Sahar Gul, tales son o nome e o apelido dunha moza afgá de apenas quince anos, que foi portada dos noticieiros durante un breve espazo de tempo. Sahar, vocábulo de orixe árabe que significa amañecer, e que se corresponde co desta desgrazada rapaza afgá, infelizmente famosa desde que saltou a noticia aos medios de comunicación durante o pasado Nadal. Amañecer que, dubidamos, non ha de ser moito máis esperanzador de aquí en diante para quen foi torturada física e psicoloxicamente co fin de ser prostituída contra vontade. (Sete meses de calvario para quen foi casada sendo nena cun home que a dobraba en idade e maltratada pola familia política con esa monstruosa finalidade.) Metafórico amañecer o de ser muller afgá, pois lonxe de ver solucionado o brutal sometemento que padece por parte do home, e tras a caída do réxime talibán, perpetúase nesta sociedade co pernicioso risco de que todos, cómplices por omisión, nos volvamos inmunes a el sen que fagamos nada por impedilo.
Mais que terá que ver esta desgrazada noticia, preguntaranse vostedes de seguro, co artigo a tratar neste novo número da revista Columba? Que estraña razón haberá para que aludamos a el en publicación á que se lle presupón propósito ben diferente? Diferente pero maticémolo, porque “Nada do humano me é alleo”, como dixera o poeta Terencio; na revista cabe isto e moito máis, se ben a finalidade última da publicación non sexa en sentido estrito a de informar. Ora ben, noutro sentido, si terá que ver moito máis do que parece; pois sen ser o eixo central da nosa achega, é sen dúbida un feito que garda certos paralelismos coas orixes da nosa Santa Comba. Santa Comba que, como todos os membros que compoñen o santoral, posúe unha historia de seu para relatarnos. Historias de santos, unhas veces máis outras veces menos, interesantes, con visos de realidade algunhas, outras absolutamente inverosímiles e até desviacións propias que se identifican co máis lendario e popular.
O século III da nosa era, unha moza fermosísima chamada Comba rexeitara o casamento cun poderoso señor, pois desexaba manterse virxe. Ocorría isto en tempos do emperador Aureliano. Vista a súa negativa a este matrimonio forzado, o xuíz ordenou o seu ingreso nun prostíbulo para castigala por culpa da súa soberbia. Un rapaz que acudira a este lugar para manter relacións sexuais con ela ou, dito doutro xeito, de violala, viuse sorprendido por unha osa que, saíndo dunha cova, o atacou. Mais a intervención piedosa da rapaza evitou que o animal se asañase co violador. Dito perdón provocou que este fixese correr a voz polas rúas dicindo que aquela rapaza era honesta. Mais a autoridade competente, dado o incumprimento da lei á que Comba fora sometida, mandou que esta fose degolada.
Velaquí o relato de como se forxou a santa e o porqué de que ao seu carón apareza representada a figura dunha osa. (Referímonos a Santa Comba de Sens.) Velaquí tamén a razón do noso comezo coa terríbel noticia de Sahar Gul, ben a propósito, pois, e parello coa desta Santa Comba de Sens, aínda que con máis de mil setecentos anos de diferenza. Repetímolo: máis de mil setecentos anos que nos separan hoxe daquel suceso. Quen o había de dicir; que pouco mudaron os tempos para boa parte da humanidade, nomeadamente para o sexo feminino.
Outra Santa Comba distinta, porén, é a de Córdoba, abadesa do mosteiro de Tábanos, cuxa vida transcorreu no século ix. A súa entrada nesta congregación tivera que ver coa súa negativa a querer casar, tal e como desexaba súa mai. No ano 853 os mouros atacarían o cenobio e degolarían as freiras, entre elas a Comba, lanzando posteriormente o seu corpo ao río Guadalquivir, sendo logo recuperado por cristiáns mozárabes para darlle sepultura.
Até aquí senllas historias, as cales gardan obvios paralelismos entre si. En ambos os casos, sendo forzada Comba a ter que casar contra vontade, e en ambos os casos obtendo a negativa por resposta. En ambos tamén, e polo que acabamos de citar, sufrindo martirio. E aínda, como vimos de ver, a través dunha truculenta decapitación.
