Navegando en barcas de pedra

14/12/2024, Henrique Dacosta López

​​

Desde a antigüidade, desde tempos ben recuados, os pobos da ribeira atlántica, tamén os escandinavos, asocian o ocaso solar coa idea da morte.

O sol, a medida que vai caendo e afundido no Atlántico, vai deixando rastros ou pegadas no mar até se ir achegando ao embarcadoiro, que é o lugar en que as ánimas agardan para a súa viaxe ao Alén. Este lugar, en Galiza, recibía o nome de Arenas Paradisi (Areas do Paraíso), e vémolo representado en moitos petróglifos gravados durante o Neolítico.

Así pois, os habitantes dos promontorios da Europa atlántica, xulgaban enxergar unha illa marabillosa, un edén ao que ditas barcas se dirixirían no tránsito á outra vida. Esta Eterna Illa da Mocidade, callada de ríos de hidromel, é o Avalon dos pobos célticos, presente en moitos relatos populares: sobre a vida de San Brandán, en Irlanda, ou de Santo Amaro, na Galiza.

Santo André, dentro da tradición galega, disque chegou a Teixido a bordo dunha barca de pedra. Alí, ao pé do cantil, temos o testemuño nunha pena que simbolizaría a lenda. A pena, chamada a Barca de Santo André, semella a proa dun barco anunciando a chegada a porto. Di a copla popular:

O divino Santo André
mandou empedrar o mar
para que os seus romeiriños
o vaian visitar

 

A barca de pedra navega e aboia mellor que ningunha porque está nas mans de Deus. Reza así, ao respecto, outra copla:

O divino Santo André
velo aí vén na súa barca.
Aló no medio do mar
todas as augas aparta

 

O santo, ao arribar ao lugar de Teixido, disque ficara abatido. Queixándose por este feito, Cristo decidiu que sería consagrado o lugar ao santo para ser visitado por todos, cando menos unha vez na vida ou, no seu defecto, xa de morto.

Igrexa de Santo André de Teixido
Igrexa de Santo André de Teixido

Á vista disto, en certo sentido podemos falar dun camiño dos santos ou das barcas de pedra. Así pois, o Camiño de Santiago que procedía do norte de Europa, contaba cun itinerario costeiro. Os romeiros pasarían primeiro polo Santo André de Teixido, visitarían logo a ermida de Santa Comba, dirixiríanse máis tarde a San Cristovo, coas súas Areas do Paraíso, e seguidamente chegarían ao mosteiro de Xuvia, para de alí proseguir xa a Santiago e atinxir por fin Fisterra.

Santa Comba, a nosa Santa Comba, ten a súa ermida na Illa do Medio no extremo da praia do mesmo nome, na parroquia de Covas. Ao igual que o Santo André, tamén tería chegado até alí a bordo dunha barca de pedra. Viría ela acompañada de seu fillo, San Silvestre:

Santa Combiña bendita
ten un navío no mar.
Quen llo deu, quen cho daría,
listo para navegar?

 

A embarcación en forma de maseira (talvez un sarcófago altomedieval) está a poucos metros da igrexiña. Disque nunca ninguén a puido sacar do lugar, pois canto máis se intenta arrancala, máis se afunde na terra. Esta mesma lenda achámola en Escocia, nas Illas Hébridas, coa fundación do mosteiro de Ion por San Columban, santo irlandés conversor de Escocia ao cristianismo. A tradición popular di que Santa Comba foi meiga e que se lanzou a enmeigar polo mundo, abandonando o seu fillo Silvestre. A meiga, arrepentida, confesaríase anos máis tarde a un sacerdote, que resultaría ser o seu fillo, e ambos posteriormente faríanse ao mar na barca de pedra, arribando á Illa do Medio, lugar onde fundarían a ermida. Deus perdoouna e deixouna quedar cos seus poderes, mais advertíndolle:

—Meiga serás, pero enmeigar, non enmeigarás

 

O peregrino por vía marítima, e logo de visitada a ermida de Santa Comba, dobraría o cabo Prioiro, referencia antiquísima para os navegantes na rota das Illas Británicas, punto de inflexión entre o Atlántico e o Cantábrico. De aquí entrarían despois para a ría de Ferrol, facendo paraxe en San Cristovo.

Barca de pedra de Santa Comba
Barca de pedra de Santa Comba

O noso San Cristovo, ao igual que acontece en moitos outros da nosa cultura, foi posibelmente herdeiro dun Lar Vial, un ser que socorre nos camiños. Deste xeito, recollía unha por unha as ánimas que, chegando tarde ao embarcadoiro das Areas do Paraíso, as acomodaba ás súas costas e as transportaba ao barco que navegaba rumbo ao Alén. Con anterioridade a esta versión, disque unha xigantesca serpe, bondadosa ela, sería a que exercería esta función por encomenda de San Cristovo. A Igrexa quixo acabar con dito paganismo e eliminou o mito da serpe.

Deixado atrás San Cristovo, San Martiño de Xuvia, mosteiro cunha datación anterior ao século IX, sería a seguinte estación antes da partida para Santiago, e ao que moitos historiadores denominan como o Camiño Inglés.

