Cando entrou para a tasca, non puido evitar a ollada molesta daquel nacho que o estaba a observar desde o fondo; sentía coma se o ferise. Tomás achábase sen gonzos. Ganas lle daban de meter algo para o corpo que lle recompuxese o ánimo, polo menos unha miaxiña; e é que, tíñao que recoñecer, moita hora lle fora despois do estraño suceso que viña de vivir había tan só uns instantes. Estaba ensopado. Alá fóra caía auga espesa, chovía que nin polas canavetas. Servíronlle a súa copiña de caña e tragouna dun único groucho. Non obstante, quer a ollada inquiridora do matalote aquel, quer o efecto benéfico do alcol, que quen sabe o que en concreto, mais sentiu que as soligras que lle gabeaban polo corpo era moito o ben que lle estaban a facer, e moito máis derada, abofé, a encomenda que en diante tiña por realizar. Mais o lefre alá o estaba, no extremo do local, acobadado na barra con cara anucida, de poucos amigos, vaia, e fitándoo a el, zamurdo como poucos tiña visto na súa vida; mentres a pobre da tía Marica, termando do seu renegrido carabel, rogaba xa desde a porta unhas mazás verde bollentes sen posibilidades ningunhas de maduración.
—Bótame outro chope axiña, Lázaro. Trágueme o demo se hoxe a camisa toda non me chega ao corpo!
—E logo, Tomás? Sei que viches a compaña, ouh?
—Había de ver, había, ho! Peor cousa que iso, moito peor, moitísimo. Que á compaña aínda lle sabería o xeito de atallala, pero isto... Isto éche moito máis grave, moito máis. O demo me nunca leve se non foi cousa de meigallo. Sería, sería pois. Que outra cousa habería de ser se non.
—Non, moi boa noite non che está para andares aos cartóns, que hoxe ou voan ou se che mollan todos. E logo, de onde vés para estares tan inquieto? Chegouche a pouco a petaca, non é? Hoxe toda a calor é pouca para lle botares ao corpo, ei, Tomás?
—Déixateme de lerias, Lázaro, que o alcacén non che está para gaitas. Se ti o vises como eu o vin, a cara de espanto que me quedou non había de ser menos no teu caso.
Tomás, o trapeiro, deixara a Onofre, o seu cabalo percherón, amarrado a un dos magnolios da praza. A cubrición cunha manta vella por baixo, e de plásticos por cima do lombo, alén da artística carapucha da que tan só lle sobresaían as orellas por dous furados, facían do animal de tiro unha singularísima e ben simpática estampa. O carromato, na práctica, encontrábase baleiro. Facíase evidente que a noite non daba para recadar moito cartón nin ferragancho tampouco. Un vendaval durísimo de sudoeste, que viñera rolando desde a costa portuguesa, metérase a traizón contra a tarde e parecía que non acabaría de acalmar até ben entrado o día seguinte. Non eran máis das dez e, no entanto, aquilo antollábase como unha sorte de madrugada. Os seareiros da taberna do Lázaro, os seus máis habituais, tornábanse a proba evidente de que tan altas horas non eran. Mais a noite, negra negra, faría pensar en cousa ben distinta caso de alguén se encontrar desorientado.
O Onofre atado moi firme non estaba. Manso como ningún, e vello, case tanto como o seu dono, tampouco nin precisaba de máis ataduras para ben saber do seu cometido: o costume dos anos. Non se mover de onde estaba. Eis a fácil encomenda. Se tal, batuxar unha migalla cos pezuños nas charqueiras e facer tremelicar o corpo de cando en vez por ver de tirar a auga de máis do lombo. Sumárselle a isto, ademais, algún que outro bufido, hoxe máis xustificado que nunca despois de tamaña impresión como viña de experimentar. Ora ben, é de sobras sabido que, polo común, aos animais pouco é o tempo que lles permanece o recordo na moleira. E é que, habíao que recoñecer, existía sosego nel, en aparencia cando menos. Non obstante, a quietude no faco diríase ser a antítese da do seu dono, que naquel instante bebía un pouquiño máis da caña de herbas que tanto lle sabía, e explicábase co Lázaro. E este, túzaro como poucos, andáballe a buscar as voltas.
