Marabillas botánicas de Cabo Prior I

18/11/2022, Xan Rodríguez Silvar

Marabillas botánicas de Cabo Prior I

Xan Rodríguez Silvar

 

A primeira información que a vista humana recebe da paisaxe dun territorio é a suma do relevo e a vexetación, ou a falta dela. Sen necesidade de ser experta, unha persoa é quen de describir o aspecto das terras que observa; frases como “estou nunha zona cha, seca e de cores pardas”, “hai moitas árbores altas, con plantas ao pé”, “a costa é montañosa, suave e moi verde”, poderían ser exemplos das impresións para describir a nosa terra, ou a outras terras visitadas en viaxe de traballo ou de lecer.

O que en linguaxe común chamamos “vexetación”, na ciencia botánica enténdese o conxunto de plantas que hai nunha zona, ademais do xeito en que se relacionan entre si. En troques, fálase da “flora” dese mesmo lugar, ao listado de plantas naturais presentes no seu territorio.

Así, un estudo botánico sobre a flora do Parque das Fragas do Eume, describirá o listado de plantas que nese territorio habitan e as súas características; se o estudo trata da vexetación, ocuparase de que plantas aparecen asociadas —relacionadas— con outras e de que xeito: hai especies que soen compartir lugares cun solo pobre e clima soleado e seco, ou de solo fondo e avesío e húmido e agrúpanse en botánica como “unidades de vexetación”.

 

Imaxe 1. Montes de Prior, hábitats prioritarios protexidos por Rede Natura

 

Feita a distinción entre flora (totalidade das plantas dun lugar) e vexetación (como se dispoñen e relacionan esas plantas), aclaremos que este pequeno artigo ocuparase dalgunhas das marabillas da flora da contorna de Cabo Prior. Abreviarase —como en artigos anteriores— co termo xenérico de “Prior” ao territorio dominado pola eminencia xeográfica do cabo dese nome, pertencente ás parroquias de Covas, San Pedro de Marmancón, Esmelle e San Xurxo da Mariña, do concello de Ferrol (A Coruña).

A pretensión é destacar algunhas das especies de maior rareza e interese da zona, co enfoque dun naturalista interesado na Botánica, mais non especializado nela. Trátase, en fin, de convidar a persoas a interesarse na biodiversidade botánica de Prior, describindo en linguaxe común algunha das súas mostras máis singulares e, sobre todo, co desexo de destacar o delicado da conservación de moitas delas.

Prior é unha zona da costa galega cunha paisaxe atraínte pola la suma dunha orografía complexa —co contraste de montes de ata 300 m que chegan ao mar e terras achaiadas, con amplas zonas cubertas con depósitos de áreas de épocas pasadas— e unha vexetación litoral pouco alterada, pola existencia de tres montes veciñais en man común e terreos militares —agora en desuso— cunha presión de construcións humanas menor á doutras zonas da costa galega. Os montes coinciden con rochas do grupo dos granitos, mentres que as chairas denotan os xistos da Serie de Ordes, moito máis erosionados. Os xistos, ademais, conteñen minerais ultrabásicos, de cores escuras, que prefiren moitas plantas endémicas; se ademais sabemos que hai sobre eles moitos depósitos areosos, moi drenantes e cun contido de calcio procedente das cunchas mariñas, xa é doado entender que neles atoparemos plantas ben distintas.

A presencia de catro praias areosas de máis de dous quilómetros (Ponzos e Santa Comba ao norte, Esmelle-Sanxurxo e Doniños ao sur do cabo) e un bo número de pequenas praias recollidas son atractivas para o público que fuxe de areais ateigados.

Mais estas terras teñen atractivos ocultos, alén das praias e os camiños para sendeirismo, como as rechamantes aves1 —que pasan a milleiros nas dúas migracións de primavera e outono ou crían nos illotes dos Cabalos e As Gabeiras— ou as rochas, coa súa variedade de cores e estrutura.

Este artigo é unha achega sobre o mundo vexetal da contorna, con plantas de moito interese cuxa conservación pode estar comprometidas por obras mal realizadas e a presión excesiva de actividades das persoas.

 

A SINGULARIDADE BOTÁNICA DE PRIOR

O territorio de Prior foi obxecto de visitas botánicas, e polo tanto documentado, dende o s. XVIII. As achegas de científicos ilustrados como Sarmiento, e os ferroláns José Alonso López e Víctor López Seoane son pioneiras no coñecemento da flora ferrolá.

O beneditino Pai Martín Sarmiento (1695-1772), berciano de nacemento e galego de adopción, foi un dos pioneiros da botánica española, fundador do Xardín Botánico de Madrid, e deixou constancia da súa visita a Prior como se verá ao tratar da camariña.

