Xente de antes, xente de sempre
Paulino Gasalla
Cando xa transcorreu a maior parte da nosa vida, cada vez con máis frecuencia, precisamos lembrar, estranar, evocar ou simplemente traer á nosa memoria eses momentos que dun ou doutro xeito marcaron o noso camiño, é dicir a reminiscencia do pasado.
Conseguimos esa reminiscencia mediante estímulos dos nosos sentidos: quen non sente unha descarga no seu corpo cando percibe o cheiro do perfume que levaba a persoa coa que nos bicamos de xeito especial. Ou escoita as voces gravadas dos nosos pais. Ou sente por pura casualidade o sabor dun prato especial que facía a nosa avoa. Ou toca a pluma estilográfica coa que escribía o noso avó.

Pero é a vista a través dunha foto antiga, a que che permite o traslado ao pasado de maneira case real, xa que tes ante os teus ollos, un anaco de tempo parado permanentemente, nas túas mans e no teu poder.
Así que dalgún xeito persigo trasladarvos esa sensación de lembranza ao ver esas fotos que de xeito permanente marcan a miña vida e a doutras moitas persoas que aparecen nas mesmas. A maioría xa non está connosco pero que seguen aí, nesa parte do tempo que está parado para ser contemplado.
As fotos son todas dos veráns dos 50 e dos 60. Xente especial, nativos e foráneos, veraneantes e vindeiros, pero todos amando esta terra e costa das inmediacións do cabo Prioiro.
Todos xuntos percorremos camiños, praias, campos, fomos a festas (Santa Comba, San Román, San Pedro, San Mateo, Brión, O Val, etc.), fixemos festas (mariscadas, comelladas, expedicións ás praias, domingos ao cinema de Primo etc.), o traballo do campo, sempre duro (cavar patacas, segar, mallar, coller herba, muxir as vacas, apañar o alcacer etc.), descubrimos a vida, e sufrímola… e gozámola.


Nesta colleita de fotos hai persoas que serán recoñecidas por moitos. Indicando o lugar en que foi feita e o ano aproximado. Colocarei os nomes de todas as persoas identificadas en cada foto, de esquerda a dereita e de arriba abaixo, sen dicir de quen son e sen alcumes.
Penso que as persoas que aparecen nas fotos están ben identificadas, pero si aparecese algún erro, síntoo.




