O río

25/03/2015, Paulino Gasalla

Ao longo de toda unha vida, vimos como o conxunto de ríos e regatos que cruzan o val de Esmelle (conxunto ou ecosistema ao que de sempre lle chamamos simplemente o Río), baixaban ata o mar durante todo o ano con augas puras e cristalinas que, protexidas por unha coidada flora de ribeira, nos permitían, en calquera remanso, ver troitas, anguías, ras, cágados e outros moitos exemplares das diferentes especies da fauna e, por suposto, da flora que sempre poboaron o Río.

A pureza das súas augas era tal, que das parroquias de Covas e Marmancón, acudían as mulleres cos cestos e tinas na cabeza para lavar a súa roupa, mentres no verán, os nenos se metían na auga para refrescarse, como demostra a gran cantidade de lavadoiros que aínda perduran nas súas ribeiras. A forza das súas augas permitía que ao longo do seu leito, vinte e dous muíños fariñeiros, prestasen servizo a toda a contorna desde hai séculos.

 

Foto 1.

 

Durante os últimos trinta anos, foron moitas as agresións que o Río tivo que soportar. Primeiro as plantacións masivas de eucaliptos e as captacións de mananciais para a subministración de auga ás vivendas, que minguaron considerabelmente o seu caudal. Desvío do leito, para minicentrais eléctricas. Baleirado e limpeza de cisternas de augas fecais, tanto de orixe animal como de orixe humano. Contaminación de mananciais, por recheos con materiais altamente contaminados e polas achegas de lixiviados procedentes do vertedoiro de Mougá, etc. etc. etc.

 

Foto 2.

 

A pesar de todo isto, as súas augas, polo xeral, seguían sendo limpas e cristalinas, por iso os veciños entenderon que era un dos valores que tiñan que salvagardar e ademais poñelo en coñecemento de todos, xunto aos demais restos patrimoniais que o val no seu conxunto posúe. Así xurdiu o Proxecto Esmelle, coa idea de promover o uso sostíbel que sempre se fixo do Río, restaurando muíños, lavadoiros, fontes, minas de auga, canles, etc. E deste xeito conseguiron un accésit do premio Agader 2005 de embelecemento do medio rural galego; foron invitados como expertos no foro científico "Tribuna da Auga" da Expo de Zaragoza 2008; e, neste mismo ano, seren seleccionados polo Comité Hábitat Español para participar no vii concurso internacional de Boas Prácticas de Nacións Unidas coa calificación de “GOOD”, premio á Entidade do ano da Asociación Cultural "Lefre de Caldereta" de Ferrol, mención honorífica concedida pola vicepresidencia da Xunta de Galicia nos PREMIOS SOLIDARIEDADE DE GALICIA. No 2009 insignia de ouro do Concello de Ferrol; 5ª mellor valoración no Premio Nacional de Medio ambiente do Ministerio de Medio ambiente, Boa práctica publicada no VII CATÁLOGO ESPAÑOL DE BOAS PRÁCTICAS do Comité Hábitat Español. No 2011 finalista do “Premio Nacional Macario Asenjo de Desarrollo Rural”. No 2012 accésit no Premio Aproema Medio ambiente 2012 da Confederación Galega de Empresarios. No 2013 finalista do “Premio Nacional Macario Asenjo de Desarrollo Rural”. No 2014 e despois de ser finalistas dúas veces “Premio nacional Macario Asenjo Ponce al desarrollo rural”.

 

Foto 3.

 

Pero parece que todo o anterior non vale para nada, xa que outros, que non entenden de “boas prácticas,” estanse a encargar de destruír o bo uso que os demais fan da natureza e da súa sostenibilidade. seguese a verter augas fecais desde domicilios, vacianse cisternas con xurro tanto animal como humano, utilizase o cauce do rio para verter todo tipo de materiais de limpeza como pinturas, aceites, deterxentes, etc., e incluso en moitas ocasións utilízase como vertedoiro de toda clase de obxetos e materiais. A todo isto temos que engadir as consecuencias das obras da estrada de acceso ao porto exterior, moi agresivas para este medio natural e en conxunto para o hábitat do que estamos a falar, xa que se produxo o cambio de mananciais, o desvío de leitos, a seca de outros, o asolagamento de campeiros, o reenchido de balados, e como resultado de todo iso, as augas do Río, que sempre foron limpas e cristalinas, agora baixan habitualmente atoldadas. Abonda con que chova só un pouco para que as augas se volvan pardas, como consecuencia da achega de terras de secaño que baixan polas ramplas, barrancos e torrenteiras. Todos estas achegas deposítanse en parte sobre o manto orgánico do leito do río, afogándoo e destruíndo a súa capacidade de soster vida, e mesmo chega ata a desembocadura, cambiando a cor da aréa da praia pola que circula, deteriorando de forma preocupante un espazo emblemático como o complexo dunar e o carrexal de san Xurxo.

Queremos dar desde aquí un aviso a todas as entidades que interveñen dunha forma ou doutra na vixilancia e conservación do medio ambiente, pero en especial ao Concello de Ferrol, que non pode permitir por máis tempo que unha contorna especialmente mimada pola Natureza, quede definitivamente convertida nun lamazal sucio e sen vida. Queremos volver a ver as troitas, as anguías, as ras, os cágados, etc. o Río debe seguir correndo limpo e cristalino formanto parte desa paisaxe de senlleira beleza.

<< Volver