Os seres míticos. Lendas e contos da Terra Extrema. (Serantes - Ferrol. Cultura espiritual. Etnografía) - I

25/03/2015, Xabier Monteiro Graña

​​

Como outros pobos, Galicia é herdeira dunha inmensa narrativa de tradición oral (conto folklórico) en cantidade e calidade o que contrasta coa escasede de traballos de recompilación con etnotextos ben documentados e da súa correspondente catalogación como é a norma en uso na antropoloxía actual en todo o mundo. Tamén é sorprendente a escasísima narrativa de tradición oral propia do mar ou relacionada con el recollida por escrito na bisbarra (mitos, lendas e contos) sendo noso pobo costeiro, mariñeiro e pescador desde sempre. Continuamos a publicación anterior coa proposta de transmitir e salvar do esquecemento o máximo posible nosa tradición oral que levamos recollida na vella terra extrema do antigo concello de Serantes e pasala a etnografía escrita como a mellor maneira de protexer e salvagardar o noso patrimonio inmaterial cultural i espiritual que herdamos nos últimos séculos. Tódolos etnotextos merecerían dun extenso comentario informativo ou explicativo como lóxicamente non é posible neste espazo farei so unhas anotacións orientativas do que quizais sexa menos coñecido ou esquecido popularmente. Para os que están familiarizados neste tipo de narrativa oral axiña daranse conta que prácticamente tódolos etnotextos están incompletos pois xa non se recorda a versión enteira antiga do orixinal e moitos apenas esbozados so conservan o “motivo” folklórico o mínimo da catalogación universal, pero esto é así, e así hai que respectalo. Atopar aínda hoxe algún destes contos é máis que un tesouro, unha reliquia. Aquí presento esta quinta achega transcrita da versión oral.

 

Fig. 1. Seres míticos da Terra e do Aire
Fig. 1. Seres míticos da Terra e do Aire

 

A MOURA ENCANTADA DO RÍO DACRUZ

Contan os vellos do lugar que fai tempo existían moitas cousas encantadas nesta rexión, e unha delas era unha preciosa moza que tiña unha tenda xunto o Río da Cruz. Di a lenda que quen conseguira rompelo feitizo que sobre ela había volveríase rico. Atraídos por tal reclamo presentáronse unha gran cantidade de mozos, pero todos eles fracasaron, ata que por fin chegou un rapaz novo que estaba seguro de que rompería o encantamento. Con tal intención dirixiuse a xoven para preguntarlle polo modo de levar a cabo tal desencantamento, ao cal ela respondeulle: - Que pasara o que pasara non debía asustarse. Tras haber entendido cal era a súa labor, marchou prometendo volver o día seguinte. E así o fixo cando chegou ao mesmo lugar atopou unha horrible serpe que enroscouse nas súas pernas subíndolle polo corpo arriba. Recordando a advertencia da moza repremeu o medo e os nervos e permaneceu sereno. ¡Había vencido! E a serpe desapareceu e fronte os seus ollos apareceu a bela moza, ao tempo que baixo os seus pes abriuse a terra deixando o descuberto un enorme tesouro. (quedando a moza desencantada e formándose así a feliz parella). (Trad. oral, Pieiro/Doniños. Francisco Serantes. 1899-1995).

 

O ENCANTO DO CAMPO DO PIEIRO. PENA BICUDA

O meu pai me falaba de que había libros antigos (O Ciprianillo) nos que se falaba dun sitio encantado fronte o Poniente. O sitio era un boquete que había no campo do Pieiro e que estaba encantado. Para que o encanto se desfixera había que atopar a un cura, pero non valía un cura calquera, tiña que saber ler e desler. Cando o atoparon (ao cura) foi o Campo do Pieiro cun grupo de homes aos que se lles encargou que cavaran no lugar. Atoparon unha pedra moi grande e ó levantala se lles apareceu un enorme sapo. Cando había estas cousas de desencantamento din que non se pode falar de Deus, pero un neno que ía cun dos homes, o velo sapo, se asustou e dixo: —!Ai Xesús me vaia!, e de repente todos, homes, neno e cura, foron de cabeza o chan por encantamento, e apareceron o día seguinte no coto de Segaño. No Campo do Pieiro de Abaixo, cando escavaron alí saíu un sapo, e un soldado que alí estaba asustouse e fixo un xuramento, e nese momento pechouse o pozo. O contaba o meu bisavó. (Trad. oral, Pieiro/Doniños. Francisco Serantes. 1899-1995). (Relacionado co tipo ATu 817, o demo/ser mítico/ fuxe ao oír o nome de deus.)

