Hoxe presento un novo artigo, o terceiro sobre muíños, na revista Columba. O primeiro deles foi publicado no número 10, baixo o título “Os muíños de Ferrol, 1939-1975”. O segundo, no número 12, có titulo de “Os muíños de Ortigueira”. Nesta ocasión escribirei sobre o muíño do rei de Lestache ou tamén chamado o muíño de Xuvia, que esta situado no río Xuvia, concello de Narón.
Os muíño fariñeiro de Juan Lestache se agrupa na categoría de muíños do rei, de estilo francés, pero nunca foi nomeado Real Fábrica de Fariñas, como amoso no meu libro Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración e destacamos a continuación. Constrúe Lestache outras fábricas no río Xubia, como unha de papel estraza en 1787 (que no ano de 1791 ten que pechar, pola construción da “Presa do Rei” e a instalación da Real Fábrica de Cobrería e a fábrica de curtidos en 1793.
Pero quen foi Juan Lestache nugos?
Empezamos case polo final da súa vida, cando unhas semanas antes de morrer, en maio de 1802, Lestache redacta o seu testamento (fóra deste testamento estaría un fillo ilexítimo), na vila de Ferrol, no que di: “ser veciño do coto de San Xiao de Narón, comerciante e dono das fabricas de fariñas da ponte de Xuvia (non dí das “Reales Fabricas de Fariñas”). Que do seu matrimonio con Maria López Lamas tivo sete fillos lexítimos, seis solteiros e menores de idade e unha filla casada, Manuela. Que posúe diferentes bens mobles, raíces, caudal e efectos de bastante consideración, ademais de papeis e documentos de contas. Que pola súa saúde, idade, 60 anos, achaques e desexando que a súa morte non se desfalque o seu caudal en dilixencias xudiciais e atrasos nos seus negocios, con grave prexuízo para os seus fillos menores.
Dita o seu testamento en Ferrol “pois o xuíz do coto de San Xiao de Narón é un mero labrador e o escriban de que se acompaña, non é numerario…”. Destaca Juan Lestache, “no adeudar la menor cosa a persona alguna, ni menos tengo compañía comerciable, solo que negocio y giro con mi propio caudal”.
E será a través deste extenso testamento redactado o final da súa vida e outros documentos anteriores e posteriores a 1802, como podemos reconstruír a traxectoria vital e comercial de Lestache, a da súa viúva e dos seus fillos.
Juan Lestache Nugos, fillo dun campesiño, nace en Aquitania, Francia, en 1742 e morre en Ferrol en 1802. Será enterrado na igrexa parroquial de San Xiao de Ferrol, hoxe concatedral, na Nova Población de Ferrol ou A Magdalena. No ano de 1767 chega a Ferrol procedente de Burdeos cun cargamento de fariñas e inicia na vila ferrolá a súa actividade comercial como traficante de trigo, favorecido pola política borbónica de asentamento destes comerciantes franceses. Tras nove anos en Ferrol, no ano de 1777, con 35 anos, casa cunha moza de familia campesiña e panadeira, María López Lamas, de 19 anos, veciña de Santa María de Neda.
Para este matrimonio con Lestache, a dote que Maria López recibe dos seus pais, Antonio López e Maria de Lamas, o día 5 de novembro de 1776, e a seguinte: “Dan en dote a su hija para contraer matrimonio con Juan Lestache, una serie de bienes raíces: tierras de sembradura repartidas entre S. Xiao de Narón y la ribera del mar en la villa de Neda, en Santa Maria y San Nicolás. Como bienes muebles, un colchón de terliz nuevo con lana, dos camas de ropa compuestas de dos cobertores de Castilla, 4 sabanas y 4 almohadas con su lana, colcha de algodón, dos mesas de manteles, 6 servilletas y dos arcas de madera de castaño”.
O matrimonio de Lestache e Maria, terá casa e panadería en Neda e Ferrol, ademais do seu domicilio no muíño da súa propiedade. O seu emprazamento será a ponte de Xuvia, xunto a “capilla del glorioso señor San Roque”, trala concesión por parte das autoridades xurisdicionais e as “departamentáis en nome do rei”, de “todo permiso y facultad que por derecho se requiere para el uso, goce y aprovechamiento de las aguas del río Jubia, sus cuatro molinos con todos sus artefactos, almacenes y armadijos”.
Segundo Meijide Pardo, no ano de 1775 formou unha sociedade comercial có francés Francisco Bucau, tendeiro de comestibles en Ferrol dende 1760, para a construción de catro muíños no río Xuvia. Mais, esta sociedade “Bucau e Lestache” tivo unha corta duración, catro anos, xa que en 1779 os seus enfrontamentos remataron nun preito, que durou sete anos, e finaliza en 1786, trala compra de Lestache dos dous muíños de Bucau por 300.000 reais de vellón.
