Etnobotánica. Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (Parte I) - II

28/08/2021, Xabier Monteiro Graña

​​Viene de: Etnobotánica. Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (Parte I) - I

 

CASTIÑEIRO

Arriba da casa xa na beira do monte tiñamos uns cantos castaños eran de tres variedades distintas, e dous máis no linde preto do carreiro da horta, os de arriba eran de madeira e os outros de froito un deles era Lobeiro de castañas moi cativas. Nos anos 60 (1960) se cortaron algúns porque estaban xa vellos e secos. Cando queríamos coller os ourizos facíamos uns "rebolos" e os lanzabamos arriba as polas do castiñeiro. (Rebolos paus, aprox. 40cm. x 3/4cm. de groso)

A Cañota Vella que estaba no Porto do Río no lugar do Cal dos Pegos, tiña polo menos un metro de diámetro, os vellos falaban moito dela e era moi respetada, tiña unha historia pero non me acordo de que. A cortaron a finais dos anos 60 (1960) (*1)

Moitos mobles da casa os facíamos de castaño. Sempre gardabamos no fallado varios tablóns de castaño cortados dos nosos montes para o que puidera facer falta. Si se casaba algún fillo coa madeira se lle axudaba facéndolle os mobles. (*1)

As vigas da nosa casa son de madeira de castaño. O hórreo da casa o fixeron meus avós todo con madeira de castaño e o tellado con tella do pais. (*1)

Para a caída do pelo se cocen ourizos secos de Castiñeiro se cola e se lava a cabeza coa auga da cocedura refregando ben. (*1)

As castañas se ían comendo cocidas peladas ou sen pelar, tamén as asábamos na lareira nunha tixola de ferro vella furada. Por Defuntos se cocían as castañas en zonchos (coa monda) e logo con agulla e fío se facían collares que colgabamos aos nenos e logo os levabamos a igrexa de Doniños a bendicir. Era para ter boa sorte, e defenderse contra os males. A sombra do Castiñeiro non é moi boa para descansar porque é húmida e fría. (*1)

Había varios soutos por Valón: O Souto, Cal dos Pegos (Porto do Río), O Valán, San Antonio, O Regueiro e Iglesario; eran de propiedade privada de diferentes familias quenes tiñan os dereitos de petelar e recoller as castañas; si collías nun souto que non era o teu te chamaban a atención.

Os castiñeiros os había de diferentes clases, os coñecidos antigamente en Doniños e Valón eran:

Zapateiros.‑ O pelo do ourizo está moi xunto, e as castañas son de tamaño mediano.

Habaneiros.‑ O ourizo ten o ventre pelado e as castañas son boas e moi grandes.

Verdeais ou Verderales.‑ O ourizo está formado por carreiriños, a castaña e grande e de cor claro.

Lobeiros.‑ O ourizo e dun tamaño intermedio entre o zapateiro éo verdeal e as espiñas están moi mestas, a castaña e pequena e moi escura case tirando a negro.

Choscos.‑ O ourizo e moi compacto e parecido ó Habaneiro. E probable que houbera máis variedades por outras parroquias. (*1)

Antigamente os ourizos se amontoaban na corripa, un cercado de pedra, de medio metro de altura, e se tapaban con follas para que secaran. Cando estaban secos, se estendían no mesmo souto e se petelaban golpeándoas cos tacóns dos zocos ou cun pau para separar o froito do ourizo.

Árbore de folla caduca, de copa ancha que da boa sombra e fresca. Especie moi lonxeva que pode durar 1000 anos cítanse exemplares de ata 3.500 anos. Orixinario de Asia menor e América do Norte. Foi introducido na Península i en todo Imperio polos romanos porque a madeira era moi utilizada polo exército, onde logo se asilvestrou. Pero probablemente habería que falar de "reintrodución" xa que hai varias evidencias arqueolóxicas (restos fosilizados) na Península Ibérica con máis de 2.500 anos de antigüidade. Foi cultivado para beneficiar a súa madeira e os froitos as castañas que se agachan no interior do ourizo espiñoso, maduran entre setembro e novembro, "Polo San Ciprián as castañas na man."

Os castaños pódense atopar illados ou agrupados formando os soutos. As froitas (castañas) foron un dos alimentos básicos no mundo antigo, se gardan postas a secar nos canizos da cheminea e nas corripas nos soutos. Antigamente facíase das castañas unha fariña para alimento humano que foi desaparecendo do uso habitual e substituída cando chegaron as patacas. Actualmente na localidade xa non se cultivan soutos de castiñeiros costume que era normal en tempos de nosos bisavós e tataravós. A familia se xuntaba para ir o souto a varear, lanzar os rebolos e petelar as castañas. As castañas foron utilizadas como alimento no mundo occidental polo menos desde o mesolítico e durante toda antigüidade ata entrado o século XX.