 

PENA DOMOURO

Din que as casas dos mouros estaban enterradas. Cerca da Pedra do Mouro (Pena do Capitán García) había unha cova con tesouros enterrados. Veu moita xente a escavar, pero alí non atoparon nada. Eu creo que tivo que haber unha guerra e a xente que vivía alí enterrou as súas cousas (Trad. oral, Pieiro/Doniños. Francisco Serantes. 1899-1995).

 

SILLA DOMOURO. PENA DA SILLA OU PENA DOMURO

Cando o mouro Almanzor veu a conquistar Galicia chegou por mar a esta zona de Doniños e desembarcando aquí sentouse nesta pedra a descansar. (Trad. oral, o autor, rec. de Nicanor veciño de Doniños, 1978).

Esta espectacular pena, grande e fermosa xunto coa Pena Bicuda hoxe están desaparecidas debido a construción do porto exterior quizais innecesariamente por quedar nos lindes do trazado.

 

OSMOUROS NA LAXAGRANDE

Nunha ocasión chegaron o pobo (do Pieiro) uns enxeñeiros que viñan preguntando por un lugar que estaba case aillado polo mar, un lugar que eles crían que fora asentamento de mouros. Xente do Pieiro levounos a Laxa Grande, pois correspondía coas características que aqueles homes lles deran. Cavaron e cavaron e polo medio das pedras atoparon restos de olas de barro. Cando eu tiña 30 anos e fomos facer o túnel dos proxectores para a guerra, sacamos de alí moita pedra, e no medio das gretas atopamos pedaciños de olas de barro, eu creo que serían dos mouros de cando ían alí a pescar. Meu pai tamén contoume que atoparon anacos de olas nunhas antigas murallas que había antes no faro, tamén serían dos mouros. (Trad. oral, Pieiro/ Doniños. Francisco Serantes. 1899-1995).

 

OSMOUROS NO LUGAR DE VIÑAS

Nas terras de Viñas, cando as preparabamos para a labranza, levantamos moitas pedras coas que fixemos os muros das terras, e entre esas pedras atopamos moas de moer dos mouros. Aínda hoxe si vou alí son capaz de atopar algunha nos muros, cerca da zona queimada. As pedras non tiñan burato que cruzaran de lado a lado, era un pequeno burato no centro de uns dous ou tres centímetros de fondo. Terían tamén uns 10 centímetros de alto e 50 de diámetro. (Trad. Oral, Pieiro/Doniños. Francisco Serantes. 1899-1995- As lendas anteriores recollidas por Rosa Rouan).

O muíño de man romano, se compón de dúas pedras cilíndricas, a da base que é fixa “meta” ea superior “catilus”. que é a móbil (capa ou rodicio). O etnotexto nos fala da “meta”. Este e outros achados da época castrexa e tardorromana, da cultura galaico-romana, son frecuentes nas terras do antigo concello de Serantes.

 

A NUNCIA ENCANTADA DO PRADO. A MOURA ENCANTADA

Me contaba meu avó que no Prado das Pichocas había unha Nuncia que estaba encantada non era unha sirena das que viñan do mar. (Trad. oral en Covas de Amado López Rodríguez. Recollido por Juan López Hermida en 2009)

O TRASNO DO CAMIÑO. O CARNEIRO. O AÑO. O DIAÑO BURLEIRO

Un veciño que fora o muíño do Valán, despois de que rematara de moer colleu o saco de fariña e botouno o lombo e saíu do muíño; cando levaba andado un bo treito notou que o saco pesaba cada vez máis e así era que canto máis andaba máis pesaba, ata que chegou un momento en que xa suando non puido con el éo tivo que guindar no chan. O saco o caer abriuse pegando un estoupido moi grande e saíu un carneiro que desapareceu voando polo aire e facendo moito ruído. —Era cousa do demo (diaño burleiro).