—Conta, conta. Foi outra vez o do defunto de teu pai, que o Señor teña en gloria, ou un anxo anunciador dándoche a boa nova de que o terreo expropiado se che había de devolver?
—Mófate, mófate, si. Tómao a broma. Tómao todo o que queiras, pero ben sei eu que estes ollos meus, que algún día os vermes han de comer, viron perfectamente o que aconteceu nas Pías.
—E fode e dálle co das Pías, nachiño. Que non, Tomás, que o terreo non cho devolven, non, que ben que o sabes. Para dunha vez con iso, carallo, e aterra neste mundo. Céntrate un pouco. O Estaleiro comeuchos no seu día, déronvos a indemnización e aí morreu o conto. Vaia teima tes con iso.
—Que non, que non é iso, que non me entendes. Estou a falar de que o barco, esa xigantesca plataforma que habían de entregar aos americanos para dentro duns días, veu empotrarse contra a ponte, contra as Pías. Así mesmiño che foi.
—Vai para o carallo, Tomasiño. Será torda o nacho —rosmara como para un aparte, machando coa lingua, á vez que se virando cómplice do resto de parroquianos—. Anda, anda, toma a última, que eu te convido, e vai durmila á casa.
A quen se lle contase! Ver para crer. De certo que si. Mesmo parecería mentira. Tantísimos anos servindo borrachos para isto, para tan escaso tacto como o que el ten. Porque abofé que o Lázaro era lerdo até para distinguir quen estaba bébedo de quen non. Pouco sagaz. Estrañamente torpe logo dunha vida enteira por tras dunha barra, pois que así mesmo é que levaba facendo na taberna, a cal herdara xa seu pai de seus avós, ademais de coa tenda de ultramarinos. Outros tempos. Maos tan logo veu a guerra e houbo que se desprender da parte dos comestíbeis, daqueles coloniais de antano. Pouca visión de negocio, a falta dos contactos precisos co advento do novo réxime, as envexas de quen quere medrar a custo dos outros, un seu irmán militante anarquista e obrigado o pai a ter que vender para non o represaliar, ser pasado polas armas, paseado, facilitándoselle a fuxida a Francia... quen sabe ben o que, mais o caso é que da noite para o día a tenda de ultramarinos deixou de pertencerlles. Sinxelamente. Era o local do lado. E agora, porén, nin existe tampouco. Tempos de crise, da crise do sector naval. Así mesmo foi. E a taberna, madía leva, moitos ingresos non é que dea. Os suficientes para ir tirando e que o Lázaro poida estar xa a pensar na súa xubilación unha vez teña a totalidade dos anos cotizados e, con sorte, poida ser traspasado.
—Aínda teño a pel de galiña. Pensei que non a contaba —proseguiu Tomás.
—Pero conta, conta —engadira o taberneiro con voz de sorna e máis incredulidade aínda.
—Como todos os martes, saín para Perlío coa intención de dar a miña volta por ver de apañar uns lotes de cartón e mais algún traste vello. Ben sabes, onde o Ameneiral, alí onde a tenda de electrodomésticos —referíralle ao Lázaro coa familiaridade de lle coñecer os hábitos—. Antes de comezar a cruzar a ponte, xa os eucaliptos do Montón metían medo de como se cimbreaban coas zaloadas de vento que entraban desde a boca da ría, que mesmo parecía que os tumbaba, que digo eu que algún mesmo até o habería. Aquilo era como un corredor, un túnel que, directo directo, viña zumbar contra a ponte. Mamaíña, como fungaba! O Onofre quedara parado non ben comezaramos a cruzala, receaba pasala, quería recuar a cada pouco. E para menos non era, Virxe santísima! E eu..., eu veña a encirralo, to, Onofre, to, anda pequeniño, anda, sen lle facer caso, véndolle a teimosía, aínda que cun pouco de respecto por aquilo do temporal, que tal nunca vira. E el veña a tentar recuar. Avante, Onofre, avante. E mostráballe a aguillada, e nada, tocáballe no lombo para que el vise que a podía utilizar e mesmo estaba disposto, pero el veña coma se non lle importase que lle puidese zoupar. Tiraba do adival e el veña a puxar en dirección contraria. A auga batíame de costado, o vento empurrábame para o lado de Xuvia, enchoupábame, nin plásticos nin gaitas, non había quen puidese con aquilo. E entón sentino. Sentín como un asubío que rompese as augas, coma se unha pantalla enorme enorme cortase o ar de repente, calmase o vento sobre nós, como un paravento, vaia. Rinchou o Onofre no momento xusto en que quixen ollar nesa dirección, ergueu un algo as mans e fíxome zoupar por terra, sobre o asfalto da ponte, a onde fun bater golpeándome na cabeza. Cando recobrei o sentido, o fociño do Onofre batíame o costado para que espertase. Vireime dolorido e aí estaba, aí por tras de min, un par de metros tan só. E é que o barco, o maior que tiña visto na miña vida e na miña morte, incrustárase na ponte.
