante tempo na morgue. Mais o cadáver de Xosé louzao Sánchez faláralle. Sorríralle enigmaticamente. De forma que alí, ao final, fora que achara aqueles restos alaranxados. Raspara os residuos sobre uns anacos de vidro dos que serven para observar mostras a través do microscopio. Non conforme de todo con isto, e procurando facelo coa maior celeridade de que foi capaz (non conviña que ninguén se decatase), abríralle o estómago e tomara probas do inxerido nas últimas horas de vida. Era fascinante. Todo o deglutido tiña a mesma coloración, intensa, olorosa. Aparellou de novo a besta e partiu en dirección á súa casa no lugar da Pedreira.

Pasou días e días enclaustrado entre redomas, serpentíns e pipetas, facendo así honor ao apelativo de nigromante co que corría. Aínda que, a dicir verdade, eran variados os que a D.Brais lle cabían, a el que o tiñan tamén por bruxo, se ben sempre de branca maxia, ademais de albéitar, e, por descontado, de médico, e até do mesmísimo Deus, tal e como puidemos ir advertindo con anterioridade. Pero, sobre todo, había fe, pois moita era a que lle gardaban, se callar, como o máis importante don de todos os atribuídos.

Custáralle ferro e fariña. Non obstante, xulgara ter achado un fío de onde poder comezar a tirar. Trátabase de algas. Algas que, seguramente, terían sido inxeridas despois dunha cocción, e que pertencían á estraña familia das grateloupiáceas, só posíbeis de encontrar a grandes profundidades. Moi de raro en raro podían ser traídas á superficie polo arrastre dalgún aparello. Pero, en definitiva, ben difíciles de ver. De onde virían pois? Polo analizado na boca do cadáver, evidenciábase que aquel home levaba bebendo ou comendo nelas de había tempo. A tintura vexetal, a coloración alaranxada fóralle deixando restos no padal e na lingua. Non había lugar a dúbidas.

Púxolle os arreos á besta e botouse ao camiño. Tomou dereito pola estrada do faro. Terencio, verdadeiro pozo de sabedoría, e máis en se tratando de asuntos mariños, valeríao naquela procura. Dáballe a espiña de que o principio da fin se encontraba alí, e non obstante aínda nin sabía o porqué. Mais o torreiro tiña que ter coñecemento acerca de onde se poderían achar aquelas plantas submarinas. Sexa como for, xulgaba que ese había de ser un bon comezo.

A morte do pobre Xosé louzao Sánchez estaba claro que pintaba tanto máis estraña que a da propia inxestión por cocción das grateloupiáceas. E é que o golfo, en sendo para estercar as terras, aínda tiña un pase, pero para ser comido... Aquilo si que lle soaba extremadamente raro. Un rudo mineiro bebendo infusións de algas? onde se tería visto! Mais Terencio, que dúbida cabe, haberíao de axudar en asunto tan insólito, pensaba D. Brais. Xa lle tardaba por chegar ao faro xunto del.

 

 

 

6

 

 

O bon do Venancio decidira facer un alto no camiño para ir saudar o seu amigo Terencio antes de botar unhas lanzadas ás pedras que hai mesmo ao pé do faro e contarlle aquelas inquietantes novidades sobre Margarida. Viña de apañar co troel, na ribeira do Corveiro, un pouco de camarón para engoadar e coa intención de ir despois matar algo de robaliza á altura da Furada. Metérase un chisco o mar, de modo que coa nova vara de bambú que el fixera se encamiñaba para alí con ganas de que a estrea fose frutífera. Aproveitaría por tanto para irlle contar todo aquilo de Margarida, sobre o que escoitara na tarde anterior naquela poza da Ferruxeda, e non habería de crelo. Que nada tiña a ver aquela muller coa que el sempre lle pintara. Abofé que o ía sorprender co que lle tiña de referir. Tal era a idea que levaba consigo o Venancio, convencido el de que a deterioración do seu amigo tería que ver co seu encerro voluntario, así como por culpa da preocupación que albergaba pola súa amada Margarida, alén de polo infrutuoso que se lle presentaba o futuro.