Noutra versión: o que caeu de dentro do saco ao chan eran pedras en vez de fariña. (Trad. oral familiar. Pereiro/Valón, meu tío Ramón, 1965) (Boggs, 831*B). (Versión 1)

Un día un home de Valón despois de rematar a moenda da tanda que lle tocaba volvía denoite para a súa casa, cando no medio do camiño veu un carneiriño famento e aterecido de frío, el colleuno para levalo e darlle algo de comer. Botou o carneiro ao lombo e seguiu camiño adiante. Ao chegar a casa deullo a súa muller para que o quentara e lle dera algo de comer. A muller compadecida do animal acercouse a lareira e sentouse achegándoo aniñado a súas saias. De repente o año cando xa estaba quente, pegou un berrido e dixo:. —Vinche o cu, e vinche as pernas éo niño das abellas, e aí te quedas. —e a muller espantada dixo —¡Ai Deus me valga esto é cousa do demo! E o dicir esto o carneiro pegou un brinco e un estoupido e desapareceu (Trad. oral familiar e un veciño de Valón, 1975) (Boggs, 831*B). (Versión 2)

Existen moitas e diferentes versións en toda a Península, sobre todo en Andalucía, aquí tamén era moi coñecida a do home que colle o año ao lombo e que logo lle mexa por riba del.

 

O TRASNO DOMUIÑO DO VALÁN

Un día dúas rapazas de Valón foron a moer na súa tanda ó muiño do Valán, cando chegaron alí, apareceulles na beira do camiño un neniño esbrancuxado e morto de frío e as rapazas ó velo así desvalido o recolleron éo acurrucaron no colo levándoo ao muíño e déronlle calor, e cando o neno estaba xa quentiño, esfumouse e subiuse arriba do tellado do muiño e burlándose delas púxose a cantar dicindo: —Cucurucú, as nenas bonitas, quentáronme o cu. —¡Ai Xesús nos valga! E o año desapareceu voando. Era o demo. As rapazas eran coñecidas nosas. Era unha desas cousas que había antes. O muíño era comunal con dereito a moenda de varias familias entre elas a nosa que tiñamos unha tanda. (Trad. oral familiar, miña nai e meu tío. Pereiro/Valón, 1965). (Relacionado co tipo ATu 817, o demo fuxe ao oír o nome de deus.)

 

O CABALO DOAIRE. O CABALO DO PORTO DO RÍO

Certo día o propietario dun prado do Porto do Río, cando se acercaba a este para segar, veu un cabalo comendo na herba, quedou moi estrañado xa que non era costume de ver por alí ningún cabalo e acercándose o escorrentou dicindo: —¡Ei cabalo do demo!— Entón sorprendentemente o cabalo levantou o voo dando un estoupido e facendo moito ruído, ¡Rous... Rous... Rous! desaparecendo polo aire. Era cousa do demo. (Trad. oral familiar. Pereiro/Valón, miña avoa María, 1891-1977). (versión 1)

 

A EGUA DO AIRE. O CABALO DO PORTO DO RÍO

A señora Avelina contou que un día, ía un home de Valón Vello polo prado do Porto do Río e veu unha egua pastando, entón el colleu un pau para botala fora, e cando ía a tocarlle co pau, a egua se escagarriou —¡Tro porrotrou, trouuu! trotando e desapareceu voando polo aire facendo moito ruído. Era o cabalo do demo. E dicían que a señora Avelina andaba denoite polos camiños, se supoñía que era vidente e moi sabida e entendida nestas cousas.

 

O Alicornio. Tamén se contaba que andaba un cabalo polos montes de Valón e se lle aparecía a unha persoa e que tiña un corno so na fronte. (Trad. oral familiar. Pereiro/Valón, miña avoa María Vidal, 1891-1977). (versión 2)

Outros nomes: O Cabalo, O Cabalo do Aire. , O Cabalo do Río /da Auga, A Egua voadora, éo O Cabalo Pantasma. As veces se toma esta egua como o trasno ou o diaño burleiro debido ao seu poder de transformación en calquera cousa, o que o convertería en: Diaño Burleiro, Diaño Buleiro, O Demo, O Diaño, O Demontre, etc. Estes contos e os das ánimas dos camiños eran dos máis coñecidos e repetidos dos veciños na miña parroquia (Doniños) antigamente. As anteriores narracións parece faltarlle a invocación da protección cristián —¡Ai Xesús! o que convertería o conto/lenda nos relacionados co tipo ATu 817, do catalogo universal.

