A perda da histórica embarcación Espartero

20/05/2016, Fernando Patricio Cortizo

​​

Investigando no decurso destes catro últimos anos no AGMAB (Archivo General de Marina Álvaro de Bazán) ubicado na localidade castelá-manchega de Viso del Marqués, procurando información sobre naufraxios acontecidos na costa galega, atopei entre moitos deles, o espectacular e histórico afundimento da fragata inglesa Speed, no areal de Ponzos, no 1814, tras ser apresada polo corsario norteamericano Lion de Baltimore, que ocupou espazo na edición da revista Columba nº 14, co artigo que levaba por titulo: Notas dun antigo naufraxio en Cobas, escrito coa inestimable colaboración de José López Hermida e do que por mor á súa relevancia, organizaríase meses despois unha conferencia monográfica sobre o mesmo na sede da mesma sociedade no mes de decembro de 2014, para celebrar o bicentenario deste naufraxio, cunha asistencia de público coma poucas veces se lembra na comarca, nun acto cultural destas características.

Aproveitando os froitos que deron as pescudas feitas nas moreas de documentos consultados e gardados ao abeiro da humidade, no arquivo da Armada española no Viso del Marqués, rescatei para este artigo de entre eles, un de interese para o ámbito territorial de estudo da Sociedade Cultural Columba: o da perda do galeón de carga galego, Espartero, contido no Legajo F 7867, carpeta: Departamento Marítimo Militar de la Provincia de El Ferrol, causa nº 557. Deste expediente, puidemos extraer a información que sigue a continuación: aconteceu este sinistro marítimo no mes de outubro do ano 1844, cando este galeón de carga aparellado de quechemarín con matrícula de Corme e 100 toneladas de porte, pérdese no areal de O Vilar, pertencente á parroquia de San Martín de Cobas, Ferrol, salvándose toda a súa tripulación máis as tropas que ían embarcadas xunto a súa carga, composta en parte por armamento. O seu patrón e propietario era Juan Antonio Mosquera. O navío fora fretado no porto de Vigo con destino ao porto de A Coruña, polo VII Conde de Priegue, (dende 1786) Juan Nepomuceno Ozores y Espada, brigadier do exército español que xa destacara loitando na Guerra da Independencia española. O condado de Priegue, foi un título nobiliario español outorgado polo rei Felipe IV o 24 de agosto do 1643. O primeiro en ocupar o cargo de conde baixo tal distinción, foi Baltasar de Sequeiros y Sotomayor, Mariscal de Campo e Xentilhome de Boca do Rei, Cabaleiro da Orde de Santiago.

No expediente do naufraxio do Espartero, escribíuse unha reseña curiosa:

“… salieron, trayendo un oficial con su asistente y otro soldado con setenta fusiles inútiles, y dos marineros ingleses”.

 

Contextualización histórica do naufraxio

Esta pequena nota amosaba gráficamente o que estaba a acontecer en Galicia e noutros puntos da península ibérica, a pesares de que a I Guerra Carlista (1833-1840) rematara facía xa catro anos, onde focos insurrectos afíns aos carlistas seguían sen asumir a derrota e alzábanse contra a monarquía, como o que se producira en Vigo a finais do ano 1843, porto dende onde precisamente zarpara o Espartero con tropas abordo, entre os que había militares británicos, feito que non atendía a unha casualidade, pois os liberais e moderados en contrapartida a súa lealdade á coroa española, obtiveron da mesma máis poder político para o seu parlamento, cámara, que recibiu o apoio de Inglaterra, Portugal e Francia, económica e militarmente.

Os británicos en concreto, enviaron a España á Lexión Auxiliar Británica, corpo de voluntarios ao mando do xeneral George Lacy Evans, bloqueando os navíos da Royal Navy o litoral galego, impedindo deste xeito que embarcacións insurrectas desembarcaran víveres, pertrechos e armamento aos alzados carlistas.

Tamén os portugueses enviaron unha división auxiliar baixo o mando do Barón das Antas e os franceses a Lexión Estranxeiras francesa, colaborando ademais no control da fronteira e das costas españolas.