Como era o seu costume, Venancio entrara a furto nas dependencias do faro. Un pequeno susto, coller desprevido ao Terencio, sería unha maneira de tiralo, momentaneamente polo menos, do ensimesmamento a que os últimos tempos o abocara. Pousara a vara e o carabel coa presada de camaróns no limiar de acceso á vivenda. levaba intención de subir despois as escaleiras con cautela, pouquiño a pouco, co ánimo de sorprender o seu amigo. Mais, que cousa foi o que en realidade viu tan logo chegou? Deulle o tempo xusto de observar un vulto, o dun home que se abalanzaba con rapidez, esgrimindo un coitelo ás costas do vello torreiro. A reacción inmediata do Venancio fora a de saltar sobre el, por detrás, e agarralo fortemente. Despois sobreveu a pelexa. o forcexo. As puñadas. Finalmente, a caída dos dous enleados polas escaleiras a pino até abaixo, e a providencial chegada de D. Brais que, cun certeiro golpe de pedra na cabeza do agresor, o deixara sen sentido.

Aquela feliz coincidencia viñera a dar fin ao acto criminoso que estivera nun tris de ser cometido. o certo é que o médico, tan pronto chegara, achara a cancela do faro aberta, cousa que lle resultou estraña. Así pois, fecháraa e ceibara a besta para que, entrementres, pacese un pouco polo campeiro do cercado. Todo estaba tranquilo. Tan tranquilo que até lle producía unha certa sensación de arrepío. o vento, da Ventureira, estaba chuvascoso: ora medio anubrado, ora medio solleiro. “ou Terencio!”, exclamara dando unha voz desde antes de entrar para o edificio, téndoa que repetir en varias ocasións sen obter resposta. De súpeto sentira voces, un golpe, un barullo que proviña das escaleiras, de modo que se apresurara a entrar pola porta, sentindo que algo ou alguén se precipitaba por elas embaixo. Venancio, o vello Venancio viñera feito un nobelo, rolando chanzo a chanzo, enleado de brazos e pernas no corpo doutro home, máis novo ca el e descoñecido. “o demo me nunca leve?! Que pasa aquí?”, acertara a dicir o recén chegado. o Terencio berráralle desde o alto das escaleiras: “Coidado, ten un coitelo na man. Queríame matar”. D. Brais apañara rapidamente da soleira da porta unha pedra que servía para mantela aberta e que non se batese co vento, alzáraa sobre si e fora de encontro ao envurullo en loita. Sen o pensar demasiado e coa premura de socorrer o seu amigo, golpeara ao estraño na cabeza, caendo para un lado inconsciente.

Así que acordou, veuno cantar todo. Nada máis lonxe da estampa dun profesional do crime. Chamábase o home Benigno louzao Miranda e, aínda que nunca o dera a coñecer na mina, resultaba ser curmán do falecido, de Xosé louzao Sánchez. Contáralles, pois, que desde que viñera traballar á mina de Covas se habituara a ir pasear e a se bañar no extremo da Ferruxeda. Fixera disto a súa única afección, mesmo no inverno, mais sempre que o mar non se presentase demasiado picado nin o día excesivamente frío. Porén, todo se viñera truncar naquela funesta xornada, pois aí dera por principiar todo. Tanta confianza tiña en si mesmo, nos seus dotes de nadador, que obviara o arrastre que estaba a haber nese día cara aos salseiros do Casal e que resultaba ser moito máis forte do que xulgara. Non debía telo feito, pero loitara contra a corrente, desafiáraa de xeito inútil, nadando contra ela. A pesar da súa enorme fortaleza física, pouco tempo aguantara na disputa, que axiña soubo perdida. En breve, sentiuse atrapado, incapaz de aboiar e vendo como afundía; parecía coma se unha forza o succionase e o levase para o fondo. Xa os labios cedían á cerrazón da boca. Seguidamente, abriuna para respirar como un arremedo de peixe ou ser anfibio, e un ámbito de borbullas veu poboar o seu arredor, para se ir deixando afundir. Nin sentiu case como unhas mans firmes o asían de forma oportuna, cos brazos rodeándolle o peito. Veloz, foi conducido até a superficie, e non viu máis nada.

Resucitara. Descubriuse deitado sobre a area. Por cima del, unha cara fermosísima de muller e un contraluz áureo causado polos cabelos roxos e longos que pendían aos lados do rostro; unha muller que o ollaba en fite, impaciente por velo revivir. Aquel halo, aquela beldade en forma de deusa, a quentura duns labios aínda pousados sobre os seus. Desde o primeiro instante ficara prendado da súa fermosura e namorouse perdidamente. Sentiuse en débeda permanente con ela, de forma que desde entón non tivo ollos máis que para a súa amada. Gostaba de observala ao pór do sol mesando os cabelos con pente de nácar de caracola. Extasiábao ver a súa compostura, de modo que, pouco a pouco, ía empurrándoo como a corrente natural e mainiña dun río, devagariño e sen remisión cara a ela. No entanto, ben lonxe estaba de saber Benigno cantas contrariedades lle había de reportar o seu perdido namoramento. Porque nin remotamente se lle tería ocorrido pensar na posibilidade de que ningún outro home, e menos aínda que o seu curmán, Xosé, tamén a andase a rondar, mais un día viñérao a descubrir de xeito fortuíto. Semellaba que a mesma chama do amor prendera nel e que fose correspondido por Margarida.

