ÁBORES E ARBUSTOS NA ANTIGA TERRA DE SERANTES (PARTE III). USO TRADICIONAL E SABEDORÍA POPULAR. ETNOBOTÁNICA
Terceira parte do artigo publicado nos números:
(Parte I) - Revista Columba Nº 20 do ano 2021
(Parte II) - Revista Columba Nº 22 do ano 2024
ROSEIRA BRAVA. ROSA SILVESTRE. ROSA CANINA
Había moitas roseiras bravas de flor branca en toda a sebe detrás da casa daba gusto o aroma que desprendían cando de rapazas íamos a tender a roupa. As collíamos para facer a Auga de Rosas do día de San Xoán e para facer ramos e no xarrón da casa para adornar.
Os froitos son comestibles algo amargos úsanse para facer marmeladas. En infusión son bos como astrínxente para as diarreas. Antigamente se usou a Roseira contra a rabia. (*1)
Rosas de San Xoán.- O día de S. Xoán (solsticio de verán, 24 xuño) facíase Auga de Rosas con varios tipos de plantas e flores, sobre todo coas que tiñan bo olor, rosas, reina Luísa, flor de San Xoan, romeiro, menta, follas de nogueira e outras, se botaban nunha tina con auga e se poñían o rocío toda a noite, e pola mañán había que lavarse a cara o levantarse con esa auga, que daba un agradable olor e frescor, para ter boa saúde e sorte o resto do ano. Este día tamén se facían uns matoxos (ramos /enramadas) con flor de San. Xoán e fiúncho, acibro ou xilbarda se bendicia e se amarraba nas portas das casas ou nas ventás. Tamén o Domingo de Ramos se facía un ramo de Loureiro con polas de Oliveira, e se levaba a bendecir a igrexa, despois se collían de este ramo unhas poliñas de Oliveira con Loureiro e se poñían tamén amarradas nas portas das casas. (*1)
Arbusto espiñoso de 1 a 3 mts. de altura de folla caduca o tallo e as polas son de cor verdoso e trepan entre as silveiras e sebes con espiñas fortes e curvadas, as flores son de pequeno tamaño de cor rosa ou branco. Florece na primavera e verán da os froitos o final do verán ou principios de outono. E nativa de Europa, N.O. de África e oeste de Asia, actualmente está estendida por todo o mundo.
Medra nos lindeiros, nas beiras dos camiños e se identifican ben cando están en flor. Na nosa localidade antes era máis abundante.
A medicina tradicional popular utilizou as follas, flores e froitos coas seguintes propiedades: gripe e arrefriados, antiinflamatoria e cicatrizante, o aceite, se usa externamente para nutrir e reafirmar a pel. Os froitos (escaramuxos) son comestibles se usan para facer marmelada teñen alto contido en vitamina C (1700-2000 mg/100 g) unha das plantas máis ricas de esta vitamina, superior a naranxa, limón ou kiwi, ata tal punto que na Guerra Mundial Gran Bretaña tivo que recurrir aos seus froitos para proporcionar esta vitamina debido ao bloqueo marítimo que impedía a importación de cítricos.
Nl.= Rosa canina L. Ng.= Roseira brava, Roseira, Caramuxo. Nc.= Rosal silvestre. Rosa canina, Escaramujo, Caramujo, Tapaculos, etc.
Roseira espiñosa. Roseiriña.- Hai outra roseira brava (silvestre) máis pequeniña a Rosa pimpinellifolia.- Arbusto pequeno entre 0,5 e 1,5 mts. de alto. Tronco dereito e ramificado verde escuro con moitas pequenas espiñas e follas de bordes aserrados. As flores son de cor branco e amarelo na base central. Os froitos (escaramuxos) son pequenos e redondeados de cor púrpura. Florece na primavera. Esta roseira medra nos montes comunais dificil de ver porque é un arbusto moi pequeno camuflada pola vexetación que case a cubre, de San Xurxo a Doniños tamén se ve por Covas, algúns pes en Santa Comba e outros por Sartaña.
Nl.= Rosa pimpinellifolia = Rosa spinosissima. Ng.= Roseira espiñosa, Roseira brava, Rosiña. Nc.= Rosa espinosa, Rosal espinosísimo, Rosa pimpinela, Rosa silvestre.