A Santa Comba galaica, con todo, responde ao rito máis ancestral. A igrexa limiá de Santa Comba de Bande (séc.VII), alén doutras parroquias e igrexas dispersas baixo o seu padroado, están datadas de antes do século XII. En definitiva, a advocación que lles pertence é a de Santa Comba de Sens. Á cal, por outra parte, se lle agregou logo a tradición popular de que Comba fora meiga, aínda que unha meiga conversa. xesús encontrárase un bon día con ela e preguntáralle que para onde ía, ao que ela respondeu que a tratar do seu oficio. O Noso Señor, perante resposta tan elocuente que lle ofrecera a meiga, díxolle entón: “Enmeigar enmeigarás pero no meu reino non entrarás”. Comba, aprehensiva co que lle acababa de repor, arrepentiuse de corazón. Cruel como era, pois gostaba de matar nenos e vellos, así como de botar o mal de ollo, fixo penitencia a partir daquel instante até que chegou a converterse en santa.
Comba non é hoxe nome usual entre o xénero feminino. Tampouco o era de xeracións inmediatamente anteriores á nosa. É, segundo o Dicionario dos nomes galegos1, o nome de catorce parroquias do territorio galego, ben lonxe das 775 dedicadas a María, as 130 a Baia, as 97 a Mariña, as 38 a Madalena, as 33 a Cruz ou as 28 a Cristina. Neste mesmo dicionario dísenos que os antigos dicían Nomen est omen, isto é, “o nome é un presaxio”. Logo a imposición do nome dunha persoa non é, en absoluto, unha cuestión banal.
Tradicionalmente o nome chamámolo de pía en referencia ao lugar en que se exerce o rito bautismal conforme o Cristianismo. Por conseguinte, as razóns que inflúen na imposición do nome a unha persoa son variadas: por fe a un santo ou santa, pola connotación ou agoiro que o nome implicitamente conleva (Benvido, Boaventura, Desiderio, Gloria, Próspero, Leticia, etc.), por ser bonito, polo valor eufónico —que soe ben—, por homenaxearse con el a alguén querido (pais, avós, padriños, ancestros...), por evocar a personalidades famosas (sexan do mundo da historia, da política, do deporte...), polo feito de nacer no día correspondente a ese mesmo santo ou santa, etc.
A imposición dun nome, en suma, encerra moito sentido, moito máis do que se acostuma a pensar; non é cuestión que se deixe normalmente ao azar. Na maior parte das ocasións, proxenitores ou titores parten dun preconcepto idealizado, ás veces até con moi altas miras, pero ha de ser o seu vástago quen modele ese nome, quen lle dea sentido, de maneira que se faga ou non acredor do que aqueles tentaron prestixiar unha vez llo deron ao seu fillo. Así pois, a persoa en quen recae tal denominación acabarao por proxectar dun xeito ou doutro ao longo da súa vida, e coincidirá ou non co que seus pais concibiran no momento en que lle foi posto.
O vocábulo Comba2 simboliza a paz no Antigo Testamento, mentres que no Novo Testamento simbolizará o Espírito Santo. Polo que estamos a ver, as connotacións, de partida, parecerían óptimas para ser motivo de imposición como nome de pía a calquera muller. A pomba , que si nos ficou no noso léxico común, ten o seu equivalente no haxiotopónimo —nome dun lugar que responde á denominación dun santo ou santa—. Non obstante, e a pesar de tales connotacións positivas, parece que Comba non tivo demasiada fortuna ao longo dos tempos. Segundo o mesmo dicionario mencionado teriamos o seguinte índice de frecuencia de nomes de muller, en orde de maior a menor, para diferentes épocas:
do séc. VIII ao XIII → María, Mariña, Adosinda, Elvira, Urraca, Aragonta, Godiña e ximena.
no séc. XVIII → María, Ana, Antonia, Rosa, xoana e Catarina.
no séc. XX (até os anos 80) → María, Carme, Concepción, xosefa, Dores, Anxos, Rosa e Pilar.