Este conflito dinástico da monarquía española iníciase cando o rei español, Fernando VII, tras casarse en tres ocasións e non ter descendencia á súa liñaxe por un fillo varón, publica a Pragmática Sanción que devolve ás fillas herdeiras do rei o dereito a reinar, lei herdada da antiga sucesión monárquica de Castela. Deste xeito, a súa filla Isabel, froito do seu último enlace matrimonial con maría Cristina de Borbón, pode acceder ó trono no caso de falecer seu pai sen descendencia de fillos varóns. Cando Fernando VII, falece o 29 de setembro do 1833, Isabel é proclamada raíña baixo a rexencia da súa nai, María Cristina de Borbón e Dous Sicilias, pero Carlos María Isidro de Borbón, irmá do finado Fernando VII, polo Manifiesto de Abrantes anuncia que mantén intactos os seus dereitos dinásticos, non recoñecendo á súa sobriña coma raíña de España e levando ao país á I Guerra Carlista.

 

Imaxe 1. Nota de prensa onde aparece un quechemarín portando armas dende o porto de Vigo para o de Pontevedra. Seguramente se trate do propio Espartero, afundido en Cobas. El Boletín del Ejército, 11 de novembro do 1843
Imaxe 1. Nota de prensa onde aparece un quechemarín portando armas dende o porto de Vigo para o de Pontevedra. Seguramente se trate do propio Espartero, afundido en Cobas. El Boletín del Ejército, 11 de novembro do 1843

 

Moderados e liberais, unidos en apoio á monarquía española, controlaban as principais institucións do Estado, a meirande parte do exército e todas as cidades importantes. Focos rebeldes coma o de Vigo en Galicia, xurdido a finais do ano 1843, van a ser sufocados polas tropas leais á coroa hispana, que como se aprecia na información extraída do expediente do naufraxio do barco Espartero, (embarcación por certo, bautizada co nome do xeneral vencedor da crucial batalla de La Luchana, na I Guerra Carlista e afín á monarquía) o envío de armas para reforzar os portos galegos e cantábricos era un obxectivo primordial polo goberno de España, que se vería abocado a unha II Guerra Carlista, por mor á inestabilidade social provocada por unha parte do exército e da poboación afín a Carlos María Isidro de Borbón que estalaría no 1846 para rematar no 1849, cunha nova derrota máis humillante se cabe para os carlistas que na primeira.

 

Pescudas en Corme

Voltando ao propio expediente da perda do barco, Espartero, e tentando aportar algo máis de luz a este sinistro marítimo, trasladeime recentemente a Corme, porto, onde estaba rexistrado o barco que ocupa o noso artigo e vila natural do seu armador. Á miña chegada ao que foi o porto máis importante da Costa da morte e un dos máis relevantes de Galicia, no que á navegación de cabotaxe se refire co seu trafico de madeira do país, entre o último cuarto e principios do século XX, dirixinme por terceira vez a franquear a porta da súa Capitanía Marítima, lugar onde fun amablemente tratado nas ocasións que alí estiven polo seu persoal interino. Tras saudar de novo a Fernando Vidal Pombo, o seu Capitán marítimo e ao seu axudante, conteilles o motivo da miña visita que non era outro que tentar atopar algo referente á embarcación cormelá, Espartero.

Tras proporcionarme ambos funcionarios os documentos máis antigos gardados neste arquivo, por desgraza tras follealos, non acadamos atopar ningún expediente de rexistro de embarcación algunha que fose tan antigo, tendo en conta que procuraba atopar un barco dado de alta nos libros de rexistro da Capitanía de Corme, a lo menos inscrito coma moi tarde ao comezo da década dos 40 do século XIX.

O resultado foi infrutuoso, por que todos os libros de inscricións de embarcacións anteriores a 1858, foran enviados á Capitanía de a Coruña e de esta a Ferrol, para finalmente seren enviados dende a cidade departamental ao Archivo General de Marina Álvaro de Bazán, ubicado na localidade de Viso del Marqués, na provincia de Cidade Real, exactamente, foi neste último como xa indiquei, onde eu atopei entre outros, o expediente de naufraxio que deu lugar a este traballo.