SALGUEIRO
Os salgueiros medran por todas partes, pero máis nas ribeiras dos ríos e prados, non dan boa madeira e branda pouco resistente para a construción. Se usaban moito para facer cancelas e estacadas para pechar as chousas e se espichaban as polas para marcar os lindeiros porque prenden moi ben, tamén o usábamos como leña na lareira e no forno. Produce moitas flores que son moi boas para as abellas.
As veces si escaseaban os vimbios e para cousas de pouco uso se facían os cestos con polas de Salgueiro pero son pouco resistentes e duradeiros, son mellores os de vimbio. Os Salgueiros hainos de dous tipos o negro que é o que máis abunda éo branco.
Cando se quería facer un pozo había que buscar o sitio onde había auga para saber de onde cavar; entón se chamaba a un "entendido" que cortaba unha pola (un galleto) de Salgueiro ou Aveleira, unha variña do grosor dun dedo maimiño de 30 cmts. de longo ea collían coas dúas mans a altura do peito e ían andando polo terreo ata que notaban que se movía e indicaba que alí había auga. (*1)
Na localidade medran tres especies autóctonas de Salgueiros: o Salgueiro Branco, Salix alba L., o Salgueiro Negro Salix atrocinerea e o Salgueiro Anano, Salix repens moi escaso. O Salgueiro Branco. (Salix alba L.), e máis escaso que o Salgueiro negro (Salix atrocinerea) pero se pode ver en diversos lugares.
Salgueiro Branco. (Salix alba L.).- Árbore de folla caduca que pode alcanzar ata 25 mts. de altura, tronco dereito e cortiza gris agretada. Medra ben en terreos húmidos e propio das ribeiras dos ríos.
Salgueiro Negro. Salgueiro Bravo (Salix atrocinerea).- Árbore de folla caduca que pode acadar ata 12 mts. de altura, de copa redondeada e pouco mesta, e moito máis abundante que o anterior, e parecido pero co tronco, polas e follas máis escuras As propiedades dos dous son moi parecidas, se considera popularmente que a madeira do S. Branco é de maior calidade.
Salgueiro Anano (Salix repens L.), moi escaso e difícil de ver, arbusto rastreiro de folla caduca e pequeno tamaño que non pasa dun metro de altura, tallo e polas de cor pardo-agrisada e castaño-roxizas. Medra en Galiza en brañas, lameiros, prados húmidos, dunas costeiras, areas soltas, turbeiras e ribeiras de pantanos. Orixinario de oeste e centro de Europa e este e centro de Asia. E utilizado como arbusto ornamental en xardinería. Foi localizado en Mougá.
Uso tradicional e medicinal.- As propiedades medicinais do Salgueiro xa eran coñecidas e utilizadas nas antigas culturas, Sumeria, Siria, Exipto, Grecia, Roma, etc. tamén polos indios americanos. A cortiza do Salgueiro (de todas as esp. de Salgueiros) conten "salicina", analxésico que alivia a dor, reduce a inflamación ea febre, de esta sustancia se extrae o "ácido salicílico" a materia prima para elaborar o "ácido acetilsacilícico" a famosa Aspirina. Usos: dores de cabeza, febres, dores musculares, reumatismo, artrite, estados inflamatorios, autoinmunitarios, gota, disentería, diarrea, neuralxias, etc.
A madeira do Salgueiro Branco foi utilizada para fabricar cabazos, enreixados, cestos, estacas, zocas, caixas, mistos (cerillas), palillos, artigos deportivos, taboleiros, etc. Non é forte e resistente polo que non e boa para a construción pero aguanta ben os golpes.
Esta árbore tan abundante tamén tivo a súa veneración e simboloxía na mitoloxía das culturas antigas. Atribuíronselle desde antigo propiedades máxicas bruxerís ou feiticeiras. Nl.= Salix alba L. Ng.=Salgueiro, Salgueiro branco Nc.= Sauce, Sauce blanco, Salce, Salguera, etc.
Nl.= Salix atrocinerea. Ng.=Salgueiro, Salgueiro negro, Salgueiro bravo, Salgueiro Zao. Nc.= Sauce, Salce, Salguera, Salguero negro, Sauce ceniciento, Sauce negro, Sarga, etc.
Nl.= Salix repens L. Ng.=Salgueiro anano, Salgueiro rastreiro, Salgueiro das duna. Nc.= Sauce rastrero

SALGUEIRIÑO. HERBA SALGUEIRA. UVAS DE RAPOSO
Nas silveiras do Regueiro (Doniños) había moitos Salgueiriños que estaban cheos de flor, son das mellores flores para as abellas. Os Salgueiriños medran en moitas silveiras.
