Viene de: Etnobotánica. Herbas de uso tradicional e medicinal (Segunda parte) - I
PATACA
Si tes dor de cabeza e bo cortar unhas rodaxas de pataca crúa e poñelas na fronte e aos dous lados das senes, apretalas cun pano. O mesmo para baixar a febre pero poñer as rodaxas cun pano mollado en auga fría e renovar.
Cando te queimas se corta unha pataca e se pon encima da queimadura para refrescar e aliviar e se vai renovando.
Cando se ten irritación ou dor nos ollos e bo poñer enriba dos ollos unhas rodaxas cortadas de pataca frescas durante uns minutos.
Para as picaduras de abella aplicar un emplasto feito con pataca, cebola, vinagre e mel ou aceite de oliva.
Cando non se ten pegamento para pegar o papel se usa a pataca cocida refregada no papel. Cando se gardan as patacas non se deben deixar que lles dea a luz da lúa. As patacas verdes están aluadas e non se poden comer porque son velenosas. Os tomatiños da planta non se poden comer porque son velenosos. As patacas quitaron moita fame na guerra. A pataca se pode usar como modelo para tallar figuras pequenas. A planta e os froitos son tóxicos para o ganado. (*2)
A pataca se daba espontaneamente nas rexións andinas americanas o sur de Chile i en altas planicies de Colombia e Bolivia. Os incas a cultivaron (papas). Hai moitas variedades. A planta contén "solanina" unha sustancia tóxica, alcaloide que ten efectos parecidos a atropina, pero en moito menor grado. Nl.= Solanum tuberosum.
PATACÓNS.- Ver Couselos.
PATA DE CANGREXO.- Ver Bálsamo
PATA DE GALIÑA. Ver Grama.
PAXARIÑOS
A esta herba lle chaman Paxariños porque as flores se parecen aos paxaros. Son unhas flores moi bonitas e adornan moito. (*2)
Realmente é unha fermosa flor. Con este nome popular se coñecen na nosa localidade varias herbas distintas.
Nl.= Linaria triornithophora. Ng.= Paxarinos, galos, pitiños. Endémica do NO.Penínsular.
Nl.= Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis. Ng.= Paxariños amarelos. Protexida i en perigo de extinción, figura no catálogo galego de especies ameazadas.
PAZOTE.- Ver Herba Mala. Chenopodium ambrosioides.
PEGOTES
Herba moi usada nos xogos dos nenos que collían as follas e as lanzaban para pegalas na roupa.
Cocida dician que era boa para a diarrea (*2)
Herba moi coñecida, algúns dos nomes son debidos a propiedade de apegarse na roupa. Hai varias herbas diferentes que se coñecen con este nome popular.
Nl.= Picris echioides Ng.= Pegotes, Pega pega Lingua de gato. Amargón. Nc.= Pega-pega, Hierba raspadera, Conabio, Amargajón, Asperilla, Raspasayo, Serrallón, Lengua de gato, Lenguaza, Buglosa, Lechuguilla, Hierba amarga, Borrajuda, Cerrajón, etc.
PÓLEO. POLEXO.- Ver Amenta.
PRIMAVERAS
Cando se ven no campo coas flores brancas anuncian que está chegando a primavera. Medran moi ben nos lindeiros e prados. Tamén se cultivan como flores decorativas nas hortas e xardíns das casas e se usan nos xarróns.
Esta herba tan popular medra silvestre está presente en gran parte de Europa, Asia Menor e norte de África. Nl.=Prímula vulgaris. Ng.= Primavera, Cáncaro, Panqueixo. Nc.= Prímula, Primavera Manguitos.
PRESOIRO
Eu recordo que cando quería o leite callado para facer queixo, unha veciña me daba o Presoiro que llo botaba ao leite e así se callaba. (En Covas. Maruja F. en 1990)
En Galicia medran varias especies, as máis usadas son: Nl.=Galium aparine L e Galium verum L.
Nl.= Galium aparine L. Ng.= Preseira, Presoiro, Callaleite, Gatuña, Chapizo, Gatoira, Gatuña,
Herba dos amores, Presoira. Nc.=Cuajaleche, Amor del hortelano, Azotacristos, Azotalenguas.
Nl.= Galium verum L. Ng.=Preseira, Presoiro, Presorio, Agana, Herba do agano, Herba da agana, Herba do rodicio, Herba dos aganos, Callaleite, Herba coalleira, Rodesno. Nc.= Cuajaleche, Galio, Presera.