Non daba creto. Calquera cousa menos iso! Aquela circunstancia fíxoselle insoportábel. Pero tiña que facelo. Porque acerca do seu parentesco co Xosé, ninguén sabía nada, e esta circunstancia, xulgou, habería de xogar ao seu favor. Todo o fora planeando de forma que non puidesen sospeitar del. E aínda que mal nunca se levaran, o traballo na mina é un traballo rexo, de homes duros, polo que cada un debe valerse por si mesmo; non é conveniente facérense grupos, pese á solidariedade que entre o colectivo acostuma haber. Así pois, tanto debaixo da terra como en superficie, todos son con todos. Mal visto estaría confesar seren curmáns, pois facíase innecesario propiciar indicios que presupuxesen a existencia dalgún tipo de preferencia.

A quenda dos homes que picaban no interior estaba formada por persoas alleas ao lugar e até de ben lonxe, e todos por xunto facían piña; mentres que no exterior, por contra, facíano veciños da propia aldea, dedicados aos labores de transporte e á construción de camiños. ocupacións asaz diferentes en esforzo e remuneración, e que, como é de esperar, provocaban susceptibilidades entre alleos e foráneos por ben veces. inconveniencias, estas, que se viñeran agudizar coa chegada de Monsieur Buisson, quen puxera moito menos interese que o seu predecesor, Mr. Ellys Henry Thomas (D. Eliseo para os do lugar), no seu labor de enxeñeiro, e si no de director comercial e industrial dos traballos relacionados coa fábrica de Ponzos. Ademais, non esquezamos tampouco que as explotacións veciñas de Espiñaredo e da Barqueira, igualmente da empresa, tampouco achegaban resultados demasiado bos. As análises semellaban pouco esperanzadoras e, alén diso, Monsieur Buisson convertérase na man dura que enviaba a patronal, mentres que D. Eliseo, con desconfianza, estábao vendo vir. En consecuencia, pois, que o asunto distaba bastante de non se terminar saldando sen problemas.

A coincidencia da chegada do francés, así como as dificultades financeiras para a sociedade Mines du Cuivre du Ferrol, viñera a acelerar a tensión que xa de antemán se estaba urdindo. As reivindicacións laborais dos mineiros, con dez horas de traballo ao día, seis días á semana, e ás veces até sete, a inseguridade dentro das galerías, a mesquindade dos xornais, e mesmo a actitude vexatoria a que eran sometidos, con insultos por medio do capataz-facultativo e de Monsieur Buisson, así como pola imposición de multas, acabaran por empeorar a situación nese ano. Era con este cúmulo de circunstancias con que xogaba agora Benigno louzao, beneficiándose deste mar revolto despois de cometido o asasinato de seu curmán. E é que acaso alguén sería capaz de poder sospeitar del? Parecería calquera cousa menos un crime pasional. Nada máis lonxe das hipóteses manexadas. Axuste de contas, desavinzas entre o colectivo de naturais e alleos, maneira expeditiva de contrarrestar as accións dos folguistas por medio da patronal e, mesmamente, a probabilidade da subtracción de certas cantidades de ouro. Todas as cábalas arredor do asasinato tiñan cabida, eran de dominio público a través dos xornais, pero nunca especularían coa que era a verdadeira, coa dun crime pasional.

Polo que respecta á Margarida, a ela tanto lle tivera: a falta de Xosé, bon fora o Benigno. Xa de moitos outros se tiña aproveitado con anterioridade. Centos de anos levaba embaucando, sempre firme no seu propósito sedutor. Mais o certo é que o Terencio cansara dela, e iso Margarida non llo había de perdoar. o seu orgullo non toleraba tamaña aldraxe. En consecuencia, morto o seu Xosé, sería agora seu curmán quen a axudaría a se vingar.

