Estrada DP-3611. “Camino vecinal al Lugar del Crucero

28/08/2021, Paulino Gasalla

Todos os que vivimos nalgún momento da nosa existencia nas parroquias de Esmelle, Covas ou Marmancón, lembramos sen ningunha dúbida no alto da Bailadora, aquel fermoso indicador de ferro fundido que dicía “Camino Vecinal al lugar del Crucero”, e que nos indicaba que aí empezaba a estrada que nos levaba ata a Igrexa de Esmelle e A Carreira, lugar onde sobre a propia estrada facíanse as festas de San Juan e San Antonio.

Esta estrada, que moitos aínda pensan que forma parte do conxunto de comunicacións construídas polo Exército para unir as diferentes instalacións militares e baterías da chamada “Costa Inexpugnable”, en realidade foi proxectada e construída pola Deputación Provincial da Coruña, a pedimento do concello de Serantes, presidido por Alejandro Porto Leis, que fora elixido nas eleccións municipais do 12 de marzo do 31, que deron orixe á Segunda República.

O trazado e proxecto foi obra do enxeñeiro da institución Sr. Zapata. Constaba dunha primeira fase que uniría o alto da Bailadora co Cruceiro de Esmelle. E estaba prevista unha segunda etapa, a falta de dotación orzamentaria, que uniría o Cruceiro coas praias de Esmelle e San Xurxo.

Ata aquí, co escrito e saber que nunca chegou a construírse esa segunda etapa, penso que chegaría para explicar como se fixo ese vial. Pero claro, como case toda obra pública ten a súa fase truculenta, neste caso por enfrontamentos entre distintas posicións políticas e veciñais, aparentemente todos partidarios da recentemente instaurada República Española.

Moitas veces fora reclamada esa estrada por parte dos veciños de Esmelle, co obxectivo de vertebrar á parroquia e dar un acceso á praia, e que ademais se unise coas parroquias de Covas e San Xurxo. Estas reclamacións fixéronse durante a Ditadura de Primo de Rivera, sen resultado positivo. Pero velaquí que nada máis iniciarse a Segunda República o Alcalde de Serantes efectúa de novo a solicitude, que é aceptada pola Deputación Provincial. Iniciase entón a disputa polo trazado.

Por parte municipal e algúns veciños, pénsase que o trazado máis axeitado é o paso polas zonas máis poboadas nese momento, é dicir, Lodeiro, Chá dá Mariña e a Castiñeira ata chegar a praia, pasando ademais pola Igrexa e o cemiterio. É ademais o trazado máis sinxelo para o enxeñeiro da Deputación, que recomenda no seu proxecto. Pódese dicir que este grupo, na súa maioría, eran simpatizantes de ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma)

Pola outra banda estaba outro grupo de veciños encabezado por Francisco Barrera mestre de Esmelle naquel momento. A este grupo de veciños pertencían algunhas das familias máis poderosas da parroquia. Querían que o trazado fose máis directo, pasando por O Barreiro, RioXunto e Os Currás. Este grupo en parte eran simpatizantes e militantes do PRR (Partido Republicano Radical), aínda que había un gran número de monárquicos e de extrema dereita.

Previamente ás eleccións, o ambiente foi caldeado por mitins máis ou menos incendiarios que tentaban gañar o voto do pobo, o que caldeou o ambiente previo á data electoral, como podemos ver no recorte de prensa da Liberdade de Serantes na sección de ENTREMESES escrita polo alcalde, o día 1 de abril de 1931. Por certo que os resultados en Esmelle non foron moi favorables para ORGA, que só obtivo 12 votos.

 

 

 

Imaxe 1. Artigo a finais de xuño de 1931 en “El Correo Gallego” de Ferrol

 

 

 

Unha vez pasadas as eleccións, e solicitada a construción da estrada polo Concello, desátase unha “guerra” polo trazado da mesma, que acaba centrándose en dúas persoas, o alcalde de Serantes Alejandro Porto Leis e o mestre de Esmelle Francisco Barrera.