Tal e como podemos observar, os datos son incompletos. Os ofrecidos para o séc. XVIII son fornecidos polo ilustrado benedictino Padre Martiño Sarmiento, entrementres os medievais e os do séc. xx sono por Dieter Kremer, profesor de Lingüística Románica da universidade de Tubinga, hispanista especializado en galego-portugués. Polo que se nos explica nesta publicación, os datos son bastante de fiar. Non sabemos exactamente que sucede con aqueloutros que non se especifican, isto é, os dos séculos XIV ao XVII, nin tampouco os do XIX. O que si podemos deducir é que o nome polo que aquí nos interesamos, Comba, parece pouco probábel que lle dese por reaparecer durante estoutros períodos dos que carecemos datos; máis aínda, unha vez sabemos que o rito a Santa Comba xusto se consolida nese primeiro intervalo que se nos fornece, ou sexa, do século VIII ao XIII. Así pois, inclinámonos máis facilmente a pensar en que a boa fama nunca debeu acompañar a esta santa. As derivacións posteriores ás historias ou lendas máis primitivas — séc. III e IX a que nos referimos antes—, que nos relatan a presunta vida de meiga que levara Comba, non suscitan unha fácil adhesión cara a ela e, por conseguinte, a que o seu nome sexa motivo de imposición a muller ningunha.
Outra posibilidade para o nome Comba é que o poidamos ver empregado como apelido. Segundo puidemos comprobar na páxina web do instituto da Lingua Galega, no apartado de “Cartografía dos apelidos galegos”, a forma Comba aparece rexistrada no noso territorio 206 veces. No concello de Ferrol rexístranse 15 persoas con este apelido, 18 no da Coruña, pero 52 en Guitiriz, 29 en Lugo, 28 en Vilalba e 12 en xermade. Pódese deducir a través destes datos, e tomando todos os restantes que aquí omitimos, que a frecuencia deste apelido (con todo de ser pouco corrente) é maior no norte que en ningunha outra zona de Galiza.
Os apelidos, lonxe de existiren desde sempre, só comezan a ter unha certa consolidación entre os séculos XIII e XV. O apelido, loxicamente, non é máis que un aditamento colocado despois do nome de pía. O empobrecemento da onomástica, produto das modas e de querer imitar os modelos das clases dominantes, de personaxes famosas e santos moi venerados, acabou por reducir o abano de nomes escollidos para o recén nacido. Por tanto os equívocos a que daban lugar as repeticións dos nomes de pía foron os que motivaron a necesidade da proliferación dos apelidos.
Para facer distinción entre diferentes persoas que levasen o mesmo nome, aludíase, por exemplo, a un alcume que o singularizase (Pequeno, Gago, Lombao, Mouro, Fachado, Ledo, etc.), a algún tipo de sintagma que dixese algo así como “o fillo de Pedro”, ou “de Pedro” simplemente, un vocábulo que especificase o seu oficio (Ferreiro, Cunqueiro, Freire, Monteiro, Porteiro, Troiteiro, Xuíz, Cordeiro, Torneiro, Guerreiro, etc.), unha palabra que designase de forma clarificadora algo acerca do lugar onde vivía (Graña, Cabana, Bouza, Casanova, Curro, Outeiro, Riotorto, Vilachá, do Rego/Dorrego, da Fonte/Dafonte), etc. A extensión deste costume veu motivado sen dúbida a raíz do labor notarial e dos escribáns. Os primeiros en empregar os apelidos serán nun principio os cargos eclesiásticos así como os membros da alta sociedade. Mais os documentos notariais e parroquiais acabaranse por estender ao resto da poboación, coa conseguinte presenza xeneralizada deste novo nome (apelido) colocado detrás do de pía.
As herdanzas serán as que marquen tal emprego. Así pois, por ser propietario ou arrendatario dunhas terras era de vital importancia a súa transmisión a unha persoa ligada á posesión sucesoria. Os oficios, en moitos casos, tiñan tamén condición hereditaria, tal é o caso dos gremios, de aí o nome da profesión coa adquisición do apelido. E o mesmo poderiamos dicir con respecto a un título: Cabaleiro, Infante, Escudeiro, Fidalgo, etc.