Cando andabamos polos camiños os maiores da familia sempre nos avisaban de que esas boliñas vermellas non se podían comer que eran Uvas de raposo velenosas. (*1)
Arbusto trepador que gabea polos salgueiros e outras árbores de folla caduca que pode alcanzar entre 3 e 5 mts. de altura, con tallos arqueados fráxiles e moi ramificados desde a base, de crecemento rápido. As Flores de forma acampanada poden ser amarelas, brancas ou vermellas despiden un aroma que recende. Os froitos son bagas pequenas (10 mm) de cor vermello cando maduran, son tóxicas non se poden comer pero as flores que son moi fermosas si se poden chuchar. Florece de xullo a novembro. Vive nas silveiras, ribeiras das fragas, muros vellos, beiras de camiños en arbustos de ribeira en solos ácidos. Moi usado como planta ornamental en xardinería polas vistosas flores en valados de separación, pérgolas, emparrado. E unha das plantas que ten maior capacidade de absorber a contaminación ambiental polo que xa se están utilizando par esto en varios países.
Uso medicinal tradicional. As flores se recolectan e se deixan secar e foron/son utilizadas para aliviar os síntomas da gripe, infeccións respiratorias, reuma, hepatite, e son diuréticas, refrescantes, sudoríficas, e relaxante nervioso axudan a durmir.
Hai persoas que coñecen co nome "Uvas de Raposo" os froitos de outras especies: Acibro, Sanguiño, Trobisco, Verbasco, e outras, parece non haber unha identificación clara das distintas especies. Denominadas tamén: Uvas de: - can, lobo, culebra, do demo. Todas tiveron un uso medicinal nada aconsellable pola súa toxicidade.
Nl.= Lonicera periclymenum L. Ng.= Salgueiriño, Herba salgueira, Chuchamel, Madresilva, Zugamel, Zugos, Bigorda, Cabrifollo. Nc.= Madreselva, Lonicera, Bigorda, Chupamiel, Pata de cabra, etc.

SANGUIÑO
Nos nosos montes había algúns Sanguiños pero eu non recordo que os plantaran medran espontaneamente en lugares que están algo sombrizos. Cando se rompen as polas cheiran mal. A madeira non e boa porque e moi fráxil e rompe con facilidade.
Se usaba para purgarse a cortiza seca se cocía durante cinco minutos pero había que ter moito coidado coa dose. As bagas de Sanguiño se usaban en emplasto contra a sarna. Antigamente se usaba a casca e os froitos cocida para facer tintes de varios cores algunhas veces se usaba para tinxir as zocas e zocos e obxectos de madeira para adorno. (*1)
Arbusto autóctono de pequeno tamaño e copa irregular que pode alcanzar entre 3 -6 mts. de altura, de folla caduca. Os froitos son bagas redondas do tamaño dun chícharo, verdosos e negruzcos cando maduran, son moi tóxicos o seu consumo pode producir serios ou graves problemas no organismo, pero non para os paxaros que os aproveitan como alimento; toda a planta é velenosa. Florece desde abril a xullo. Habita en lugares húmidos, ribeiras dos ríos, fragas e lugares frescos e sombríos de toda Galicia. Orixinario de Europa, Asia e norte de África, na Península e máis abundante no norte e oeste, está naturalizado en Norteamérica. Aínda que menos que outras especies tamén se usa como ornamental en xardinería. O Sanguiño figura no catálogo de especies protexidas e ameazadas de varias comunidades da Península.
Usos tradicionais.- Medicinais: se usou desde moi antigo a cortiza e follas como purgante, laxante, vomitivo, colagogo (acumulación de bile). O extracto da cortiza se usa na industria cosmética como protector e acondicionador da pel. A cortiza, e froitos verdes, roxos ou escuros foron moi utilizados para tinxir a madeira e outros produtos de cor amarelo, verde, pardo roxizo ou gris azulado escuro.
A madeira e lixeira boa para tallar pezas pequenas, revestimento de chapas, hormas de zapatos e cravos para madeiras, mangos de ferramentas e cestería. As polas foron utilizadas para producir un carbón vexetal fino, para a elaboración da pólvora.
Nl.= Frangula alnus. Miller. Ng.= Sanguiño. Nc.= Arraclán, Frángula, Avellanillo, Franguilla,
Sangreda, Sangredo, Sangueño, Sanguino, etc.