PEREXIL. PIRIXEL. PRIXEL
O Pirixel e bo para cortar as hemorraxias dos fociños, póñense unhas follas machacadas dentro do furado que sangue. (Ferrol, 1990, Encarna P.V.)
A infusión de Pirixel e boa para facer mexar e moi bo ten moitas vitaminas e minerais. O Pirixel había quen o usaba para abortar se machacaban unha poliñas coas follas que se metían na vaxina da muller; e a vez se tomaba varias veces unha infusión del. Para os nenos cando están estreñidos se mete unha poliña de pirixel untada en aceite polo ano e si é un adulto unha pola de verza. Tamén para facer mexar e bo tomar unha tortilla francesa con follas de pirixel. (*2)
Cultivada na maioría das hortas para condimento na cociña.
Nl.=Petroselium crispum (Miller) A.W. Hill= P. sativum Hoffman=P. hortense auct. Ng.=Perexil, Prixel, Pirexel, Prixil, Pirixel, Perixil. Nc.=Perejil.
PRUNELA. HERBA DAS FERIDAS
Esta herba medra moito no Regueiro de Doniños e por Landroves, a usaban os vellos cando levaban algún golpe para as feridas e tamén para os males de vexiga e estómago. (*2)
Moi usada antigamente como herba medicinal para diversos males.
Nl= Prunella vulgaris Ng=Prunela. herba das feridas. Nc= Brunela.
QUEIROA. CARRASCA. CARQUEXA
As queiroas se traían do monte para varrer e encender o forno cando se cocía o pan. Tamén son moi boas para as abellas que dan unha mel moi boa. (*2)
As queiroas foron utilizadas como herbas medicinais e para facer o carbón das ferrerías. Nos nosos montes medran varias especies diferentes: Erica australis, Erica vagans, Erica cinerea, Erica umbellata, Erica arborea. A Queiroa arbórea ten os mesmos usos, tamén como ornamental, non é moi abundante. Nota: Co nome de "Carquexa" coñecense outras especies diferentes.
Nl.= Calluna vulgaris. Ng.=Queira, Queiruga, Carqueixa, Carquexa, Queiroa, Carrasca, Carrasco, Queiroga, Quiroga, Queiruga, Carroucha, Foupa, Queiroga de cruz, Urce de monte, Uz montés, etc. Nc.= Brezo, Brecina, Biércol, etc.
Nl.=Erica spp. Ng.=Queiroa, Queiruga, Carqueixa, Carquexa, Uz, Urce, Urrigata. Nc.=Brezo, Urce.
QUEREIXÓS.- Ver Careixós.
RABO DE GATO
Hai quen lle chama Rabo de gato aos Plumeiros. Planta moi coñecida que medra nas beiras dos camiños e carretras, procedente de América do sur e introducida como ornamental e naturalizada que e unha praga en Galicia e figura na la lista de especies invasoras. Nl.=Cortaderia selloana (Schult. & Schult.f.) Ng= Plumeiros, Herba da Pampa, Carrizo da Pampa, Rabo de gato.
Hai outras herbas que medran aquí e que tamén son coñecidas co nome popular de Rabo de gato: Trifolium angustifolium L, Ammophila arenaria (Herba da area/praia, Arenaria, Feo da area/praia, Barrón). Equisetum arvense (Cola de Cabalo)
RABO DE LEBRE
Se usa sobre todo como planta decorativa en ramos (secos) de diversos tipos e nos xarróns das casas, centros florais, ramilletes de solapa, as veces se tinguen de diferentes cores.
Medra con certa abundancia nas zonas dunares e areosas das praias de Doniños, A Mariña (S. Xurxo), Covas, etc. Nl.=Lagurus ovatus. Ng= Rabo de lebre. Nc.= Rabo de liebre, Cola de liebre.
ROMEO. ROMEU
Cando os nenos estaban enfermos se cocía Barba de toxo con Romeu e facíase un xarope e dábanllo de beber. (*1)
A infusión e os vahos de Romeo son bos para curar os catarros do peito, tamén e moi bo para o estómago. En emplasto ou fomentos e moi bo para os golpes, esguices, torceduras, dores musculares, varices e flebite. Para cando se está malo do fígado e moi bo cocer Romeo e beber varias veces a auga da cocedura. Para aliviar a tose e bo cocer Romeo mesturado con Herba Luísa e tomar a infusión varias veces o día.