—Vaina durmir, Tomás, faime caso. Aínda que hei de recoñecer que tes boa imaxinación. Bonito conto. Colle o cabalo e vaite para a casa, que mañá é outro día —dixera, novamente incrédulo, o taberneiro.
—Cea para tras, langrán. Vailla contar a outros, aos cativos da praza se cadra, que eses si cha haberán de crer. Era boa se coase! Ou pensas que somos parvos, ouh? Vaite, vaite de aí e cala a boca xa. Anda a durmir a mona.
O que interviñera de xeito tan categórico non fora outro que o fulano do fondo, amarrador por máis datos, e incapaz de se poder manter calado por máis tempo. O último dito fora acompañado dun expresivo xesto da man de desdén, claramente indicativo do pouco que estaba a gostar do relatado, e do pouco que estaba disposto a soportalo por máis tempo. Tan logo o soltou, virouse outra volta para a barra, deu un novo chope ao seu vaso e ficou calado.
—Óuzame, señor Lavandeira, que eu non lle faltei ao respecto —dirixiuse a el o Tomás nun arrouto de dignidade, picado de orgullo perante a ofensa vertida polo individuo aquel, e a quen tratou coa maior das cortesías—. Se fai vostede o favor, retire o dito, ou...
—Ou que? —interrompéralle bruscamente o parlamento con ánimo máis que reprobatorio e cun descarado ton de suficiencia.
Ficara o pobre do trapeiro apoucado, só diante da súa caña de herbas, remoendo no seu pesar. Agora si poderían dicir del que bebera. Certo que si. Mais non que estivese bebido. Todas as facultades coas que entrara na tasca, aquí as tiña, se acaso unha miga máis caldeadas desde a interrupción do Lavandeira. Virouse para o lado contrario de onde estaba a xente e deu en rosmar entre dentes, só para si, facendo xuras nun esforzo, se callar, por librar tensión. Que outra cousa podería facer máis que iso! Estaba contrariado. Ninguén quería crer o que acababa de contar. Era indignante. Ficar alí? Saír? Nese instante nin sequera podería por máis que quixese. A tormenta, lonxe de acalmar, incrementaba a súa intensidade. Ollou para fóra e sentiu mágoa do seu Onofre, do seu ben querido faco, termando da que estaba caendo con aquel vendaval. Pero acaso era menos a que a el lle estaba vindo encima alí dentro? A tormenta que máis o incomodaba non acertaría a saber dicir cal de ambas era, se a real de fóra ou a que estaba a ser inflixida sobre a súa persoa alí na tasca. Ninguén lle daba creto e, por riba, saía escaldado por simplemente relatar o que lle viña de pasar.
—Mañá mesmo, así que amaine o temporal, heite levar comigo ao embarcadoiro do carbón, e por unha orella por mentireiro. Heiche de demostrar o que é unha estacha. Porque, ti sabes o que é unha estacha? Sábelo acaso? Unha estacha é, nada máis e nada menos, que unha maroma entrelazada de fíos de aceiro, cun diámetro de 43 mm cada un. Levareite comigo, só iso, para que a vexas e te desasnes. Que che parece? —argumentou de xeito contumaz, sen dereito a réplica, pois tratábase do seu maxisterio, para aínda engadir logo, máis pagado de si se cabe—. Máis súmalle despois os doce, catorce ou dezaseis puntos de amarre a outras tantas bitas no peirao. E iso, machiño, non hai deus que o solte. Xa pode arrancar o formigón do embarcadoiro que, de aí, pico o pescozo, o barco non safa, non. Iso dígocho eu, Rufino Lavandeira Costoia, vai para trinta e tres anos de amarrador no porto —e así que dixo isto, e sempre coa maior das petulancias, esgarrou e botou un xeneroso lapo, nun xesto manifestamente arrogante, sobre un chan amazocado de serraduras húmidas logo de toda a auga dun día enteiro de temporal.