Se fixésemos unha posíbel clasificación, canto ao que designan os apelidos, poderiamos estabelecela seguindo as seguintes categorías:
- Patronímicos
- Toponímicos4
- Dos mundos vexetal e animal5
- De profesións, oficios, títulos e dignidades
- De características morais e físicas6
O apelido Comba, segundo esta clasificación, pertencería aos patronímicos. Os patronímicos conteñen o nome do pai —ou mesmo da mai, aínda que esta en menor medida—, o nome dun primeiro pai que foi perdurando co paso do tempo. O nome pode aparecer intacto, procedente dese sintagma antes mencionado, “fillo de...” ou “de” simplemente que acompañaría o nome de pía. Deste xeito son frecuentes nomes como Bieito, Lourenzo, xiao, Sueiro, Vreixo7, etc. O apelido Comba, xa que logo, aludiría a unha primeira mai que contaría con este nome de pía, cuxo fillo ou fillos levarían como apelido talvez algo así como “fillo de Comba” ou “de Comba”. Por exemplo: Pedro fillo de Comba ou ben Pedro de Comba.
A este mesmo apartado dos patronímicos pertencerían todos os apelidos coa terminación -ez/-es/-iz/-is, procedentes dun sufixo xermánico que designa ser fillo do vocábulo que indica a raíz. Deste modo, apelidos netamente galegos con estas terminacións son Bieites (esp. Benítez), Pais/Páez (esp. Peláez), Reimóndez/Reimondes/Raimúndez/Raimundes ou Vázquez/Vasques (esp. Velázquez)8. Todos os outros casos, ben comúns ao ámbito hispánico en xeral (López, Rodríguez, Álvarez, Pérez, etc.), e que se converten en -es en Portugal (Lopes, Rodrigues, Álvares, Peres, etc.), son amplamente coñecidos.
Tampouco neste apartado dos patronímicos debemos esquecer que existen apelidos que van precedidos do substantivo Santo ou Santa, ás veces a través da súa forma apocopada (san ou variantes ortográficas sam- e sant-). Así podemos observar casos como: Sambreijo/San Breijo, Sandomingos/San Domingos, Sanfiz/Sanfín, Sanjiao/Sangiao/San Giao, Santaballa/Santa Baia/Santoalla/Santalla, Santamariña/Santa Mariña, Santoandré/Santo André/Santuandré, Santomé/San Tomé, etc.
Os nomes de pía, diciámolo ao inicio do noso artigo, responderon sempre a modas. A fortuna da prevalencia de certos nomes a pesar do paso dos séculos haberá que buscala, pois, nas razóns que arriba expuxeramos. O exotismo, a orixinalidade, a imitación de modelos a seguir polo que representan certas personalidades afamadas son algunhas das razóns a ter en conta. O nome Iker, por exemplo, de orixe claramente vasca, respondería ao exotismo nun principio, á eufonía talvez tamén, mesmo á orixinalidade naqueles territorios non euskaldúns, pero non é menos certo que o actual porteiro do Real Madrid, iker Casillas, home de carácter e ben querido tanto por propios como por alleos, debe ter influído o seu no feito de que moitos nenos leven hoxe o que é o seu nome de pía.
Non é sinxelo levantar unha relación dos nomes máis exitosos, fóra dos clásicos, que se estean a impor aos recén nacidos nos últimos tempos. Pero nesta sorte de querer abandonar este suposto clasicismo, non nos enganaremos en exceso se dicimos que a súa xénese se decanta por un exotismo ou singularidade, dunha parte con ese compoñente euskaldún a que antes aludiamos (itziar, Amaia, Ainhoa, Arantxa, Unai...), doutra a outro compoñente que oscila entre nomes de teleseries e, por tanto, con visos anglosaxóns (Sheila, Jennifer, Jonathan, Jessica, Brian...), e entre os de sonoridades arábigas e helénicas, ou de mitoloxía helénica (Yaiza, xerezade, Nerea, Christian...), ou hebraicas e, xa que logo, bíblicos en xeral aínda sen ser hebreos necesariamente (Sara, Noa, Adán, Aarón...).