SILVA. SILVEIRA
As amoras verdes ou roxas da silveira non se poden comer que son velenosas. So se poden comer cando están ben maduras e negriñas. Cando eramos nenos íamos cunha taza as silveiras a coller as amoras e despois as machicabamos e facíamos viño (zume) que era moi bo para a saúde. Tamén se dicía que as amoras (verdes/roxas) non se podían comer porque as cobras as mordían e deixaban alí o veleno. (Noutros lugares son os lagartos).
As amoras que están preto das estradas tampouco se deben comer porque poden estar contaminadas dos gases e po que soltan os coches e producir enfermidades.
As follas das silvas se poden fumar. Cando non se tiñan cartos para comprar tabaco e sobre todo durante a G. Civil as follas secas da silveira se picaban e liaban con papel de fumar e se fumaba. (*1)
Arbusto espiñoso de pequeno tamaño que pode alcanzar ata 5 mts. de altura, de crecemento rápido é moi abundante (invasiva) porque rebrota moito da base; pertence á familia das rosáceas. As flores son rosas ou brancas, florece de maio a agosto as froitas maduran a finais do verán. As froitas " as amoras" van pasando da cor verde, roxo a morado cando están maduras, son comestibles moi sabrosas e de excelentes propiedades alimenticias teñen vitaminas, sales minerais e alto contido en "ferro" que as fan moi apropiadadas para as anemias. E unha boa planta melífera presente na maioría das meles, as amoras son alimento de moitos paxaros e outros animais, cando están verdes son algo tóxicas e non se deben comer.
Uso tradicional popular.- As amoras son usadas desde tempos moi antigos como alimento e na elaboración de zumes, marmeladas, xeleas, batidos, licores, viños, todo tipo de repostería, tartas, pasteis, galletas, etc. A medicina trad. popular debido a seus principios activos usou os froitos, follas e raíces en coceduras, infusións, gargarismos, emplastos, etc. coas seguintes propiedades: feridas, ulceras da pel, inflamacións e infeccións bucais e de encías, farinxite, febre, gripe, tose, diurética, diarreas, almorrás, reumatismo, neuralxia, actualmente para diminuír o colesterol e outras. Os tallos foron utilizados para facer cordas usadas no agro. Actualmente o uso medicinal da Silva como de outras plantas está abandonado. Nl.= Rubus fruticosus L. Ng.= Silva, Silva brava, Silveira, Amoras. Nc.= Zarza, Zarzamora.
TAMARXEIRA. TAMAXEIRA TAMARAO. TAMARGUEIRO
Se plantaban nos lindes das fincas como cerre ou formando sebe para protexelas do vento.
Un veciño me dixo que se facían as varas de aguilladas porque eran lixeiras. A min non me parece unha boa madeira. As flores que da son moi boas para as abellas. (*1)
Árbore ou arbusto de pequeno tamaño pode alcanzar ata 10 mts. de altura, moi ramificado desde a base, con polas flexibles delgadas e longas de folla caduca. Florece en primavera con ramiños coa aparencia de plumeiros. Soporta os ventos salinos das áreas costeiras éa seca, vive en calquera tipo de solo. Orixinario da área Mediterránea e Asia central. Vive preferentemente en lugares húmidos e salinos, areais e lagoas costeiras, ribeiras de ríos e cursos de auga; autóctono na Península as veces medra espontáneo ou forma bosquetes chegando a ser invasora en algúns lugares. A Tamarxeira foi moi utilizada para fixar terreos, dunas, declives areosos e as marxes de ríos. E moi apreciada e de gran importancia en solos pobres e desérticos do continente africano soportando fríos, calores, xeadas, ventos ea seca formando zonas de refuxio, sombra e protección da fauna e flora. Actualmente se está utilizando contra a desertización. E unha importante especie melífera.
Uso tradicional. A medicina popular utilizou a cortiza, follas e poliñas como astrínxente contra a diarrea. Tamén debido aos taninos da cortiza se usou para curtir peles. Unha das especies de tamarxeira (Tamarix mannifera) produce unha savia semellante o mel moi apreciada polos habitantes dos pobos
orientais onde está presente, e algúns investigadores cren que puidera ser o alimento do "maná" do que fala a Biblia. Árbore que aparece ben documentado históricamente en textos antigos. Os magos de Persia utilizaban esta árbore para facer as variñas adivinatorias.
A madeira non e boa para a construción pero foi empregada en tornería de pequenas pezas, as polas flexibles para facer cordas e produce boa leña.