Para mellorar do catarro se fai un xarope cocendo follas de Romeu, de Eucalipto e flores de Pino que se pode endulzar con azucre ou mel.
O Bálsamo do Samaritano faise con Romeo: Un 1/2 lt. aceite oliva, 1/2 lt. de viño tinto e 50 gramos de Romeo. Se pon na pota a ferber ata que se reduzca e case non quede auga, logo cólase. É o mellor para os males dos pes inchazón, torceduras, feridas, rozaduras, etc. (*2)
O Romeo é un arbusto aromático moi coñecido e plantado por aquí, orixinario do mediterráneo, moi usado como planta medicinal para moitos males e como condimento na cociña. Refrán: -Das virtudes do Romeo hai escrito un libro enteiro.
Nl.=Rosmarinus officinalis. Ng.=Romeo. Romeu. Nc.=Romero, Romerón, Rosmarino, Romero real, Romiru, Rumaní.
RUDA
Usábase para as persoas e para o gando. En cada casa había plantado un pe de ruda, usábase para os cólicos de barriga e as dores de estómago, e tamén para abortar.
Outra herba que protexe contra as meigas é a ruda, cheira que apesta, disque no verán non che entran as moscas se pos unha poliñas nas entradas da casa, a ten o meu veciño.
Din que e boa para espantar os ratos xa que non soportan o cheiro da ruda; se colocan poliñas frescas de ruda nos lugares infestados. (*1)
A Ruda protexe das bruxerías, meigallos, e todo tipo de males; a tíñamos plantada (na casa) tamén outros veciños; e unha planta alta de follas pequenas algo azuladas que se colgaba nas (nosa casa Valón) paredes, portas e ventás o véspera do Dia de S. Xoán e tamén se colocaban ese mesmo día ramos feitos de Acibro, Loureiro ou Xilbarda. A Ruda ea Reina Luísa a había tamén nas casas de Villaboide.
A ruda e boa dala en baños de asento para as almorranas. A ruda se usaba moito para os males das mulleres. A ruda e boa para espantar os bichos sobre todo as culebras e tamén o viouteiro éo freixo. Se dicía que coa ruda se podía abortar. (*2. Trad. oral familiar)
Cando tes dor de oídos e bo fritir con aceite de oliva unhas folliñas de ruda deixar enfriar e logo botar dúas ou tres gotiñas en cada oído. (*2)
Unha muller ven sempre a comprarma (a Ruda) para dar fumeiros nas partes baixas con ela. (Veciña do Bertón. Ferrol 1990).
Esta herba universalmente coñecida desde as culturas máis antigas, aparece ben documentada non só na medicina natural senón en textos literarios de tódolos tempos. Tivo moitos máis usos dos que figuran aquí. Dito popular: A ruda tódolos males cura.A Ruda na nosa localidade non meda silvestre. Nl.= Ruta chalepensis L. Ruda de Alepo. Ruda macho. Herba piolleira. Outra especie igualmente usada: Nl.=Ruta graveolens. Ruda femia
SOLDACONSOLDA. CONSOLDA. SOLDA
A Soldaconsolda, a tíñamos nos, estaba plantada arredor do limoeiro. Xa a plantaran meus pais. A usaban moito na familia. Moitas veces os veciños nola viñan a pedir para botala cando se levaban golpes, e tamén para facer emplastos para as pernas inflamadas, varices, chagas, e feridas que non curaban ben. (Trad. oral familar en 1935. *2)
Herba moi coñecida universalmente e utilizada desde antigo. A especie que medra silvestre na nosa localidade e Symphytum tuberosum -Consolda menor, pero a máis empregada foi a Symphytum officinale L. -Consolda maior. Teñen as mesmas propiedades e tamén as súas contraindicacións. En Galicia tamén hai outra herba que se coñece con este mesmo nome: Polygonatum odoratum - Sello de Salomón, (tóxica) pero especie distinta a que usamos aquí.
Nl.= Symphytum tuberosum. Ng.= Consolda, Soldaconsolda, Solda. Nc.= Consuelda menor.
SEN
O Sen, o compramos na farmacia cando andabamos duros de ventre non sei de que se dea por aquí. (*2).