Uso tradicional: O froitos son de alta calidade alimenticia, se poden tomar ao natural, cocidos ou asados, e sobre todo se poden preparar de moitas maneiras, se incorporan en innumerables receitas en repostería e cociña. En Galicia e tradición preparar as castañas "pilongas" se secan (c. calor da lareira) se cascan e logo se gardan para uso alimentario o resto do ano. Tanto en Galicia como en moitos outros lugares da Península era/é tradición celebrar no tempo de Santos-Defuntos o "Magosto" (castañas asadas ou cocidas) tamén denominado en moitos outros lugares fora de Galiza "A Castañada." Tamén é de señalar que nos últimos anos se incorporou aqui, o tradicional doce "Marrón Glasé" típico de Gran Bretaña a onde se exportan as mellores castañas.

A medicina tradicional popular herborística usou tódalas partes da árbore, ourizo, cortiza, follas, e froitos. O castiñeiro contén moitos taninos como outras árbores que usados con moderación proporcionan beneficios para varias enfermidades teñen propiedades astrínxente, bacteriostáticas, expectorantes, calmantes e antitusivas (tose, asma, bronquite, catarro, farinxite), gastrite (castañas cocidas melloran acidez, refluxo, úlceras), hipertensión. Se usou tradicionalmente para tratar a diarrea, curación de feridas, reconstituinte e outras.

A madeira foi e sigue sendo moi apreciada en carpintería e ebanistería pola alta calidade e dura e resistente a humidade, a seca, podredume exterior e aos xilófagos (insectos comedores da madeira) . Usouse tradicionalmente para a construción, vigas, pontóns, portas, ventás, escaleiras, solos. armamento de tellados, hórreos (algúns de máis de 300 anos), fabricación de mobles (armarios, camas, mesas, mesillas, aparadores, cómodas, vitrinas, alaceas, etc). Coas polas máis dereitas se facían as varas, bastóns e mangos de ferramentas e coas as máis delgadas cestería. Como outras árbores tamén se aproveitaron os taninos para o curtido de peles.  Densidade media 590 kg/m3.

En Europa occidental os froitos se consumiron desde a prehistoria. Na antiga Grecia e Roma a madeira de castaño era moi apreciada e usada na construción e en menor relevancia os froitos. Foi a preferida e tradicionalmente empregada no norte da Península, Portugal e Italia para a construción, carpintería, ebanistería e fabricación de mobles.

En Galicia o Centro de Investigación Forestal de Lourizán -(Orden AAA/605/2016, de 20 de abril) rexistra 16 variedades galegas comerciais: Amarelante, Branca, De Parede, De Presa, Famosa, Garrida, Inxerta, Longal, Loura, Luguesa, Negral, Picona, Puga de Afora, Raigona, Rapada e Ventura. Medio Rural tamén verifica que en Galicia hai ata 23 variedades de castiñeiro cultivados de forma tradicional. En Asturias tamén foron recollidas variantes locais de castañas: calvas, chambergues, durigas, garcías, la cruz, lagrúa, lagrúa roxa, marimuelle, misada, nargana, parruca, rapucas, valdunes, veigamisada, e virdinas. -Como queira que sexa os "cinco" nomes centenarios dos castiñeiros nosos que recollín na miña casa (parroquia Doniños) non figuran nestes listados.

 

CEREIXEIRA. CERDEIRA. CEREIXO

Nas hortas había unha ou varias cereixeiras, na casa (Ramón) tíñamos tres dúas de cereixas brancas e outra de negras que eran máis pequenas. Meu veciño Pepe era o que máis tiña case unha ducia de árbores, as veces (os veciños) íamos a elas.

Meu pai (Ánxela) tódolos anos no outono collía unha bolsa de follas de cereixo e as gardaba para tomar logo como infusión; para curar o estómago, os catarros do peito e outros males.

Para o malestar de vexiga e bo tomar unha infusión de rabos de cereixas. Se quenta auga (para unha cunca) e cando empeza a ferver se bota unha cullerada de rabos e se deixa ferver 5 minutos logo se cola e cando enfríe se toma, 3 veces o dia.

As cereixas son boas para o estreñimento fan andar de ventre. Non e bo tomar cereixas con leite.

Había quen facía licor de follas de guindo pero tamén de cereixeira.

Licor de follas de Cereixeira.- Dous puñados de follas verdes de Cereixeira, lavadas e secas, 1/2 kg. de azucre ou algo máis (ao gusto) un litro de caña do país ou caña de Holanda e dúas ou tres varas de canela. Nunha botella de boca ancha se meten todos os ingredientes se remexe ben ata que o azucre se disolva, se tapa e se deixa macerar ata que as follas cambien de cor ( 9 ou 10 días). Cada dous ou tras días se remexe a botella sen abrila e por último se cola quitándolle as follas. E ao cabo dun mes queda listo para tomar. Gardar nun sitio escuro.

A madeira da cereixeira tiña moita fama polo bonita que é, a buscaban os carpinteiros e se usaba para facer mobles pero era moi escasa.