D. Brais, o sagaz do galeno, xulgara ter achado un cabo solto que posibilitaría a descuberta do asasinato. Aquela alga da familia das grateloupiáceas, criptógama talófita da orde criptonemial, a alga alaranxada, en fin, de que encontrara restos no estómago da vítima, podería ser a chave que fornecese a apertura do misterioso crime. infrecuente neste litoral, alí estaba no entanto, no sistema dixestivo do defunto Xosé louzao. Pensou el, de inmediato, no sabio do Terencio, pois xulgaba había de ter coñecemento sobre o tal argazo, de aí que arrease a besta e se dirixise nesa mañá para o faro, presto a lle referir a súa descuberta ao torreiro, resultando a súa chegada pouco menos que providencial, como fomos capaces de saber.

Margarida fixera promesas de amor eterno. Pese a todo, e debido á dureza da mina, a xuventude ía murchando o corpo de Benigno. Ela, porén, habíalla de perpetuar se a resarcía da inxuria do Terencio, e o mineiro namorado, inducido pola perfidia da súa ninfa, fora caendo aos poucos no seu ardil. Non obstante, coidárase de inventar unha fantástica historia, “o maior dos seus segredos!”, a fin de que non se botase atrás, e o de Ribas do Sil asentira embobado. A meiga Comba, infelizmente santificada, e que viñera na súa barca até a illa do mesmo nome para tomar asento, disque fora a que a fadara dándolle aquela fasquía de serea, pois tiña sido femia humana até aquel momento. Margarida, en fin, culpábase de se ter namorado de Silvestre, o fillo da santa, pero a mai non gostara nada daquilo, de modo que a castigara co propósito de facela cesar no seu empeño, converténdoa nun ser metade muller metade peixe, e condenándoa a vagar errante polas ondas deica a eternidade como criatura única na súa especie.

Que terribilísima soidade a súa, facíase cargo Benigno, o seu novo apaixonado. Pero, que pintaba o torreiro Terencio dentro de todo ese sarillo? Terencio seica era un tataraneto de Silvestre, un meigo nigromante, e garante do maleficio sobre ela. logo, unicamente matándoo conseguiría safarse do encanto a que fora sometida por Comba. Velaquí, pois, a maneira de lograr ser de novo unha muller verdadeira. Benigno, cego de amor, nin pestanexara un instante unha vez contada aquela inmensa patraña a que deu creto. Tomara esa mesma mañá camiño do faro, firmemente crédulo na historia inventada por Margarida, pois conseguiría, alén do seu amor, tamén a eterna xuventude para si, unha vez inflixida a vinganza sobre Terencio, burlador da súa amada. Que deste xeito foi como todo veu a acontecer na vivenda do faro aquel día. Margarida, grazas ás hábiles artimañas de que se servía, fora quen propiciara o funesto, se ben fallido, crime do torreiro Terencio.

Xa no momento actual, e a unhas pouquiñas millas para fóra da Ventureira, dirección Norte, gardan os baixíos dos Delgados nos seus fondos as algas para a cocción que seica garanten a xuventude. Con todo, a serea Margarida nunca máis deu mostras de querer voltar a aparecer. Disque entre o fareiro, o cazador de lontras e asubiador de barbadas e mais o médico-nigromante, puideran darlle morte no extremo da Ferruxeda. Pero nada seguro se sabe ao respecto. Cría malvas Terencio nestes instantes; Venancio, velliño vello, continúa a asubiar nos seus peixes barbados polos furados que entre as pedras vai deixando a baixamar; e D. Brais, retirado da súa profesión médica, ten tempo abondo para exercer os seus labores de esculca. A Benigno, pola súa parte, aínda lle restan vinte anos máis de cadea. Polo que respecta ao faro, segue a brillar el na noite, agora habitado por un novo hóspede, outro torreiro. E a mina? A mina, ao final, que foi dela? A mina leva quince anos abandonada; a Gran Guerra, por descontado, acabara coa explotación, ferida de morte como estaba con anterioridade.

Contan os veciños da aldea que, á hora do crepúsculo, e á noitiña sobre todo, aínda é posíbel sentir ruídos de picos para o seu interior. Rumorean algúns acerca dunha galería descoñecida que comunicaría cos restos castrexos de Tralocastro, na parroquia de Esmelle, lugar onde unha extraordinaria serpe xigantesca disque garda os seus tesouros. Mais no fondo máis fondo, a verdade do asunto é que o gardián que aínda custodia a mina conta que o que de alí fora desaparecendo son unha bigornia, un ventilador da fragua, un trade de man, dezaoito barrenos, limas e moitos outros obxectos que se deixaran dentro unha vez abandonada a explotación. Pero, sen dúbida ningunha, o máis certo de todo desta historia é como os males de amor sementados pola fermosa serea Margarida foron conservando o seu rastro por ben tempo tras de si.

 

Henrique Dacosta López

<< Volver