Alejandro Porto Leis naceu en Serantes o 9 de xuño de 1897, era o segundo fillo de Eduardo Porto Porto natural de Santiago que fora médico do concello de Serantes durante 28 anos ata o seu falecemento en 1922; foi moi querido polos seus veciños, dada a súa labor desinteresada de axuda ós máis necesitados. E de Amalia Leis Suárez natural de Muxía. Tiña dous irmás Leonor a maior e Eliseo.

Ingresou na Escola de Artes e Oficios de Ferrol no curso 1910-11, e consta no índice xeral de alumnos co número 3441, non existe o seu expediente académico, xa que o tomo correspondente, que se conservan na actualidade no IES Rodolfo Ucha, está desaparecido.
A principios de 1913 trasladase a La Habana con unha tía, de onde envía unhas coleccións de postais aos seus pais e irmáns. Con toda seguridade en Cuba fai os seus estudios de Electricista, que vai a exercer ao seu retorno a Ferrol na Constructora Naval (Bazán) e no Arsenal do Departamento Marítimo. Dedícase á política dende o Partido Republicano Radical.

Presentase ás eleccións do 12 de abril de 1931, nas que sae elixido concelleiro e nomeado alcalde de Serantes. Exerce o seu cargo na defensa a ultranza dos valores republicanos, con todo tipo de enfrontamentos; políticos, sociais, culturais, locais, familiares, relixiosos, etc.. Entre estes caben destacar o ocorrido no teatro de Serantes o día 27 de decembro de 1931, procedíase á constitución do comité local do partido Radical autorizado previamente polo Gobernador Civil, e cando se ía a comezar o mitin o alcalde suspendeu o acto e ordenou á Garda Civil a detención do orador, o avogado José Miñones. Outra detención moi soada foi cando en marzo de 1933 ordena deter ao párroco de Serantes Salustiano Celerro, porque no toque de campás da Igrexa non se observara nalgunha ocasión as normas municipais. Por unha destas detencións foi procesado pola Audiencia Provincial da Coruña o día 21 de setembro de 1933, no sumario 177/33, sendo suspendido no cargo de alcalde. O día 2 de xaneiro de 1934 preside o seu último pleno do concello.

O día 28 de xaneiro de 1934, casou con Gloria Santos Sánchez, matrimonio do que naceron dúas fillas.

Durante este tempo de suspensión participou na creación en Serantes do novo partido Izquierda Republicana.
Durante os acontecementos revolucionarios de outubro de 1934, foi detido pola Garda Civil como participante no incendio da Igrexa de San Xoán de Filgueira, sendo sobresaída a causa por falta de probas, xa que o único argumento para a súa detención foi que podería habelo sido (causa 226/34), e por tenencia ilícita de armas, polo que foi sometido a consello de guerra sumarísimo que se celebrou en Ferrol no cuartel de Zapadores, na noite do día 16 de outubro de 1934. A detención produciuse do seguinte senso: Personada a Garda Civil no seu domicilio pregúntanlle se ten unha pistola ó que di que si, a amosa con a súa correspondente licenza gubernativa, para poder utilizala como alcalde de Serantes. Para mellor comprensión dos feitos vexamos parte da súa declaración na causa 190/34.
A sentencia do Consello de Guerra sumarísimo condénao a 15 anos de prisión menor polo delito de “Auxilio a la Rebelión Militar”, e de destacar o voto particular do vocal do Tribunal o Capitán de Artillería Don Manuel Espiñeira, que declara que debe absolver e absolve ao procesado. O 28 de febreiro de 1935 é trasladado á prisión da Coruña en espera do seu traslado definitivo á prisión de Pamplona á que fora destinado, máis á que nunca chegou ir. O día 30 de maio de 1935 o tribunal Supremo aplícalle un indulto parcial, ao considerar a pena imposta como excesiva, é condenado a un ano de prisión menor. O día 8 de xuño de 1935 é posto en liberdade condicional. Foi amnistiado polo decreto do 21-2-36.
Por orde do Gobernador civil da provincia con data 13-11-34 procedese a suspensión preventiva da corporación municipal do Concello de Serantes, que se fai efectiva o día 19-11-34 tal e como consta nas actas municipais, e sendo nomeado o seu substituto Andrés Barros Rodriguez. Polo tanto Alejandro Porto Leis foi o último alcalde democrático do concello de Serantes antes da súa fusión con Ferrol en 1941.
Despois da posta en liberdade retorna ó seu posto de electricista. Fuxe o primeiro día do estalido da Guerra Civil o monte coñecido como A Pallareira onde permanece uns días, trasladándose despois a San Xurxo da Mariña á casa de Modesto del Río de onde sae pouco despois para non comprometelo, permanecendo durante tres meses pola costa e nas illas Gabeiras, de alí fuxe a súa casa que se atopaba pechada, permanecendo nun cortello , ata que pasou á casa de Avelino Landeira en Santa Mariña do Vilar permanecendo nela catro meses, pasando logo á casa de Jesús Miño Lourido na parroquia de Mandiá, permanecendo dez meses e tras unha discusión có propietario da vivenda é expulsado da mesma, o que aconteceu o día 29 de xaneiro de 1936, e por atoparse moi enfermo seguramente dunha enfermidade urolóxica e dixestiva que podería ser naqueles tempos xa terminal, dirixiuse á casa do médico de Serantes Joaquin Fajardo. Mentres esperaba a ser atendido, o médico denunciouno sendo detido por falanxistas e entregado por eles a Garda Civil, e tras ser sometido por esta a “interrogatorio conveniente” confesou todo o anteriormente descrito e que atopase como declaración na causa 64/37 aberta polos tribunais de Mariña, e na mesma causa aparece a declaración do Capitán de Artillería e mando das milicias de Falanxe José Mª Pagola Biriben, onde di que o día 1 de febreiro de 1938 en compañía dos membros da Garda Civil Alferez Rubido, Cabo Ramón Varela e Garda Isidro García, así como dos Membros de Falanxe: Xefe de Centuria Francisco Montenegro, e os milicianos Rafael Carello, e Luis Varga Cao, e do Tenente de Infantería de Mariña Eugénio Gutierrez Ribera, conduciron ós detidos Alejandro Porto Leis, Modesto del Río, Jesús Miño e Avelino Landeira a facer dilixencias e que durante o traslado fuxiron ao grito de “viva el comunismo”, sendo imposible a súa detención. Na noite do 1 o 2 de febreiro foron paseados en Valdoviño, nunha zona comprendida entre A Rotonda e as proximidades da lagoa. Recentemente foron feitas catas na zona dirixidas polo investigador Bernardo Bastida sen resultados positivos.