Árbore de folla caduca, pode acadar ata 20-25 mts. de altura, tronco cilíndrico e dereito, especie pouco lonxeva que pode vivir ata 120 anos. Os froitos, as cereixas son drupas roxas ou moradas depende da variedade son de exquisito sabor e de gran valor alimenticio. Flores brancas de aspecto moi fermoso cando está en flor, florece entre abril e maio; nativo de Europa. Especie moi cultivada para beneficiar as froitas (cereixas). A Cereixeira brava (silvestre) importante para a produción de madeira de boa calidade habita na metade norte da Península incluída Galicia oriental de onde se cre que puidera ser autóctona. Cereixas e guindas son as froitas preferidas dos paxaros.

A medicina tradicional popular utilizou tódalas partes da Cerdeira: flores, rabos das careixas, froitas, follas e cortiza. A farmacéutica herborística indica as seguintes propiedades: depurativas, diuréticas eliminación de ouriña e retención de líquidos. Os rabos das cereixas teñen propiedades antirreumáticas (reuma, gota, artrite) e favorecen a circulación (varices, hemorroides, presión ocular, etc.).Tamén como tónico e astrínxente, problemas da pel (eliminación de grans, espiñas, etc.) e favorece a cicatrización das feridas. A riqueza en potasio axuda na actividade cardíaca, músculos, sistema nervioso, ea calcificación dos osos (osteoporose).

A madeira de grao fino e fibra dereita e moi apreciada en carpintería e ebanistería pola súa beleza que presenta un fermoso cor roxizo; e resistente y relativamente dura. Non resiste a intemperie, nin os cambios de humidade, os ataques de fungo e insectos, polo que fundamentalmente se usa para interior, en decoración i ebanistería de luxo, construcións interiores, tornería, marquetería, talla, chapa para fabricación de mobles e revestimentos, etc. Densidade 610-630 Kg/m3.

Nl.=Prunus avium. L Ng.=Cerdeira, Cereixeira, Cerdeira brava, Cereixeira brava. Nc.=Cerezo.

 

CELINDO. FILADELFO. CINAMOMO

O Cinamomo (Celindo), o había na nosa casa plantado en dous sitios na beira do camiño e por detrás do Alpendre. Cando se ancheou o camiño e se fixo a nova estrada a Brión desapareceron moitos árbores nosos. As flores son moi fermosas e dan moi bo olor, usábamos as flores e polas para adorno nos xarróns da casa e levar ao cementerio. As veces os veciños nos viñan a pedir unhas polas para plantar na súas hortas. Se dicía que era bo para curar a rabia e que espantaba aos cans rabiosos. Eu creo que por iso nolo viñan a pedir, xa o tiña plantado a miña avoa (A.1880). (*1)

Figura 4. Celindo (Covas)
Figura 4. Celindo (Covas)

Arbusto moi ramificado, de folla caduca de cor verde intenso que pode alcanzar ata 3 mts. de altura. Florece en acios na primavera. Doado de cultivar, non é exixente en canto a fertilidade do solo. Se cultiva como ornamental en xardinería polas flores brancas de pureza ea fragrancia que recorda a flor de azahar. Especie orixinaria do S.E de Europa e do Cáucaso; actualmente está distribuído por toda Europa. As polas vaciando o interior foron utilizadas para facer frautas. Non se lle coñecen propiedades nin usos medicinais. Xénero con 70 especies, moi usadas en xardinería, con gran cantidade de híbridos. Pode cultivarse illado ou formando grupos incluso en sebe.

 

Nl.= Philadelphus coronarius L . Ng.= Celindo, Filadelfo/a. Cinamomo. Nc.= Celinda/o/as, Celindo virginal, Celinda de olor, Filadelfo/a, Flor de ángel, Jeringuilla, Xiringuilla, Chilindro, Chiringa, Seringa, Siringa; Sílindra, Falso jazmín, Jazmín de Siberia, Falso naranjo, etc. Debe o nome ao faraón Ptolomeo Philadelphus (séc.III a. C.) e "coronarius" a seu uso para a confección de guirnaldas e coroas.

Foron varios os veciños que me mostraron o "Celindo" co nome de Cinamomo, e tamén coas mesmas propiedades, de curar a rabia que non ten. En outras provincias de Galicia tamén lle chaman Cinamomo ao "Sangomiño" (Cornus sanguinea) / árbore da rabia/ árbore fría,  adxudicándolle tamén as mesmas propiedades que tampouco ten. E tamén ao Virgondorio (Celtis australis) /Latoneiro /Lodeiro/ Lidueiro. Nc. Almez, Latonero; que a tradición di que cura a rabia e non é certo.

Para evitar a confusión entre o Celindo mal coñecido por aquí como Cinamomo, e outros denominados co mesmo nome éo verdadeiro Cinamomo ao que se lle adxudica desde antigo as propiedades antirrábicas vai incluído a continuación por ser unha crenza moi arraigada en Galicia e fora.

