Desenrolo da actuación arqueolóxica en Santa Comba (Cobas)

27/09/2002, Xabier Monteiro Graña / Juan C. López Hermida

Cobas é unha parroquia rural situada nun dos varios “finisterraes” atlánticos ocupando o cabo Prioiro. Prácticamente todo o territorio está bañado polo mar. Ten unha climatoloxía de tipo atlántico húmido, onde predominan os ventos e as néboas propias deste tipo climático. Pertence ó concello de Ferrol e dista 10 Km da cidade. O xacemento do que imos falar áchase na illa de Santa Comba (Illa do Medio), que antigamente estivo unida a terra firme, a unha cota de 17 metros sobre o nivel do mar. Neste mesmo lugar existe unha ermida da que hai constancia escrita desde o 7 de febreiro do 1110 (s. XII), nun documento de adhesión á sé episcopal de Santiago dos curas e igrexas das sés de Trasancos, Labacengos e Arrós.

O estudio dos datos aportados pola tradición oral e da toponimia aportounos a existencia na parroquia dun hábitat prehistórico, como reflicte o propio xacemento (Castro) e as antigas necrópoles (medorras), hoxe desaparecidas ó estar emprazadas desde tempo inmemorial en terreos de cultivo. Os microtopónimos relacionados con este hábitat son os seguintes: Medorras, Cruz das Medorras, Medote e Medotes, Medeiro, Mideiro, Manota, Chepudo ou Chipudo (no lugar das Medorras), Campotes, Covas, Fornos, Furada, Coto dos Mouros, Pena da Vella, Cemiterio dos Mouros, Muro dos Mouros, cemiterio de nenos sen bautizar e de afogados (no lugar de Cruz das Medorras). Por outra banda, a toponimia do lugar que rodea o propio castro é a seguinte: As Fontes, Pedrouzo, Monte do Castro, Leira da Mesa, Sartaña, Ponzos, Aranjuez e Coto Dágia.

Tendo en conta o deterioro e esquecemento no que se encontran os xacementos, o obxectivo principal deste primeiro traballo foi realizar unha sondaxe para coñecer cientificamente e confirmar a importancia cultural de todo o que temos no noso chan, e que moitas xeracións de veciños nos foron transmitindo oralmente desde tempos moi antigos, e posteriormente a posta en valor de todo o entorno de Santa Comba.

Para todo esto, a Sociedade Cultural Columba promove, xunto có Concello de Ferrol, as primeiras escavacións legais, usando o método científico, o que fai que os achados poidan ser coñecidos e valorados cunha base máis sólida e ser divulgados a todo o público, ademais de poder ser utilizados en futuros traballos de investigación por diversos profesionais no eido da cultura.

O tipo de asentamento encontrado nesta primeira sondaxe parece ser de “castro marítimo” coas defensas no istmo. A situación estratéxica do mesmo facilitou o control das rutas marítimas e o beneficio económico da pesca, seguramente combinada coa agricultura nas zonas exteriores do poboado. Son coñecidas as minas de ouro a ceo aberto de Covarradeiras, explotadas polo menos desde a romanización, aínda que pensamos que os indíxenas as explotaran desde moito antes.

Os traballos de escavación dan comezo o día 20 de outubro de 2001 e realizáronse aproveitando a marea baixa (4-5 horas), agás tres días nos que tamén se traballou en marea alta, quedando o equipo a comer na illa (aínda que algún necesitou saír a nado), para poder así dispoñer de máis tempo. En xeral, gozouse de bo tempo, aínda que nos primeiros días soprou un vento forte e houbo algunha treboada, da que nos protexemos a carón da ermida.

