Desde o primeiro número da revista Columba, se ben non todos os artigos que levamos escrito pertenzan a este campo, debemos recoñecer que a toponimia ocupou un lugar destacado. Arrancabamos coa controversia de se *Cobas ou Covas, no nº 3, e rematabamos no nº 9, «A volta a Covas en cincocentos topónimos», sendo esta última até o momento a nosa modesta achega a dita disciplina, e, claro está, centrabámonos no caso específico dos nomes de lugar da nosa aldea.
Aínda que tamén no número anterior falabamos de nomes, desta vez, no entanto, referiámonos á antroponimia, isto é, a aqueles nomes de pía significativos e que, na maior parte dos casos, pasaron hoxe a mellor vida. No artigo, así mesmo, puidemos facer unha sucinta aproximación aos apelidos, sempre desde un punto de vista xenérico, de aí talvez ser agora o momento oportuno, neste novo número da revista, de retomar ese fío argumental, tentándoo centrar nos máis comúns e tradicionais, pertencentes ás familias da nosa parroquia.
Retrocedendo na historia, pódese dicir de modo xeral que a aparición ou nacemento do apelido como tal comeza a xurdir a partir do séc. IX en todo o ámbito hispánico, pois facíase necesario tentar distinguir e identificar con clareza a cadaquén para evitar posíbeis confusións. Os nomes de pía, aínda sendo moi variados, non daban para impedir equívocos. Deste xeito, por exemplo, vemos en 912 documentado “alio Froila”, quérese dicir, “outro Froila” no Tombo1 de Sobrado, e en 1007 “alio Vimara”, “outro Vímara”, no Tombo de Celanova, o que dá fe da necesidade de eludir dualidades ao seren asentados nos libros documentais destes mosteiros.
Os recursos para se habilitar o que logo se haberá de coñecer como apelido oscilaban entre levar o nome do pai aposto ao propio nome de pía2 ou co sufixo en -ci, transformado rapidamente en -s (ou -z con posterioridade)3, de modo que outra vez se facía alusión ao sintagma que determinaba ser ‘fillo de’. Mais, lonxe de existiren desde sempre como talvez se puidese crer, os apelidos só comezan a ter unha certa consolidación entre os séculos XIII e XV. O labor notarial dos escribáns axudou, sen dúbida, á extensión deste costume, cuxa primeira incidencia estivo nos cargos eclesiásticos, alén de nos membros da alta sociedade para así se distinguiren dos demais. Máis tarde, xa cos documentos notariais e parroquiais, esta práctica acabarase por xeneralizar ao resto da poboación, coa conseguinte presenza deste novo nome aposto, ou apelido, colocado detrás do de pía.
Será por causa da implantación do que haberá de ser o acto xurídico en que a persoa falecida traspase os seus bens, dereitos e obrigas a outra persoa ou persoas, denominadas herdeiros, que a herdanza universalizará o emprego dos apelidos, pois aos propietarios ou arrendatarios de terras facíaselles necesario para a súa transmisión a unha persoa ligada á posesión sucesoria. E nesta mesma orde de cousas estarían os oficios, porque, en moitos dos casos, tamén posuían condición hereditaria, como acontecía cos gremios, de aí o nome da profesión coa adquisición do apelido (Ferreiro, Colmeiro, Porteiro, etc.); e o mesmo poderiamos dicir con respecto a un título (Cabaleiro, Infante, Escudeiro, Fidalgo, etc.).
En suma, e de maneira xenérica, pódese afirmar que os apelidos galegos, ademais de aludiren ao nome do pai —ou tamén da mai, aínda que nestes casos sucedía moito menos—, podíano facer reflectindo oficios ou profesións, ou títulos, ou dignidades; referíndose outros á orixe xeográfica do individuo; ou, igualmente, ao alcume ou sobrenome noutras ocasións. Con posterioridade, porén, aos propiamente autóctonos viríanselles sumar aínda outros novos de procedencia foránea: casteláns, cataláns, franceses, etc. (Manzanares, de isla, Arenas, Buhigas, Romaní, Roura, Gurriarán, Barrié, Tettamancy, Marchesi, etc.). Así pois, para os nosos apelidos tradicionais podemos sinalar as seguintes orixes:
—Romana, que atinxe a nomes de persoa de orixe latina (Valerio, Mariña, etc.), aínda que tamén grega (Eusebio, Uxía, etc.) e hebrea (Ismael, María, etc.).