 

O TRASNO DA CASA

Un día estaba eu (de neno) arriba xogando na sala e oín un zoupido moi grande ea miña avoa desde o curral dixo: —¡Que foi eso! — Entón eu baixei correndo para saber o que pasara e ó chegar vin o cazo tirado no medio do solo da cociña o lume da lareira desfeito os carozos espaleados éo trespés emborcado. —Foi o Trasno — E lle preguntei: —¿E onde está? —e respondeu: —Foise pola ventá e marchou pola figueira, asomeime a ventá e mirei por entre as pólas éas follas da figueira por ver si o vía, pero non vin nada, o demo do Trasno non me esperou. O Trasno é pequeno, mouro e peludo tiña rabo, patas de cabra e cornos na cabeza éas veces dicían que tiña un so corno. Miña avoa dicíame. —¡Vai de aí que eres un trasno! Cando vimos a vivir a Ferrol, o trasno parece ser que non lle gustaba a cidade e quedouse no lugar coa miña avoa. Non foi de casa mudada. (Trad. oral familiar, o autor, Valón, aprox. 1960)

Noutras zonas tanto da Península como de Europa o trasno ten outras descricións físicas diferentes as da nosa parroquia.

 

O PESADELO. O TARDO

Eu era moi neno, e pola mañá espertei moi sobresaltado. O soño o recordo moi ben; eu ía baixando polo camiño da Corredoira de García cando saíu do medio das casas un can mouro doente ladrándome coma un condenado, eu púxeme a correr e non daba corrido parecía como senón me moverá do sitio, e canto máis quería correr menos avanzaba; cando estaba a punto de collerme caín por un arribón, éo o chagar abaixo sentín unha zoupada e nese mesmo momento, espertei cun gran peso no peito éo corazón acelerado. Conteille esto a miña avoa, i ela me dixo —¡O que tiveche foi un Pesadelo! Así souben quen me veu a visitar. (O autor en Valón aprox. 1960)

O Pesadelo ou Tardo é o trasno do soño que se pousa por riba do peito cando estamos durmindo e nos provoca iso: “os pesadelos” e certo malestar no peito como un peso. Non se debe confundir con Pedrochosco outro dos nosos seres míticos encargado de durmir os nenos.

 

A CULEBRA E AVACA. A SERPEMAMADORA

Nunha casa da parroquia (Doniños) unha familia tiña a vaca na corte, e cando a ían muxir, a vaca nada, apenas daba leite, volvían ao outro día e tampouco. Sospeitaron que algo lle pasaba ao animal e se puxeron a vixiala. Cando se fixo de noite viron a unha culebra que lle subía pola perna e lle ía a mamar o teto. Collérona cun pau e matárona e así se acabou todo. A vaca volveu a dar leite. Se cría que a serpe ven denoite e chupar o leite do teto dunha vaca sen que esta se enterase por facelo moi suavemente. Pero o que é peor tamén se dicía que llo poden facer as mulleres cando están criando (dando de mamar) un neno e se quedan durmidas. Tamén se dicía que as culebras lles gusta moito o leite, e que por eso van a mamar nas ubres das vacas. (Trad. oral familiar, meu tío Ramón, e veciños, Valón, 1965)

A culebra metíase na corte subía pola perna arriba da vaca e chupáballe o leite. A culebra se lle das de comer tódolos días no mesmo sitio se fai amiga túa. Os lagartos verdes tamén. Cando unha vaca non se salía (non entraba en celo) íase polos campos e montes a buscar a camisa (a pel da muda) dunha culebra, se traía e se envolvía nunha verza ou outras follas e se lle daba de comer a vaca, é entón salíase. Este era un remedio moi eficaz. Un día un home que ía por un camiño do Regueiro que vai para o cemiterio de Doniños, dixo que se atopara cunha serpe que estaba enroscada nun pino que lle impedía o paso, quedando moi estrañado, pero como levaba a fouce a partiu en varios cachos e os deixou colgados de varias polas. Se pensaba que podía ser un ánima que ía de pelerinaxe a San Andrés de Teixido, pero din que as serpes poden enroscarse formando unha roda e así baixar a rolos monte abaixo. (Trad. oral familiar, meu tío e veciños, Valón, 1970, i en Covas 2002)