Lestache por razón de gananciais, diranos Meijide Pardo, lle pertence a súa muller María, unha parte da propiedade de muíños, almacéns, fábrica de curtidos, mobles, diñeiro, xoias, efectos, bens raíces, dereitos e accións.
Dos muíños de Lestache e da súa moenda sae a metade de fariña en flor e a outra, de segunda sorte. O muíño contaba con cinco limpadoiras que arroxan o po e separan o centeo, a avea e as pedras; coas que sae o trigo limpo por un lado e a inmundicia por outro, do que resultaba a brancura do pan. Para as compras que facía Lestache precisaba celeiros moi amplos e depósitos para as fariñas e o salvado. Ten para o seu servizo e é dono de diversos barcos, como unha fragata, tres bergantíns e varias embarcacións auxiliares que fornecen de diversas provisións a Ferrol; importa grao de Filadelfia e Nova York (dende 1790), viños de Francia, bacallau de Noruega, cáñamo e lino de Rusia. Como os outros comerciantes franceses, nacionalizado español dende o ano de 1788, pode comerciar con América e no seu comercio colonial a través do porto de A Coruña coas colonias americanas, importa coiros de Argentina e azucre de Cuba.
Seguimos có seu testamento de 1802, “que inmediato a ponte de Xuvia, e río do mesmo nome, construín catro muíños de extraordinaria magnitude e nova invención, que moen cada un 70.000 fanegas de trigo, tanto de dentro do reino como de fóra del, que da miña conta merco e fago conducir os muíños. Estas moendas constan de peneiras, limpadores e todos os artefactos precisos. Actualmente estou costeando no propio paraxe outros varios edificios e almacéns para depósito de graos, fariñas e outros que producen”.
No seu inventario extraxudicial de todos os mobles, roupas, diñeiros, xoias, testifica que o diñeiro en caixa é de 780.100 reales de vellón. Outro millón de reales de vellón (a partir de agora, r.v.), en bens raíces, roupa branca e outros efectos, roupa de uso do defunto, a carpinteira, os efectos da cociña, efectos da fábrica de fariñas, tanto para a moenda do trigo como o millo, barcos, outros bens aforados, etc. Que as débedas ó seu favor e dos seus herdeiros, serían: a provisión de víveres de mariña na Graña, por 83.048 r.v.; a provisión de Neda por 14.111 r.v.; e cobrar un préstamo a un veciño de Ferrol por liquidación de contas en común, por 76.486 r.v.. Juan Lestache valora o seu patrimonio arredor dos 4.000.000 de r.v. Toda unha gran fortuna para a época.
Os herdeiros universais serían os seus fillos e a súa muller, Maria, que cumpridora da vontade do seu home, paga un número de misas na súa memoria, dá esmola aos pobres que consistirá en 2 r.v., ao santo hospital da Caridade de Ferrol, e 640 r.v., aos pobres do cárcere ferrolán, deles 320 r.v. para vestir a 12 presos.
A súa dona Maria López asiste a redacción deste testamento como testemuña e é nomeada por Lestache, “titora, albacea e testamentaria” dos seus sete fillos. María López Lamas, non asina porque non sabe, e sí, a súa filla Manuela, o seu marido Ignacio de Acha e outros peritos, ante o escribán ferrolá Juan Antonio Cardemil. O non saber ler e escribir, lle carrexará a viúva de Lestache, María, enfrontamentos pola herdanza dos seus fillos menores, cós maridos militares das súas fillas: Manuela casada con Ignacio de Acha, axudante maior do rexemento provincial de Monterrey; Nicolasa con Alejandro O`Donnell, do rexemento de Hibernia; e Carlota, cun nobre navarro e militar, Antonio Rabanera. Estas tres fillas de Lestache recibiron da herdanza familiar unha dote acorde o status de oficiais dos seus prometidos. Requisito básico para estes matrimonios: un certificado de “limpieza de sangre” emitido pola Chancillería de Valladolid, nos que constan, entre outras características, que non descenden de carniceiros “ejercicios viles”, nin de traballadores que viven de un salario, “ni mecánicos”, na súa “limpieza de sangre”:
“(...) que se conoce muy bien a doña Manuela (logo os respectivos certificados de Nicolasa e de Carlota), de estado soltera, a sus padres, Lestache y a su madre Maria, que es hija legitima y de dicho matrimonio que por abuelos y padres son cristianos viejos, limpios, sin raza negra, judíos ni penitenciados por la Inquisición, sin tener ejercicios viles, ni mecánicos, ni ser moros, ni herejes..., su limpieza de sangre es sin mácula ni mezcla de judíos”.