Non é unha planta que medre na nosa zona, aquí non se cultiva, pero foi e é moi usada o mesmo que a Zaragatona. Para este mal hai moitas outras herbas. Hai dúas especies comerciais, o Sen da India éo de Alexandría. Cacssia acutifolia e C. angustifolia.
SEMPREVIVA
E unha planta decorativa. Algunhas se cultivan como amuletos protectores. Hai varios veciños que con este nome recoñecen especies ben distintas. Xeralmente están plantadas nos xardíns ou nas hortas e algunhas en maceta.
Hai varias especies diferentes de Sempreviva cultivadas nas casas: A Sempervivum: planta medicinal cultivada desde moi antigo. Segundo a mitoloxía, foi creada por Zeus/Xúpiter para a protección da familia, vivenda, contra os raios e malos espíritos. En tempos de Carlomagno se cultivaba nos tellados para protexer a vivenda, Herba/Planta dos tellados. Tamén e relativamente abundante, o Aeonium, o Aeonium arboreum eo Aeonium arboreum var. atropurpurea, de orixe canario. Outras Sempreviva que se cultivan nas nosas hortas como flor decorativa (flor cortada) son o Limonium sinuatum ou sempreviva de area, a Helichrysum bracteatum. As que medran silvestres na localidades e que tamén algunha se ve en maceta, (Uvas de lagarto, de gato), son: Sedum album, S. anglicum, S. arenaria e S. acre. Que teñen moitos outros nomes. E tamén a Tradescantia fluminensis, Helichysum foetidum e Helichysum petiolare. E aínda hai algunhas máis con este mesmo nome tan popular cultivadas nos nosos xardíns.
TABACO
Na nosa casa se cultivaba o tabaco para o consumo familiar. Se plantaba na parte de arriba da horta. O deixaban secar e logo o troceaban para fumalo como a picadura. Para a dor de moas se poñían unhas herbiñas na moa e tamén se usaba para os catarros de tose forte.
Para sacar os piollos dun animal se cocen unhas follas de tabaco e coa auga da cocedura se refrega a pel do animal deixando sen secar durante un tempo. (En Valón, aprox. 1920. Ramón Graña, 1970).
Actualmente observei nunha horta en Serantes, non unha senón tres especies diferentes de tabaco cultivadas como decorativas, unhas follas ben fermosas por certo.
Nl. =Nicotina tabacum L.
TORVISCO. TROBISCO
Os pescadores que van o río o usaban ( furtivamente) para envelenar e atontar os peixes que logo se collen con facilidade na mesma forma que se usaba o codeso. Tamén se usaba para matar as pulgas. O Torbisco é velenoso e tamén para o ganado. (*2)
E un pequeno arbusto tóxico. Antigamente se espetaba un pauiño de Torvisco cando se facían os buratos das orellas para colgar os pendentes. A cáscara e un purgante (dafnina) moi enérxico e non se recomenda seu uso nin tomando precaucións. O Torvisco medra abundante en toda a bisbarra.
Nl.=Daphne gnidium L. Ng.= Trobisco, Torvisco, Matapulgas. Nc.= Torvisco
TREVO
De nenos sempre que andabamos polo campo buscabamos haber quen encontraba o trevo da boa sorte, que era un trevo de catro follas; eu unha vez atopei un. Si atopas un trevo de catro follas e que vas ter moi boa sorte ata che pode tocar a lotería. O trevo e un bo alimento para os animais sementábase como forraxe.
A véspera do día de San Xoán íamos os rapaces/zas polos campos a ver quen atopaba un trevo de catro follas, quen o atopara sería moi afortunado. -!A coller o trévole o trévole .. ; a coller o trévole a noite de San Xoán!- (*2. En Canido 1965)
Existen varias especies con este nome e se usaron tradicionalmente como herba medicinal.
Ten uso máxico-relixioxo e simbólico en varios pobos e culturas e unha longa historia.
Nl.=Trifolium pratense. Ng.=Trevo. Nc.=Trebol.
TRIGO
Sementábamos o trigo tódolos anos. Cocíamos o pan no forno da casa, case sempre o facíamos de mestura. Coa palla do trigo facíamos o palleiro para dar de comer as vacas polo inverno. Tamén temos feito caparuchas para abrigarnos da chovía cando tíñamos que saír algún sitio. Moitas veces teño feito fachucos de palla para alumear o camiño cando saiamos de noite sobre todo no inverno. O martes de canaval nos disfrazabamos e levabamos un saqueto de fariña éo íamos botando a xente que atopábamos nos camiños e polas portas das casas.