Nl.=Tamarix gallica L. Ng.=Tamaxeira,Tamarxeira, Tamargueira/o, Tamarao. Nc.=Taray,Taraje, Tamarisco, Tamariz. Tarahe, Atarfe, Tarfe, Taray francés.

TORBISCO. TROBISCO
O Torbisco o hai por Lobadíz (Doniños), monte de San Xurxo, Covas, Esmelle, etc. medra en tódalas parroquias. Cando íamos a pescar as troitas ao Río Xubia o meu compañeiro as veces collía unhas polas do Torbisco e as refregaba ben e lles amarraba unha pedra e as botaba nun remanso do río para atontar as troitas e logo as collíamos coa man. (Anos de 1970. Tamén se pode facer o mesmo co Codeso). (*1)
Arbusto de pequeno tamaño que pode alcanzar 2 mts. crecemento rápido, follas perennes dirixidas cara arriba. Flores pequenas, brancas teñen un cheiro recendente parecido ao Xasmín. Froito en forma de baia ovoide vermello e despois escuro cunha soa semente. Madura os froitos en verán. Medra espontaneamente en todo tipo de solos, sobre todo nos montes en lugares soleados en toda a Península, zona Mediterránea, norte de África, Baleares e Canarias. E moi común en Galicia sobre todo na zona costeira. As follas e froitos son moi velenosos para animais e persoas, tanto que a súa inxestión pode producir a morte.
Uso Tradicional.- Utilizouse como planta medicinal desde moi antigo (cultura grecorromana) como purgante (enérxico) contra o extreñimento crónico, para curar feridas (en emplastos) e como insecticida para os animais (parásitos, pulgas, etc.), o contacto coa pel produce irritación e vexigas debe estar alongado dos animais domésticos. A inxesta por vía interior e "extremadamente perigosa" debido a esto actualmente está en desuso. Toda a planta ten unha resina composta por mezerina e daphnetina de alto poder tóxico para persoas e animais, e un purgante (dafnina) tan enérxico que "non e recomendado seu uso" aínda tomando precaucións. A resina actúa como inflamatorio e vesicante cando se aplica en forma de emplasto sobre a pel. Si se mastiga unha pequena cantidade produce (lingua e beizos) un picor que aumenta co paso do tempo.
Antigamente era costume en Galicia espetar un pauíño de madeira de Torbisco nos buratos das orellas das nenas cando se lles facían para colgar os pendentes. En Galicia se usou como protector e preventivo contra todo mal e contra as bruxas igualmente no sur da Península se usou como amuleto contra o mal de ollo e os conxuros. Foi usado desde tempo inmemorial (prehistoria?) polos pescadores para envelenar e atontar os peixes que logo se collen con facilidade, estas prácticas están actualmente moi prohibidas.
Nl.=Daphne gnidium L. Ng.=Torbisco, Trobisco, Terebisco,Trebisco, Trubisco, Turbisco, Torbisco, Chorobisco, Churbisco, Matapulgas. Nc.= Torvisco, Torvizco, Chorovisco, Chorvisco, Matagallina, Matapollo, Matapulgas, Bufalaga, etc.

TOXO. TOXEIRA
Había que ir co carro ao monte a coller toxo porque se usaba moito na casa, para estrar as cortes e facer o esterco. Os toxos os usabamos como leña para a lareira e para quentar o forno, tamén había que ir ao monte por leña maiormente de pino.
Cando se mangaba unha ferramenta (raño, sacho, aixada) antes de metela na auga se lle metía unha cuña de pau de toxo. -Para cuñas pau de toxo-. Tamén se usaban en varas para facer os fungueiros do carro e a vara de aguillada. Se usaban os toxos para pechar as cancelas e impedir o paso a animais e persoas ou para protexer algúns sementados.
Con caña de holanda e flores de toxo se facía un licor de toxo, e tamén se lle botaban as flores a caña (augardente) de herbas. Licor de toxo.- Se fai cando o toxo está en flor. Nunha botella de boca ancha se bota 1 litro de caña, 50 gramos de flor de toxo e 1/2 kg. de azucre, se tapa a botella e se pon a macerar, se remexe cada tres días e pasado algo máis dun mes se filtra e xa se pode tomar. O azucre tamén se lle pode botar despois da maceración. Hai quen lle bota mel, canela e outras cousas. Na nosa casa a miña nai facía sempre licor de guinda, pero antes o fixera algunha vez de ameixas (cirolas) e usaban a caña de Holanda. Eu (súa filla) ademais o facía de fresas moi rico. Había veciños que tamén o facían de abruños, de follas de guindeira, de cereixeira (caña de azucre, azucre e canela) e de herbas.