 

CINAMOMO. HERBA DE SANTO EUTELO

Antes se falaba moito do Cinamomo, era un arbusto moi apreciado, os vellos (os avós) lle tiñan moita fe, pero sempre nos avisaban de que era venenoso para os cans que había que ter coidado con eles. O Cinamomo era usado contra a rabia que era unha enfermidade moi grave. Cando unha persoa era mordida por un can rabioso pensábase que o Cinamomo curaba a rabia xa que antigamente non existían moitos remedios. Ao Cinamomo tamén lle chamaban Herba de San Eleuterio (Herba de Santo Outelo). (*1)

Árbore de folla caduca, tronco recto e cilíndrico que pode alcanzar ata 25 mts. de altura aínda que o normal é que non pase de 15 m. cortiza delgada, escamosa e agrisada. As follas son alternas, compostas e imparipinnadas algo parecidas as do Freixo e totalmente diferentes as do Celindo. Florece na primavera da flor en acios moi vistosos de cor lila, aromáticas parecidas ao xasmín. Medra ben en todo tipo de solos. Especie pouco lonxeva pode vivir entre 80 e 100 anos Orixinario do sueste de Asia é coñecido e cultivado na Península como ornamental desde polo menos o século XII. Se emprega en xardinería como decorativo pola fragrancia das flores e sobre todo pola súa sombra en lugares de climas cálidos. As follas, cortiza e froitos (globosos de cor crema) son velenosos para as persoas e algúns animais (os cans éo gando) excepto para as aves. Moi plantado nos lugares públicos no sur da Península o que as veces provoca polémica polo perxuicio que poda ocasionar aos cans. En moitos lugares se considera especie invasora pola proliferación que despraza as autóctonas e unha árbore moi coñecida en todo o mundo.

O Cinamomo  (Melia azedarach L.) era coñecido como "Árbore da rabia" e Árbore de Santo Outelo/Outel/Eutelo/Eutel  porque se cría (erroneamente) que curaba a enfermidade mediante unha infusión feita coa casca, follas e flores e o rezo de ensalmos. -Santo Outelo (Santo Eleuterio) é o santo avogoso para protexer e curar as persoas trabadas por un can rabioso ou sospeitoso de selo.

Can da rabia,/ tente en ti,/ que o San Alauterio/ está no medio de min e de ti.

Detente, can doente,/ como Dios se tivo en si./ San Outeliño bendito/ no medio de min e de ti.

As follas, cortizas e froitos foron usadas para varios males na medicina tradicional popular desde tempo inmemorial, e como vermífugo e insecticida, tamén a industria farmacéutica para elaborar medicamentos. As follas secas se utilizaban en China debaixo dos colchóns contra as pulgas e piollos.

Se pode fabricar insecticida natural para as plantas machucando os froitos e follas deixando en auga 24 horas, despois colar e sulfatar a ultima hora da tarde porque o sol vai degradando as propiedades químicas. - "Non é recomendable seu uso medicinal" por ser velenoso, en doses excesivas pode producir a morte.

Moi coñecido tamén con outros nomes: Árbol del Paraíso, Olivo Ruso, Olivo de Bohemia, pero este tres nomes pertencen a outra árbore diferente algo parecida a oliveira Elaeagnus angustifolia, que xa antigamente o Ministerio de Fomento - abril de 1887 puxo de manifesto o uso común do mesmo nome para estas dúas especies diferentes o que fai que se preste a confusión. Esta árbore está incluída no Atlas de plantas alóctonas invasoras.

A madeira de densidade media e forte, dura e resiste a humidade e os insectos e dun fermoso cor escuro veteado parecido ao da caoba, se usa en tornería para obxectos de adorno, mobles, mangos de ferramentas, papel, e leña. As sementes duras, foron usadas para confeccionar adornos, collares, colgantes, pulseiras, e sobre todo rosarios. E considerada árbore sagrada en varias culturas na India, Malasia, Persia e Irán.

Nl.= Melia azedarach L. Ng.= Cinamomo , Mélia, Agrión, Amelia, , Árbol Santo, Mirabobo, Amargoseira, Árbore de Santo Eutelo/Outelo/Eutel/Outel. Nc.= Cinamomo/ de Castilla, Melia, Acederaque, Árbol del Paraíso, Paraíso, Árbol Santo, Árbol de San Eleuterio, Arbol de los rosarios, Arbol de las cuentas, Agriaz, Azederach, Lilas de las Indias, Lila piocha, Olivo de Bohemia, Arbol sombrilla, Arbol Himalayo, Canelo, etc.

 

CODESO

O Codeso o poñiamos nos ramallos do día de San Xoán xunto con outras herbas. Se usaba tamén como a Xesta para facer escobas e varrer o forno ou a lareira.

As polas de Codeso antes se usaban para pescar. Se refregaban ben as polas coas follas mesturándoas con terra ou barro para que vaian ao fondo e logo se botaban no río envelenando a auga e os peixes saían a flote mortos.