—Xermana, con nomes fundamentalmente góticos pero tamén suevos, ás veces difíciles de separar uns e outros, xunto con formas alatinadas (Bermudo, Rudesindo, Aldara, etc.).
—Hispánica, basicamente de ascendencia vasca, aínda que en nomes pouco numerosos (Velasco/Vasco, Urraca, García, etc.).
—Árabe, pero bastante pouco frecuente, e produto da chegada ao noso territorio de cativos musulmáns ou refuxiados mozárabes (Fátima, etc.).
Situándonos nesa idade Media en que Galiza aínda vivía exenta do dominio castelán, logo sendo territorialmente monolingüe e sen administración foránea, as anomalías ortográficas (aplicadas desde un punto de vista actual) que se puidesen presentar nos apelidos e nomes, así como na escrita en xeral, nada ten que ver co que hoxe acontece, unha vez se produciu a irrupción da lingua dominante que propiciou a absorción do territorio galego, primeiro polo reino de León e posteriormente polos de Castela e Aragón cos Reis Católicos. É notoria a ausencia (non existencia poderiamos dicir mellor) de gramáticas para as diferentes linguas romances, románicas ou neolatinas até ese preciso instante. Existía consciencia de que o que se falaba xa non era latín, certo, mais o latín continuaba a ser a lingua da alta sociedade, da igrexa, da nobreza e, por conseguinte, da administración ou, dito doutro xeito, asumíase como lingua de cultura. Os textos desta natureza, en definitiva, escribíanse en latín. Non obstante, ese latín xa non é o clásico e pódese observar inzado de galeguismos. Nestes documentos escorrega, logo, información acerca da modalidade lingüística falada, pero que ao ser considerada como «sermo rusticus» carecía de prestixio suficiente para ter presenza nos pergamiños. Así pois, os descoidos, os inadecuados coñecementos do latín máis clásico, a presión da lingua falada..., quen sabe ben a razón exacta disto, mais o caso é que comezan a xurdir en diversos documentos voces romances ou falsamente latinizadas, topónimos ou antropónimos e até frases enteiras, tal e como destacamos a seguir en letra cursiva. Así, nun documento do Mosteiro de Celanova, de 997, dise: «et feret in carualieto de meio couto»; ou noutro do Mosteiro de Oseira, de 1085: «Dau eo Fernando a tibi Suario et concedo... »; ou noutro máis do Mosteiro de Vairão4 de 1161: «in agro qui dicit Segerei cũ toto suo termino deslo rriuolo até’no rego que vai por a uila dabo a vobis...».
En suma, a necesidade de escribir distinto nace cando xa a xente non domina o latín, cando xa os propios escribáns dubidan e escriben nun torpe latín que denota pouco a pouco o paso cara ao que ha de ser a lingua romance escrita, herdeira, claro está, da latina. En distintos textos notariais e monacais, velaí as famosas Glosas Emilianenses para o castelán achadas no mosteiro de San Millán de la Cogolla, vemos o paso previo para a escrita deste idioma. En territorio galego, o documento íntegro escrito en lingua galega máis antigo é de 1220, o Foro do Burgo de Castro Caldelas; e tres cantigas do último terzo do séc. xii pugnan por ser a primeira das escritas da nosa literatura: a coñecida como “Cantiga da Guarvaia”, que é anónima; a de Joám Peres de Paiva, “Ora faz host’o senhor de Navarra”; e “Ai, eu coitada como vivo em gram cuidado”, atribuída a Sancho i de Portugal.
