Fran Amado. Historias dun capitán de pesca faenando por Prior

08/04/2017, Fernando Patricio Cortizo

Fai tres anos coñecín a Francisco Amado Castro, un capitán de pesca xubilado, alcumado en Razo, o seu lugar de nacemento, Francisco de Queixeiro. Entre os compañeiros de profesión onde é moi aprezado é coñecido por Francisco do Coral, pois ese era o nome do seu barco, con base no porto de Malpica, vila mariñeira onde residíu no decurso de máis de vinte anos, tendo na actualidade moi boa relación cos seus veciños.

Fran Amado, non é unha persoa común. Cando afirmo isto, dígoo porque unha vez que coñeces a este home sabio, que comezou no mar aos trece anos e que se cultivou a si mesmo, penetras nun mundo reservado só para aqueles que sintan fascinación e respeto por unha enciclopedia viva da máis recente historia marítima do noso país, e máis en particular, da gran familia mariñeira dun pobo como o galego, no que o salitre corre polas súas veas desde a noite dos tempos. Cando un escoita falar e disertar a Fran Amado, recreando ou reconstruindo a derrota que levaba o hms serpent, desde que zarpou de Plymouth, ata que embarrancou na Punta do Boi (e doutros tantos naufraxios históricos acontecidos na nosa costa)… De cómo se producían as desviacións magnéticas das agullas dos compases de a bordo e das boias que había para amarrarse a elas e correxilas… De cómo converter as coordenadas utM ás empregadas nas cartas de navegación… De cal foi a verdadeira causa do naufraxio dos pesqueiros Albatros, La Xana, Los Tonechos e outros tantos…

Foto 1. Francisco Amado Castro
Foto 1. Francisco Amado Castro

De cómo se terxivesan as realidades nas crónicas periodísticas que tratan os sinistros marítimos, manipulados polas autoridades (e ás veces ata polas propias tripulacións)…

De lembrar nomes de pedras, baixos, cons e laxes… talasonímicos embebedores que non existen nas cartas náuticas e que tras delas teñen historias fascinantes, gardadas nesta mente privilexiada…

De cómo soubo do lugar exacto onde acougaban os restos do rms Douro, (e doutros centos de pecios) afundido a 16 millas da costa de Corme e Laxe, cando abordouse co paquebote vasco, Irurac Bat, no mes de abril do 1882, índose os dous a pique, causando unha gran traxedia marítima na época…

De cómo fabrica e crea cartas batimétricas, empregando a tecnoloxía que outros mariñeiros hoxe están a por en práctica con rotundo éxito para as súas empresas pesqueiras… De cómo seu programa de predicción meteorolóxica salvou tantas vidas…

De como formou parte de varios gabinetes de expertos, sendo requerido continuamente pola administración para dar o seu parecer e dilatada experienza, nos aspectos referentes á sinalización e colocación de boias meteorolóxicas no mar, sondaxes hidrográficos para a Armada e a súa gran negativa excelentemente argumentada, fronte a construcción do desastroso porto exterior que hoxe érguese na Punta Langosteira…

De cómo reformou seu barco, para facelo máis seguro e facilitarlle ao mesmo tempo o traballo a bordo á súa tripulación…

De cómo pescaba os meros, máis rendibles económicamente, nos “cascos” que os grandes patróns de pesca marcaban, para non embarrar os aparellos de arrastre neles, e perder varios millóns de pesetas na época, aparte de a propia marea…

De como lembra outras mil historias con salitre, entre elas a do Roso, un veciño del que foi axudante dun buzo que “fumaba dentro da escafandra” e que despezou os restos do sidon, o fermoso navío da Cunnard Line, embarrancado e perdido na fermosa paraxe da praia e Os Riás, (Parroquia de Cambre, Malpica) no mes de outubro do 1885…

De cómo contoume historias da súa dilatada carreira profesional que teñen que ver con experienzas e intres vividos a bordo, a carón e nos arredores do Cabo Prior…

Estas dúas que narro a continuación co seu permiso, son algunhas delas.