 

Galeóns de carga e quechemaríns

O galeón galego foi un tipo de embarcación de carga e transporte que se empregou para diversas funcións polas súas características, especialmente adaptadas ás rías galegas, pois trátase dun barco panzudo de proa, con moita manga, cuberta na súa meirande parte ocupada pola adega e de popa redonda. Os galeóns eran barcos robustos, moi mariñeiros que na súa época de esplendor atendían fundamentalmente á compra de peixe a flote, desprazándose aos caladoiros a recoller as capturas do día e levalas de volta a terra, ven para seren vendidas nas lonxas ou para destinalas ás conserveiras ou salazoeiras. Foron moi empregados tamén no tráfico marítimo da madeira e no transporte de pezas de barro e materiais de construción producidos nas telleiras. Montáronselle posteriormente máquinas a bordo, sobrevivindo ata a década dos 60 do século pasado, sendo empregados como barcos auxiliares das primeiras bateas e xa coma último recurso, como parques flotantes de cultivo, feito que precisamente contribuíu a conservar numerosos cascos deste tipo de embarcación, estudialos e coñecer a súa construción. É probable a súa aparición a mediados do século XVIII, coa chegada a Galicia dos fomentadores cataláns e a implantación das súas industrias salazoeiras na nosa costa. a súa eslora variaba entre os oito e os vinte metros, tendo a media nos 13 metros, unha manga de 4 metros e un puntal de 1,5 metros, cun rexistro bruto de 15 toneladas. Montaba un pau de arboredo de balandro, os maiores podían armar dous. O seu escaso calado, (herdanza vikinga) permitíalle arrimarse ou varar case que en calquera ribeira aproveitando as mareas, o cal facía deste tipo de embarcación ideal para alixeirar ou cargar a súa mercadoría nas praias. O galeón de carga, xunto a quechemarines e pataches, todas, embarcacións míticas da cabotaxe atlántica, foron construídos principalmente con madeiras do país: carballo para a súa estrutura e de piñeiro para os forros.

O quechemarín ou cachemarín, era unha embarcación de dous paus de arboredo, con velas ao terzo e un pequeno pau de mesana a popa, algúns foques e un botalón a proa e gavias volantes en tempos bonancibeis, típica das costas bretonas e do Mar Cantábrico, xeralmente con cuberta, que xa se empregaba no século XVIII para a pesca, pero que por mor ás súas óptimas condicións mariñeiras e o seu volume de carga, de contado fixeron que fora destinado para o transporte de mercadoría percorrendo grandes distancias na navegación costeira, a denominada de cabotaxe. Construíronse os últimos quechemaríns ou cachemaríns a comezos do século XX. Achegábase de media este tipo de embarcación ás 40 ou 50 toneladas de rexistro bruto, con esloras de 15 metros. Máis existiron quechemaríns cantábricos que tiñan preto dos 20 metros de eslora, como os 19,30 metros que acadaba o Inmaculada Concepción, construído nos estaleiros bilbaínos de Ripa e que completaba as súas medidas cos 5,66 metros de manga e 2,33 metros de puntal, con 60,92 toneladas de rexistro bruto.

 

Debuxo de Quechemarín (http://bertan.gipuzkoakultura.net/23/argazkiak/g/238.jpg)
Debuxo de Quechemarín        http://bertan.gipuzkoakultura.net/23/argazkiak/g/238.jpg

Máis, a gran diferenza de tonelaxe existente entre ambos os dous modelos de embarcación que acabamos de describir, fainos concluír que a que se perdeu no areal de O Vilar, en Cobas, por mor á súa tonelaxe, tiña que ser un quechemarín e non un galeón de carga galego, pois o propio Espartero, acadaba as excepcionais 100 toneladas de porte (diferencia entre o peso dun barco totalmente cargado e o peso do barco sen carga, expresado en toneladas) e seguramente preto da veintena de metros na súa eslora.