Para cando se ten diarrea e bo tomar despois do xantar, unha culler grande de salvado de trigo mesturada con unha ou dúas mazas machacadas.
Para a amigdalite amasar fariña de salvado en auga quente e aplicar (morno) externamente en emplasto na zona afectada. Para os golpes, torcedura,s escordaduras e inflamacións: se poñen compresas de fariña de salvado de trigo. Se coce a fariña e esta masa en quente se aplica cun pano na zona afectada e durante varios minutos e se renova cando fai falta.
Cando unha vaca ou becerro está empachado dáselle a comer un boliño de masa feito con fariña de salvado de trigo mesturado con levadura. (*2)
Actualmente se está poñendo en valor o trigo autóctono en Galicia que fai un pan de máis calidade e sabor, das que se recolleron 87 variedades locais. (CIAM Centro Investigacións Agrarias Magebondo). Nl.=Triticum aestivum L.- Triticum vulgare Vill.-Triticum sativum Lam.
UVAS DE CAN. Ver Uvas de Raposo.
UVA DE GATO .- Ver Bálsamo.
UVAS DE LAGARTO
As Uvas de lagarto e unha herba boa, hai que botala machacala para cando tes callos, verrugas ou vixigas e para as feridas. Se usan normalmente como decorativas en macetas nos xardíns das casas. (*2)
Hai catro especies en zonas dunares, praias, muros, etc. Nl.= Sedum album, Sedum acre, Sedum arenaria e Sedum anglicum. Outros nomes: Uvas de gato, d. culebra, d. sapo, etc.Ver Sempreviva.
UVAS DE RAPOSO
Cando andabamos polos camiños os maiores da familia sempre nos avisaban de que esas boliñas vermellas u moradas non as comeramos que eran Uvas de raposo velenosas.
Con este nome tan popular coñecemos varias especies diferentes que medran na nosa localidade:
Nl.=Tamus communis (L.). E unha liana que medra enredada nas sebes, muros e entre as silveiras, Ng.=Uvas de Raposo, Uvas de Can, Nabo caiño, Bagaña, Norzapreta. Nc.=Nueza negra, Vid negra, Brionia negra, Uvas del diablo, Espárragos de cabra.
Nl.=Solanum dulcamara (L.). Vide brava. Ng.= Escornacabras, Uvas de can, Mexacán, Uvas de varon. Nc.=Dulcamara, Vid silvestre, Uvas del diablo, Matagallinas, etc.
Nl.= Lonicera peryclimenum. As flores son chamativas e moi decorativas se poden chuchar pero non os froitos que son tóxicos. Ng.= Uvas de raposo, Herba salgueira, Chuchamel. Nc.= Madreselva.
Hai algunhas persoas que tamén lle chaman así os froitos do Acevo, Sanguiño, Trobisco e a outras. Popularmente non hai unha identificación clara das distintas especies xa que todas presentan os froitos (as boliñas) vulgarmente uvas de raposo, de can ou do demo. Todas tiveron un uso medicinal nada aconsellable pola súa toxicidade.
VARA DE SAN XOSÉ. VARIÑAS DE SAN XOSÉ
Está plantada como planta decorativa nas hortas e xardíns da nosa localidade. Úsase moito como flor cortada decorativa nos xarróns das casas e centros florais, tamén para adornar as rúas formando parte das alfombras florais e nos cementerios. E moi coñecida polas súas fermosas flores de cor laranxa.
É unha planta invasora, figura na relación de especies invasoras de Galicia, da Península e de moitos outros países. Nl.=Crocosmia × crocosmiflora.
Hai outras plantas diferentes coñecidas con este mesmo nome, p. ex.: Asphodelus Albus, Lilium candidum, Alcea rosea, Polianthes tuberosa, solidago virgaurea, e outras.