O botánico Jaime Fagúndez revisou en 2006 a achega singular do ilustrado ferrolán José Alonso López, unha figura polifacética, autor dunha enciclopedia en 6 volumes en 3 tomos e un apéndice con 14 láminas, publicada en 1820 co título “Consideraciones generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y su comarca” (Imprenta Repullés, Madrid e imprenta de Eusebio Álvarez, Madrid). No apartado 13 do segundo tomo, co título “Noticia de los vegetales del país que se describe” (páxinas 262-276) relaciona 323 plantas vasculares, no que moitos consideran a primeira obra sobre flora galega.

Outro insigne pioneiro, o xesuíta burgalés e galego de vida Baltasar Merino (1845-1917), herborizou por toda Galicia dende a súa residencia no colexio guardés de Camposancos, e nos tres tomos da súa “Flora descriptiva e ilustrada de Galicia” incluíu citas de plantas presentes na zona.

Xa mediado o s.XX botánicos como Bellot e Lainz van impulsando o coñecemento da flora ibérica; nos anos 90 o ferrolán Xavier Sóñora, fai importantes achegas sobre a zona, e en 2011 outro botánico local, o Dr. Jaime Fagúndez, publica o ata agora máis completo catálogo da flora vascular de Ferrol.

Nesta obra Fagúndez destaca a presencia no concello de Ferrol, e particularmente en Prior, “la presencia de un buen número de especies endémicas, raras o amenazadas”, como indicador da súa importante biodiversidade, e cita a valoración de Valle e colaboradores (2004) considerándoa zona de alta presencia de endemismos. Lémbrese que por tales considéranse plantas que unicamente aparecen nunha zona limitada, polo que de desaparecer dela suporía unha perda irreparable para a biodiversidade mundial.

De feito é importante o número de plantas incluído nalgunha figura de protección nun limitado territorio. Fagúndez cita 690 especies nos escasos 80 km2 do concello de Ferrol, e destaca como endemismos destacados no litoral de Prior a Omphalodes littoralis subsp. Gallaecica, Linaria aquillonensis e Rumex rupestris en areas dunares do concello. Centaurea borjae Valdés Berm. & Rivas Goday en rochas ultrabásicas ou Limonium dodartii (Girard) Kuntze en acantilados costeros xistosos de cores escuras, como os presentes nas praias de Esmelle-Vilar e Ponzos-Santa Comba.

Aínda que parte da zona está incluída no Lugar de Interese Comunitaria (LIC) “Costa Ártabra”, o certo é que isto supón unha protección real escasa, pola falla de medios de vixilancia ambiental, que quizá denota o baixo interese ambiental das administracións. Sumado isto á intensa presión actual humana sobre areais, zonas dunares e outros lugares de interese, precedida pola intensa saca de area de mediados do s.XX; esta actividade supuxo unha desaforada destrución de dunas da contorna de Prior, e con elas a vexetación asociada nun grao que descoñecemos.

A tendencia ascendente do turismo dos últimos anos, xera un tránsito fóra de vías de turismos, caravanas, humanos e as súas mascotas que evidencia a necesidade de regular esta actividade, e facilitar estacionamentos afastados das zonas con hábitats considerados prioritarios pola normativa ambiental europea.

 

Imaxe 2. Vehículos invadindo zona protexida en Ponzos (Covas)

 

Afortunadamente, hai motivos de esperanza por actitudes positivas a prol da conservación nos últimos anos. A receptividade e colaboración da CMVMC (comunidade de montes veciñais en man común) de Covas—Esmelle, de eventos como Equiocio e Nachiños Fest; a actividade a prol do patrimonio da Asociación Columba, coas súas andainas e hospitalidade nestas páxinas e nas súa excelente web; o respaldo da Sociedade Galega de Historia Natural, ofrecendo o coñecemento acumulado durante máis de catro décadas en Ferrol, e a receptividade de moitas persoas veciñas ou amantes de Prior. A destacar tamén a iniciativa do Concello de Ferrol de protección de dunas de San Xurxo en 2021, abrindo unha liña de actuación ambiental que está a mellorar a conservación do ecosistema.

 

AS ALFAIAS BOTÁNICAS DE PRIOR

Neste primeira achega sacaranse da arca dos tesouros unha selección —recoñezo que moi subxectiva— de xoias botánicas que calquera pode observar paseando estas terras, e ás que pode contribuír a conservar coñecéndoas.

Xunto cos nomes científico e vulgar —cando existe— vai unha pequena descrición case coloquial, e uns comentarios sobre a súa conservación. Acompañan fotos tomadas persoalmente.