O equipo de traballo estivo formado polas seguintes persoas:
  • Alberto González Fernández
  • Fernan Gómez Filgueira
  • Juan López Hermida
  • José López Hermida
  • Pedro Cotovad López
  • Javier Montero Graña
  • Pedro Perales Garat
  • Javier López Blanco
  • Tino Santiago
  • Nicolás Fraga-Agras López
  • Óscar Rico Costoya
  • Alberto López Fernández
Colaboradores:
  • Eva Pita Gizán
  • Manuel Santiago Pérez
  • Hipólito Castro Couce
  • Alberto Martínez Otero
  • Manuel Huerga Rubio
  • Manuel Santiago
  • Alberto Pérez-Lago San Martín
  • Ignacio Pérez-Lago San Martín
  • Javier Pérez-Lago San Martín

O lugar previamente elixido, que foi no remate das escaleiras de acceso a ermida, limpouse e perfilouse, para así delimitar a zona a escavar.

Tódolos días tómanse as medidas e fanse fotografías e algúns debuxos para ver todo tipo de variacións, pavimentos, muros, derrubes, etc. Desta maneira vaise documentando paso a paso toda a “estratigrafía” do terreo da escavación. Prepáranse varias bolsas de plástico con peche hermético, rotuladas por niveis, para ir gardando todo tipo de material de interese arqueolóxico para o seu posterior estudio, catalogación e análise.

Entre os días 20 e 28 trabállase de forma continuada. Cada día o interese ía en aumento, pois, desde o comezo, xa se empezan a atopar muros e anacos de cerámica, restos de ladrillos e tellas. Posteriormente, a medida que se ía escavando, seguen aparecendo restos de cerámicas comúns, ata que se atopa a un nivel medio unha “moeda romana” e unha cerámica que chama moito a atención, que resulta ser unha cerámica fina romana (terra sigillata), así como parte dun muíño romano (catilus).

Segundo se afonda, destápanse varios muros que se cruzan e montan entre eles, baixo os cales atópanse parte de dous fornos e restos de actividade metalúrxica.

Entre os días 1 e 3 de novembro xa estamos traballando nunha zona a maior profundidade e nos decatamos que os achados aumentan en número e variedade, con características que amosan ser dunha gran antigüidade, como puidera ser un período anterior á romanización de Galicia (tipo castrexo).

O último día de traballo, o domingo 4 de novembro, procedemos a tapar toda a zona escavada con plásticos e cubrila coa terra sacada da escavación, para evita-lo seu levantamento e as posibles agresións que puideran ter lugar no futuro, tanto debido á climatoloxía como ó paso dos transeúntes, para o cal faise un muro de contención o longo da zona traballada para evitar futuros derrubes. E por último, faise a limpeza e acondicionamento das escaleiras de acceso á illa, quedando así rematada esta primeira prospección.

A cultura castrexa fascina a moitos estudiosos e profesionais da historia, tendo constancia desto polas moitas visitas e preguntas que nos fixeron durante as xornadas de traballo. Tentaremos de responder con certeza a algunhas das preguntas cando se obteñan os resultados e conclusións desta escavación.

Os obxectivos perseguidos pola Sociedade Cultural Columba cumpríronse satisfactoriamente, demostrando a excepcional calidade arqueolóxica da illa de Santa Comba e mailo seu entorno; tamén é certo que as expectativas da Sociedade non se quedan aí e se pretende a escavación de todo o xacemento, así como a creación dun museo nun edificio emprazado no seu entorno, para ser usado como centro de interpretación con salas de exposición e aulas culturais e didácticas.

Tamén temos a intención de levar a cabo a recuperación de toda a tradición oral dos nosos maiores, por ser de moito interese etnográfico, e o que aínda se conserve da cultura material que nos foi transmitida ata hoxe, así como a posta en valor da riqueza patrimonial da parroquia de Cobas.

As actuacións levadas a cabo en tempos recentes, como son un mirador e unha zona de aparcadoiro situados posiblemente sobre o xacemento, puideron deterioralo. Isto debería de facernos pensar a mellor maneira de realizar futuras obras, para evitar que aumente o deterioro do lugar. Tamén sería necesario unha actuación nesta fráxil zona para evitar os derrubes provocados pola erosión debido á circulación das augas de choiva, que sería necesario desviar e reconducir con canalizacións axeitadas.

 

Xabier Monteiro Graña e Juan C. López Hermida

<< Volver