As vacilacións na forma da escrita do galego-portugués medieval son de notar. Non habendo normas ortográficas nin, por suposto, gramáticas, a persoa que escribe é debedora do código escrito que si coñece. A xente que sabía escribir, escasísima doutra parte, sabíao facer pero no idioma aprendido e de prestixio, en latín, non no «sermo rusticus», que é o que realmente se fala, mais carece de norma escrita. Só a partir da consolidación dos vellos reinos medievais como verdadeiros reinos-estado, como é o caso operado entre Castela e Aragón cos Reis Católicos, é cando se entende a necesidade de dotar a lingua romance, neste caso castelá, dun debido código ortográfico, así como gramatical, que a enxalce e equipare ao mesmísimo latín.
En 1492, Antonio de Nebrija publica a súa Gramática de la lengua castellana. O Humanismo renacentista e o comezo da nova idade, superada definitivamente a medieval, así como o auxe dun novo estilo de política nacida á calor dun espírito distinto, trae consigo a dignificación das linguas romances, elevándoas ao rango de cultas, ademais de unificadas. Fernão de Oliveira escribe a súa Gramática da lingoagem portuguesa en 1536, e en 1540 será João de Barros quen publique a súa Gramática da língua portuguesa. En italia sucederá algo semellante: Lorenzo de Medici escribe en 1495 Le regole della lingua fiorentina, e Francesco Fortunio, en 1516, Regole grammaticali della volgar lingua. En Francia, en 1550, Louis Meigret escribe Le tretté de la grammere françoeze, e Robert Estienne, Traicté de la grammaire française en 1557.
No séc. XV, no ano de 1480, os procuradores de Toledo elaboran unha lei en que se prohíbe que a documentación administrativa dos diferentes territorios pertencentes aos reinos de Castela e Aragón (Galiza tamén) se escriba noutro idioma que non sexa o castelán. Os membros da administración do Estado pasarán por unhas probas de coñecemento desta lingua, de forma que a administración pública galega irá ficando case sen persoal autóctono, por causas obvias. De aquí nace o xerme da progresiva desgaleguización lingüística e cultural que chega até os nosos días, e que foi minando a nosa sociedade. As feridas que hoxe achamos en topónimos e apelidos responden a más interpretacións, falsas adaptacións, traducións (por veces erradas), etc., sistematizadas a partir daquela.
No momento actual, sandar as feridas sufridas, e que son de consideración (por má herdanza adquirida), pode resultar até certo punto penoso, de remitírmonos a moitos dos casos. No campo da toponimia o traballo está francamente avanzado e consolidado nunha altísima porcentaxe e, quen máis ou quen menos, ten claro que a lei debe imperar e que os nomes de lugar galegos teñen como única e exclusiva forma a galega, e así se respecta. Non sucede así, no entanto, para o caso dos apelidos, pouco ou practicamente nada asumido o feito de que moitos deles están adulterados e precisan dunha lóxica reparación. (Lembraremos a este respecto que a Lei de Normalización Lingüística ampara a posibilidade de regaleguización dos nosos apelidos5.) Algunhas destas anomalías presentámolas a continuación:
1) Algúns apelidos en que houbo mudanza de grafemas (letras):
*Vilaboy por Vilaboi, apelido de base toponímica formado pola unión de dúas palabras, Vila “granxa ou fundo rural” e boi “animal bóvido ruminante”, talvez nun primeiro momento ligadas ambas a través dunha contracción formando así un posíbel Vila do Boi, despois simplificado.
*Bello por Vello, convertendo a unha persoa idosa ou de avanzada idade noutra dotada de beleza, ademais de se transformar nun falso apelido de base castelá.
*Cobas ou *Cobelo por Covas ou Covelo, disfrazando a lexítima procedencia; igual que *Brea por Vrea, que procede de “vereda”; ou *Rivas e *Riveiro, de tanta presenza nos nosos apelidos, por Ribas e Ribeiro.