—Non, que to! —atrevérase a dicir, mais sempre coa boca pequena, o trapeiro, coma se o tragase para si, pois semellaba que cobrara vida de xeito autónomo, espontáneo, coma se en verdade o estivese a pensar en alto sen o ter querido soltar.
—Dicías algo, paspán? —volveu turrar contra el e con insolencia o matalote—. Ese buque non ha de baixar das 15.000 toneladas de carga. Nin o máis espantoso dos vendavais podería arrancalo do peirao do Estaleiro. Vasmo dicir ti a min, xa xa. Así que, ou soñaches ou levas unha boa chea, aínda que a disimulas ben, debo confesalo. Bon prea estás ti feito. Chiolas, que es un chiolas.
A velliña vella, a pobre da tía Marica, sentada a carón da mesa máis próxima da entrada, permanecía en silencio. Nunca tanto se sentira de prestado como nese instante. Violentada e con gana de saír de alí canto antes, retida pola colosal borrasca, agarraba o seu carabel con forza sobre o colo. Nada podía facer ela polo trapeiro, que había de poder facer unha pobre vella coma ela, a ver! Infundíalle lástima o malpocado do Tomás, tirada canta autoridade se lle puidese supor de antemán. En certa medida era coma se a ela mesma tamén a ofendesen, e é que o desgrazadiño nada mao fixera para ter merecido toda a vesania que un e outro, ora o taberneiro ora o amarrador, guindaran sobre el. Pero, xa se sabe, a can fraco todo son pulgas. No momento en que o trapeiro mirara para onde a tía Marica estaba, ela ollou para el con cara de compracencia. Se o Tomás lle soubese ler nos ollos sabería que a súa dor era tamén a dela, a mesmiña que a súa. O fillo, o único que tivera e abandonara á pobre da tía Marica, figurábaselle el nese instante. Esta maldita cidade! Tiña ela a culpa, pensaría. Outro desherdado máis. Fitábao maternalmente, coma se lle dixese: déixaos estar, non son máis que un par de infelices e covardes, uns pobres homes. Ben saben eles con quen se poden dar. Fose outro e xa que si, habería que velo.
De xeito repentino, sen aparente razón, a taberna viuse mergullada no máis incríbel dos silencios. Nin os seareiros da terceira mesa, nin o señor Tobías, apoiado no arranque da barra, nin por suposto Rufino Lavandeira, o amarrador, Lázaro, o taberneiro, a señora Marica, vendedora de froita, nin Tomás, o trapeiro, abriran a boca naquel intre en que ocorreu. O vento, cómplice da mesma escena, cesara igualmente. O único, quen si de verdade rompía a estrañeza daquel sosego tan singular, era o Onofre. De novo, tal e como o seu dono relatara que fixera cando do episodio das Pías, erguera as mans rinchando en sinal de medo, veríaselle nos ollos se reparasen. Un ruído, seco e ultraterreo, como saído das entrañas da mesmísima terra, deixáraos a todos perplexos. Quietos, calados, olláronse uns aos outros con cara de pavor. Ninguén sabía que facer, que dicir, aterrorizados. O enormísimo crac fora á vez como un trono que estalase a ras do chan. Porén, pouco durou o eco. Ao cabo dun tempiño recobrou forza o ar; o diovo, que escampara por aquel único instante, retomaba folgos; todo volvía ser o de antes. O silencio quebrou. Outra volta xurdiron as falas. Non obstante, ningún dos presentes citou aquilo, nada quixo argumentar. Talvez todos, de xeito unísono, pensasen que ouviran mal, que de veras nada sucedera. Imaxinacións.
Logo do acontecido, Tomás e a señora Marica miráronse fite a fite. Que máis lles tiña que o resto non crese, eles si. Con iso abondaba.
—Canto hai que non sabe do seu fillo, tía Marica?