VERBASCO. VERVISCO
O Verbasco o usábamos quentando as follas na sartén ou cocidas logo se poñen en emplasto cubrindo cun pano, para a inchazón das pernas, as rodillas e pes e para as inflamacións. (*2)
Chama a atención pola súa altura e cando está florecida as súas boliñas es as flores amarelas.. Empregouse como antitusíxena contra a tos e catarros bronquiais, usando as súas flores en infusión. As sementes foron moi empregadas machacando as follas flores e bolas e botándoas nos ríos empezoñando as augas para pescar os peixes con artes agora prohibidas e pouco nobres. Medran tres especies en toda a localidade, nas ladeiras do monte, beiras de camiños, estradas, etc. Nl.=Verbascum virgatum. (Stokes). Verbascum simpex. Verbascum sinuatum. Ng.=Verbasco, Choupo Branco, Seoane, Xoane, Xeoane. Nc.=Gordolobo, Verbasco, Verbisco, Varbasco Candelera. Ten moitos máis nomes.
VERZA E VERZA BRAVA
As follas da verza son boas para rebentar os grans ou os furúnculos que os fai madurecer e rebentan. Se corta unha folla en varios trozos e se quentan na sartén e logo se poñen sobre o gran cuberto cunha tea limpa en emplasto e se renova si é necesario. Para o estreñimento se unta un trozo de canoto de verza en aceite de oliva e se introduce polo ano para abrandar. Tamén as usábamos para beber auga dos mananciais das fontes ou de regatos.
Para os grans e bo quentar nun pouco de aceite de oliva, unhas follas de "acelgas" e poñelas enriba do gran. Para as queimaduras se quenta un pouco na sartén unhas follas de "nabizas" se untan con sebo e se poñen frías en emplasto sobre elas. As verzas bravas medran nos arredores dos camiños e campeiros son moi boas para o gando. (*2)
Nl.=Brassica oleracea L. var. acephala DC. Ng.=Verza, Vertón, Coia, Couva, Coella. Nc.= Col
Nl.=Brassica oleracea L. Ng.=Verza brava. Nc.=Verdura silvestre.
VEZA. VICIO. VICIA. Ver Ervellaca.
VINAGREIRA. VINAGRETA
As vinagreiras as comíamos de nenos porque sabían a vinagre. Tamén se comían cando eran tempos de fame despois da guerra. Aparecen cando vai a empezar a primavera e se recoñecen moi ben polas súas flores amarelas. As Vinagreiras non son boas para o ganado. (*2)
Hai varias especies. Medran con abundancia en tódalas parroquias. Herba que está na lista de especies invasoras de Galicia. Nl.=Oxalis pes-caprae L. Nl.=Oxalis acetosella. Ng.=Vinagreira, Vinagreta, Campaíñas amarelas, Pan de cuco. Nc.=Aleluya, Vinagreta.
XARAMAGO
Os Xaramagos nacen no medio do trigo, e nos lindeiros, e unha herba boa para o asma. As vacas non os poden comer por que lles fai mal. (Covas-Ferrol, Anxela P. 1990)
Ten uso medicinal relacionado cos catarros, tose, etc. e outros. Da mesma familia do rábano doméstico Raphanus sativus. En Canarias se utiliza para facer o "caldo de jaramagos." Hai outras especies diferentes con este mesmo nome.
Nl. = Raphanus raphanistrum. Ng.=Xaramago, Saramago, Labestro. Nc.= Rábano silvestre, Rabaniza, Rabizón, Jévenes, Labresto, Lesnas, Morón, Mostaza, Jábena, Jaramago blanco/negro.
XARO. CORNETAS
O Xaro e malo para o ganado os animais non o comen. As boliñas (sementes) son velenosas.
A planta era usada para coñecer o estado das colleitas (anadas); ao observar as súas flores se predicía como ía a ser a colleita de trigo, centeo ou maínzo. Medra en abundancia en zonas húmidas e sombrías. E moi ben coñecida polas súas follas e as pequenas cornetas averdosadas. (*2)
Non se debe confundir coa Cala (Cornetas:Zantedeschia aethiopica) que é unha especie distinta que adorna moitos xardíns e se usa como flor cortada decorativa nos xarróns.
Esta planta foi moi empregada na medicina tradicional poular contra os catarros bronquiais pero non é recomendado seu uso por ser toda a ela velenosa.
Uso máxico.- O nome de Herba das anadas lle ben de que é agoiro de boas colleitas, se usaba amarrada nos ramos para adornar e como herba máxica, cando ó ramo se espetaba no medio das leiras para dar boa fertilidade a terra.
Nl.=Arum italicum. Miller. Ng.=Xaro, Herva das anadas, Garo, Cornetas. Nc.=Aro, Jaro, Jarillo, Jumillo, Llave del año.