2) Algúns en que houbo mudanza de acento:
*Dávila por da Vila, convertendo alguén pertencente ou procedente dunha vila en alguén pertencente ou procedente da cidade castelá de Ávila.
*Míguez por Migués6, co sufixo de plural dialectal en -és en troca do tomado para a forma padrón en -eis, transformando o lexítimo fillo dun tal Miguel noutro fillo de non se sabe quen, e cuxo respectivo español tería de ser Miguélez.
3) Algúns en que houbo alteración nas vogais:
*Otero, *Lorenzo, *Sotelo por Outeiro, Lourenzo e Soutelo, ben abundantes por Galiza enteira, e en cuxos dous primeiros casos responden a unha tradución literal para o español da mesma palabra, mais deixando Galiza practicamente orfa de Outeiros e Lourenzos, dificilmente provenientes todos eles de fóra do país; e *Sotelo, solución mixta por non se corresponder coa verdadeira tradución ao español, xa que esta tería que ser Sotillo.
4) Algúns en que houbo alteración na pronuncia de certas consoantes:
*Freijeiro, *Seijo, *Breijo, *Fojo e *Fojas, *Gestoso ou *Teijeiro. Polos lexítimos: Freixeiro, ou lugar abundante en freixos; Seixo, que é certo tipo de pedra lisa, dura e de pequeno tamaño; Vreixo, forma arcaica do nome propio latino Verísimo; Foxo, ou cova de certa profundidade, burato; e Foxas, cavidade larga e de profundidade relativa; Xestoso, facendo referencia ao lugar poboado por xestas; Teixeiro, ou lugar onde abundan os teixos, porcos teixos ou teixugos.
En todos eles houbo simplemente unha substitución de pronuncias: o “xe” tipicamente galego foi substituído polo “jota” do español. Ademais diso, as boas correspondencias para o español, caso dunha verdadeira tradución, terían que ser as seguintes:
- para *Freijeiro: esp. Fresnedo
- para *Seijo: esp. Guijarro
- para *Breijo: esp. Verísimo
- para *Fojo e *Fojas: esp. Foso e Fosas
- para *Gestoso: esp. Retamoso ou Ginestoso ou Hiniestoso
- para *Teijeiro: esp. Tejonero
5) Tradución directa do apelido ao español:
*Villar, *Villarino, *Villares ou *Villa por Vilar, Vilariño, Vilares ou Vila, e para os cales nos remitimos á mesma explicación que dabamos anteriormente para *Otero e *Lorenzo.
É tempo xa de regresarmos novamente á nosa aldea. Tomando como base a información privilexiada, como é a boa memoria de meu pai, e cinxíndonos á etapa da primeira metade do séc. xx, podemos concluír que os apelidos máis frecuentes en Covas son Rodríguez, López, Díaz e Fernández. Nada estraño, doutra parte, pois son bastante comúns a toda Galiza. Non temos en consideración aquí se o apelido se trata do primeiro ou do segundo da persoa, xa que as combinacións poden ser variadas. O primeiro apelido, o que se herda do pai e transmite ao seu fillo varón e este transmitirá logo por vía directa á súa descendencia, é lóxico que ha de ter unha maior prevalencia e, por conseguinte, o que máis dificilmente corra risco de desaparición, caso de comparármolo coa muller, a cal perde o seu apelido a partir da seguinte xeración7. Neste sentido, e sobre todo con apelidos cunha escasa incidencia, hainos que corren o risco real de deixar de existir para sempre, véxase se non os casos de Leirado (137 contabilizados en toda Galiza8), Galego (915), Outeiro (341), Lourenzo (22), etc.