Foto 2. Carta barimétrica Choralcharts
Foto 2. Carta barimétrica Choralcharts

Na primaveira do 1973, cando estaba enrolado Fran Amado de patrón de pesca no pesqueiro hermanos Ben, pasou seu aparello de arrastre por riba dun punto que el coñecía nas súas marcas a 79 brazas de profundidade, exactamente ubicado a 8,8 millas da Punta Candieira, a 7 millas da Punta Negra, a 9,5 millas de distancia do Cabo Prior e a 2 millas ao norte do banco Bermeo. unha zona ben coñecida polos bous de arrastre e por el mesmo. Nunha das largadas feitas neste lugar subiran unha porta vella de arrastre mallada nas súas redes e noutro posterior, o aparello quedou embarrado no fondo ata que acadaron ceibalo. Cando iste chegou a bordo traía un anaco de metal gris: o leme ou o extremo dunha das áas dun avión de guerra, dunha braza de tamaño que ainda conservaba a pintura gris sendo moi lixeiro; doutra vez, na mesma zona, noutro lance víulle nas redes un casco nazi, que á altura dunha das siens tiña un impacto de bala, véndose perfectamente o orificio que tiña e ao seu redor saltada a pintura do propio casco. Pola parte interna tiña caracteres xaponeses, como se fose fabricado nese país e na fronte víase perfectamente debuxada a cruz gamada. Fran colocou o casco na ponte do barco, dentro da súa camareta pero cando acordouse del pasado uns días o casco xa non estaba no lugar onde o deixara e non lle deu máis importancia ao caso. Os restos do avión de guerra alemán da II Guerra Mundial, están situados na posición 43º 43.449´ N, 8º 16.252´ W. Os numerosos lances que efectuou Fran na zona e que deron como resultado os embarres nomeados, fixo que bautizara este punto como Avión, nas súas cartas mariñas e nas libretas coas marcas de arrastre.

No ano 1979, Fran era único armador e patrón de pesca do Coral, levando a bordo un bote na popa para traballar os trasmallos ao embalo. Nunha das mareas que ían rumbo de Malpica a Cariño, e xa pola tarde, subíu o motorista ao puente e díxolle: —Quéreste deitar un pouquiño? Déitate un pouquiño hombre que che vou eu aquí?— Fran respostoulle: —bueno queda… levas o radar en marcha e un arillo variable en media milla para que non te metas con el encima de Prior—. O maquinista se veía que o aro ía para arriba é que sobrepasara esa distancia de seguridade. Entón respostoulle a Fran que se fora a deitar que el coñecía a costa. Estando Fran xa no catre, aparecíu Gagiño, un dos tripulantes e lle dixo: —Francisco vin romper algho aí na proa!— Fran cando olla fora, sabía que cando ía á robaliza aos baixos do Cabalo, marcábaos por unhas pedras brancas que viñan polo norte aló de Valdoviño e polo norte do monte da Vela ou Campelo. O maquinista non respetara a distancia de seguridade que o patrón de pesca lle marcara co arillo e estaba moi preto de terra, tanto, que desde a bordo xa se sobrepasaran as marcas nomeadas que se deben ver sempre. Nesto percatouse Fran que a marca de terra que era a Vixía de Monteventoso por unha das Celas, a Cela Alta, xa a pasara e non se lle ocurríu outra cousa a que virar a babor en vez de parar máquina. De súpeto, sentíu como se alguén lle tocara cun dedo no brazo. Falou cos tripulantes e ninguén vira, nin sentira nada. Fran como precaución e cando proseguían rumbo a Cariño, botou xabrón en póo pola sentina para ver se unha posible vía de auga llo curtaba, pero non detectou nada tampouco.

Foto 3. O Coral
Foto 3. O Coral

Pasado un tempo e xa esquecido “este incidente”, cando finalmente tocoulle ao Coral subir ao carro no porto de Malpica, para facerlle as reparacións de mantemento pertinentes, na terminación do varadeiro de babor do casco, había catro mexilóns incrustados! Lembrou entón Fran a manobra que fixera nos Cabalos, virando o barco a babor, e como fixeron de peonza por enriba do mesmo baixo. irresponsabilidade pola súa parte entón por poñer a quen non sabía ao mando do barco… irresponsabilidade pola súa parte entón, tamén, por poñer a quen quería demostrarlle que sabía, cando non sabía, unido todo isto á falla de experienza por deixar aun home só no puente, pois para facer iso tes que confiar moito nel.

 

<< Volver