A “casa do Coronel”, actual sede do museo da SGHN

05/05/2018, José López Hermida / Xan López Silvar

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha asociación sen ánimo de lucro dedicada ao estudio, divulgación, conservación e defensa do medio natural galego. Conta coas delegacións de As Mariñas, Ourense, Pontevedra e Ferrol.

A delegación de Ferrol foi a primeira en constituírse, no ano 1979. Comezou a funcionar nun baixo particular en Méndez Núñez 17 pasando en 1983, tras un convenio con Concello de Ferrol, ao local propiedade deste no número 11 da mesma rúa, no antigo Hospicio de Santa Teresa, onde se iniciou o embrión do Museo e Biblioteca da Natureza, abertos ao público. En 2011 un acordo da corporación ferrolá posibilitou o traslado, da entón xa considerable colección e fondos bibliográficos, ao pavillón de dependencias do antigo acuartelamento Elorza1, sede do Parque de Artillería de Ferrol, que remataría por denominarse USTM (unidad de Servicios, Talleres y Municionamiento).

Nesas dependencias, coñecidas popularmente como “Casa do Coronel” instálanse o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, a Biblioteca da Natureza e a propia Delegación de Ferrol. Pódese ver a continuación o Decreto do Concelleiro- Delegado de Facenda do catro de agosto de 2005.

 

 

Imaxe 1. Decreto do Concelleiro-Delegado de Facenda do catro de agosto de 2005

 

 

O parque de Artillería encargábase do detalle, arranxo de efectos nos almacéns e demais servicios da Praza de Ferrol, como a conservación, mantemento, recomposición e municionamento.

No ano 1800 o parque e cuartel de artillería estaba no cuarteliño de San Luís, situado á gola do baluarte de San Carlos e á dereita do antigo cemiterio de Ferrol.

 

 

Imaxe 2. A: Situación Antiguo Parque

Imaxe 3. P: Situación Cuarteliño de San Luís; 11: Situación Baluarte do Infante; 12: Situación Baluarte de Santiago; 13: Situación Baluarte de San Carlos;

 

 

Esta unidade de Artillería estivo situada moitos anos no número 65 da rúa de Castelar (hoxe rúa da Terra, mais coa chegada do plan de artillado do ano 1926, o edificio que aloxaba o parque quedouse pequeno para afrontar as modernización e o aumento do material sobre que ata ese momento contaba. Para poder atender a esas demandas, propúxose levantar un novo acuartelamento para o Parque de Artillería no solar situado na parte posterior do cuartel Sánchez Aguilera, comprendidos na primeira zona polémica da xa demolida muralla defensiva da Praza (Baluarte de San Juan). Despois de varios avatares (xa por todos coñecidos), apróbase o orzamento para a súa construción o vinte e seis de abril de 1947, rematando as obras en 1950.

 

 

Imaxe 4. Plano do antigo parque situado no número 65 da rúa do Castelar (hoxe rúa da Terra)

Imaxe 5. Acuartelamento Elorza. Plano do proxecto para a construción do acuartelamento. O edificio da dereita non chegou a construírse, o solar está ocupado polo actual xardín.

Imaxe 6. Acuartelamento Elorza. Plano do proxecto para a construción do acuartelamento. O edificio da dereita non chegou a construírse, o solar está ocupado polo actual xardín.

 

 

O pavillón de Dependencias, de dúas plantas e soto, estaba repartido do seguinte xeito: na planta superior contaba con dúas vivendas, unha para o coronel xefe do Rexemento Mixto de Costa número dos, que tiña a súa Plana Maior no Baluarte do Infante e outro para o Xefe do Parque; na planta baixa, o corpo de garda, despachos e oficinas; e no soto, varios almacéns, como se pode ver nos planos ó pé.

A decisión do concello de Ferrol de autorizar o uso do citado edificio na Praza de Canido, permitiu aloxar as coleccións e biblioteca da entidade nun local con grandes posibilidades museísticas. A súa situación estratéxica, nunha entrada principal á cidade, posibilita a visibilidade das instalacións e o acceso doado ao público visitante.

A adecuación básica do edificio demorouse unha longa década, pola envergadura da obra e a dificultade para achegar recursos. Foise así reformando en varias etapas as instalacións, para mellorar a súa accesibilidade e adaptación aos fins de exposición dos fondos museísticos e actividades divulgativas da SGHN. Finalmente, a finais de 2015 foi posible abrir ao público a exposición nunhas instalacións restauradas parcialmente.