Quen eran estes fillos e fillas de Lestache e Maria en 1802 a morte do pai? Manuela a maior, ten 22 anos e Nicolasa 20; o primeiro fillo varón, Pedro, de 14 anos, a continuación Carlota de 12 anos e os seguintes tres fillos varóns: Bautista de 8, José de 6 e Federico de 4 anos, respectivamente.
Para remediar este “asuntillo”, dirá Ignacio de Acha, contrata na Coruña, para a casa da viúva de Lestache, a un mozo da súa maior confianza, Antonio García, instruído por Acha nas tarefas de ler, escribir, contar e outros pormenores que debe levar a cabo na casa Lestache, “do que só dará conta a él, don Ignacio Acha”. Intromisión no testamento e últimas vontades de Lestache que incapacita, na práctica, que a súa viúva María Lamas poda defender os intereses dos seus fillos: Pedro, Bautista, José e Federico. María coa saúde moi deteriorada, casa en secreto con Antonio García e o nomea titor dos seus fillos menores en 1807. Ó coñecerse este matrimonio secreto de María e Antonio, Acha entra en cólera e desencadea unha dura loita xudicial, tanto na xurisdición ordinaria da Real Audiencia de A Coruña, como na xurisdición militar castrense de Ferrol, a que él, como militar, pertence. A finais do ano de 1807, Acha obtén unha orde do capitán xeral de Ferrol, para que Carlota Lestache pase a vivir a súa casa, separada da súa nai e do criado Antonio García. En 1815 morre María López Lamas e o seu marido Antonio é detido, acusado de roubar a “pobre viuda Lestache”. Antonio García argumenta no xuízo que se leva a cabo na Real Audiencia de A Coruña, que sentía un gran amor e respecto por María, que era maior que él:
“María padecía mucho por los tormentos que que le infrigía don Ignacio de Acha..., y nunca robo ni mintio, solo trabajo para Maria y los hijos menores de Lestache”.
Acusa a Acha, as fillas de Lestache e os seus maridos, de que recibían o que pedían: “...la casa Lestache sostenía su alto nivel de vida y ostentación, porque todos mandaban, disponían y manejaban los bienes según sus intereses”.
Antonio Garcia será condenado por abusar dunha pobre viúva, desfalco e ladrón a varios anos de cárcere fora de A Coruña.
Uns dos grandes favorecidos pola importante fortuna de Lestache serán Ignacio de Acha e a súa dona Manuela. Acha desenrola unha intensa actividade política, militar e comercial na vila ferrolá, e no ano de 1842, é nomeado alcalde constitucional de Ferrol.
Outras fábricas de Lestache serían unha de papel, creada en 1787, que uns anos máis tarde ten que cambiar o seu emprazamento no río Xuvia pola creación en 1791 da “Presa do Rei” e a Real Fábrica de Cobraría, que producía pranchas de cobre para protexer o casco de madeira dos buques construídos no estaleiro de Ferrol. En 1793, próxima a ponte de Xuvia, funda unha fábrica de curtidos, para a que, trala morte de Lestache, Acha en nome da “viúva e fillos de Lestache” solicita o seu nomeamento de Real Fábrica, segundo Meijido Pardo, o día 10 de xaneiro de 1808.
Pero a real cédula de nomeamento da Fábrica de Curtidos como Real Fábrica non se leva a cabo polos acontecementos históricos dese ano de 1808. Entre eles, o Tratado de Bayona de 8 de maio de 1808 que asinan os Borbóns españois, o rei Carlos IV e o seu fillo o príncipe de Asturias (a partir de 1814 rei Fernando VII), polo que ceden a coroa de España (e as súas colonias americanas) a Napoleón Bonaparte, a cambio de castelos en Francia e importantes pensións económicas. Napoleón nomeará rei de España ó seu irmá José I Bonaparte (1808-1814).
Estes sucesos provocaron a sublevación dos españois, como os acontecidos o Dous de Maio de 1808 en Madrid, iniciándose a guerra de Independencia contra os franceses que durará ata 1814. Durante estes anos bélicos, todas as localidades crearan as súas “xuntas”, que exercían o goberno no seu territorio, organizando a defensa e a guerra, baixo a coordinación da “Xunta Suprema Central Gobernativa de España e Indias”. Acontecementos históricos que impiden a promulgación da real cédula de “Real Fábrica” a fábrica de curtidos de Lestache.
A estes acontecementos históricos, hai que engadir a derrota de Trafalgar en 1805, a mans dos ingleses e que provocará o fundimento do poderío naval de Ferrol levantado durante o século XVIII.
Bibliografía:
- Santalla, Manuela, 2023, Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración, Colección:
- A Herdanza Recobrada. Edita: A Laverca, S.L., Ferrol
- Santalla, Manuela, “Os muíños de Ortigueira”, en Revista Columba, nº 12, 2012.
- Santalla, Manuela, “Os muíños de Ferrol, 1939-1975”, en Revista Columba, nº 10, 2010.