O Codeso formaba parte das herbas ( máxicas) da noite de S. Xoán, e se poñían en ramos nas paredes e nas entradas das portas da casa. Tamén se usaba para estrar as cortes e cortellos e como alimento dos animais. (*1)

Arbusto de folla perenne, que pode chegar a medir 2 metros especie de crecemento rápido. Flores hermafroditas, amarelas ou amarelo-laranxa, (amariposadas) dispostas en acios. Florece desde maio a agosto; froito en legume alongada, curvada e pilosa, madura os froitos durante o verán ea principio de outono. Na localidade se ve nas ladeiras baixas dos montes e no lindes dos camiños é máis escaso que a xesta.

Uso tradicional.- Como leña pois arde ben. Das polas fanse escobas para varrer o solo, lareira, forno, etc. Antigamente usouse para pescar envelenando a auga do río e pillar peixes, método actualmente prohibido. Se lle dá o mesmo uso para protexer o fogar que o Acibro ea Xibarda, se colga nas entradas da casa o día de S. Xoán para axotalas bruxas e malos espíritos, demos, maleficios e meigallos. A flor e as follas do codeso se usaban para curar as lombrigas intestinais.

O Codeso ea Xibarda tiveron un destacado papel na nosa tradición que se esqueceu co progresivo abandono do agro. O Codeso cada vez se ve e usa menos, pero aínda no ano 2005 formaba parte dos ramiños que se venden por San Xoán na praza de Ferrol.

Nl.=Adenocarpus complicatus (L.) Gay. Ng.=Codeso, Piorno. Nc.=Citiso, Codeso, Escoba, Escobón, Rascavieja, etc. ten moitos máis nomes.

 

EDRA. HEDRA

As Edras medran por todas partes nos muros, silveiras e sobre todo rodeando os troncos das árbores máis vellas. As follas e os froitos das Edras son venenosos e non se poden comer, as follas teñen un sabor moi amargo. A infusión dos froitos son boas para purgarse. As follas en infusión mesturadas con vinagre de viño tinto son boas para curar a sarna. As boliñas (sementes) das edras as usábamos de nenos para tirar como balas cos tiratacos.

Figura 5. Edras (Doniños)
Figura 5. Edras (Doniños)

Planta perenne, a folla pode adoptar dúas formas, as trepadoras poden ter 2 ou 3 lóbulos e as polas en fase vexetativa das flores son romboidais; as flores son olorosas e se agrupan en acios que atraen as abellas. Planta moi abundante en toda a Península, prefire lugares frescos e húmidos, sube agarrándose polos troncos das árbores, sebes, muros, paredes, pedras, etc. A Edra e unha planta relicta un dos escasos supervivintes da flora da "era terciaria da laurisilva" que poblaba a maior parte de Europa. Se cree que as aves axudaron a recolonizar de novo as zonas onde desaparecera durante as glaciacións.

 

Nl.=Hedera helix. Ng.=Edra (Hedra), Hedreira. Nc.=Hiedra, Hiedra común, Yedra, Enredadera.

 

 

ESPIÑO BRANCO

Os espiños brancos son un bo patrón para enxertar as maciñeiras e pereiras e hai quen di que tamén para as cirolas (ameixeiras) porque e moi duro e resistente e vive moitos anos; antes se usaba máis que agora. E da boa leña para queimar.

A madeira de espiño branco e bastante dura, se usaba para facer ás varas e os bastóns e os fusos para fiar. O Espiño da unhas bolas roxas, que din que se poden comer e son moi boas para os paxaros.

Arbusto de folla caduca de pequeno tamaño que pode alcanzar ata 10 mts. de altura, flores de cor branco, florece de abril a xuño, froito pequeno en pomo, carnoso, ovoide e vermello que madura entre setembro e outubro. Especie lonxeva pode alcanzar ata 500 anos, de crecemento lento aguanta o vento e a contaminación ambiental vive mellor en sitios frescos. Nativo de gran parte de Europa, norte de África e Asia. Se cultiva en xardinería como ornamental pola beleza das súas flores eo colorido dos froitos, e en sebes para cercados de fincas. Os froitos (boliñas fariñosas) son comestibles pero teñen as sementes tóxicas (purgante enérxico) foron aproveitados polo home desde a prehistoria, e tamén son alimento de mamíferos silvestres e paxaros. As flores abundantes son beneficiadas polas abellas. Actualmente é escaso pero aínda se pode ver algúns arbustos nas ladeiras baixas dos montes e beiras de camiños por Doniños ou Mougá.

As follas flores e froitos foron usados na medicina tradicional popular desde tempos moi antigos. Ten propiedades: cardiotónico, sedante, relaxante muscular, regulador da tensión arterial e colesterol, migraña e outras. Árbore de gran tradición e simbolismo máxico relixioso e mitolóxico nas antigas culturas europeas.

N.l.=Crataegus monogyna. Jacq. N.g.=Estripeiro, Escambrón, Estripo/pio albar, Espiño cerval. N.c.=Espino albar, Majuelo, Espines, Espineo, etc.

 

ESPIÑO NEGRO. ESPIÑO. PEREIRA BRAVA

O Espiño Negro da unhas periñas moi pequenas; e o mellor patrón para enxertar as Pereiras xunto co Marmelo e tamén vale para as Maciñeiras. A madeira da Pereira brava e moi boa e a buscaban moito os ebanistas. A polas dereitas se usaban para facer os bastóns.