Chama a atención como moitos dos nosos nomes que máis éxito tiveron nun tempo pasado, e estámonos a referir fundalmente á idade Media, desapareceron sen deixar practicamente rastro máis que na historia, noutros tipos de documentos desta época ou en lendas. Vermudo ou Vasco ou, como non, o moi estendido Paio, pasaron a mellor vida. O mesmo pensamos acerca de Sueiro, García, Vidal9 ou Fiz, ou Bernal, forma apocopada de Bernaldo, esta última si máis fresca até hai menos tempo. Todos eles antropónimos de home, pero o mesmo poderiamos apuntar para o caso de Minia ou Baia con respecto ao xénero feminino.
Non obstante, a antroponomia si ten vixencia aínda en apelidos para algúns destes nomes de pía que vimos de citar, en maior ou menor medida segundo os casos. Para Vermudo temos o seu equivalente Vermúdez, fillo de Vermudo logo; para Vasco temos Vázquez (Vasques en épocas anteriores, aínda así hoxe en Portugal). Para o nome Paio temos o máis común se acaso, Sampaio, aínda que tamén o equivalente das terminacións xermánicas vista máis arriba (-ez/-es/-iz/-is) Pais e Páez. De Fiz podemos ter Sanfiz e as variantes que xa mencionaramos, ademais do propio apelido Fiz, de igual xeito que o podemos ter con Sueiro, García, Vidal ou con Bernal, nomes propios hoxe como apelidos tan só.
Nomes certamente desafortunados son Campio, que, segundo a páxina web do instituto da Lingua Galega, no apartado de “Cartografía dos apelidos galegos”, podémolo achar tan só en 5 ocasións como apelido. Mamede é outro dos nomes desaparecidos, que se conserva só unha vez como tal en apelido e outra vez como Mamed; aínda que distinto caso sucede coa forma Sanmamed, da que rexistran 237 casos. As formas Xens e Xes, apócopes de Xenxo, vémola en 182 apelidos baixo a forma ortográfica Gens e en dous apelidos unicamente baixo a forma Ges. Outra forma máis afortunada é Tomé, abondoso en época medieval, hoxe como apelido, alén de na súa outra forma Santomé.
Quixeramos aínda facer alusión por último a outros poucos nomes, tal como Clemenzo e Vicenzo (variantes de Clemente e Vicente respectivamente), así como a Constanza e Reparada10, desaparecidos por completo como nomes de pía, pero tamén como apelidos en toda a nosa xeografía cando menos. Non obstante, por irmos concluíndo xa, cómpre que recordemos que a toponimia é unha fonte fundamental de onde beben moitos dos nosos nomes. Dito doutro xeito, os topónimos nutren aos antropónimos, de modo que moitos dos nosos apelidos se basean en nomes de lugar; viámolo na clasificación que fixeramos con anterioridade. Así pois, na nosa toponimia é posíbel vermos lugares como Sanxenxo e Sanxés, Sanmamede, Santa Baia, Santomé, San Clemenzo, San Vicenzo, Sancampio, etc.
Certamente, os nomes motivo do noso artigo non deixan de ser máis que aleatorios. A listaxe poderíase incrementar facilmente. De todos os xeitos, e aínda coa parcialidade que estes poidan representar con respecto á totalidade, ilustran de maneira bastante gráfica a historia dos nosos nomes de pía en particular e dos antropónimos en xeral, sobre todo porque xa os sentimos máis pasado que actualidade. O cal non implica que en calquera outro momento, quer por caprichos do azar quer porque a moda novamente os reactualizou, non poidan nun futuro cobrar vida.