 

 

Imaxe 7. O Museo de Historia Natural da SGHN, nova etapa para a “Casa do Coronel”

Imaxe 8. Vista exterior do Museo de Historia Natural na Praza de Canido, Ferrol Abajo: Distribución actual do Museo de Historia Natural

Imaxe 9. Levantamento 3D Pablo Torrella Allegue. Ilustración xRS

Imaxe 10. Distribución das tres plantas

 

 

O acceso público e gratuíto é posible grazas á existencia dun convenio anual entre a concellería de Medio Ambiente de Ferrol e a SGHN que permite o traballo de dúas monitoras para atender as visitas ao museo e biblioteca. O público xeral, centros escolares e entidades poden concertar visitas guiadas para grupos dun mínimo de cinco persoas, realizar visitas libres ou consultas na biblioteca sen custo algún. Os amplos horarios — luns a sábados de 9:30 a 13:30 horas e 16:30 a 20:30, domingos, festivos e nos meses de xullo e agosto, de 10 a 14 horas— permitiron máis de sete mil visitas anuais en 2016 e 2017.

O museo é posible pola existencia da colección, e os fondos desta proceden de orixes variados. A iniciativa da SGHN favoreceu as achegas de varias xeracións de membros naturalistas pola a recollida de mostras en terras e costas galegas durante décadas. Moitas veñen da aparición de peixes, aves, tartarugas mariñas, lobos de mar e cetáceos abeirados nas costas galegas por causas naturais ou por incidentes de mareas negras, fornecendo de exemplares unha colección de notable importancia.

Resaltan tamén as doazóns de coleccións particulares, como a procedente do biólogo Xavier Sóñora Gómez, socio e directivo da entidade, pola súa importancia e variedade (algario, herbario, cunchas mariñas, artrópodos decápodos), ademais do seu fondo documental, cedido pola súa familia tras do seu prematuro pasamento. Tamén a colección de cunchas de moluscos de Filipinas do Contraalmirante Claudio Montero y Gay, doazón da familia San Román. En xeoloxía a colección de minerais e rochas de Galicia, achegada por Francisco Canosa, e a de minerais peninsulares e do mundo de Bernardino Bugallo Paz. un lugar principal o ocupan os vistosos exemplares de árbores procedentes dos parques e xardíns de Ferrolterra, reunidos por Manuel Cortizas Varela. Non menos enriquecedoras para o colectivo foron as achegas de numerosos colaboradores.

A colección mariña ten un peso importante no conxunto, onde algo máis da metade dos aproximadamente 500 m2 do espazo expositivo están dedicados ao medio mariño. Destacan os cetáceos e os lobos mariños, combinando montaxes de osamentas coa reproducións realista de varias especies. O exemplar da Balea común de 18 m rivaliza en interese dos visitantes coa Lura xigante de 8 m e as raras quenllas de profundidade, preservadas en líquido conservante. Destacan tamén polo seu interese científico os raros fósiles de Zifios, extraídos por arrastreiros en pesqueiras ao norte de Ortegal, cunha antigüidade de millóns de anos, que serviron para describir catro novas especies. A caza de baleas está tratada no museo, coa exposición de material empregado na captura, de produtos de aproveitamento histórico e se completa con información gráfica sobre as etapas desta actividade devastadora para os grandes cetáceos, á que a SGHN dedicou moitos esforzos de oposición nos anos 80. O medio terrestre está tamén ben representado no museo; as montaxes didácticas sobre xeoloxía, entomoloxía, peixes, aves e mamíferos carnívoros e ungulados de Galicia ocupan un 40% do espazo expositivo.

As instalacións compleméntanse cun auditorio de 70 prazas e un aula multiusos para actividades didácticas.

En conclusión, na cidade de Ferrol pódese visitar un singular museo de historia natural onde observar exemplares únicos ou difíciles de atopar, cunha proposta espacial e sensorial próxima e atraínte, imposible de conseguir con outras metodoloxías divulgativas. Co atractivo de contar con servicio de guía, e de ser o resultado do esforzo de incontables horas de traballo de membros e colaboradores da SGHN ao servizo da divulgación ambiental.

 

 

Imaxe 11. Estados previo do edificio

Imaxe 12. Estados final do edificio

Imaxe 13. Aspecto xeral da Sala do Medio Mariño

Imaxe 14. Lura xigante

Imaxe 15. Vista xeral da sala do Medxio Terrestre

Imaxe 16. Obradoiro impartido no Museo

Imaxe 17. Visitantes do Museo de Historia Natural

 

 

Notas

1 Don Francisco Antonio Elorza y Aguirre, foi mariscal de campo procedente de Artillería, e creador das Escolas de Aprendices. Director da Fábrica de Trubia e da de Oviedo, foi un home vencellado profesionalmente a todo o que ver tiña con fábricas e talleres.

 

 

José López Hermida / Xan López Silvar

 

 

<< Volver