Tal e como adiantabamos máis arriba, caso de facermos unha clasificación dos apelidos medievais, cabería a posibilidade de que os agrupásemos por familias semánticas diversas. Así pois, os aludidos terminados en -es/-ez ou -iz/-is serían patronímicos (matronímicos se procedesen do nome da mai). Hainos, outros, que designan profesión, oficio, dignidade, etc. Unha terceira modalidade son aqueles apelidos que proceden de topónimos, en moitos dos casos precedidos pola preposición “de”. E a última e cuarta das modalidades sería a dos apelidos orixinados por alcumes ou sobrenomes. Deste modo, e seguindo este patrón, sería factíbel elaborarmos a seguinte listaxe e clasificación de apelidos, comúns para a nosa parroquia de San Martiño de Covas:
A. Patronímicos ou matronímicos:
Aos citados Rodríguez (fillo de Rodrigo), López (fillo de Lopo ou Lope), teriamos que engadir *Martínez9 (fillo de Martín ou Martiño), *González10 (fillo de Gonzalo), Pérez (fillo de Pero ou Pedro) e Fortúnez (fillo de Fortún, nome de pía de ascendencia francesa).
Alén destes apelidos con terminación -ez, debemos acrecentar outros tres a este apartado de patronímicos. Dunha parte temos Díaz (fillo de Día, Diego ou Diogo), que provén do nome latino DiDACi. García, nome de pía que estaría precedido seguramente da preposición “de”, e que procede do adxectivo vasco gaztea “novo”. E por último *Lorenzo, ao que xa nos referimos arriba, do latín LAURENTIU, que ten que ver co ‘loureiro’.
B. Que indican profesión, oficio, dignidade, etc.:
Neste grupo só temos o apelido *Guerrero, cuxa versión galega, Guerreiro, conta con 1.366 ocorrencias para toda Galiza.
C. Toponímicos:
- Que aluden á flora e a elementos vexetais diversos: Souto (terreo poboado especialmente por castiñeiros e carballos), Ramos, *Cereijo (Cereixo en correcto galego, tratándose da árbore cuxa variante é cereixeira ou cerdeira) ou Ameneiros (certo tipo de árbore, abundante nas marxes dos ríos).
- Que aluden a algún tipo de construción: Cabanas, *Iglesias (Igrexas, Eirexas, etc. serían o equivalente galego), Pazos, *Hermida (Ermida en correcto galego), Couto (terreo de monte cercado), Saavedra (palabra composta de dúas raíces, saa + vedra, e existe tamén a variante sala, aínda que é máis común saa ou sa, voz xermánica que significa casa cun único cuarto; mentres que a segunda procede do latín vulgar, *vetera, co significado de ‘vella’), Caneiro (o significado máis probábel é o de lugar abundante en canas).
- Que aluden a trazos peculiares do terreo ou da súa configuración: *Otero (Outeiro), Lago, *Seijido (Seixido en bon galego, referíndose a un lugar abundante en seixos), Coya/Coia11 (relacionado coa palabra coio sen dúbida), Serantes (cuxa raíz sar- ou ser-, e sor-, voz céltica, estaría relacionada cunha corrente de auga, e vémola en topónimos como Sar, Sarela, Sarria ou Ser e Sor), ou precedidos da preposición “de”, tal como Dacosta12 (ou da Costa, referido o segundo elemento a un lugar costento, empinado ou pendente), Dopico (ou do Pico), Docampo (ou do Campo) e *del Río13 (do Río talvez, traducido literalmente ao español?). Acerca do apelido Tembrás14 pouco ou nada sabemos, salvo que é o nome dunha aldea da parroquia de Recemel, no concello das Somozas.
D. Que proceden dun alcume ou sobrenome:
- Relativo a calidades físicas: *Blanco (mais Branco en correcto galego) e talvez *Alvariño (Albariño, prodecedente da palabra albo, do que sae o adxectivo albar, tal e como se lle aplica, por exemplo, a certo tipo de toxo, ‘toxo albar’, en todo momento como sinónimo de branco, e seguido do sufixo diminutivo, -iño).
- Relativo a calidades morais: Leal.
- Comparacións feitas con animais: Pita ou Carneiro.