Eu recordo que miña nai cando facía o café no pucheiro despois de que fervera lle metía dentro un tizón de pau de toxo dicía que lle daba mellor sabor. (*1)
A flor de Toxo en infusión e boa para o fígado. Se coce un puñado de flores de toxo se filtra e se toman despois das comidas tres tazas ao día. (Ferrol 1990, Encarna P.V.)
Lenda do toxo: Deus lle puxo aos Toxos as flores douradas pero o Demo ao velas con tanta fermosura moi anoxado e para amolar lles puxo as espiñas, vendo esto Deus para compensar a planta, permitiu que sempre estivera florecendo. Os namorados para demostrar o seu amor prometían fidelidade mentres dure o toxo en flor.
-Tradicionalmente se cría que o toxo sempre estaba en flor. E sabido que non é verdade que é debido a que as catro especies que medran en Galicia dan a flor unha detrás da outra o que aparenta ver sempre toxos en flor.
En Xuvia (Narón) no ano 1977 a empresa "Destilerías del Noroeste" elabora e pon a venta comercialmente o primeiro Licor de Toxo que se fai en Galicia (probablemente no mundo?), por destilación e coa etiqueta toda escrita en lingua galega e na caixa figuraba a bandeira galega.
Na localidade medran dúas especies o Toxo Arnal (Ulex europeaeus L.) éo Toxo Femia (Ulex gallii, Planchon). En Galicia ademais das anteriores hai outras dúas o Toxo Gateño (Ulex minor Roth.) éo Toxo Anano (Ulex micranthus, Lange. = Ulex Lusitanicus, Mariz).
Toxo Arnal.- Arbusto forte e moi espiñoso que pode acadar ata 3 mts. de altura (é o máis grande dos catro). Flores (chorimas) hermafroditas amarelas moi rechamantes, non ten follas como tales no seu lugar ten espiñas de sección triangular ríxidas e fortes. Florece na primavera e principios de verán. Froito en legume oval alongada. Crecemento rápido abonda en Galicia forma toxeiras nos montes e unha planta invasora que convén controlar xa que invade os pastizais. E autóctono en Galicia e norte da Península. Habita en Europa Occidental. É o más utilizado para botar nas cortes e facer esterco para abonar as leiras, se colle cando e máis novo. É un representante característico dunha parte da paisaxe galega.
Toxo Femia.- Arbusto de menor tamaño que o anterior non sobrepasa 1 metro de altura florece máis tarde que o Toxo Arnal, ten os mesmos usos.
Uso tradicional. O toxo foi abundantemente usado en Galiza para a cama do gando e producir esterco para abonar as terras de labradío. Fai sebes vivas, é planta forraxeira machucando as polas.
En medicina tradicional as flores se tomaban en infusión a maneira do té para os males do fígado,
tamén se usou para tose ferina, asma e dor de cabeza. As sementes tamén teñen propiedades son tóxicas polo que seu uso non é recomendado. Fai moito dano pinchar un ollo cun toxo pola sustancia tóxica (citisina) que contén. A madeira é dura e boa para facer cuñas, carabillas, fungueiros, varas (a aguillada), etc. O toxo ten simbolismo cultural nos pobos de Escocia e Bretaña.
Nl.=Ulex europeaeus L. Ng.=Toxo Arnal, T. Arnelo, T. Arnio, T. Bravo, T, Branco, Toxo, Toxeira. Nc.=Tojo, ten moitos máis nomes.
Nl.=Ulex gallii, Planchon. Ng.=Toxo Femia, Toxo, Toxeira. Nc.=Tojo.