XARXA
A Xarxa a tíñamos plantada na casa, e unha planta pequena que e non sube moito, e moi olorosa e as follas son de forma parecida as da oliveira. A infusión de xarxa e boa para os catarros a dor de garganta e para a dor de regra. Para cando queiras limpar ben os dentes e moi boa a Xarxa. (*2)
Nome que deriva do latín "salvare" pola gran cantidade de enfermidades que cura. E unha herba moi coñecida na medicina tradicional, usase como condimento.
Xarxa silvestre na nosa localidade: Nl.=Salvia verbenacea L.
Xarxa cultivada nas hortas: Nl.= Salvia officinalis. Ng.=Xarxa, salvea, Segorella. Nc.=Salvia, Selima.
XEBRA. CECIMBRE
Cando a Guerra usábamos moito o Cecimbre para as bronquites o asma e para os catarros de garganta. O Cecimbre era cultivado por nosos avós xunto con outras herbas medicinais e para as abellas das colmeas. (En Valón, Ramón G. aprox. 1930)
A Xebra e unha herba boa para os catarros e para a garganta se fai unha infusión mesturando flores de xebra e de malva, logo se fan gárgaras varias veces o día. (*2)
Herba moi utilizada desde antigo na medicina tradicional polas súas virtudes pectorais e antitusíxenas e para os problemas da voz. Tamén se lle chama Xaramago. Hai outras especies distintas co mesmo nome pop. Mostazo=Sinapis alba, Brassica nigra, etc.
Nl.=Sisymbrium officinale (L.) Scop. Ng.= Xebra, Cecimbre, Sisimbrio, Herba dos cantores, Nc.=Hierba de los cantores, Enciendecandiles, Jaramago amarillo.
XEIXEBRA
A Xeixebra e boa en infusión para sacar as lombrices e para facer mexar. (*2)
E unha herba pouco estudiada pola ciencia farmacéutica pero que tivo antigamente moitos usos: vermífuga, dieuretica, aperitiva, para as feridas, etc., agora está en desuso. E algo aromática, ule lixeiramente a allo, polos seus componentes: mentol, timol, esclarol, cineol, etc. E relativamente abundante nas ladeiras dos montes e camiños. Tamén e coñecida con este nome, Xeixebra /Seixebra a Saxifraga granulata que é máis escasa.
Nl.= Teucrium scorodonia. Ng.=Xeisebra/Seixebra. Nc.= Escordonia, Camedrio, Hierba de las hinchazones, salvia del bosque.
XENZÁ
A Xenzá é unha mala herba moi abundante se usaba para sacar as lombrices do corpo
e tamén é boa para os problemas de estómago. (*2)
Usase para combater o artritismo a cloroses, a debilidade estomacal, a gota e para expulsar as lombrigas intestinais. Non se debe de confundir coa verdadeira Xenzá amarela (Genciana), que medra a maiores alturas, Courel, Ancares, Manzaneda, etc. A Gentiana pneumonanthe por aquí e relativamente abundante pero en varias comunidades está como "vulnerable " ou en "perigo de extinción." Nl.=Gentiana pneumonanthe. Ng.=Herba de San Pedro. Xenzá. Nc.=Genciana.
XINXA
A Xinxa é unha mala herba, é unha praga que sae en todas partes. A Xinxa é a mesma herba que a chufa, da unhas boliñas que se poden comer. (*2)
Medra abundante nas hortas e terreos de cultivo. Tradicional na costa mediterránea, os seus tubérculos son comestibles con ela se fai a coñecida "horchata". As chufas son cultivadas nas hortas de Valencia hai varias especies. A Juncia longa (C. Longus) foi usada antigamente en pasteis e sopas como o azafrán éo Xenxibre. Do grego Cypeiros derivado de Cypris = Venus polas súas propiedades afrodisíacas. Nl.= Cyperus Longus e Cyperus esculentus. Ng.= Xinxa Nc.= Chufa, Juncia, Avellanedo, Coronilla, Catufa, Cuca.
XÍNXARA.
A Xínxara e unha mala herba medra no medio do trigo e dos sementados se enreda nel e sube trepando, da unhas bolas na raíz e unha semente como un chícharo. (*2) Ver Hervellaca.