Unha vez feita esta pequena aproximación aos apelidos da nosa parroquia, e dando fe da boa memoria para estes mesteres de Manolo de Socorro, meu pai, aínda el nos quixo puntualizar o feito dalgúns destes apelidos viren dar a Covas por diversas circunstancias (casamento, traballo, etc.), se ben tales aspectos poderían dar materia para talvez unha outra historia posterior que poida ser recollida nesta mesma revista. Así pois, a familia Alvariño do Prioiro tería a súa ascendencia por terras de Moeche. O apelido Blanco, aquí de cas Pita, e igualmente do Prioiro, procedería da parte de Betanzos. Da parte do Val, virían os apelidos Guerrero e Fortúnez. De igrexa Feita, faríao a familia Ameneiros, e Hermida, do Roxal. O apelido Coya, do que xa falamos máis arriba, tería os seus predecesores na provincia de León, talvez por terras de Riaño. Os restantes apelidos, nun sentido moi xeral, terían asento na parroquia de anos máis atrás, pois caso de buscarmos ascendentes e procedencias teriamos de indagar en diversos arquivos parroquiais e outro tipo de documentación que pertenceu a Sobrado, de cuxo material non dispomos. O obxecto do noso pequeno traballo, con todo, tampouco pretendía ir moito máis alá. Simplemente, facer notar que os nosos apelidos si son galegos e, xa que logo, ben nosos e arraigados con firmeza no territorio; e así pois e como tal, que non é pouco, debemos estimalos.
Notas
1 Tombo: Libro grande de pergamiño, frecuentemente ilustrado con miniaturas, onde as igrexas, concellos e comunidades tiñan literalmente copiados os privilexios e demais escrituras das súas pertenzas.
2 Bieito, Lourenzo, xiao, Sueiro, Vreixo, etc. podían ir acompañando o nome de pía, sendo, por exemplo, xoán Bieito ou Paulo Lourenzo entendidos como xoán [fillo de] Bieito ou Paulo [fillo de] Lourenzo.
3 Coa coñecida e común terminación -ez/-es/-iz/-is, procedentes dun sufixo xermánico que designa ser fillo do vocábulo que indica a raíz: Pérez/Peres ‘fillo de Pero (variante de Pedro)’, López/Lopes ‘fillo de Lopo ou de Lope’, Bieites ‘fillo de Bieito’, Pais/Paes/Páez ‘fillo de Paio’, Rodríguez/Rodrigues ‘fillo de Rodrigo’, etc.
4 Situado en Vila do Conde, actualmente Portugal. Portugal atinxe a independencia en 1143, produto da rebelión da nobreza do Condado Portucalense, ao mando do futuro primeiro rei portugués, Afonso Henriques, contra as influencias eclesiais do bispo xelmírez e, nomeadamente, do influxo leonés en que si caerá o Condado Galaico, con Afonso Raimundes, futuro rei Afonso VII.
5 A lexislación que regula estas posibilidades é a lei 40/1999 que: 1. facilita a galeguización dos nomes 2. a regularización ortográfica dos apelidos castelanizados 3. permite que os pais de común acordo poidan decidir a orde dos apelidos das súas fillas e dos seus fillos. Esta lei foi modificada puntualmente polo Real decreto 193/2000.
6 O apelido baixo a forma *Míguez aparece citado 11.211 veces en territorio galego, entrementres Migues, así escrito con acentuación grave e non aguda como lle correspondería, Migués, aparece só citado 8 veces. Canto á forma Migueis, temos que apuntar que non aparece citada en ningunha ocasión (en Portugal é bastante habitual esta forma), pero si xorde nun bon número de casos a través dun falso plural acabado en -n, como se denota da forma Miguéns (dun suposto singular *Miguén por Miguel), e que xorde 2.170 veces. Para achar estes datos recorremos á páxina web do instituto da Lingua Galega, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Baixo o epígrafe de “Cartografía dos apelidos galegos”, podemos acceder ao buscador a través de http://ilg.usc.es/cag.