 

Algunhas reseñas do que supuxo o ano 1844 na historia

O naufraxio do barco Espartero, prodúcese ao inicio do período coñecido na historia de España como La Década Moderada, (1844-1854) cando a raíña Isabel II con 14 anos de idade, leva un ano de reinado inmerso nunha época convulsa entre moderados e progresitas; o cargo do novo presidente da nación reside no xeneral Narváez, a gran figura dos moderados quen relevou no cargo o tamén xeneral Espartero, despois de varias conspiracións provocadas pola tutela da adolescente raíña, ao non poder exercerla a súa nai, María Cristina, que se atopa no exilio, e do que voltará o 23 de abril de 1844 a Madrid.

Tanto no eido nacional coma internacional, sucederanse acontecementos que marcarán a historia e o futuro da península ibérica e do mundo. O 24 de abril, asínase a acta de Independencia de Chile, recoñecida por España.

O día 13 de maio, fúndase a Garda Civil, forza armada encargada de aplicar a lei e a orde, esencialmente no medio rural. Como medida complementaria suprimiríase a milicia Nacional. Este mesmo día, prodúcese un terremoto de 6,9 grados na escala Richter en Miyaneh, Irán, ás 19:00 hora local, que deixa un balance de centos de mortos.

O 24 de maio, Samuel Morse envía dende o Capitolio en Washington a Baltimore a primeira mensaxe telegráfica da historia: “What hath God wrought”, que significa: Que creou Deus?

O escritor galo, Alexandre Dumas, publica Os Tres mosqueteiros, en folletíns no xornal galo, Le Siècle, entre os meses de marzo e xullo do 1844.

O 5 de outubro desatouse un terrible furacán no Mar Caribe, bautizado coma a Tormenta de San Francisco de Asís. Na Habana producíronse 100 mortos, incontábeis feridos e preto de 2600 vivendas ficaron esnaquizadas. Na súa extensa baía, afúndense polos efectos desta devastadora tormenta, 13 buques mercantes que se atopaban a o seu abeiro. acontece o finamento de Martín Fernández de Navarrete o día 8 de outubro, ilustre mariño e escritor español, que entre outras nos deixou a súa excelente obra: Diccionario Marítimo Español.

Xusto unha semana despois, o día 15 de outubro, nacerá Friedrich Nietzsche, o gran filósofo alemán.

 

Actualidade

Actualmente, non temos novas de que se conserven os restos do Espartero, ou de que fora atopado o seu pecio, máis na mesma praia foi achada unha áncora de ferro antiga de grandes dimensións a uns seis metros de profundidade, que xunto a outros restos illados atopados na mesma zona pertencentes a outro suposto pecio, fannos pensar na relevancia do lugar de O Vilar, en Cobas, no que atinxe a achádegos subacuáticos que ben merecerían un estudo, como o que fixo a S.C. Columba, que amosa na súa páxina web, un mapa dos abundantes naufraxios acontecidos na zona que beirean o Cabo Prior.

A nova inédita do naufraxio do barco Espartero, que publicamos nesta nova edición da revista Columba, recóllese no libro: Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, cuio autor é o mesmo que rubrica este artigo, e que proximamente sairá á luz; polo tanto o que aquí escribimos podemos dicir que é un adianto aumentado do episodio editado na nomeada publicación que é de moito interese para esta revista, polo lugar onde se producíu o propio sinistro marítimo, na praia de O Vilar, en Cobas.

 

Bibliografía

Enciclopedia Universal Larousse 2003 multimedia.

España, Ministerio de Defensa, AGMAB, Legajo F 7867, Departamento Marítimo Militar de la Provincia de El Ferrol, causa nº 557.

Fernández de Navarrete, Martín. Diccionario marítimo español. Imprenta Real, Madrid. 1831.

http://www.abp.org.ar/pages/imprimir_nota.asp?id=411

http://bertan.gipuzkoakultura.net/23/argazkiak/g/238.jpg

http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2009/05/14/galeon-eliseo-completa-restauracionastillero-grovense/326822.html.

http://www.modelismonaval.com/magazine/galeongallego/images/presentacion/mediocasco07.jpg

Patricio Cortizo, Fernando. Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899. Ediciones Cartamar, a Coruña. 2016.

<< Volver