A malograda Sahar Gul, rapariga sobre cuxo amañecer mantemos enormes reticencias, serviunos de escusa para remontarnos a Santa Comba, cuxa historia e lenda ilustran de maneira gráfica retallos de vida que con máis de mil setecentos anos de distancia se revelan tan infeliz como cruelmente actuais. Non quixeramos entrar no tópico de que a realidade supera a ficción. Quen somos nós para dubidar da fe daqueles fieis que acreditan nestas historias de santos e santas mártires. Mais o que si nos parece claro é que moitas das lendas parten dun mínimo fundamento real que logo toma por camiños fantasiosos e até fabulosos coa finalidade de dar testemuño de que se obrou un milagre.
En próxima entrega, talvez poidamos falar acerca dos apelidos tradicionais da nosa parroquia ou, o que é o mesmo, dos que haxa testemuño dunha longa permanencia na aldea. Milagres non prometemos, mais manexaremos hipóteses alí onde non deamos con certezas absolutas, facendo un pequeno inventario e, na medida en que nos sexa posíbel, falando acerca da súa procedencia. Así pois, e xa cun certo grao de impaciencia por saber cales son e se entrañan algunha especificidade, marcamos encontro para o próximo número da revista.
Notas
1 VV.AA: Diccionario dos nomes galegos, ir indo, Vigo 1998 (1ª reimpresión).
2 Procede do latín COLUMBA, que designa a pomba común. No léxico común do galego non nos restou esta palabra, pero si como topónimo e como patronímico.
3 Procede do latín PALUMBA, que designa a pomba silvestre e de grande tamaño, mais que foi a que finalmente nos ficou no léxico común do galego, tanto para facer referencia á que non é silvestre, pomba, como para a que si é, neste último caso empregándose co xénero másculino, pombo. Así pois, teremos pombas machos ou femias e pombos machos ou femias.
4 Graña, Cabana, Bouza, Casanova, Curro, Outeiro, Riotorto, Vilachá, do Rego/Dorrego, da Fonte/Dafonte, etc. aos que antes fixemos alusión e que designarían ou indicarían o lugar onde se vivía.
5 Aguiar, Balea, Curuxeiras, Gato, Sardiña, Tenreiro, Pita, etc. como exemplos de apelidos referentes ao mundo animal; Xestal, Piñeiro, Nogueira, Carballo, Viñas, Souto, Fariña, etc. como exemplos de apelidos referentes ao mundo vexetal.
6 Podémolos relacionar con bastante claridade cos alcumes a que antes faciamos referencia: Pequeno, Gago, Lombao, Mouro, Fachado, Ledo, etc.
7 A forma en que estamos a escribir aquí os apelidos sería sendo acordes coa etimoloxía, así como coas normas ortográficas vixentes, as cales nos permiten legalmente, se deste xeito o quixermos, poder regaleguizar os nosos apelidos. As formas escollidas como exemplos é claro que as podemos ver, sexa por razóns de anomalías da escrita sexa por manteren a escrita histórica, tamén destoutra maneira: Vieito, Lorenzo, Giao, Breijo/ Vreijo, etc.
8 Bieites é o fillo de Bieito, Pais ou Páez é o fillo de Paio, Reimondes/ez e Raimundes/ez é fillo de Ramón, coas súas variantes arcaicas Reimón e Raimón, Vázquez/Vasques é fillo de Vasco.
9 Unha excepción non tan antiga podería ser a que Rosalía de Castro recolle no poema “Vidal o sin ventura”, prototipo de desgrazado a quen ninguén ofrece nin sequera a proba do porco. Mais a el chegaralle o día tamén en que si poida matar un, e cobrará vinganza sobre os que lle negaban axuda. Así pois, logo da matanza fixo unhas morcillas e percorreu a aldea pendurándoas dun varal. Fíxose ver por toda a aldea pregoando as súas morcillas e petando polas portas recitando esta cantilena: “Déronlle aquí morcillas a Vidal? / —Aquí non! Pois adiante co varal!”
10 Lembremos que a nosa parroquia, San Martiño de Covas, aparece por primeira vez nomeada en documento do séc. XII como Granxa da Reparata, este último nome como variante destoutra Reparada, mais que non deixou ningún tipo de rastro. Tratábase dunha granxa cisterciense pertencente ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, e da que aínda podemos deducir o topónimo Soagraña, co significado de lugar que se encontra por baixo (Soa) da Granxa (Graña).