Ao final de cada entrada achéganse enlaces a moi recomendables referencias, accesibles en internet.

 

Imaxe 3. Campos de Sartaña con Herba becerra

 

HERBA BECERRA OU HERBA DO CAN. Antirrhinum linkianum boiss. & reut. ou Antirrhinum majus subsp. linkianum (boiss. & reut.) rothm.

Pode resultar moi familiar, pois en xardinería úsanse vistosas variedades con nome comercial xenérico de “Boca de dragón”.

 

Imaxe 4. Variedade branca

Imaxe 5. Variedade rosa

 

É unha planta herbácea moi vistosa cando está florida e será familiar para quen pasee polos campos e praias de Ponzos e Santa Comba, incluíndo nesta a illa principal do castro. De porte que pasa ben o medio metro, ten unha inflorescencia formado por flores dun rosa intenso, raramente brancas. Son ben doadas de ver entre as herbas de dunas e cantís, pero, atención, a abundancia local é enganosa: esta especie ten unha distribución mundial limitada a parte de Portugal, entre Alentejo e Tras-os-Montes, e Galicia. Mais aquí tan so aparece entre San Xurxo e as praias citadas de Covas, e, nun salto sorprendente, medrar en praias de Pta. Frouxeira, Pantín e Vilarrube no concello de Valdoviño, ata acadar o seu límite de distribución norte en areais cedeirenses, nas abas da Capelada, unha curiosa circunstancia que comparte con outras rarezas botánicas que veremos máis adiante.

En puntos próximos ás praias de Sartaña e o Medote aparece ás veces a variedade branca, como se aprecia na imaxe.

 

Conservación

Pese a súa aparente abundancia local, di bastante que a especie está incluída no Atlas y Libro Rojo de la Flora Amenazada de España (2004), onde literalmente se cualifica como “ameazada polas obras de acondicionamento de praias con fins turísticos”, como se pode comprobar nas actuacións de Costas do Estado nos desafortunados accesos nas praias de Ponzos, Medote, Preisal, Fragata e Esmelle. Obras coma estas pódense repetir no futuro, polo que urxe unha cartografía de detalle da distribución de esta e outras especies.

O Decreto da Xunta de Galicia 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, a considera “en perigo de extinción”.

A práctica de rozas non asesoradas, a recolección ornamental, o estacionamento de vehículos sobre campos costeiros ou obras de calquera tipo, son algunhas das ameazas xa acontecidas no pasado e repetibles no futuro.

 

Imaxe 6. Accesos feito por Costas á Praia de Ponzos con destrución do cantil, hábitat de Antirrhinum

Imaxe 7. Camariña das Cabazas. Detalle: As flores masculinas e simetría das follas semellando hélices de seis pétalos

Enlace recomendado:

https://floradegalicia.wordpress.com/2018/04/15/antirrhinum-linkianum/

 

CAMARIÑA OU MARMEA. Corema album (l.) D.DON. IN SWEET, HORT.

Distribución

Especie endémica da Península Ibérica, presente en zonas da súa fachada atlántica, dende Andalucía a Galicia, co límite setentrional na praia do Rodo, en Pantín (Valdoviño). Hai outra especie das illas Azores e unha terceira en no leste de Norte América, pero C. álbum está unicamente no limitado territorio ibérico citado.

Coñécese por Moure Mariño (1979:59) o escrito de Sarmiento de 1754: “pasé el arenal de Prioro, y en él vi y cogí las camariñas, con frutilla, ay muchas de ellas”, primeira cita da especie en Galicia

Desta especie contamos en Ferrol unicamente con tres pés, localizados en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Covas— Esmelle, nos denominados Campos das Cabazas. Son os restos da que debeu ser unha poboación moito máis numerosa, xa citada polo Pai Sarmiento en 1754, aínda que seguramente se referiu á situada nas abas do Cabo Prior, hoxe desaparecida. Probablemente, como suxeriu Xavier Sóñora (1994), Sarmiento a vería nos Campos de Marmadeiro, na duna gris (vexetada) da praia de Santa Comba, argumentando a similitude do topónimo O Marmadeiro co nome de marmea. En Covas non se atopan referencias actuais dos nomes galegos, camariña ou marmea, pero este último aínda está vivo en Pantín (Valdoviño), onde achamos a derradeira poboación, no límite norte de distribución da especie.

A camariña é un arbusto que pode superar o metro de altura, e pode formar matos de máis de dous metros de diámetro nos exemplares máis vellos, coma dous dos conservados nas Cabazas. As follas verdes forman verticilos que, vistos dende enriba, presentan simetría hexagonal.