XUNCO. XUNCA. XUNQUEIRA
Cando se quere facer un pozo o primeiro que se busca e ver si hai algún lugar onde medren os xuncos e aí nesa zona e boa para cavar e facer o pozo. Aparece con abundancia nos lugares húmidos e indicativo de que en esas zonas hai auga. Era moi usado para atar e facer trenzados e xauliñas ou grileiras para os grilos e para facer figuras trenzadas. (*2)
Os xuncos son moi abundantes no seu hábitat. Na localidade medran once especies diferentes de xuncos. Nome que deriva do latín jungere=atar. As súas raíces son comestibles os xabarís as comen con gusto. Foi moi utilizada para atar. Nl.=Juncus acutus. Ng.=Xuncos. Nc.=Juncos
--- o ---
MARMULO. MARMUDO. ALGAS DO MAR
O Marmulo, é un alga que medra na costa no medio das pedras hai moita no Paso do Muro, bota unhas vexigas (boliñas). Se usa para as inflamacións é do mellor que hai. Para a inflamación dun pe métese o pe na auga quente co Marmulo e pica. Cócese o marmulo e se bota coa auga nunha tina e se lle dan baños os pes. (*1)
GOLFO. ALGAS DO MAR
Cando víamos o Golfo nas praias íamos en marea baixa co carro a buscalo para estercar as leiras. (*1)
En Covas medran varias especies de algas de alto valor nutritivo, medicinal e tamén de uso en cosmética. O Golfo que é un bo fertilizante da terra está formado por varias especies distintas de algas que viven suxeitas as rochas, corais, sedimentos fangosos e areosos e outros obxetos; eo mar cando está bravo as arranca do fondo e as deixa sobre a area das praias. No catálogo de algas bentónicas mariñas da Ría de Ferrol hai catalogadas 295 taxóns, ( A. Granja, J Cremades, I Bárbara. 1992 ) o que da idea da gran riqueza da nosa costa local i en xeral de toda Galicia.
O DIA DAS FLORES. O BAILE DAS FLORES. A PRIMAVERA
Tódolos anos entre o 15 éo 30 de maio no mes das flores no salón da casa do meu avó se celebraba en Valón o Baile das Flores. No medio do salón se poñía un "Centro de Flores" que consistía nun gran ramo feito con todo tipo de flores olorosas de vistosos cores moi decorativas; e as mozas e mozos mentres non empezaba o baile se paseaban polo salón. Logo o baile celebrábase arredor do Centro floral. Algúns dos músicos tamén eran da nosa familia. (O avó: D. José Graña Rodríguez 1864-1934, alcalde de Serantes en 1905-9, dono do Salón de Baile. Aprox. en 1925). (*2)
A Festa das Flores na chagada da primavera se celebraba antigamente en tódalas parroquias do Concello de Serantes. As Sociedades Agricolas- Recreativas que existían nas mesmas eran as encargadas da organización de esta festividade.
BIBLIOGAFIA CONSULTADA
-Flora de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. follas novas.1979.
-Guía de plantas con flores de Galicía. Xosé Ramón García. Ed. Xerais de Galicia, 1991.
-Catálogo da Flora de Galicia. Mª Inmaculada Romero Buján. Depto. Botánica. Facultade de Veterinaria, Univ. Santiago de Compostela- Campus de Lugo - 2008
-Catálogo Flora Vascular Concello de Ferrol. Jaime Fagúndez Díaz. Jolube Ed.
-Flora y fauna de la costa.Guías Blume.1992
-Flores silvestres. Guía naturaleza Ed. Everest. 1991.
-Biblioteca dixital vv.aa.
Nota (*1): Tradición oral recollida en Covas por Juan López Hermida e o autor, de D. Ricardo Dacosta, ano 2003.
Nota (*2): Tradición oral recollida na parroquia de Doniños, década dos 70 (1970-80), da miña familia: avoa María-1891/1977, nai Fina, e sobre todo de meu tío Ramón G.-1915/2000 e de outros familiares, veciños de Valón, e varios lugares de Serantes. Todos nacidos no antigo concello de Serantes. Fotografías en terras de Serantes - o autor.
Nota: As herbas mencionadas van co seu nome latino científico, para que non haxa confusión da especie de que se trata, por si algunha persoa quixera identificalas en guías de plantas (aconsellable con fotos en color) ou por calquera outro método online.
-Copyright:©2018 Sociedade Cultural Columba.
Nadal, ano 2018. Xabier Monteiro Graña
Volver al principio del artículo: Etnobotánica. Herbas de uso tradicional e medicinal (Segunda parte) - I