VIMBIEIRA. VIMBIO
Antes na maioría das casas sempre había alguén que sabía facer os cestos que eran necesarios para todo o relacionado coa labranza. Había vimbios nos lindes dos prados e na ribeiras dos ríos e regatos. Nos tiñamos tres vimbieiras no prado do Regueiro e outras dúas no prado dos Ríos en Valón. Na casa meu tío Marcelino (1915) era o que facía os cestos cos nosos vimbios. As vimbieiras as había de dous tipos unha amarela e outra mais verdosa, agora xa case non se ven. (*1)
Arbusto ou árbore de folla caduca que pode alcanzar ata 10 metros de altura, e autóctona na Península e cultivada para beneficiarse das polas (os vimbios). E orixinaria de Europa e Asia Central e Norte. Especie pouco lonxeva 50 anos ou algo máis, de crecemento rápido vive nos solos húmidos, prados, ribeiras de ríos ou regatos, lagoas, etc. e pode formar vimbieiras, de polas longas, dereitas moi flexibles de cor verde amarelo con flores pequenas verdes pouco vistosas, florece de marzo a abril. Pódese usar (e se usa) como árbore ornamental en xardinería pola beleza das súas polas colgantes ea cor amarela das polas. Na localidade medran dúas especies distintas de vimbios, Salix viminalis L e Salix fragilis L. actualmente moi escasas.
Uso Tradicional.- As polas medran en gran cantidade, son longas dereitas e flexibles, déixanse dobrar ben sen romper, úsanse para a fabricación de todo tipo de obxectos, mobles, cestería, cadeiras, berces, nasas de pesca e moitos outros obxectos e adornos, pasta de papel, para amarrar feixes, viñas, etc. As polas hai que cortalas polo final do inverno en quendas de 2 a 5 anos, aínda que se poden cortar tódolos anos pero acúrtase a vida da árbore. Unha vez cortadas se quitan os brotes laterais e se fan presas que se meten no auga mergullados (empozado) ata maio ou xuño, logo se descascan, se deixan secar e se gardan para usar. Se cultiva en extensión en varios pobos da Península e se elabora para a súa comercialización destinada a todo tipo de moblería e artesanía.
Nl.= Salix viminalis L. Ng.= Vimbieira, Vimbio. Nc.=Mimbrera, Mimbre dorao.

XESTA. XESTEIRA
As xestas na casa as traiamos do monte para facer as escobas para varrer o forno do pan. Tamén as usábamos moito como leña para a lareira éo o forno mesturado cos toxos e polas de pinos ou eucaliptos. A xesta a boa refregala para sacar as verrugas. A madeira de xesta non é de boa calidade.
Cando tes unha verruga para sacala hai que ir por un camiño polo que nunca as de volver a pasar, coller 7 polas de xesta e facer un nó en cada unha e volver para casa por un camiño distinto do que viñeche e sen falar con ninguén durante todo o recorrido, a medida que as xestas se secan tamén secará a verruga. (Ferrol 1993, Oscar)
Para quitar as verrugas se colle unha pola dunha xesta se retorce e se refrega ben forte pola zona afectada embadurnándose ben coa auga que solta, despois se fai un nó na pola, e se vai secando a verruga ao mesmo tempo que a pola. (Veciño de Covas- Setembro 1992)
Para as feridas quéntase nunha tixola con aceite unhas follas de Chantá (Correola/Llantén) e ponse na ferida. Tamén se poñen follas de "xesta" machucadas.
O día de San Xoán como protección contra os males e atraer a boa sorte, xunto co Acibro, Codeso, Xilbarda, e outras herbas tamén se poñía colgada unha poliña de Xesta, nas entradas das portas na parede ou nas ventás.
As rapazas casadeiras cando ían a función o día do patrón (Doniños) o chegar a fonte paraban alí e collían con dous dedos dunha soa man unha pola de xesta das que había alí preto da fonte da Virxe e tentaban de facer un nó con so os dous dedos, e si o conseguían pensaban que acadarían pronto un bo mozo, ou casarían dentro dun ano. (*1) Rito popular que foi moi usado para pedir un desexo. (Fonte Vella da Virxe.-Alzado trapezoidal de sillares de granito, desaparecida, igresia de Doniños).
Arbusto que pode chegar ata 3 mts. de altura, autóctono de crecemento rápido, folla caduca froito en legume, flores hermafroditas amarelas, florece de abril a xullo. Vive en gran parte de Europa e Asia Occidental, moi abundante en Galicia. Foi usada para facer os teitos das pallotas e cabanas e fai boa leña para queimar. Figura no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras/ Real Decreto 630/2013.
Uso medicinal.- Da xesta se aproveita case todo, as flores foron moi usadas como diurético, as polas para evitar as palpitacións ten propiedades cardíacas e respiratorias tamén refregada nas más usouse para quitar as verrugas. Contén moitas sustancias, é abortiva e hipertónica, a industria farmacéutica a utiliza para extraer un alcaloide a esparteína (corazón- antiarrítmico e cardiotónico). E velenosa para o gando.
