A catedral do ceo: Orión

19/04/2013, Paulino Gasalla

Cando nas noites de inverno mirades ao ceo, seguramente non vos pasarán inadvertidas un grupo de tres estrelas en lina, encerradas dentro dun gran rectángulo de estrelas mais brillantes. Encontrámonos ante o que moitos denominan como “a Catedral do ceo”.

A constelación de Orión (O Cazador), é unha das máis destacadas no firmamento. As súas estrelas son visibles desde os dous hemisferios. Está formada por catro estrelas principais de gran magnitude, que forman un rectángulo, que sería o corpo do cazador, son: Betelgeuse, Bellatrix, Rigel e Saiph.

Pero o seu trazo máis distintivo é unha agrupación de tres estrelas no centro da constelación, coñecidas como o Cinto de Orión, As Tres Marías ou Os Tres Reis Magos: son as estrelas Alnitak, Alnilam e Mintaka. Delas parece colgar unha espada, que forman as estrelas Hatsya, Mizan Batil e entre elas a Gran Nebulosa de Orión.

Entre as estrelas Betelgeuse e Bellatrix atópase Messia que xunto a outras que a rodean, forman a cabeza do cazador. Un grupo de estrelas sobre Betelgueuse, de pequena magnitude, forman o brazo dereito, que parece agarrar unha maza. Á dereita de Bellatrix un grupo de estrelas parecen formar un arco parecido a un escudo, que suxeita o brazo esquerdo: son as estrelas Tabit, Al Taj I, II, III, IV e V.

En mitoloxía moitas son as versións que podemos atopar, para describir a orixe da lenda de Orión, tanto en Grecia como en Roma, así como noutras culturas de todos os continentes. Pero a máis aceptada é, na que aparece como un gran cazador que alardea de poder matar calquera animal. A deusa Gea en castigo pola súa presunción, mándalle un escorpión para que o mate. Durante o enfrontamento Orión consigue esnaquizalo, pero o escorpión crávalle o seu aguillón, polo que este tamén morre. Para recordalos os deuses colocaron a Orión e ao escorpión no ceo, en extremos opostos da bóveda celeste, de forma que cando Escorpio sae polo horizonte do leste, Orión ocúltase polo oeste.

Pero os mitos son universais, non só agora senón ao longo da historia do home: en diversas civilizacións podemos ver como esta agrupación de estrelas foi obxecto de admiración, devoción e ata inspiración na construción de complexos arquitectónicos como as pirámides.

Agora xa só queda que na próxima noite estrelada mirar ao ceo en dirección sur para atopar a este gran xigante, coñecido por moitos como a Catedral do Ceo, que é a constelación de Orión.

 

Paulino Gasalla

 

Imaxe 1. A constelación de Orión (O Cazador)

 

<< Volver