O talo é leñosiño e deitado, de cor marrón, coas marcas das follas caídas, de feito ao seu uso como vasoira débese o nome procedente do grego do xénero. As flores masculinas e femininas están en plantas distintas, ao tratarse dunha especie dioica (flores “en dúas casas”), e a fecundación depende do transporte do pole polo vento.

Os froitos son case esféricos, de cor branco a roxiño, saen unicamente nos pés femia e eran empregados para comer, facer marmelada ou licor, ao xeito do de guinda. Para poder reproducirse precisan ser dixeridos por aves, que contribúen á súa dispersión ao defecalos. Hai estudos que destacan a dificultade para propagarse en condicións adversas; de feito en Prior e arredores non se atoparon novas plantas en máis de vinte anos de seguimento.

 

Conservación A camariña foi unha planta abundante, especialmente no centro da súa área de distribución, pero nos últimos 50 anos o seu retroceso foi notable, por distintas razóns. En Andalucía está incluída no seu Libro Vermello de Flora Vascular como Vulnerable, ademais de estar incluída na Lei 8/2003, do 28 de outubro da flora e fauna silvestres. En Galicia a Sociedade Galega de Historia Natural solicitou á Xunta de Galicia en 2019 a inclusión da especie como vulnerable, protexida polo Decreto 88/2007 de Catálogo galego de especies ameazadas, mais esta solicitude foi rexeitada con argumentos bastante discutibles. Á vista do precario estado da especie, particularmente no límite norte, debería reconsiderarse a súa protección legal e efectiva, para conservar un endemismo que pode non chegar ao seguinte século.

En Prior as iniciativas da S.G.H.N. en colaboración coa C.M.V.M.C. Covas- Esmelle, garanten de momento a súa presencia, que pode ser comprometida por vandalismo, incendios ou rozas descontroladas.

 

REFERENCIAS

Bellot, F. 1968. La vegetación de Galicia. Anales del Instituto Botánico Cavanilles 24: 3-306

Fagúndez Díaz, Jaime. 2006. El trabajo botánico de D. José Alonso López (Ferrol 1763-1824). Comparación con la flora vascular actual del término municipal de Ferrol (A Coruña). Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. (Sec. Biol.), 101 (1-4), 5-12.

Fagúndez Díaz, Jaime. 2011. Catálogo de la flora vascular del concello de Ferrol (A Coruña). Monografías de Botánica Ibérica nº 10, 151 pp. Jolube Consultor y Editor Botánico Dispoñible en www.jolube.es

Ferreira Rodríguez, Noé. 2012. A camariña (Corema album (L.) D.Don ex Steud. 1840) na Mata Nacional do Camarido. Asociación Naturalista “Baixo Miño” ANABAM, ISBN: 978-84-616-2488-1

Listado y Catálogo de Flora y fauna silvestre amenazada, con presencia regular, en paso u ocasional en Andalucía (www.shorturl.at/dltuS)

López Loureiro, Rafael, Ao Noroeste do Noroeste, https://costaartabra.blogspot.com/

Moure-Mariño, L. 1979. Temas gallegos, pp. 59-60. Espasa-Calpe, Madrid.

Morado, Jesús. Blog Flora de Galicia. https://floradegalicia.wordpress.com

San Martín, L.A., Lago Canzobre, H. Guía da flora do litoral galego. 1998. Edicións Xerais.

Silva-Pando et al.: Flora y Vegetación protegida de Galicia: 37-45. Boletín BIGA, 4 (2008) ISSN: 1886-5453

Sóñora Gómez, Francisco Xavier 1994. A Camariña (Corema album) en GALICIA. Braña, Rev.Soc.Gal.Hist.Nat. 1(V) 13-25.

Sóñora, X. 1995. Estudio das matagueiras da área coruñesa do subsector Galaico-asturiano septentrional. Tesis de licenciatura, Universidade de Santiago. 222 pp

Valle del, E., Maldonado, J., Sáinz H. e R. Sánchez De Dios 2004. Áreas importantes para la flora amenazada española. En: Bañares, A., Blanca, G., Güemes, J., Moreno, J.C. e S. Ortiz (eds.) Atlas y libro rojo de la flora vascular amenazada de España. Dirección General para la Biodiversidad, Madrid. 1069 pp.

 

Notas

Ver Columba números 15, As aves migratorias, os outros visitantes de Prior https://sociedadecolumba.com/downloads/708#page=107; 16, Ver aves en Cabo Prior

https://sociedadecolumba.com/articulo/ver-aves-en-cabo-prior, 17, Paxareando por Prior

https://sociedadecolumba.com/articulo/paxareando-por-prior.]

<< Volver