Tradición popular. Moi utilizada antigamente para facer as escobas. En Galicia está moi arraigado o uso máxico protector da Xesta incluso na actualidade, tanto para axotar o mal como para pedir desexos. O día de San Xoán, se barre a casa coa escoba de xesta para purificala e protexela dos malos espíritos durante todo o ano (se bota o mal fora). Os mozos e mozas antigamente gozaban da intimidade no medio dunha xesteira, coñecido popularmente como "Ir a xesteira".
Nl.=Cytisus scoparius L. Ng.=Xesta, Xesteira, Xesta negra. Nc.=Retama, Retama negra, Retama de escobas. Escobón.
XILBARDA. XILBARDEIRA
Agora se ve menos que antes, había Xilbarda nas beiras dos camiños nas partes baixas dos montes e nos soutos e carballeiras por Valón, Serantes e Doniños.
O día de San Xoán se poñían unhas polas de Xilbarda penduradas nas portas das entradas da casa o mesmo que as de Acibro para protexerse todo o ano dos meigallos, mal de ollo e atraer a boa sorte. Coa Xilbarda facíamos as escobas para varrer a casa éo forno, era moi usada para esto (Como Xestas e Codesos). Tamén había quen a usaba como adorno verde nos ramos e nos xarróns. (*1)
Arbusto pequeno que pode alcanzar ata metro e medio de altura. Folla perenne, ten dous tipos de tallos, os normais lisos e redondeados, e os outros teñen falsas follas, de forma ovolanceolada rematadas e punta ríxida e punzante. As flores son pequenas e verdosas, unisexuais e dioicas que nacen na primavera. Os froitos son bagas do tamaño dun chícharo de cor vermello, son tóxicos e poden provocar vómitos, diarreas e hemólisis (desintegración dos glóbulos roxos ou hematíes). É orixinaria de Eurasia en Europa medra no sur (área mediterránea) norte de África e Asia. Prefire os solos básicos, secos, fértiles e zonas sombrías. Antes era máis abundante en Galicia, en carballeiras, soutos, substratos rochosos e especialmente en zonas húmidas. Utilizase como adorno en floristería.
O uso medicinal de esta planta e coñecido e utilizado desde a antigüidade clásica greco-romana. Conten compoñentes vasoconstritores e antiinflamatorios e mellora a circulación. Foi utilizado contra as hemorroides, varices, pernas cansadas, flebite e celulite en uso externo. É diurética e posúe propiedades febrífugas. Recomendable contra os cálculos da vesícula, rebaixa a febre e combate a gota, artrite e reuma, xa que axuda a eliminar o ácido úrico. Da raíz se extrae a ruscoxenina, con varias aplicacións na medicina natural e farmacéutica.
Tradición popular. A Xilbarda secularmente e sobre todo na idade media se consideraba que tiña poderes para alongar as bruxas, tronadas e outras supersticións. Tamén e moi usada como adorno e protector en Nadal (i en San Xoán como o Acibro), e debido a súa escasede as comunidades regulan a recolección.
Nl.= Ruscus aculeatus. Ng.= Xilbarda Xilvardeira, , Xilbarbeiras, Xarda, Rascacú, Picanceira, Mesquita. Nc.= Rusco, Brusco, Busco. Ten moitos máis nomes.

BIBLIOGRAFIA CONSULTADA
-Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. follas novas.1979.
-Guía de plantas con flores de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.
-Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008
-Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.
-Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.
Flora Ibérica plantas vasculares de la Península Ibérica e Islas Baleares Editores: S. Castroviejo (Madrid) - CSIC Madrid, 1997
NOTAS
Nota (*1): Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-1891/1977, nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-1915/2000 e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo Concello de Serantes. A tradición (transmisión) oral familiar procede dos pais da miña avoa Ramón e Avelina (1851-1931). Avelina era unha esperta en herbas mediciais que as cultivaba na súa horta e as recomendaba aos veciños que llas viñan a pedir. Ramón Graña Rodríguez de Villaboide (1861, tio avó da miña nai) era menciñeiro e curaba con herbas. Na familia antiga había un carpinteiro, un ebanista, un que facía zocas e cestos de vimbio, o ferreiro de Valón e mais antigamente un canteiro que facía as casas en Valón (1850 aprox.). Cada fillo tiña un oficio distinto e entre todos se axudaban.
Nadal, ano 2019. Xabier Monteiro Graña