Figura 6. Espiño negro (Doniños)
Figura 6. Espiño negro (Doniños)

Hai persoas que tamén lle chaman "Espiño" o Abruñeiro e ao Acibro porque tamén teñen espiñas pero son árbores distintas. -!Que fai alí ese Espiño que lle está chupando o abono a esas plantas! (era un Acibro -Amelia, veciña de Covas, 1986).

Arbusto (Pereira silvestre atlántica- Pyrus cordata ) de pequeno tamaño (3-5 mts.) pero pode alcanzar máis, de tronco forte e flexible e cortiza marrón agrisada; folla caduca e polas espiñosas; orixinario da zona templada de Europa éo Cáucaso. Especie pouco lonxeva de media 70 anos pero pode alcanzar máis. Florece de abril a maio. Os froitos (periños) son peras pequenas e comestibles de sabor áspero amargo, non pasan de 2 cm. tamén son alimento de mamíferos silvestres e paxaros. Medra en todo tipo de solos e gusta de lugares húmidos nas fragas, beiras de camiños, ríos e matogueiras. Medra en todas as parroquias da antiga xurisdición de Serantes. En Galicia medran dúas especies: Pyrus cordata Desv. Baum éo Pyrus communis L. (P. pyraster L.) Baumg.. Varias especies de Pyrus se estenden por toda a Península. Se utiliza como árbore ornamental en xardinería. Todas as pereiras actuais domésticas de grandes e sabrosos froitos saen de cruzar e enxertar estas especies silvestres coas asiáticas.

A madeira e de moi boa calidade, dura, compacta, doada de pulir moi apreciada e usada en ebanistería para torneado, talla e fabricación de instrumentos musicais (frautas), a cortiza como a de outras árbores se usou como tingue amarelo. Se usa como patrón en Galicia para enxertar pereiras e maceiras e se aproveita a leña que arde ben e se usou antigamente para facer carbón vexetal. Co mesmo nome de "Espino Negro" se coñecen na Península outras especies diferentes a esta.

Nl.= Pyrus cordata. Ng.= Espiño Negro, Espiño, Pereira Brava. Nc.= Peral Silvestre, Espino negral, Peral de monte, Piruétano, Piruco, Avuguero, Carupero, Peretero, ​etc.

 

EUCALIPTO

Antes había nos montes (Valón) pinos e moitos soutos de castiñeiros, carballos, ameneiros e bidueiros pero a partir dos anos 50 (1950) en que se plantaron aquí os primeiros eucaliptos (por un veciño) foron pouco a pouco desaparecendo e substituídos por eucaliptos. Non plantabamos eucaliptos nos nosos montes e cando algunha semente dos montes veciños caia entre os pinos eu os arrancaba. (-Fun personalmente testemuña de este feito) (1*)

Os eucaliptos son moi rentables porque dan madeira en poucos anos e se venden moi ben aos madereiros. Usábamos a madeira que e moi dereitiña para postes, estacadas e cancelas, tamén se facían mangos pero hai madeiras mellores para esto. Se usaba moito como leña para a lareira.

As follas do eucalipto se usan moito para curar os catarros, se cocen e se fan vahos tapando a cabeza cunha toalla. Para a irritación de garganta e bo facer gárgaras con infusión de follas de eucalipto. Para catarros, resfriados nasales, gripe, e problemas respiratorios e bo tomar unha cocedura de catro follas de eucalito (cocer durante 10 minutos) e tomar tres tazas ao día. (1*)

- Nota: Precaución - Produce irritacións gastricas e a altas dosis pode ser tóxico. 

Árbore de folla perenne de tronco redondo e dereito de crecemento rápido pode alcanza gran altura ata 60 mts., hai rexistros de exemplares de máis de 150 mts. Orixinario de Tasmania e Australia, existen máis de 700 especies diferentes, a maioría australianas. Actualmente está estendido por todo o mundo, xa que debido a seu rápido crecemento e rendibilidade e moi utilizado en plantacións industriais (madeira, papel, chapas, químicos, ornamento, etc.)

O eucalipto ten moitos usos medicinais, se usan as follas frescas para elaborar aceite esencial para inhalación e as secas para infusións, está recomendado para as enfermidades das vías respiratorias: gripe, asma, bronquite, sinusite e catarros, ademais é desinfectante, antiinflamatorio, antiséptico e refortalece o pelo en lavados coa súa infusión.

A madeira e semidura, semipesada, de cor amarelento rosado pálido e pardo roxiza, de grao medio e pouco porosa de densidade 740-830 kg/m3. Se usa para a fabricación de postes, taboleiros, chapa, parqué, tarimas, decoración, serrería, e principalmente para produción de pasta de papel. O famoso instrumento musical ancestral (aerófono) dos aboríxenes australianos o "didgeridoo" (didyeridú/diyeridú) é construído de madeira de eucalipto desde hai milenios. 

