A invasora sempreviva avanza implacable

14/12/2024, Xan Rodríguez Silvar

​​

Xan Rodríguez Silvar

SGHN

 

A revista Columba do pasado ano acolleu unha achega sobre a planta Helichrysum petiolare Milliard & B.L. Burtt, chamada sempreviva e tamén planta do regaliz —inda que nada ten que ver coa auténtica planta Glycyrrhiza glabra L. da que se obtén ese doce— como un preocupante exemplo de especie exótica invasora, segundo a definición da ONU: “é aquela especie exótica que se estabelece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e constitúe un axente de cambio e ameaza a diversidade biolóxica nativa”.

Ademais de fornecer unha descrición básica da especie, pertencente ao gran grupo das plantas Compostas ou Asteráceas, subliñábase a súa propagación por una rede de rizomas dos que saen tallos longos —de ata uns 2 m— con follas dun verde abrancazado, pilosas. Ao remate saen flores compostas, amarelas (de aí o nome, do grego crisós, ouro) que dan sementes moi doadas de dispersarse polo vento.

Mato de sempreviva nun noiro de estrada entre fentos e sobre un toxo
Mato de sempreviva nun noiro de estrada entre fentos e sobre un toxo

Unha vez enraizadas, forman matos potentes que son quen de aproveitar o soporte de outras, como o toxo, para erguerse entre ou sobre elas, co que a propagación aérea e a expansión dos rizomas saen beneficiados. E así van ocupando máis e máis superficie e afogando a outras especies, que quedan desprazadas.

Nos meses transcorridos dende entón púidose comprobar como a expansión da que se alertaba foi aparentemente a máis, inda que se debería cuantificar cun estudo técnico de seguimento da expansión, dado que boa parte da superficie está incluída en terreos protexidos pola rede NATURA 2000, coa presenza de 34 Hábitats Prioritarios para a Unión Europea e 44 especies vexetais e animais protexidas.

Vista de montes do Pieiro inzados de masas de sempreviva dende un emprazamento de canón de 38”
Vista de montes do Pieiro inzados de masas de sempreviva dende un emprazamento de canón de 38”

Xa dende Cabo Prioriño apréciase un aumento das masas grises de sempreviva. A práctica totalidade dos terreos das antigas baterías do Pieiro están inzados de matos de H. petiolare.

Un punto rechamante é Monte Ventoso, onde operou o Observatorio Meteorolóxico da Armada; o acceso a esta cota de 242 m estaba este verán totalmente orlado por matos de sempreviva. Ao no ser efectuada este ano a roza anual das beiras desta estrada dun so carril a facía case inaccesible a vehículos; ao subir camiñando nun día solloso, o arrecendo das flores facía a experiencia case mareante pola súa intensidade do seu cheiro.

Incluso abas orientadas con dominante Norte, como as situadas sobre a praia de Lumebó, en Punta Penencia, Doniños, exhiben unha extensa ocupación entre as toxeiras.

Abas sobre a praia de Lumebó salpicadas de sempreviva
Abas sobre a praia de Lumebó salpicadas de sempreviva

Neste período de tempo hai constancia das actuacións dos Comuneiros do monte do Cha na limpeza de montes de Brión, previa á plantación de especies arbóreas autóctonas. Refiren a dificultade do traballo realizado e, no caso da sempreviva, a necesidade de usar ferramenta manual e sacar coas propias mans os rizomas para impedir a continuación da propagación .

Tras a publicación do artigo anterior efectuouse a sinatura do convenio entre o concello de Ferrol e o ministerio de Defensa polo que os montes sen uso militar son agora patrimonio de Ferrol. Como se suxería o ano pasado, os concellos máis afectados son Ares e Ferrol, polo que sería urxente establecer unha liña de colaboración mutua coa Xunta de Galicia e comezar un plan para frear a expansión de sempreviva e mitigar, no posible a súa presencia en paisaxes moi sensibles de ambos concellos.

Estrada a Monte Ventoso nos setembros de 2020 e 2024
Estrada a Monte Ventoso nos setembros de 2020 e 2024

Ás razóns de protección da biodiversidade hai que engadir a defensa da paisaxe, que está a ser descuberta por moitos dos crecentes visitantes a estas terras, valoradas pola súa calidade paisaxística. Mais hai evidentes liñas de mellora na súa accesibilidade co balizamento de estradas e localidades, agora bastante precario. Tamén no mantemento en tempo da vexetación de beiras dos vías, factor este último que incrementa o perigo do tráfico en estreitas estradas e viradas e complica a defensa contra o lume.

Son todos estes factores previsibles e con datas de actuación, para que as que hai que prever reservas orzamentarias e planificación para que os concursos permitan a realización das tarefas en tempo. A seguridade de veciños e turistas está en xogo, e a biodiversidade, de novo, serve para advertirnos da necesidade dunha xestión eficaz.Mais para afrontar problemas como a erradicación de invasoras como a sempreviva ou a herba da Pampa, Cortaderia selloana (Schult. & Schult.f.) Asch. & Graebn, non abonda con rozas de tractor como as usadas en beiras de estrada, debéndose empregar métodos específicos, asesorados pola Xunta de Galicia.

A realidade amosa que a coordinación das institucións responsables do patrimonio natural é máis necesaria que nunca.

 

 

<< Volver