Este último escribe un artigo a finais de xuño de 1931 en “El Correo Gallego” de Ferrol, no que ataca o trazado da estrada e mesmo solicita a paralización do proxecto ata que se efectúe un novo trazado, recorrendo para iso a solicitar o apoio do alcalde de Ferrol Jaime Quintanilla. Todo isto podémolo ver no artigo escrito polo alcalde de Serantes en “El Correo Gallego” o día 7 de agosto de 1931 titulado “De Serantes”, asinándoo co psobrenome de Anxo Pérez Serantinos.

O 13 de setembro de 1931, O alcalde escribe outro artigo en “El Correo Gallego” co pseudónimo anterior, titulado “La candidez de un pueblo y la viveza de unos avispados”, no que relata o inicio do proxecto, e a súa preocupación pola solicitude de paralización da obra. Pide ao deputado provincial Cotovad a súa axuda para que todo siga adiante e que se faga a segunda parte ata a praia. Para iso non dubida en reclamar a súa calidade republicana. Tamén fala das relacións establecidas co alcalde de Madrid para a creación de colonias escolares nas praias, e que Ferrol constrúa un pavillón para os nenos do Hospicio. Acaba pedindo o comezo das obras canto antes, e que non se faga caso aos que maquinan en contra do trazado previsto.

A partir deste artigo, o alcalde comeza a publicar en “La Libertad” de Serantes e dentro da sección Entremeses unha serie de parágrafos cargados de sátira en contra do mestre de Esmelle Francisco Barrera, que el chama “de la Barrera”. Algunhas veces tamén recorre a pequenos poemas cargados de sorna, sobre todo meténdose co seu republicanismo. A continuación podemos ver algúns deles. Esténdense entre o o 15 de outubro de 1931 e o 17 de setembro de 1932.

Ante os ataques do alcalde, Francisco Barrera escribe un artigo a finais de xuño de 1932 en “La Democracia” de Serantes, no que quere facer constar o seu republicanismo, Pero Alejandro volve acusalo de non ser afín á República e que tentou que perdurase a monarquía.

En agosto de 1932 apróbase o comezo das obras da estrada, e Francisco Barrera escribe un artigo en “El Correo Gallego” declarando que a estrada que se vai a construír é perfectamente inútil e que é un camiño para raposos. O alcalde o satiriza preguntándose se os “raposos” non teñen dereito á vida.

A disputa finaliza descarnadamente, con certo grao de humillación para o mestre. O alcalde acúsao de tocar todos os puntos para impedir a construción da estrada. Pero remarcando que gaña a postura municipal e a dos veciños partidarios da ruta elixida pola Deputación.

Non obstante o triste de todo isto é, que a data de hoxe, case noventa anos despois, a estrada segue sen aquela segunda fase. Remata tristemente á beira do cruceiro de Esmelle, continuando cunha curva á esquerda de 90º nunha pista máis estreita, que sí nos levará á praia, pero pola estrada aberta polos veciños nos anos 60.

Para rematar quédame unha pregunta. Onde está o indicador de ferro fundido que nos dicía en castelán “Camino vecinal al lugar del Crucero”? Penso que debería restituírse de novo á estrada DP-3611.

 

 

Imaxe 2. Correo Gallego 7/08/1931 - De Serantes. ¡¡ LOS NUEVOS REDENTORES!!

Imaxe3. La candidez de un pueblo y la viveza de unos avispados

Imaxe 4.

Imaxe 5.

Imaxe 6.

Imaxe 7.

Imaxe 8.

Imaxe 9.

Imaxe 10.

Imaxe 11.

Imaxe 12.

Imaxe 13.

Imaxe 14.

Imaxe 15.

Imaxe 16.

 

Paulino Gasalla

 

 

 

<< Volver