Se debe exercer un control xa que é una planta moi invasora (deserto verde) que elimina a flora autóctona máis diversa e frondosa de madeira nobre de maior calidade e urxe quitalos das zonas preto das leiras, veigas, prados, e ribeiras dos ríos, onde a duras penas uns cantos exemplares autóctonos sobreviven a presión invasora dos eucaliptos; moi pouco queda das fragas locais (autóctonas) que proporcionaban unha paisaxe de beleza extraordinaria e que ata fai pouco tempo na primeira metade do século XX ocupaban todo o territorio forestal. Hai concellos en Galicia que se recompensa para quitar os eucaliptos dos montes unha medida moi intelixente de cara o futuro.

O eucalipto foi traído por primeira vez a Galicia no 1860 por Frei Rosendo Salvado misioneiro en Australia que enviou as sementes a súa familia para uso ornamental; a partir de esta data foise estendendo progresivamente a toda Península.

En Galicia medran dúas especies de Eucaliptos o Eucalyptus globulus Labill. subsp. globulus e Eucalyptus nitens (H. Deane & Maiden) Maiden

Nl.= Eucalyptus globulus. Ng.= Eucalipto, Eucalito, Oucolito, Orcolito. Nc.= Eucalipto

 

FALSA ACACIA. ROBINIA

A Falsa Acacia e moi invasora medra descontroladamente nos lindeiros e beiras dos camiños. E unha madeira moi dura e pesada e moi boa para vigas, postes e facer os eixos dos carros que teñen que ser moi resistentes. As flores son boas para as abellas pero producen moito malestar as persoas alérxicas. (1*)

Árbore de folla caduca vigoroso con espiñas pode alcanzar ata 50 mts. de altura, de crecemento rápido resiste ben a contaminación éo frío, de flores brancas, florece de abril a maio, o froito é unha legume lisa. Especie lonxeva pode vivir ata 200-400 anos. Orixinaria de América Central e Norte, foi introducida en Francia no século XVII, e desde alí foi traída a Barcelona e Madri como árbore ornamental, ten gran capacidade de propagación vexetativa (especie invasora) é boa para a fixación de terreos areosos e taludes. Se atopa asilvestrada nas beiras de camiños, pistas, lindeiros e se planta en xardíns públicos como ornamental e de sombra. As flores son beneficiadas polas abellas que producen a denominada "mel de Acacia". As sementes son tóxicas e sobre todo para os cabalos.
A madeira e dura, pesada de fibra dereita e grao medio de cor amarelo a marrón, é duradeira e resiste a humidade e putrefacción, é utilizada en carpintería, tornería, carretería, xoguetería, moblería de exterior e interior, construción de embarcacións, solos, tarimas, fabricación de taboleiros, vigas, postes e travesas de ferrocarril e outras. Densidade 770 kg/m3.

Nl.= Robinia pseudoacacia. Ng.= Falsa Acacia, Robinia. Nc.= Robinia, Falsa Acacia.

 

FELGO. FIEITO. FENTO

Os Felgos os traíamos do monte no carro para estrar a corte a veces sos e outras mesturados cos toxos; son moi bos para a cama das vacas que se deitan neles e lles dan moito calor. As vacas cando non teñen moito que comer poden comer algo de felgos pero non lles gusta moito.

Na matanza, o porco o colgabamos no corral e logo o chamuscábamos encendendo unha fogata con felgos dicían que o fume lle daba mellor sabor. Os Felgos son velenosos non se poden comer.

Se collían unhas polas de felgos para o ramo do día de San Xoán e se colgaba nun cravo na parede da entrada da porta do corral.

Para que o pescado se aguantara máis fresco se poñían unhas follas de felgos por debaixo nunha fonte ou nun prato grande. Tamén se facía con follas de figueira ou de parra.

 

Planta herbácea vivaz, perenne con rizoma soterrado moi desenvolvido que pode acadar ata un metro e cuberto de pelo. As follas (Frondes) son grandes, ata 2 mts. con láminas tri ou cuatripinnadas. Planta sen flor se reproduce por esporas. Non é un arbusto, a maioría dos felgos son p. herbáceas hai unhas poucas arborescentes. Os felgos viven en lugares sombríos e húmidos, están estendidos por todo o mundo pero a concentración maior é a zona tropical e subtropical. O Felgos e Colas de cabalo  (Pteridofitas) son as plantas vasculares máis antigas do planeta, os primeiros rexistros datan do Período Devónico (416-359 millón anos -Era Paleozoica) e tiveron o máximo esplendor a finais do Mesozoico /Secundario (251-66 millóns anos-Cretácico).

O Felgo común (Pteridium aquilinum) é a especie máis abudante en Galicia estaba presente no Terciario. E de destacar que existen no mundo 13 especies de felgos denominados hoxe Relictos Macaronésicos (antes Endemismos Macaronésicos) das que 9 viven en Galicia. (Macaronesia = Madeira, Canarias, Azores, Cabo Verde). Na Península hai 111 especies de felgos, en Andalucía 72, algo menos en Galicia con 67. Na Serra da Capelada "un privilexio" ten 34 e nas Fragas do Eume -bosque atlántico- 28. Estas especies relictas están en perigro de extición e gozan de alto grado de protección, destaca a súa gran beleza.