Tal e como podemos observar, o Camiño do Santo André de Teixido nace asociado ao Camiño de Santiago, vindo desde o norte por vía marítima. A popularización desta romaxe, xa que logo, vén de tempos moi recuados. Esta peregrinación específica ao Santo André, e fixándonos na procedencia dos romeiros dentro da nosa xeografía, realizábase principalmente desde mediados de agosto até o 29 de setembro. A xente das Rías Altas até o río Navia, facíaa no terceiro venres, sábado ou domingo de setembro.

Caso de repararmos no itinerario que se emprendía desde a ría de Ferrol, deberiamos falar de dous ramais distintos:

1. O primeiro deles é o que partiría desde a capela de San Cristovo, discorrendo logo ao rente da lagoa de Doniños (coa súa enigmática lenda e a cidade asolagada de Valverde). Chegaríase seguidamente á ermida de Santa Comba, logo á capela de Santa Margarida no Val (con fonte milagreira de dous canos e, posibelmente, cun antigo hospital de peregrinos), para xa xantar en Pantín. Logo, chegados a Vilarrube, pasaríase nunha embarcación até Cedeira. De aquí a Chímparra, lugar en que se cearía nun souto. Xa na Capelada, botábase unha pedra sobre un dos milladoiros, e baixábase finalmente ao Santo André.

2. O segundo dos ramais é o que partiría de San Martiño de Xuvia, pasando logo polo Monte de Nenos (co seu conxunto de túmulos ou mámoas), e o Marco de Portonovo (con lenda, igualmente, doutra cidade asolagada chamada Valverde tamén), até o pé da igrexa de Loira. Chegados á capela de Liñeiro ou da Fame, parábase para o xantar. Na baixada posterior ao Porto do Cabo, e antes de cruzar a ponte medieval sobre o río Ferreira, era costume parar nunha taberna, coñecida popularmente como das caldupeiras, para que se repuxesen forzas tomando un caldiño quente:

Indo para o Santo André,
Aló no Porto do Cabo,
Díxome unha caldupeira:
— Romeiriño, queres caldo?
— Non, señora, que me escaldo.
— Romeiriño, queres viño?
— Si, señora, un papadiño.

 

Antes de entrar á Capelada, deixando atrás o Porto do Cabo, pasábase xunto á capela de San Roque de Reboredo e a Fonte das Virtudes (conta a tradición que hai asolagadas nela tres olas idénticas: unha repleta de ouro, outra de prata, e a terceira de xofre ou alcatrán; ai de quen collese esta última!). Seguidamente, o peregrino depositaba a súa pedra nun dos milladoiros, antes de emprender a baixada ao Santo André.

Escarabajo. El lucano ciervo (Lucanus cervus), también llamado ciervo volador o ciervo volante europeo. Escarabello. A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois

O anverso e o reverso da moeda, o elemento corpóreo e o anímico (cápsula e ánima), vida e morte en definitiva, conxúganse na nosa tradición saíndonos ao paso, pois que ambas as realidades conforman de xeito inalienábel o noso ente ou ser. Os animaliños poden representar almas reencarnadas en viaxe ao Santo André, de aí a prohibición de se lles facer dano; mais tamén os vivos poden e deben axudar neste tránsito, caso de que nunca o defunto realizase a peregrinación. É causa de forza maior, xa que logo, ter que acompañalo. Poñamos por caso que o vivo que decide facer o acompañamento elixe un autobús de liña, daquela terá de comprar dous billetes, un para si e outro para o defunto e deixar deste modo o seu asento (en aparencia baleiro) reservado. Outra forma é levando o vivo, por exemplo, algún tipo de candea ou candil, e en silencio. Cumprida por fin a promesa no Santo André, e chegado o momento de que se repoñan forzas ao pé do santuario, o acompañante sacará dous pratos e servirá a ambos, ao vivo e mais ao morto. As pedras da humildade, aquelas que se deitan nos milladoiros, tamén fan parte da crenza celta da alma externada, xa que elas contiñan almas no seu interior.

En suma, a vida do Aquén e a vida do Alén están a falarnos de sincretismo, de milenarias crenzas que se entrecruzan no posterior camiño do Cristianismo. Cada megálito e cada santuario que por estes camiños atopamos gardan sempre a simbiose de dúas realidades, de dúas formas de entender a existencia, que se sobrepoñen, de fe e de paganismo, non en van non foi por acaso que se mandaron erixir edificios relixiosos sobre distintas construcións precristiáns, mámoas, antas, castros... En definitiva, pois, que a nosa parroquia de vivos e a nosa parroquia de mortos seguirá transitando eternamente por estes camiños. Respectemos, xa que logo, a vontade de todo aquel que emprenda a viaxe, ben sexa desde o Aquén, ben desde o Alén, pois tal é o xeito que a tradición nos ensina.

Mapa con: Edificio de carácter relixioso. Cruz ou cruceiro de especial interese. Igrexa de Santo André de Teixido.
MONUMENTOS ARQUEOLÓXICOS: Restos arqueolóxicos. Pedras asociadas a lendas. Milladoiros.
Camiño interior a Teixido. Camiño costeiro a Teixido.
Mapa con: Edificio de carácter relixioso. Cruz ou cruceiro de especial interese. Igrexa de Santo André de Teixido.
MONUMENTOS ARQUEOLÓXICOS: Restos arqueolóxicos. Pedras asociadas a lendas. Milladoiros.
Camiño interior a Teixido. Camiño costeiro a Teixido.

 

<< Volver