A derradeira cañota

18/11/2022, Paulino Gasalla

A derradeira cañota

Paulino Gasalla

 

Cando falamos de cañotas, de xeito automático, a maioría de nós pensamos sobre todo nas das provincias de Lugo e Ourense, e véñennos á cabeza algunhas moi renombradas como árbores senlleiras: Val de Fonte, Pumbariños, Regadiña, Ribeira, etc. Pero aínda que de xeito case testemuñal, podemos dicir que no noso privilexiado recuncho das parroquias de Covas, Marmancón e Esmelle, queda aínda una destas xoias da natureza.

Antes de nada tentemos definir que é unha cañota, e atoparémonos que esta palabra non consta no dicionario da Real Academia Galega (RAG). Teremos que recorrer a algunha das acepcións máis coñecidas a nivel popular da palabra, tales como: caroca, carocha ou caracocha, e que veñen definidas como “Oco que forma o tronco vello dunha árbore ou unha rocha” ou “Tronco vello dunha árbore”.

Pero estes significados son válidos para todo tipo de árbore, mesmo para unha rocha. Con todo cañota aparece no Dicionario galego-castelán da Real Academia Galega (1913-1928), co seguinte significado: “Castiñeiro secular que ten o tronco oco. Algúns destes troncos son tan grosos, que no seu interior pode acubillarse máis dunha persoa”. Tamén aparece no Dicionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos nas edicións de 1928-1931, 1933, 1951 e 1979, co seguinte significado: “Castiñeiro secular cuxo tronco está oco”. Esta é entón a definición na que nos imos a basear para falar da nosa cañota.

Atópase en Esmelle, en O Barreiro, Lodeiro, na horta da casa do Tío José de Días, trátase dun castiñeiro (Castanea sativa). As súas dimensións son as seguintes: circunferencia a 30 centímetros do chan 5,40 metros, altura 6,50 metros. Estas medidas foron efectuadas o 20 de decembro de 2021. A maior parte do tronco xa se atopa seco, cun buraco central que permite ver o seu interior oco, só unha pequena parte do tronco no seu lado norte ten aínda vida. Determinar a súa idade sería moi difícil, pero segundo contoume Clemente (Mente) o anterior propietario, cando el era un neno dicíalle o seu avó o Tío José: “cando eu era pequeno o meu avó contábame que a cañota lembrábaa sempre aí”. Así que baseándonos niso podemos dicir que ten máis de 200 anos, toda unha idade.

 

Imaxe 1 . Cañota de Val de Fonte en Paderne (Folgoso do Courel)
Imaxe 1 . Cañota de Val de Fonte en Paderne (Folgoso do Courel)

Contoume tamén que varias veces estiveron a piques de cortala, pois non se lle vía ningunha utilidade. Pero dicía tamén que el a quería aí, sentíase moi satisfeito coa súa cañota, e sempre que podía ensinábaa con orgullo. Na primavera sempre dicía “aí tela, segue viva, mira esas folliñas que lle están saíndo”.

É evidente que a cañota atópase en estado crítico, pero cos coidados da súa actual propietaria, Teresa a filla de Clemente, hai moitas posibilidades de que poida seguir viva durante moitos anos máis, para que cada primavera podamos dicir como Clemente: “Mira esas folliñas que lle están saíndo”.

 

P.D. O meu agradecemento a Henrique Dacosta pola súa axuda.

 

Imaxe 2 . Cañotas en Castro, Parada do Sil (Ribeir Sacra) - 06/11/2021
Imaxe 2 . Cañotas en Castro, Parada do Sil (Ribeir Sacra) - 06/11/2021
Imaxe 3 . A Cañota da Casa do Tío José de Días (Esmelle) - 21/09/2021
Imaxe 3 . A Cañota da Casa do Tío José de Días (Esmelle) - 21/09/2021
Imaxe 4 . O oco da cañota - 08/12/2021
Imaxe 4 . O oco da cañota - 08/12/2021
Imaxe 5 . Retazos de vida - 08/12/2021
Imaxe 5 . Retazos de vida - 08/12/2021

 

<< Volver