Uso medicinal e tradicional. A medicina herborística utilizaba a raíz e as follas (frondes) e menciona as seguintes propiedades: vermífugo, astrínxente, antidiarreico, antihemorráxico, cicatrizante de feridas, eliminación de lombrices e parásitos intestinais, tratar o reumatismo, lumbago, calambres e ciática, hipotensor regulador, regular a menstruación, e outras. Foi usado antigamente para curar a Tenia ou Solitaria e outros parásitos intestinais. Planta "moi velenosa" e non se debe utilizar, a medicina actual supera con moito estes remedios antigos. Como outras especies vexetais os Felgos tamén teñen unha función simbólica, mitolóxica e artística.

Nl.= Pteridium aquilinum (L.) Kuhn in Kerst. Ng.= Felgo, Fieito, Fento, Folgueiro, Fiento. Nc.= Helecho, Helecho común, Felguera, Folguera. Ten moitos máis nomes. Hai felgos arborescentes que non é o caso de esta especie.

 

Ditos populares das árbores. Tradición oral recollida

Si queres que o carro cante / mellor que o do teu veciño

bótalle o eixo de Freixo, / e as treitoiras de Sanguiño. (Valón, aprox. 1930, José Gómez Y.)

 

A raíz do Toxo verde / e moi mala de arrincar.

Carballo que nace torto / non se pode endereitar. (versión 1) (*1)

(versión 2 ... )  Os amoriños primeiros, / son moi malos de olvidar.

(...) / Solamente os Castaños son firmes e verdadeiros. (versión 3.)  

 

San Benitiño glorioso,/ feito de pau de Ameneiro,

irmán das miñas zoquiñas,/ criado no meu lameiro (*1)

 

Arboreda ben plantada sempre parece arboreda

A muller dun bo marido, sempre parece solteira. (Valón, aprox. 1930, José Gómez Y.)

¡Ai lalelo Moreniña , ai lalalo! / sempre parece solteira.

Ponte da Barca alí me dixo te quero / O querer levouno o auga do río Valán

que vai para a Cabana. (Completado por esquecido o resto. -Valón-1975. O autor)

 

O que fai un cesto, fai un cento, si lle dan vimbios a tempo. (*1)

Xente nova e Toxo verde, todo é fume, e non val nada. (*1)

Leña verde, moito fume e pouca brasa. Leña verde cando seca queda en nada. (*1)

Quen a boa árbore se achega, boa sombra lle acubilla. /arrima/ /protexe/. (*1)

Da árbore caído todo o mundo fai leña. Árbore seco nunca florece. (*1)

Árbore que nace torto, tarde ou nunca se endereita. (*1)

 

Esterco de toxos cría miñocas. Esterco de Xesta, grao pola testa

Besta vella, botala ós toxos. En xaneiro pon abella ó pé no Salgueiro.

O Salgueiro abrochou, a primavera entrou. (*1). A abella en xaneiro pon ó pé no salgueiro.

Carballo, Salgueiro e Maceiras aseguran as marxes lixeiras.

Cando da Xesta nace a vasoira, tamén nace quen a colla.

Non hai peor cuña que a do mesmo pau /- Ídem- que a da mesma madeira. Para cuñas pau de toxo.(*1)

Se por S. Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove. (*1)

A mazá da sombra non é a máis sabrosa. A castaña que está no camiño é do veciño. (*1)

Polo San Martiño vai ver o soutiño.

Cando a Figueira ten follas detrás veñen os figos. Á Figueira sen figos non veñen os merlos.

Quen en marzo non poda a viña, perde a vendima. Poda curto e ara fondo, terás viño e pan dabondo.

Cando hai tormenta con raios nunca te debes poñer debaixo dunha árbore que esté illado. (Veciños de Canido- Ferrol-1970)

O carro do país pódese facer de Carballo, Ameneiro ou Bidueiro. Os fungueiros, cabezalla, chavella e rodas de Freixo (*1)

 

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

-Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. follas novas.1979.

-Guía de plantas con flores de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.

-Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008

-Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.

-Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.

-Flora Ibérica plantas vasculares de la Península Ibérica e Islas Baleares Editores: S. Castroviejo (Madrid) - CSIC Madrid, 1997

Guías: Los árboles de Europa, Ed. Omega. Arboles, Ed. Everest S.A. Árboles, Arbustos, Ed. Blume.

-Biblioteca dixital vv.aa.

 

Nota (*1): Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-1891/1977, nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-1915/2000 e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo Concello de Serantes. A tradición (transmisión oral) procede dos avós da miña nai, Ramón e Avelina desde o ano 1850. Fotografías en terras de Serantes - o autor.

 

Volver al principio del artículo: Etnobotánica. Árbores e arbustos na antiga Terra de Serantes (Parte I) - I

 

 

Nadal, 2019.   Xabier Monteiro Graña

 

<< Volver