7 Tal e como aludiamos máis arriba, véxase a nota número 5, agora existe a posibilidade de que, de mutuo acordo entre os pais, os fillos poidan levar os apelidos invertidos, isto é, levando como primeiro o da mai.
8 Como dixemos na nota número 6, acudimos para saber estes datos á páxina web do instituto da Lingua Galega, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (“Cartografía dos apelidos galegos”), accedendo no buscador a través de http://ilg.usc.es/cag.
9 O seu equivalente orixinario sería Martíns, Martís ou Martiz, este último aínda vivo como suposto alcume familiar, e os outros dous vivos aínda, con 1.002 ocorrencias en Galiza para o primeiro e 213 para o segundo. A forma *Martínez, pois, sería a tradución literal para o español dos anteriores galegos.
10 O seu equivalente orixinario sería Gonzálvez ou Gonzalves, con 80 ocorrencias para Galiza no primeiro caso, e 224 no segundo. A forma *González, pois, sería a tradución literal para o español dos anteriores galegos.
11 No caso deste apelido, e se ben sabemos que a súa procedencia estaría na provincia de León, poida que pola comarca de Riaño, existe igualmente no galego, grafado con “i” latino, como sucede co barrio vigués do mesmo nome e outros nomes de lugar galegos de menor entidade, e con 454 ocorrencias como apelido en toda Galiza, pero todas escritas con “y” grego.
12 Pódese verificar que moitos apelidos como o noso, Dacosta/da Costa, clasificados dentro dos de procedencia toponímica, foron en orixe precedidos da preposición “de”, contraída cos respectivos artigos nos seus dous xéneros e números. Así pois, do/dos e da/das: do Busto, do Carril, da Castiñeira, do Forno, da Gándara, da insua, das Bouzas, da Devesa, etc. De onde se deduce que estes apelidos hoxe, Busto, Carril, Castiñeira, Forno, Gándara, insua, Bouzas ou Devesa, e moitos outros que poderiamos enumerar, foron inicialmente antecedidos polas devanditas contraccións.
13 No Archivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, en especial en diversas series dos seus “Fondos General” e de “Libros Parroquiales”, dise o seguinte, acerca de quen ha de ser o futuro presbítero, José Jacinto del Río López:
“En la Igl.a Parroquial de la Villa de Pu.te de eume a diez y ocho dias del mes de Julio de mil setez.os zinquenta y siete. D.n Fran.co Bern.do Pardo, Presbitero vez.o de esta Villa, con mi lizencia Bauptizò solemnem.te a un niño q.e nacio en diez y siete de dho mes hixo lex.mo y de Lex.mo Matrim.o de Joseph do Río, y Catalina Lopez su muger naturales, y vezinos de esta dh.a vi.a pusole por nombres Joseph Jazinto Antonio fue madrina Jazinta Lopez mug.r de Jazinto Pardo vez.os de esta dh.a vi.a adviertole el Parentesco Espiritual y obliga.on y como Cura q.e soy de Pu.te de eume y S.n Mart.n do Porto lo firmo =
(Firmados:) D Thomas Moreyra / Franco Berndo Pardo”.
O pai de José Jacinto del Río, tal e como podemos ver, chamábase Joseph do Río (o subliñado é noso), empregando a forma ortográfica grecolatina para o nome de pía, mais claramente co seu apelido galego, do Río, que xa no seu fillo se converterá na súa tradución para o español.
14 Por lanzarmos unha hipótese, se ben en absoluto definitiva, na voz tremedal, quérese dicir, o terreo cuberto de herba e no que hai moita auga, de xeito que treme ao andarmos sobre el, poida que estea a súa orixe. Poderiamos pensar no seu plural, coa súa variante dialectal en -ás, en vez de en -ais, tremedás. Produciríase unha metátese do “r” (bastante frecuente na lingua vulgar: *probe, *esquirbir, *cabirto, etc.) e o “d” muda por “b”, coa perda da vogal pretónica primeiro, até dar finalmente *tembrás.
Enrique Dacosta López