Un home da Mourela (Neda) dicía que as culebras baixaban rodando do monte de Ancos en forma de rodas co rabo na boca, e que o chegar abaixo culeabran bailando. Todos os veciños se rían del cando o contaba (esta forma de desprazamento das culebras). (Trad. oral, recollido en Ferrol dun veciño da Mourela, 1978)

Se dí que a culebra hipnotiza os paxaros quédase moi quieta como si estivera morta, estes quédanse quedos mirando para ela que os atrae coa vista e cando caen xunto dela os atrapa éos come. Dise que cando un é mordido por unha culebra (víbora) débese matar e collela, e coa súa sangue e unto facer unha apócema e colocala sobre a ferida para así sanar. Tamén se dicía que coa pel da serpe fanse brebaxes que son bos para varias enfermidades e combater os meigallos. (Tradición oral familiar, meu tío e veciños, Valón, 1970)

Nomes tradicionais: Culebra, Culebrón, Cobra, Cóbrega, Serpe, Serpente, Víbora, Bicha, Becha. (Tipo ATu 56A* O animal faise o morto e captura o paxaro)

NOTA: - Peligro grave. En caso de mordedura ir inmediatamente ao hospital. A tradición oral (un tesouro herdado) non ten nada que ver coa ciencia. Acudir sempre ao médico.

 

A Cova da Serpe de Covarradeiras. Na mina de Covarradeiras hai un túnel que comunica a mina co mar. Dis que alí na cova se aparecía unha serpe.

 

O Valado da Culebra. Se di que a ese lugar chámanlle o Valado da Culebra porque aí aparecíase a culebra e que criaban moito alí.

A Víbora. Unha vez traboulle a unha muller unha víbora e quedou majareta. (Tradición oral veciños de Covas. Recollido por Juan López Hermida, 2002)

A serpe é xenio protector das fontes da vida ea saúde; en moitas culturas antigas tiña carácter benefactor e protector. A fascinación que exercen algúns animais sobre outros pode que sexa un fenómeno suxestivo, era unha crenza moi coñecida a nivel popular, como a culebra ó mirar con fixeza para ó sapo ou paxaro, ó atrae ata ela éo atrapa coa boca, e crese tamén que o gabián fai algo parecido cos paxaros antes de lanzarse. A ciencia biolóxica seguro que ten a explicación racional deste feito natural. Esta lenda e crenza da culebra que mama é universal non hai continente nin nación que non a coñeza.

 

O ADIVAL OUMEIRO. AS ÁNIMAS. A SERPE DACORDA

un home de Valón foi pola mañá cedo ao prado a segar herba para darlle de comer os animais, cando rematou foi cargando os lotes de herba no carro. Xunguiu as vacas e sentouse por riba da herba (no carro); chamou as vacas coa aguillada e púxose de camiño de volta a casa, Pero ao pouco oíu un ruído como o dun cascabel ou de ferros, mirou para atrás e non veu nada, estrañándose moito seguiu, pero de cando en vez o ruído foise repetindo todo o camiño chegando a coller certo medo xa que non vía ninguén, pensando si serían as ánimas do outro mundo que o perseguían. O chegar a casa e baixar do carro veu na traseira o cabo da corda colgando que arrastraba e petaba coa argola nas pedras do chan, ondulada coma unha serpe.

(Trad. oral familiar, meu tío Ramón e veciños, en Valón 1965) (Relacionado co Tipo AT 1203A, AT 1315)

Adival = corda do carro. Meiro=corda máis grosa e forte para o monte.

 

Continuar leendo o artígo: Os seres míticos. Lendas e contos da Terra Extrema. (Serantes - Ferrol. Cultura espiritual. Etnografía) - II

<< Volver