—Vai para vinte e un ano.
Non houbo indicio de nostalxia no dicir da vella, tampouco acritude, pois que o reproche ben puidera ser un dos xestos mostrados ante tal pregunta, pesarosa por outra parte. No bico dos ollos asomábase unha faísca de esperanza, dunha esperanza que xamais perdera. Colleuna de gancho, docemente, ela termando do seu carabel na outra man, e emprenderon o camiño. Ninguén se percibira de que saíran pola porta da taberna. Xa estaban fóra. Non os arredaría nin dioivo nin vento. Nunca. Disque a fe fai mover montañas.
Ceiboulle o adival ao Onofre, mal amarrado no tronco do magnolio. Tampouco nin lle faría falta, manso coma el, poucos. Entrelazou os dedos de ambas as mans e ofreceullos á señora Marica nunha sorte de estribo para upala ao pescante do carromato. Xeito cabaleiroso, digno de educado e xentil home, subiu despois el polo costado contrario. Así era Tomás, o trapeiro. Agarrou nas rendas, deulle suavemente no lombo con elas á besta, arre Onofre!, e iniciaron a marcha baixo a chuvia. Caía auga espesa, chovía que nin polas canavetas, e o vento, o vento facía voar moito máis que as tellas. No entanto non había coidado. Sabía que a encomenda que tiña por facer estaba en curso, próxima á súa conclusión. Eran, elas dúas, persoas de fe. Dentro da tasca, o Lázaro prendera na radio.
“...o vento está a atinxir raxadas de case 200 quilómetros por hora. O sinistro veu provocar a rotura da ponte das Pías, a cal serve para comunicar por estrada a cidade de Ferrol co resto de Galiza. Calcúlase que foron derribados uns 100 m tras bater contra os seus piares, lugar onde a plataforma petrolífera, Discoverer Enterprise, acabou por varar, logo de ter roto amarras nos embarcadoiros do Estaleiro de Perlío, a uns 750 m de distancia. A plataforma, a maior do seu tipo no mundo, recordemos que tiña que ser entregada, unha vez rematada e superada a fase de probas, no primeiro trimestre de 1998 a unha compañía estadounidense con base en Texas, para realizar labores de extracción no Golfo do México.
Por outro lado, e pese á aparatosidade do accidente tras o brutal impacto, debemos destacar o feito de que non teñamos que lamentar desgrazas persoais. Así mesmo, o tránsito foi inmediatamente cortado en ambos os sentidos na ponte, ficando de forma temporal paralizada a comunicación entre as dúas marxes da ría. A ponte, retrocedendo na historia, lembremos que fora inaugurada o 17 de outubro de 1968, contando cunha lonxitude de cinco quilómetros. Foi construída en tres tramos. O primeiro deles...”
O carromato bambeante, tirado polo Onofre, seguía a súa deriva alá fóra en desafío ao vendaval. O seu rumbo, malia a contrariedade da noite, era certo. A cortina de auga e vento difuminaba os seus contornos á breve luz dos poucos farois que aínda eran capaces de alumar. Metérase por entre a espesura até verse desaparecer. Un novo estourido, grande como un mundo, veu acontecer deseguido. Un trebón xordo, seco, ao ras do chan como o anterior, ora que aínda máis forte se cabe. A terra esgazaba, rompía o seu cordón umbilical coa que lle fora natural até daquela. A cidade enteira flotaba á deriva, solta de máis amarras que acordasen dela. Renxéranlle as cadernas pola banda do río Xuvia, mentres que o monte de Ancos ía ficando para alén, a cada pouco máis para atrás, para o fondo, sumido no negro do horizonte. Convertérase de súpeto nunha illa, nunha insua flutuante en navegación polo océano adentro, pouquiño a pouco e con mansura. A plataforma petrolífera, o Discoverer Enterprise, transformárase na súa vela, aquela que recollía o vento para a propulsar. E, entrementes, a tía Marica, a que rogaba as mazás verde bollentes había tan só un cacho, partía xunto con Tomás o trapeiro, afouto el de dignidade, de esperanza ela; á súa fronte, o Onofre; e todos tres coa vista perdida ao lonxe e no escuro da noite e cadaquén á procura da súa ventura.
Henrique Dacosta López