Entre 1930 e 1933 fai a súa labor literaria e periodística. Da primeira só temos coñecemento dun libro de poemas en galego (17) e en castelán (31), de todos eles 17 xa habían sido publicados en diarios como La Libertad, El Gráfico e La Democracia, titulado “Intemperancias poéticas” do que saibamos quedan dous exemplares, un deles na biblioteca da Real Academia Galega da Lingua dedicado a Antonio Vilar Ponte. En 1932 escribiu unha novela curta titulada “Cara Dura y los Gitanos” da que non temos coñecemento de que exista ningún exemplar.


A periodística comprende a etapa previa a súa elección como alcalde e os dous primeiros anos como tal. Escribe en varios periódicos: “El Correo Gallego”, “El Pais de La Coruña”, “El Gráfico”, “Renovación”, pero onde máis, incluso con seccións habituais é en “La Democracia” e en “La Libertad”. Para firmar os seus artigos usa moitas veces o seu nome e apelidos as veces os xunta (Portoleis), outras lles dá a volta (Sielotrop) ou usa as iniciais A.P.L., mais son curiosos os seus seudónimos moitos deles só usados en unha ou dúas ocasións, e que van a cubrir sobre todo a súa etapa de alcalde, tales como Reporter, Radio, Musico, Medium, Spio, Ecuánime Juan, Académico, Demócrata, Un Peisano, Justo Castigo, etc., pero de forma asidua utiliza en particular tres: Estudiante, o que máis, para opinión en xeral; Progreso para unha sección de “La Libertad” chamada Entremeses, e El Romancero del pueblo para outra sección de “La Libertad” en forma de cantares populares. Nela queda reflectido con nitidez o seu ideario político democrático, republicano e de esquerda. Como tamén fai no seu articulo ¡ACLARANDO! Publicado no periódico “La Libertad” o 16 de outubro de 1930.
E un gran preocupado pola mocidade e o seu futuro en artigos como ¡Juventud! Publicado en “La Democracia” o 9 de agosto de 1930.
Pola Sanidade e a saúde pública en xeral, nun bando publicado en “El correo Gallego” o 8 de setembro de 1931.
Defende a ultranza a natureza e en particular as praias de Serantes, que el xa chama de Ferrol, en moitos artigos e poesías, e nun publicado con fotos en “La Libertad” o 6 de Xaneiro de 1932 titulado “Las incomparables playas de Serantes”.
Preocúpalle a situación da Constructora Naval (Bazán) en varios artigos un deles en especial podería ser extrapolable en parte dos seus contidos aos nosos días como é “¡¡Gallegos Alerta!!” publicado en “El Pais” de A Coruña o día 29 de maio de 1932.
Tiña unha clara visión de futuro, en aspectos como o turismo, a industria, o desenvolvemento sostible e en particular a tecnoloxía, chegando xa a falar do futuro da televisión, como podemos ler no artigo “Evolución” publicado en “La Libertad” o día 3 de agosto de 1930.
Suscita a unión dos concellos de Serantes e Ferrol, que o consideraba moi positivo e de rápida execución, como vemos en “Las playas de Serantes” publicado en “La Libertad” o día 14 de decembro de 1931.

E un defensor do Estatuto de autonomía de Galicia como fai nun poema en galego publicado en “La Libertad” o 6 de xaneiro de 1932 có seudónimo de un Peisano, e posteriormente no seu libro de poemas “Intemperancias poéticas”.
Na sección de "Entremeses" que publicaba habitualmente en “La Libertad” có seudónimo de Progreso, ofrécenos, comentarios e análises curtos de problemática política de ámbito nacional e local moitas veces descarnado, e falando de si mesmo en terceira persoa. Todo isto algunhas veces o fai en verso como podemos ler a continuación.

Alejandro Porto Leis, foi sen dúbida algunha un home excesivamente culto, avanzado e implicado para a súa época, pretendeu desde o seu punto de vista cambiar a sociedade, xa que consideraba que a forza da razón todo o pode, pero esa sociedade non atendeu a razóns e pagouno coa súa vida do xeito mais cruel e inhumano, é dicir ,con tortura física e psíquica, tanto para el como para a súa familia.
Se de algo sirve, que estas liñas sexan dalgún xeito, un recoñecemento a un home excepcional, e que todos e en particular a súa familia, poidan velo publicamente dun xeito diferente. E as súas fillas, en especial a Marichu, darlles as gracias por haber tido un pai como Alejandro.
NOTA:
Consulta la relación de las publicaciones de Alejandro Porto Leis en el siguiente enlace:
Alejandro Porto Leis. Relación de publicaciones